De volta das IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, contámosvos as nosas impresións.
Á espera de que se editen e se publiquen os vídeos, querémosvos achegar as nosas primeiras impresións.
En primeiro lugar, non podemos deixar de salientar a nosa satisfacción, xa que, este ano, a nosa Biblioteca estivo máis representada que nunca: catro membros do noso Equipo estivemos alí, aprendendo, disfrutando da boa compañía, e, tamén, estreitando lazos entre nós nun contexto distinto ó escolar.
En segundo lugar, vimos cun grande sorriso, porque as Xornadas sempre son a oportunidade de reencontrarnos con persoas que xa son asiduas e que son como da familia. Tamén porque resulta inevitable levar gratas sorpresas e atoparse con compañeiros e compañeiras que non veiamos dende hai vintecinco anos (isto empeza a ser preocupante...!).
E, sobre todo, vimos encantadas de escoitar a uns ponentes de tan alto nivel: Fabio Tropea, Tíscar Lara e Luis González. E de compartir as experiencias marabillosas que se están a facer nas nosas bibliotecas escolares, grazas ó traballo desinteresado, gratuíto e, moitas veces, fóra do horario laboral, dos profesores e profesoras que constitúen os Equipos de Biblioteca Escolar.
Como estamos tan entusiasmadas, esquecimos comentarvos que o título das Xornadas era Ler para ver. E a súa finalidade, educar para unha lectura comprensiva e crítica dos medios de comunicación social na actualidade.
Seguro que en vindeiros posts podemos detallar de xeito máis pormenorizado a intervención destes fantásticos ponentes. Pero... que flashes nos quedan na retina despois de tanta intensidade...?
- O que importa é a comunicación. E, neste sentido, cuestiónase o tradicional esquema Emisor - Mensaxe - Receptor, por ser unidireccional e directivo.
- A Alfabetización Dixital non é tecnolóxica: non importan tanto as aplicacións e as ferramentas, senon a comunicación social en rede.
- Unha competencia dixital entendida nun sentido amplo que favoreza a comunicación esixe unha aprendizaxe por parte do alumnado que é indispensable que o profesorado aborde.
- A Biblioteca Escolar convírtese no espazo tractor do cambio, non só nos centros educativos, senon tamén no país: nas bibliotecas escolares xógase o noso propio futuro como nación.
E como colofón, unha mistura das palabras de Tíscar Lara e Fabio Tropea: Detrás das TIC hai persoas comunicándose, e esa comunicación é sensorial antes que cerebral.
Antes de rematar, cómpre agradecer o seu traballo ás persoas que fixeron posible estas fantásticas Xornadas: Cristina Novoa, Pilar Sampedro, Leonor Mazaira, e todos os asesores e asesoras do CAFI e dos diferentes CFR que se achegaron para botar unha man desinteresada, e que non imos nomear porque seguro que nos deixamos a alguén no tinteiro.
Grazas...!