Este ano cúmplense 150 da publicación de Alicia no País das Marabillas. Este é un dos motivos polos que queremos dar relevancia a esta obra co gallo do Día do Libro. Pero hai dous todavía máis poderosos: Lewis Carrol, o seu autor, era matemático, e conqueríu crear unha obra na que a lóxica (ou a ilóxica) e as matemáticas están permanentemente presentes. Que mellor obra, pois, para traballar, cando o noso PDI titúlase Entre liñas anda o xogo?
Dende hai uns meses, cada aula ten encomendado un capítulo ou fragmento para contar empregando a app Explain Everything. Sen cortar a creatividade do alumnado, compría dar unidade ós personaxes principais: Alicia e o Coello Branco. Por tal motivo, convocamos un concurso de ilustración que se desenvolveu en dúas fases: cada aula elixía (entre as producións dos membros do grupo) as ilustracións que a representaban; nunha segunda fase, un selecto xurado (constituído por alumnado bibliotecario) decidíu os gañadores.
Postos a buscar, atopamos, ó longo da historia, moitísimos ilustradores que abordaron ambos os dous personaxes. Así, atopamos con Alicias rubias, morenas, de pelo curto, longo, vestidas de azul ou non... O caso é que Lewis Carrol en ningún intre describe a Alicia. Sen embargo, semella que a nosa idea de Alicia que todos temos na mente é a que difundíu Disney.
Coa intención de non coartar a creatividade do alumnado e evitar as influencias, o Equipo de Biblioteca decidíu propor ilustrar un personaxe (sen nome) con estas características (que son as que nos proporciona a lectura da novela):
- Unha nena
- Curiosa
- Aventureira
- Un pouco contestona e resabiada
- Non ten medo a nada
- Emprega a cabeza para pensar
- Loita contra as inxustizas
- Mete a pata falando
- Imaxinativa
- Soñadora
E estes foron as aportacións do noso alumnado de Primaria:
Ilustrar ó Coello Branco resultou moito máis doado de propor, xa que o propio Lewis Carrol nos da a súa descrición:
- Coello branco
- Ollos rosados
- Fala
- Viste un chaleque
- No bolsillo do chaleque leva un reloxo
Vaia ilustradores tan bos e creativos que temos no cole...!

No hay comentarios:
Publicar un comentario