GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

sábado, 19 de marzo de 2016

COMPARTINDO LECTURAS...



... con Ledicia Costas. 

Hai unha semana tivemos a sorte de ter a Ledicia Costas no noso colexio, compartindo a lectura da súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta co alumnado de 4º e 5º de Primaria. E non podía haber mellor cronista que un dos oíntes: Juan Carlos, de 5º B fai unha espléndida narración do vivido durante esa hora que se fixo moi, moi curta.

O 9 de marzo foi un día moi emocionante para nós, porque recibimos a visita no noso colexio de Ledicia Costas. Sabedes quen é? Pois é a escritora do libro Escarlatina, a cociñeira defunta. Se non o lestes, recoméndovolo. 

Durante o intre que estivo connosco, contounos moitas cousas: en que se baseou para a creación de cada un dos personaxes, anécdotas, etc. Explicounos que para o personaxe de Román baseouse nela de pequena, que era moi traste; para Amanito pensou nos caciques dos de antes... Tamén incorporou na historia un avión da Segunda Guerra Mundial, porque lle apaixonan. As receitas que aparecen no libro son da súa irmá, porque dixo que ela non era moi boa cociñeira. E contounos moitas anécdotas de gatos. A que máis nos gustou foi a de que fixeron un pavo e cando o estaban abrindo atopáronse a un hamster no interior comendo os froitos secos. 

Gustáronlle moito as fotos que tiñamos na clase dalgúns compañeiros facendo as receitas do libro. 

A profesora Ana explicoulle que estabamos utilizando o libro na aula para facer unha morea de exercicios: ditados, descricións, debuxos... a Ledicia gustoulle a idea. 

Sabedes? É mellor que non vos conte nada máis. Collede o libro e lédeo. É FANTÁSTICOOOO!!!!

Xa se me esquecía o mellor de todo: que nos asinou os libros e púxonos unha bonita dedicatoria. 







E, por último, deixámosvos coa dedicatoria que Ledicia deixou no noso libro de visitas. Non a puxemos o revés, non...! Así a escribíu a autora: dende o inframundo!


Grazas, Ledicia!
E grazas, Juan Carlos, por unha crónica tan completa!

No hay comentarios: