GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

martes, 31 de mayo de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBES GALEGAS


Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos? O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.


Colectivo dos Equipos das Bibliotecas Escolares integradas no PLAMBE
(Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares Galegas)


lunes, 30 de mayo de 2011

RECOMPILACIÓN DOS VVV (VERSIÓN GALEGO)


Presentamos aquí a recompilación dos vídeos correspondentes á Segunda Edición dos Venres de Viva Voz elaborados en lingua galega. 




AITANA RECOLLEU O SEU PREMIO


O pasado venres 27 de maio, Aitana recolleu o seu premio do Certame Literario Novacaixagalicia.

Como lembraredes, Aitana participou no IV Certame Literario Novacaixagalicia, e mereceu o Primeiro Premio na súa categoría, correspondente ó Terceiro Ciclo de Primaria, polo seu conto titulado El mensaje de Sabina.

Noutras categorías foron premiados un rapaz do C.P.I. Covaterreña (Baiona), unha rapaza do Colexio Andersen (Vigo) e, na categoría correspondente a Bacharelato, unha moza dun I.E.S. de Verín.

Os gañadores, previamente a recibir o seu agasallo, leron un fragmento do seu relato. Todos os asistentes comprobamos que ben merecían o premio, tal era a calidade dos mesmos.

A continuación, todos os premiados e o público asistente merendamos no Xardín Xaponés do Centro Social Novacaixagalicia.

Aitana, nesta ocasión tan especial, estivo acompañada pola súa familia, polo Director do Colexio, por tres mestras do Equipo de Biblioteca, e por Antía e Aldara, que tamén participaran no Concurso.




Xa que o conto de Aitana é agora da propiedade de Novacaixagalicia, non podemos reproducilo aquí. Pero sí o de Aldara e os poemas de Antía.







Para disfrutar con máis fotos desta xornada, podedes consultar este enlace da web de Obra Social Novacaixagalicia. 

Noraboa, Aitana! Ti vales moito! Segue a ler e a escribir tan ben! E os demais... a preparar os relatos e poemas para o V Certame!

domingo, 29 de mayo de 2011

UN EXEMPLO ADMIRABLE


Esta que aquí vedes é Eva, unha mestra coma nós.

Pero Eva non é unha mestra calquera. É unha grandísima persoa, cunha historia que debería facernos pensar moito a todos e a todas. 

Porque a historia de Eva, unha traballadora incansable e infatigable, é unha historia de superación, de ganas de vivir e de fe nas posibilidades do ser humano. 

Moitos dos que me coñecen seguro que me escoitaron falar algunha vez dela. Porque teño o orgullo de tela entre as miñas amistades. 

A súa historia poderedes oíla da súa boca o vindeiro día 1 nas instalacións do MARCO. Alí presentará o seu libro SOS... accidente cerebrovascular!, escrito para dar a coñecer a súa vida despois dun ictus cerebral que a tivo máis no "outro barrio" que neste. 

Mentras chega ese día, e, por se non o tedes lido, déixovos o enlace ó Faro de Vigo do pasado sábado día 28, onde nos fala de que superar o accidente cerebro - vascular non é a única miragre da súa vida. 


Grazas, Eva, por facernos partícipes da túa experiencia. O mundo necesita xente coma ti!




ÚLTIMA SESIÓN DE CONTACONTOS

Chegou o último mércores do mes de maio, e, tamén a derradeira sesión das Tardes de Conto por este curso. 

Nesta ocasión, contáronnos un estupendo conto Anxo (de 3 anos) e a súa mamá. Tratouse de Caperucita de colores, versión ecolóxica do famoso conto, no que Anxo tivo unha actuación estelar facendo de lobo. A continuación, coñecimos a historia de Sara, unha princesa que vivía na lúa e non quería ir ó cole.


Logo, Paula, Antón e Mª José, con longa experiencia como contacontos, contáronnos Cristina Cochina, o conto sobre unha nena tan porca, tan porca, que vivía nunha pocilga. 

Como vedes, trasladámonos ó vestíbulo da Biblioteca (xa que nesta estaban instaladas as exposicións de Cesteiría e Libros sobre árbores e plantas), e logo, fixemos actividades nunha das aulas de 1º.

Polas fotos vese que a sesión foi un rotundo éxito, que o persoal máis cativo estivo do máis atento, e que o público rematou entregado.



E xa que chega o verán e o merecido descanso, queremos agradecer dende aquí a colaboración tan entusiasta e desinteresada de Marisol, a nai de Irene, que, durante este curso, estivo a coordinar esta actividade que, para nós, resulta tan importante e entrañable, xa que os seus obxectivos son rescatar o bo costume de contar contos e de estreitar os lazos familiares. 

Grazas, Marisol, polo teu traballo, e grazas á túa familia por ter a xenerosidade de te compartir connosco. 




sábado, 28 de mayo de 2011

E COMO FIN DE PROXECTO... GRANDE ROMAXE POPULAR NO COLE!


Chegou o grande día do fin do proxecto deste curso: Un bosque para ler e navegar.

E no cole celebramos unha estupenda romaría na que participamos todos os membros da Comunidade Educativa: alumnado, profesorado e familias.

Como noutros anos, este día os horarios e as actividades habituais quedaron esquecidas. E, en lugar de "mates" ou "lingua", tivemos obradoiros, xogos de pistas...

Premede nos enlaces para obter máis información e, sobre todo, para ver o ben que o temos pasado.




  











  

Despois dun día tan intenso e que requeriu tanta preparación, acabamos rendidos. Pero disfrutamos moitísimo. Grazas a todos os que o fixeron posible: ós pais e nais que "tiraron" das súas vacacións e días libres para ter todo preparado para nós; ós nenos e nenas que participaron con tanto entusiasmo, e a todo o profesorado, que, co seu traballo durante o curso e a súa colaboración nas actividades fixeron realidade un soño.

jueves, 26 de mayo de 2011

XA TEMOS FOTO GAÑADORA!


Un dos momentos estelares da nosa Festa Fin de Proxecto foi desvelar o nome do gañador do noso Concurso de Fotografía.

Este concurso xa está a facerse tradicional entre a nosa Comunidade Educativa. E iso nótase, non só porque a participación, cada ano, é maior, senon pola grande calidade das fotografías presentadas.




A elección non foi doada. Pero temos que felicitarnos porque fomos axudados nesta ingrata tarefa por moitos internautas que "depositaron" o seu voto a través do "click" do rato.

E, mentras organizamos todo o material da nosa marabillosa festa Fin de Proxecto, deixámosvos coa fotografía gañadora, presentada pola familia Provedo.




Parabéns a todos polo voso entusiasmo e a vosa axuda!



domingo, 22 de mayo de 2011

A VOTAR...!!!


Rematado o prazo para presentar as vosas fotografías, agora, só cómpre... VOTAR!

Para iso, deberás dar dous pasos: 

  1. Ver a presentación de fotografías neste enlace. (Cada fotografía ten un número que a identifica. Lembra o número de todas as fotos que che gusten). 
  2. Volta a este artigo. No seguinte formulario, preme no botón que corresponde a un dos números que tes elixido. Despois de facelo, preme en "enviar". (Se non o fas, o teu voto non será contabilizado). 
  3. Feito isto, o formulario desaparece. Estará substituído por unha mensaxe con dúas opcións. Se queres votar outra fotografía, preme en "Volver al formulario". 
  4. Segue o procedemento indicado no número 2 e 3 todas as veces que desexes. 
Apresúrate! O prazo remata o luns 23 ás 24:00 horas. 



Grazas por participar!


MARIO TOMÁS CONTOUNOS CONTOS

Unha vez máis, Mario Tomás fixo as delicias dos máis cativos. 

Nesta ocasión, os afortunados foron os nenos e nenas de Educación Infantil de 5 anos, e os do Primeiro Ciclo de Primaria. 

Mario estivo acompañado do Avó, e fixo as delicias dos cativos. Ademais de nos contar contos da tradición oral galega, logrou a complicidade da rapazada, que, de xeito espontáneo, repitía os ditos a coro. Nas fotos queda ben clara a entrega do público. 



UN CONTACONTOS CON ARCO DA VELLA INCLUÍDO

A incansable Marisol estivo, novamente, organizando o contacontos desta semana. 

Nesta ocasión, os contos chegaron a través da Rede: La rana encantada, El niño que quería ser un arco Iris, e Mamá, ¿de qué color son los besos?.

E despois destes fantásticos contos, tocou facer un arco da vella. 

Eramos menos que noutras ocasións (diso encargouse o bo tempo) pero, os que estiveron, pasárono estupendamente. 



miércoles, 18 de mayo de 2011

O QUE SABEMOS SOBRE AS DIVINIDADES FEMININAS DAS AUGAS

O noso Proxecto Documental Integrado fíxonos aprender moitas curiosidades. 

Porque os nosos bosques están plagados de seres femininos que habitan as augas: xacias, fadas, ninfas...

A continuación vos presentamos o traballo que algúns alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria fixeron a partir da proposta feita dende o Equipo de Biblioteca. 






O QUE SABEMOS DOS TRASNOS


O alumnado do Terceiro Ciclo de Primaria traballou este curso sobre os seres máxicos do bosque. 

A última proposta tratou sobre os Trasnos (podedes lembrala neste enlace). Isto levounos a coñecer algúns personaxes diminutos doutras mitoloxías alleas á nosa: os leprechauns, os kobold, os brownies, os trasgus...


Mostrámosvos unha das presentacións que, sobre os trasnos, realizaron os alumnos e alumnas de 5º B de Primaria: 








Con toda a información recabada e realizada polo alumnado de 6º A, a profe Montse ten elaborado este Glogster.







Por outra banda, moitos dos contos populares están inspirados nestes personaxes máxicos. Así sucede co Anano Saltarín, cos Zapateiros Máxicos ou co Velagullas. Despois de ler os contos, os rapaces e rapazas de 6º B teñen indagado nas semellanzas e diferenzas que existen entre os mesmos. Aquí tendes algunhas das súas reflexións: 





lunes, 16 de mayo de 2011

E TI... POR QUE FALAS GALEGO?

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, queremos presentarvos este fenomenal vídeo. 

Nel participou o alumnado do I.E.S. Fontem Albei, de A Fonsagrada, e foi o gañador do Concurso Correlingua 2011. 

Emociona ver como xente tan nova se implica con tanta responsabilidade coa súa lingua. 




Disfrutade, e... Feliz Día das Letras Galegas!



domingo, 15 de mayo de 2011

AS FOTOS DO NOSO CONCURSO


Empezan a chegar xa as fotos do noso Concurso de Fotografía Un bosque para ler e navegar. 

Podedes contemplalas premendo neste enlace:


Como podedes ver, a participación é numerosa, e a calidade das fotos, sensacional. A elección non será doada!

E, se aínda pensades participar...! Aquí tendes as bases da convocatoria. Non vos demoredes!


Animádevos a votar. Empregade este formulario!








OBRADOIROS CONTARTE

Un ano máis, chegou ó Colexio Contarte, a campaña de animación á lectura que organiza a Concellería de Educación en colaboración con OQO Editora

E, como todos os anos, resultou un éxito.

Organizamos dous obradoiros. O primeiro, para os rapaces de 3º, desenvolveuse na Biblioteca, e levou por título Paxariños de la e follas secas. Baseouse no libro titulado A caixa dos recordos

O mellor será que coñezades a experiencia por boca dos propios protagonistas: os nenos e nenas de 3º A. 




O segundo dos obradoiros desenvolveuse no Salón de Actos. Nel participaron os rapaces e rapazas de 4º e 5º B de Primaria. 

Despois de escoitar o conto titulado Caixa de cartón (de Txabi Arnal), os chavales crearon ilustracións empregando a técnica do ilustrador (Hassan Amekan). Esta consiste en traballar as liñas para crear perspectivas, e empregar o collage, recortando e pegando detalles. Tamén utiliza a tinta chinesa, para extender manchas e, así, embelecer a ilustración. O seu obxectivo é crear un ambiente. Para iso, bota man, tamén, de pulverizadores en tonos azuis. 

Outros aspectos curiosos son que a nena aparece pintada coa cor da vida (a cor do sangue), que os personaxes se sitúan sempre de perfil, ou que o amarelo, o ocre ou o vermello son cores recurrentes. 

Aproveitando estes datos, os rapaces estiveron a traballar as ilustracións, que, finalmente, acabarán recompoñendo nas súas propias caixas de cartón. 




LAURA E SARAI CÓNTANNOS NOVOS CONTOS!


O pasado mércores día 11, Laura e Sarai estiveron, novamente, a nos contar contos pola tarde, na Biblioteca.

Como ocurriu na anterior ocasión en que estiveron connosco, contáronnos uns contos estupendos. Porque... estas chicas (antiguas alumnas e irmás de Aroa e Antía) teñen madeira... Chegarán ben alto!

Moitas grazas, chicas, por nos agasallar cunha tarde tan estupenda!



NO CORAZÓN DO BOSQUE: NOVA LECTURA PARA OS NOSOS CLUBES

Parque de Fragas do Eume, A Coruña, Galicia, España
A semana pasada voltaron se reunir os nosos clubes de lectura de 5º curso de Primaria.

Así foi. O martes 10 reuniuse o clube Locos por los libros, e o xoves 12 foi o turno para Libro & Co. A lectura elixida: No corazón do bosque, de Agustín Fernández Paz.

Comenzamos a sesión coñecendo o entorno no que se desenvolve a novela: a Fraga do Eume. (Grazas á profe Montse por atopar estes recursos tan fantáscicos).




Durante a sesión, ademais de disfrutar coas delicias que trouxo para nós a profe Montse, falamos sobre os dous grandes personaxes da novela: Derdrín e Raquel. As vidas de ambos os dous, non exentas de problemas, cambian ó se coñecer mutuamente. As divertidas escenas das trasnadas de Derdrín deron para moito. Pero, finalmente, nos fixeron reflexionar sobre a grande responsabilidade que temos á hora, non só, de preservar os nosos bosques, senon de dar a coñecer esa inmensa cantidade de personaxes máxicos que habitan neles e que chegaron ata nós a través dos nosos devanceiros.



Damos as grazas, novamente, a Dolores (I.E.S. Poeta Añón de Outes) por nos proporcionar exemplares suficientes para poder levar a bo termo esta sesión do clube de lectura. 

Para rematar, e para nos animar a visitar as fantásticas Fragas do Eume deixámosvos este vídeo que, navegando na Internet, ten atopado a profe Luz.  E con isto... os clubes de lectura despídense ata o vindeiro curso!




LECTURA EN FAMILIA

O pasado martes 10 de abril reuniuse un grupo de pais e mestres para falar sobre a adopción.

A actividade estivo organizada polos Equipos de Orientación, Normalización Lingüística e Biblioteca,  e partiu do libro de Fina Casalderrey titulado Isha, nacida do corazón.

Todos os participantes tiveron oportunidade de ler o libro, que serviu de base para que Geni nos falara sobre a súa experiencia como nai adoptante.

Resultou un coloquio moi distendido e interesante. Mágoa que o bo tempo nos fixera a competencia. Pero cando a calidade das propostas que compartimos son tan interesantes, non importa que sexamos moitos ou poucos.

Grazas a todos os participantes, especialmente, a Geni; a todas as persoas que colaboraron na organización, e, de xeito especial, a Ángeles (C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán) e a Tere (C.E.I.P.  Coutada - Beade), por nos emprestar exemplares das súas Bibliotecas.



O GALEGO NON É UNHA LINGUA MINORITARIA

Dentro de dous días celebraremos a grande festa da nosa lingua: o Día das Letras Galegas

A nosa lingua é a herencia máis fermosa que podemos deixar ás vindeiras xeracións: un agasallo que, con moito mimo e agarimo temos ido transmitindo de xeración en xeración. 

Malia os ataques interesados que, nos últimos anos, ven sufrindo a nosa lingua, malia a publicidade engañosa que intentan nos transmitir a través dos medios de comunicación, o galego aínda non é esa lingua minoritaria que algúns pretenden. Se (como di un famoso anuncio publicitario) estamos orgullosos de ser galegos, é o noso deber preservala, fomentala e potenciala. 

Deixámosvos aquí este fermoso e interesante vídeo que chegou ata nós a través da ronda de correo do PLAMBE (sinto non lembrar exactamente o nome da persoa que nolo enviou). Nesta cuestión non deben falar as opinións, senon os feitos.





OS NOSOS TRABALLOS SOBRE O ACIVRO

  
                                                                                    Page URL:
Image URL:


En relación co noso Proxecto Documental Integrado deste curso, aquí tendes máis traballos confeccionados polo noso alumnado.

Como lembraredes, nas propostas de Educación Documental para o Segundo Ciclo propuxemos investigar sobre o Acivro. (Podedes lembrar a proposta aquí). 

Hoxe mostrámosvos os resultados que, desa investigación, teñen presentado os diversos grupos de alumnos. 

Para ver o traballo presentado polos nenos e nenas de 3º A, preme neste enlace


A continuación, tendes o traballo preparado polos nenos e nenas de 3º B:



Por último, aquí tendes o mural elaborado polos rapaces e rapazas de 4º B




viernes, 13 de mayo de 2011

SALVANDO LIBROS

Este curso, entre os centros intregrados no PLAMBE, xurdiu esta fermosa iniciativa.

Tratabase de elixir aquel libro en lingua galega que salvariamos, por exemplo, do lume. 

Aínda que a dinámica do noso Centro nos impediu participar, non por iso deixamos de valorar e admirar este inmenso traballo cooperativo que queremos darvos a coñecer. 

Estes son os libros salvados polos centros de Educación Infantil:





E estes, os salvados polos centros de Primaria:




E, finalmente, estes son os libros salvados polos centros de Educación Secundaria: 



Grazas a todos os centros participantes. E, de xeito especial, a quenes coordinaron o traballo: Sabela (Unitaria de Vide), Mª Dolores (I.E.S. Luis Seoane), Charo (I.E.S. Sánchez Cantón) e Jaime Eizaguirre (ilustrador e arquitecto).


domingo, 8 de mayo de 2011

NOVO ROTEIRO DA A.N.P.A.


Na mañán do domingo 8 de maio, asistimos coa A.N.P.A. a un novo roteiro polas proximidades do noso Centro. 

Nesta ocasión, acudimos ó Vixiador para achegarnos ó noso patrimonio histórico. E tivemos un acompañante de luxo: Xosé Couñago, o tío de Aldara, que nos entusiasmou a todos con historias e lendas doutras épocas.

Para coñecer pormenorizadamente os segredos desta ruta, podedes premer neste enlace ó blog titulado Monte Penide, do que é autor o propio Xosé.

A nosa viaxe comezou xunto á Mamoa do Rei. Imaxinamos estar nunha aldea neolítica (hai 6.000 anos), onde a xente vivía en casas de madeira e empregaba grandes lousas para construír a morada dos mortos. Estas construcións chámanse mámoas ou dólmenes, e están recubertas con terra. Un montón de pequenos montículos ó carón da Mámoa do Rei atestigua que nesta chaira existía gran cantidade destas construcións.

Un salto no tempo levounos a hai 4.000 anos, á Idade do Bronce. Os homes da época tallaban nas rochas debuxos dos que aínda descoñecemos o siñificado. Chamabanse petróglifos, e suponse que tiñan un carácter ritual.

Este foi o intre en que Xosé nos empezou a falar da Santa Compaña, e, quen máis e quen menos, empezou a padecer un certo temor. Menos mal que tamén nos deu a solución: se, pola noite, estamos no monte e vemos achegarse á Santa Compaña, debemos debuxar un círculo no chan e meternos dentro.

Coñecimos tres emprazamentos de petróglifos: os do Chan da Cruz, os da Poza da Lagoa e os do Coto do Corno. 

Entre soutos e carballeiras, chegamos ó Castro de Negros, o último salto da nosa viaxe no tempo, que nos levou á época castrexa. Alí, coa vista que domiña a vila de Redondela, coñecimos a fermosa lenda da Moura Serpe, que da nome a lugares tan máxicos como a Igrexa da Preta, ou a Cama dos Nenos.



Resultou unha mañán máxica. Entre as árbores e o murmurio do vento nas follas podiamos sentir a presenza deses devanceiros que, durante milleiros de anos, poboaron estas terras. Parecían, entre xemidos, pedirnos que preservemos toda esa riqueza, esa beleza, e esa historia, que nos teñen deixado como herdanza. Nas vosas mans está facelo!

Grazas a Xosé polo seu traballo incansable, e por nos facer conscientes de que é a nosa responsabilidade manter esta herdanza! 

E grazas, tamén, a Alberte, por propór e organizar esta saída tan interesante. 


jueves, 5 de mayo de 2011

QUE LEDICIA! AITANA PREMIADA!


Hai xa algún tempo, tres alumnas do Terceiro Ciclo de Primaria presentaron os seus relatos e poemas ó Concurso de Novacaixagalicia

Hoxe recibimos unha nova estupenda: Aitana resultou premiada na súa categoría. E estamos moi entusiasmados. Porque Aitana ten madeira para ser unha grandísima escritora. Só esperamos que este premio sexa un estímulo para ela, e que non cese nunca de gastar tinta e de nos agasallar con ese discurso fermoso e coherente que teñen os seus escritos.

A entrega de premios será o día 27. Xa vos contaremos máis cousas para entón. Mentras tanto, deixámosvos con estas instantáneas recollidas pola profe Montse nestes primeiros intres de emoción.



Noraboa, Aitana!

POR FIN... OS VÍDEOS!







Cando xa case tiñamos esquecidos os vídeos dos Encontros dos Centros do PLAMBE, chega unha mensaxe de Cristina e Pilar, e... voilá!

Aquí está o vídeo de resume. Precioso. Ilusionante. Semella que estiveramos alí mesmo: tanta xente coñecida, coa que estivemos a falar en persoa...!






Neste enlace á páxina web de Bibliotecas Escolares de Galicia podedes ter acceso a todo o material. Aproveitade a riqueza: