GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

sábado, 23 de abril de 2016

23 de ABRIL: DÍA DO LIBRO


Celebrando o IV centenario da morte de Cervantes.

O día 23 de abril celébrase, tradicionalmente, o Día do Libro. Sen embargo, este ano 2016 cobra unha singularidade especial, xa que se cumpren catrocentos anos do pasamento de Miguel de Cervantes, escritor a quen se adica esta data.

Os medios de comunicación e as institucións, como o Congreso dos Diputados, están a dar moita relevancia a este día. Tamén nós queremos darlla. Sen embargo, nun cole de Primaria coma o noso non hai maior homenaxe a Cervantes que ler. Ler moito. Moitísimo. En todos os formatos. En todos os idiomas. A todas horas.

Por iso encántanos o Manifesto do Día do Libro que Pedro Feijoo ten escrito para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Un eloxio ós valentes que son quen de namorar, de emocionarse, de mergullarse, de viaxar no tempo e no espazo cando collen un libro entre as mans.

E, como non, un eloxio ós escritores que, como Cervantes, son quen de nos fascinar con personaxes que perduran ó longo do tempo: os quixotes que queremos chegar a ser os que devecemos por cambiar o mundo; as dulcineas que nos teñen tan namorados que só nos deixan descubrir a fermosura no medio da mediocridade; os sanchospanzas que teñen os pés ben asentados na terra, que probablemente son iletrados, pero que saben ler o mundo e o corazón das persoas, que son fieis ós seus amigos porque pertencen a unha especie en extinción.

Porque nos fascinan el, as súas obras, os seus personaxes, porque nos atrevemos a coller un libro entre as mans e a disfrutar sendo cabaleiros andantes, neste Día do Libro compartimos convosco o Manifesto do Día do Libro de Pedro Feijoo que, o vindeiro luns, escoitaremos a través da megafonía do cole durante a Hora de Ler.

Imaxe: Atribuido a JUAN DE JAUREGUI Y AGUILAR.  Retrato de Miguel de Cervantes Saavedra. En Wikimedia Commons. Public Domain.

No hay comentarios: