GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 8 de mayo de 2011

NOVO ROTEIRO DA A.N.P.A.


Na mañán do domingo 8 de maio, asistimos coa A.N.P.A. a un novo roteiro polas proximidades do noso Centro. 

Nesta ocasión, acudimos ó Vixiador para achegarnos ó noso patrimonio histórico. E tivemos un acompañante de luxo: Xosé Couñago, o tío de Aldara, que nos entusiasmou a todos con historias e lendas doutras épocas.

Para coñecer pormenorizadamente os segredos desta ruta, podedes premer neste enlace ó blog titulado Monte Penide, do que é autor o propio Xosé.

A nosa viaxe comezou xunto á Mamoa do Rei. Imaxinamos estar nunha aldea neolítica (hai 6.000 anos), onde a xente vivía en casas de madeira e empregaba grandes lousas para construír a morada dos mortos. Estas construcións chámanse mámoas ou dólmenes, e están recubertas con terra. Un montón de pequenos montículos ó carón da Mámoa do Rei atestigua que nesta chaira existía gran cantidade destas construcións.

Un salto no tempo levounos a hai 4.000 anos, á Idade do Bronce. Os homes da época tallaban nas rochas debuxos dos que aínda descoñecemos o siñificado. Chamabanse petróglifos, e suponse que tiñan un carácter ritual.

Este foi o intre en que Xosé nos empezou a falar da Santa Compaña, e, quen máis e quen menos, empezou a padecer un certo temor. Menos mal que tamén nos deu a solución: se, pola noite, estamos no monte e vemos achegarse á Santa Compaña, debemos debuxar un círculo no chan e meternos dentro.

Coñecimos tres emprazamentos de petróglifos: os do Chan da Cruz, os da Poza da Lagoa e os do Coto do Corno. 

Entre soutos e carballeiras, chegamos ó Castro de Negros, o último salto da nosa viaxe no tempo, que nos levou á época castrexa. Alí, coa vista que domiña a vila de Redondela, coñecimos a fermosa lenda da Moura Serpe, que da nome a lugares tan máxicos como a Igrexa da Preta, ou a Cama dos Nenos.



Resultou unha mañán máxica. Entre as árbores e o murmurio do vento nas follas podiamos sentir a presenza deses devanceiros que, durante milleiros de anos, poboaron estas terras. Parecían, entre xemidos, pedirnos que preservemos toda esa riqueza, esa beleza, e esa historia, que nos teñen deixado como herdanza. Nas vosas mans está facelo!

Grazas a Xosé polo seu traballo incansable, e por nos facer conscientes de que é a nosa responsabilidade manter esta herdanza! 

E grazas, tamén, a Alberte, por propór e organizar esta saída tan interesante. 


No hay comentarios: