GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 19 de noviembre de 2012

ONTE HOUBO MUIÑADA


Toda unha sorpresa na primeira andaina organizada este curso pola nosa A.N.P.A.

Nesta ocasión, a nosa guía foi María, que nos levou á súa terra. Nunha preciosa mañán percorrimos a senda do río Barragán e subimos ó Monte da Cidade. Todo iso, no lugar de Calvos (municipio de Fornelos).

Estivemos rodeados de auga (tanto chovera o día anterior) e, quen máis e quen menos, chegou á casa embarrado. Pero, realmente, pagou a pena: a natureza espléndida, todo verdor, fentos de miles de clases, variados cogumelos... un tesouro para os amantes da botánica! Unhas preciosas augas cristalinas, tranquilas como a superficie dun espello en máis dun remanso, ruidosas e cantareiras en pequenos saltos.

De camiño ó Monte da Cidade... sorpresa! Atopamos ó muiñeiro e á súa muller, que, moi amablemente, nos convidaron a entrar. Despois de corenta anos inactivo, o muíño ben de ser restaurado. No seu interior poidemos paladear a escuridade e a luz dos candís, o son repititivo da roda, o tacto da fariña recén moída...

Rematamos a nosa andaina no Monte da Cidade, un paraxe cheo de misterios, onde os restos de vivendas permítennos fantasear con outras épocas e outros seres. Os restos pétreos... e a pegada da fala (da tradición oral) que, con ese fermoso topónimo, lémbranos que, noutro tempo, este paraxe hoxe deserto estivo habitado.

E despois dunha boa camiñada... repoñer forzas cunha empanada...! (ou con calqueira outra vianda). Pero iso deixámolo para a vosa imaxinación.



Grazas por esta xornada tan fantástica e máxica...!


No hay comentarios: