Durante este Nadal, sorprendeunos a nova da destrución do patrimonio que está a ter lugar en Mali. Alí, na histórica cidade de Tombuctú, hai medio ano que grupos islamistas e radicais están atentando contra o patrimonio cultural desta cidade. Os expertos estiman que están en perigo dezaseis mausoleos e miles de escritos preislámicos que non só falan do Islam, senon tamén de astronomía, música, anatomía e botánica, e que, polo tanto, son tesouros da sabedoría.
Así pois, tras o golpe de estado do 22 de marzo de 2012, Mali debilítase e perde os seus sinais de identidade.
A comunidade internacional tense pronunciado sobre estes actos. Entre eles destacamos:
- o Ministerio de Asuntos Exteriores español calificounos como crímenes contra o patrimonio cultural de Mali. Ademais, afirma que "atentan de xeito irreversible contra a historia e a memoria dun pobo";
- o Goberno dos Estados Unidos condenou rotundamente a destrución do patrimonio da Humanidade;
- a Unesco incluíu a Mali e a algunhas das súas xoias arquitectónicas no listado de Patrimonio da Humanidade en Perigo.
Neste enlace da Unesco podemos coñecer algo da cidade de Tombuctú.
Atentar contra o Patrimonio da Humanidade é atentar contra as persoas. É unha actitude violenta que vai en contra dos Dereitos dos Nenos, e, polo tanto, dos Homes: todos temos dereito a coñecer a nosa cultura e a participar activamente nela.
E... que pasa cando eses atentados se cometen contra a lingua, calquera que esta sexa...? Non é a lingua un Patrimonio Inmaterial da Humanidade...?
O noso Proxecto Documental Integrado deste curso (A Lingua sabe a Pan) estanos a sensibilizar moito sobre este tema, e sobre a responsabilidade que temos na defensa do que é noso e nos identifica como pobo. Por iso, a nosa Canción para o Día da Paz é un canto á nosa lingua. Está inspirada naquela canción que xurdiu entre os cantantes hispanos como resposta ó famoso We are the world: Cantaré, cantarás. Esperamos que vos guste e que a cantedes connosco.

2 comentarios:
Parabéns!! É preciosa!!!
Grazas, María!
Publicar un comentario