GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

sábado, 30 de abril de 2016

DE LIBRO EN LIBRO...


... con Zoe e Frianciño. 

A pasada semana, Frianciño marchou con Zoe a pasar a fin de semana, e sentíuse realmente coma na casa... Nada máis e nada menos que estiveron... no Salón do Libro de Pontevedra!

Así nolo conta Teresa, a nai de Zoe:

O moucho acompañounos ó último día do Salón do Libro en Pontevedra... Alí atopamos o salón cheo de figuras xemométricas... Que ben o pasamos buscándoas! E o moucho estivo con Orbil e con amigos contacontos...

Foi un día xenial!






Grazas, familia! Frianciño sentíuse, realmente, no seu ambiente!




CARTEL CONMEMORATIVO POLO DÍA DO LIBRO



Elaborado polo alumnado de 6º curso. 

Dirixidos pola profe Luz, o alumnado de 6º curso de Primaria creou este cartel conmemorativo do Día do Libro que engalana as escaleiras de acceso á Biblioteca. 

viernes, 29 de abril de 2016

MEDIDAS DE ÁNGULOS, PORCENTAXES E PROPORCIÓNS



Co alumnado de 6º B.

Á hora de investigar en relación co noso PDI Entre liñas anda o xogo, o alumnado de 6º B ten profundizado no currículo de Matemáticas. En concreto, sobre os ángulos, as porcentaxes e as proporcións. Estes son dous dos traballos presentados.







jueves, 28 de abril de 2016

FRIANCIÑO CRUZOU A RAIA...


... e chegou ata Valença. 

Esta fin de semana, Frianciño marcho con Breogán e a súa familia. E xuntos, fixeron a primeira viaxe internacional do noso moucho: a Portugal. Mirade o que nos conta Breogán. Hai que ver o cultivados que veñen os dous!

Ola a todas e todos!

Esta fin de semana estiven coa miña familia e máis Frianciño na vila portuguesa de Valença. Unha vila bañada polo río Miño e separada por este da vila de Tui.

Dentro da súa fortaleza atopamos un miliario ou  pedra miliar.

É unha columna cilíndrica de pedra que os romanos colocaban na beira das calzadas que construían para sinalar distancias. O seu nome ven de indicar a distancia de mil passus (milla romana) que corresponde a 1480 metros.





E como o cilindro foi un dos corpos  xeométricos que estivemos a traballar este curso, decidimos facernos as "fotos matemáticas" nesta significativa pedra.

Este miliario, como se pode apreciar nas fotos, ten a seguinte inscripción: 

"TI(berius) CLAUDIUS. CAESAR / AUG(gustus) GERMANICUS /PONTIFEX. MAX(imus). IMP(erator) V / CO(n)S (ul) III, TRIB(unicia) POTEST(ate)./ III, P(ater) P(atriae) BRACA(ra) / XLII" 


Infórmanos de que foi o emperador Claudio quen ordenou construílo, na Vía IV do itinerario Antonino, e que a distancia entre Tui e Braga é de 42 millas pola mencionada vía.




Ten unha altura de 2,15 metros e un diámetro de 54 cm, pero coa axuda de papá,  Frianciño e máis eu puidemos subir e sacarnos as fotos que vos mandamos. Foi moi divertido!




Sen máis, despedímonos, mandándovos a todas e a todos un bico moi grande.

Que contento chegou Frianciño! Agora está moi interesado en aprender latín, que era a lingua que falaban Claudio, César, Germánico, e todos eses romanos que construían miliarios coma o de Valença. 

E que o saber non ocupa lugar!


miércoles, 27 de abril de 2016

INVESTIGANDO SOBRE AS ÁREAS E OS PERÍMETROS


En 6º A.

O alumnado de 6º A investigou sobre un tema matemático para abordar o PDI Entre liñas anda o xogo: o estudio das áreas e os perímetros. Aquí vos deixamos dous dos traballos que elaboraron.





martes, 26 de abril de 2016

SHEILA E AINE COÑECEN NAMIBIA



Cunha entrevista en primeira persoa. 

Estes días temos a inmensa sorte de contar no noso Claustro con Alba, que está a facer unha sustitución en 5º curso de Primaria. E digo isto porque, ademais de ser unha grandísima profesional, é unha persoa viva, namorada da vida, quen de mergullarse e adaptarse axiña a calquera contexto, por distinto e incómodo que pareza, e contárnolo de tal xeito que nos encandile.

Así foi como quedaron Sheila e Aine, as nosas entrevistadoras: encandiladas co que Alba nos contaba de África, e, en concreto, de Namibia. Tanto, que tiven que lles facer acenos para que remataran, porque as preguntas xurdían xa espontaneamente, fóra do guión.

En moitas ocasións, cando falamos de Educación Documental (ou de ALFIN) indicamos que temos que aproveitar os recursos que nos ofrece a nosa contorna: persoais, impresos ou virtuais. Realmente, esta entrevista é unha auténtica tarefa de investigación: así podemos calificar o proceso que seguiron Sheila e Aine (as entrevistadoras), documentándose sobre Namibia, preparando as súas cuestións (para o que empregaron o titorial que temos enlazado no blog da biblioteca). E a Alba... só podemos calificala como unha auténtica fonte documental. E, senón,,,, xulgade por vós mesmos!


Grazas, Alba, por nos aprender a ler o mundo!

FRIANCIÑO, EN SAN ADRIÁN DE COBRES


Con Hugo P. 

Esta fin de semana, Frianciño viaxou a Vilaboa con Hugo P. En concreto, estiveron na parroquia de San Adrián de Cobres, onde atoparon un muro de granito... cunhas columnas en forma de prisma que deixaban entre elas uns ocos rectangulares, de xeito que o conxunto formaba unha serie. 

Frianciño disfrutou moitísimo do sol e da saída... E de paso, enterouse de que en Cobres celébranse uns entroidos preciosos, nos que os personaxes máis famosos son as Madamas e os Galáns. Xa apuntou na axenda para acudir alí o vindeiro curso. 

Moitas grazas, familia! 


lunes, 25 de abril de 2016

ERICA ESMORÍS, NO NOSO COLE


Compartindo experiencias co alumnado de 6º curso de Primaria.

Érica Esmorís, autora de Nena e o mar, chegou á nosa clase o 14 de abril, e cunha presentación explicounos a maneira de crear un conto. Para iso, contounos parte da súa biografía, de xeito que entendéramos todo o proceso desta obra que acabamos de ler.

Rematou a visita coa súa firma no libro de visitas importantes do cole e nos nosos libros de lectura. Aquí están as fotos que o confirman:



Agradecemos ás nosas reporteiras, Luz e Sheila, as fotos e os textos que acompañan este post.

ACERTANTES DA QUINTA PREGUNTA MATEMÁTICA

Os nosos participantes exténdense... ata 2º de Primaria!

O alumnado do cole está enganchadísimo cos retos matemáticos. Estas son as respostas correctas do reto número 5: 

Y si preguntan por el más famoso, 
no hay duda: triángulo rectángulo
con un ángulo de 90 grados
a sus catetos afirmando. 

A su lado más largo
por hipotenusa han bautizado, 
¿creerías que en tan pequeño triángulo
el más grande teorema se ha creado?

Pitágoras fue el matemático
que descubrió por sabio y sus musas
que al sumar el cuadrado de los catetos, 
resulta igual que el cuadrado de la hipotenusa. 


E estes, os alumnos vencedores. 



Parabéns!


domingo, 24 de abril de 2016

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO



Convivindo e compartido. 

O noso PDI deste curso titúlase Entre liñas anda o xogo. Entre os seus múltiples obxectivos figuran potenciar o traballo cooperativo e mellorar a convivencia entre o alumnado do centro. 

Por tal motivo, se algo caracterizou ó noso Día do Libro foron os intres de convivencia, de valorar e de respectar o traballo dos outros. 

Así, habería que diferenciar tres momentos (podedes ampliar a información premendo nos enlaces): 


IRMANAMENTO ENTRE AULAS


Para celebrar o Día do Libro.

Cun formato diferente a outros anos, este curso continuamos cos irmanamentos entre aulas, para intercambiar os preciosos marcapáxinas con formas xeométricas (non podía ser doutro xeito, dado o título do noso PDI) que elaboramos nos últimos días. Así, a partir das 10 da mañán, os alumnos e alumnas máis cativos comezaron a desprazarse polos corridores, descubrindo un mundo distinto e coñecendo ós seus padriños. Aquí tendes as preciosas imaxes da xornada:


COMPARTINDO O VISIONADO DE ALICIA


Para celebrar xuntos o Día do Libro.

Ademais de intercambiar os marcapáxinas, despois da Hora de Ler tivemos sesión de cine. Pero, en lugar de visionar unha famosa película de Hollywood, disfrutamos dalgo feito por nós: a versión de Alicia no País das Marabillas que elaboramos entre todos os grupos do colexio empregando a app Explain Everything. Neste post ofrecémosvos o resultado. Aquí, soamente... gocemos do espectáculo de ver ó noso alumnado reunido e atentísimo! Daba xenio velos!



Como teredes observado, a proxección desenvolveuse en tres espazos: no Salón de actos estiveron o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria, que estrearon a nosa nova pantalla de proxeccións; no vestíbulo de Infantil, os máis cativos; e na aula de Música, os maiores: 4º, 5º e 6º de Primaria.

ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS


A versión do alumnado do noso colexio.

Este curso, como ben sabedes, o noso PDI titúlase Entre liñas anda o xogo. Un tema moi amplo no que caben as matemáticas, o xogo, a literatura, o traballo cooperativo... Por iso, para celebrar o Día do Libro, pareceunos moi axeitado traballar Alicia no País das Marabillas, un portentoso libro infantil que moitos de nós só coñeciamos a través da versión de Disney pero que, sen embargo, temos chegado a disfrutar e a valorar na súa xusta medida.

1. Por que esta obra e non outra?

Varias son as razóns para facer esta elección:
      • en primeiro lugar, porque este curso celebramos o 150 aniversario desta obra da literatura universal (a primeira edición data de 1865);
      • en segundo lugar, porque o seu autor (Lewis Carroll) era un famoso matemático;
      • por tal motivo, a obra está repleta de xogos de lóxica, entre os que se mesturan a crítica e a ironía hacia a educación e a sociedade inglesa da época.
Unha obra idónea, polo tanto, para incorporar ó noso proxecto documental integrado. 

2. Como a traballamos?

2.1. Primeiros pasos. 

A nosa intención era facer da lectura de Alicia unha auténtica tarefa de aprendizaxe. Así, no mes de xaneiro asignamos a cada aula un capítulo (ata 1º curso de Primaria, un fragmento dun capítulo), entregando ós titores os textos correspondentes. Unha vez lido e comprendido, cada aula debía: 
      • resumir o seu contido, eliminando o que non resultaba esencial; 
      • traducir o texto ó galego; 
      • deseñar os personaxes que participan no capítulo e seleccionar ou crear fondos para desenvolver a acción. 
2.2. Concurso para elixir ós protagonistas. 

Xa que cada aula tiña liberdade para ambientar a súa historia, parecianos que, para lle dar continuidade, compría que os personaxes principais (Alicia e o Coello Branco) se mantiveran ó longo de toda a obra. Por tal motivo, organizamos un Concurso de Ilustración no que resultaron elixidos os protagonistas.

2.3. Montamos o noso vídeo de animación. 

Empregando a ferramenta Explain Everything, cada aula montou nun ipad a súa animación, empregando os fondos e os personaxes creados e gravando a narración do alumnado. 

2.4. O resultado. 

Aínda que en posts anteriores fomos publicando cada vídeo, nesta imaxe interactiva de Thinglink podedes visualizar todos eles, seguindo a orde lóxica da historia.




Esperamos que vos teña gustado!

A DECLARACIÓN DE ALICIA



QUEN ROUBOU AS TARTAS?


O BAILE DA LANGOSTA



A FALSA TARTARUGA



O CRIQUET DA RAÍÑA



UNHA MERENDA DE TOLOS


sábado, 23 de abril de 2016

PORQUIÑO E PEMENTA

CONSELLOS DUNHA EIRUGA


23 de ABRIL: DÍA DO LIBRO


Celebrando o IV centenario da morte de Cervantes.

O día 23 de abril celébrase, tradicionalmente, o Día do Libro. Sen embargo, este ano 2016 cobra unha singularidade especial, xa que se cumpren catrocentos anos do pasamento de Miguel de Cervantes, escritor a quen se adica esta data.

Os medios de comunicación e as institucións, como o Congreso dos Diputados, están a dar moita relevancia a este día. Tamén nós queremos darlla. Sen embargo, nun cole de Primaria coma o noso non hai maior homenaxe a Cervantes que ler. Ler moito. Moitísimo. En todos os formatos. En todos os idiomas. A todas horas.

Por iso encántanos o Manifesto do Día do Libro que Pedro Feijoo ten escrito para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Un eloxio ós valentes que son quen de namorar, de emocionarse, de mergullarse, de viaxar no tempo e no espazo cando collen un libro entre as mans.

E, como non, un eloxio ós escritores que, como Cervantes, son quen de nos fascinar con personaxes que perduran ó longo do tempo: os quixotes que queremos chegar a ser os que devecemos por cambiar o mundo; as dulcineas que nos teñen tan namorados que só nos deixan descubrir a fermosura no medio da mediocridade; os sanchospanzas que teñen os pés ben asentados na terra, que probablemente son iletrados, pero que saben ler o mundo e o corazón das persoas, que son fieis ós seus amigos porque pertencen a unha especie en extinción.

Porque nos fascinan el, as súas obras, os seus personaxes, porque nos atrevemos a coller un libro entre as mans e a disfrutar sendo cabaleiros andantes, neste Día do Libro compartimos convosco o Manifesto do Día do Libro de Pedro Feijoo que, o vindeiro luns, escoitaremos a través da megafonía do cole durante a Hora de Ler.

Imaxe: Atribuido a JUAN DE JAUREGUI Y AGUILAR.  Retrato de Miguel de Cervantes Saavedra. En Wikimedia Commons. Public Domain.

martes, 19 de abril de 2016

ACERTIXO MATEMÁTICO


Con Moisés e Frianciño.

Esta fin de semana, Moisés e a súa familia foron os anfitrións de Frianciño. Aproveitando o sorpresivo e soleado domingo, achegáronse ó Castro, e alí atoparon algo moi interesante. A ver se o atopades tamén vós. Isto é o que nos propón o papá de Moisés:

Hoxe saímos ata o parque do Castro, onde descubrimos as matemáticas en cada recuncho. Xogade con nós; atopade nestas fotos...
        • Pi,
        • X²,
        • Triángulos,
        • Un cono piramidal.



Grazas, familia! Que suxestión tan divertida!


HITLER INVADE POLONIA



A recomendación de Sheila.


lunes, 18 de abril de 2016

PEQUENO AZUL, PEQUENO AMARELO


Con José Manuel, o pai de Xoan.

Que pasa cando un amigo azul e outro amarelo apértanse moi forte? Iso foi o que averiguaron os nenos e os pais que o pasado martes día 12 acudiron ó colexio para escoitar a José Manuel, o pai de Xoan (3 anos B). Que ben o fixo, e que atenta etaba a rapazada!

E despois, coma sempre, obradoiro. Aquí vos deixamos as fotos:



Grazas, Joxé Manuel!

domingo, 17 de abril de 2016

NA PRAIA DA PUNTA


Con Frianciño e Brais. 

A pasada fin de semana, Frianciño marchou con Brais (3 anos) e mais a súa familia. Non tiveron que ir moi lonxe para descubrir as matemáticas: no noso barrio, en Teis, está a Praia da Punta. E alí atoparon...

Cóntanolo a nai de Brais:


Aínda que non acompañaba o tempo, Brais saíu de paseo coa familia e Frianciño pola praia da Punta. Atopamonos con estas esferas e estas liñas paralelas. Esperamos que vos gusten.




Encántannos! Que fotos tan bonitas!

Graciñas, familia!




RECIBIMOS A FINA CASALDERREY



Compartíu un intre moi agradable co alumnado de 3º de Primaria.

Os nenos e nenas de 3º curso de Primaria leron este curso Cando a Terra esqueceu xirar. Por iso, e por cortesía da editorial SM, Fina Casalderrey achegouse un anaco para estar connosco. Foi o pasado martes día 12.

A partir de varios exemplos, Fina explicounos que esta obra pretendía ser unha metáfora. Falounos tamén, con esa voz tan doce e garimosa, dalgunhas circunstancias da súa vida e da súa obra, deleitounos con varios fragmentos, e interactuou moito connosco.

Os alumnos e alumnas de 3º B, previamente á visita, prepararan unha biografía de Fina e pensaran varias preguntas. A escritora alabou moito este traballo, porque ben sabe o tempo que leva. Aquí volo deixamos:



Tamén o alumnado de 3º A preparou a visita, decorando a porta da súa aula cun mural alusivo á lectura:


Para rematar, firmou exemplares da súa obra, e tamén nos deixou unha fermosa mensaxe no noso libro de visitas.


Moitas grazas, Fina, por esta visita inesquecible. 





sábado, 16 de abril de 2016

UNHA NOVA LITERARIA


Seleccionada polo alumnado de 5º A.

Para o súa Nova da Semana, o alumnado de 5º A ten seleccionado unha nova relacionada coa lectura. Semella moi axeitado para celebrar o Mes dos Libros! Aquí tendes, pois, o seu programa:

RETAHILAS



Co alumnado de 1º B. 

Para o seu Venres de Viva Voz, os nenos e nenas de 1º B recitaron varias retahilas, moi en consonancia co tema do noso PDI, Entre liñas anda o xogo. Tiveron como público ó alumnado de 1º A.

FRIANCIÑO, POLAS ALTURAS


Con Sofía e a súa familia.

Esta fin de semana, Frianciño marchou con Sofía (5 anos B) e a súa familia. E vivíu unha experiencia única: nunca estivera tan alto.

Así nos conta a experiencia a nai de Sofía:

Sofía P. (5 anos B) e a súa familia levamos a Frianciño a coñecer un dos bancos máis bonitos do mundo: o Mirador Campo da Rata preto do Vixiador. Dende alí puidemos ver gran parte da Ría de Vigo, e a variedade de figuras xeométricas que se debuxan nela. E chegamos á conclusión de que as matemáticas en Galiza lucen moito máis.



Despois baixamos ó Zoo e alí, o oso Pelayo (que tamén está cheíño de formas) quixo posar para a nosa foto.



Grazas por inicativas coma esta, que fan que empecemos a fin de semana con máis ilusión aínda.


Grazas, a vos, familia! Frianciño quedou encantado de disfrutar da natureza!

viernes, 15 de abril de 2016

FRIANCIÑO, DE FIN DE SEMANA CON ADRIÁN


Aquí e acolá. 

Esta fin de semana Frianciño marchou a casa de Adrián (3 anos B) para pasar a fin de semana. Pasouno xenial, sobre todo porque atopou as matemáticas perto e lonxe, e porque os pais do seu amigo levárono a un lugar máxico que lle fixo lembrar a nosa biblioteca.

Ó lado da casa, xa nada máis saír, atoparon cunhas celosías que xogaban coas liñas curvas e as rectas.


Ó achegarse á rúa, viron clavado nun poste un espello redondo que sirve para evitar que os coches que teñen mala visibilidade choquen. 


E por último... foron pasear a Pontevedra, onde, ó ladiño mesmo da Peregrina, existe unha praza chea de letras na que estaba instalada... a Feira do Libro!




Mirade o que nos conta Pilar, a mamá de Adrián: 

Non nos acompañou moito o tempo, sobre todo porque me tocou traballar a fin de semana, pero fixemos o que puidemos co Frianciño.

Grazas por estes momentos!

Pois Frianciño cre que aproveitastes moitísimo. Aínda que, coa emoción de todo o vivido, non nos soubo contar se tamén estivestes no Salón do Libro que se celebra estes días pola capital.

Grazas, familia!


CANDO OS PAIS SE SEPARAN


Na Tarde de Contos.

O pasado martes día 5 de abril Cris, a mamá de Eiroa (2º B) contounos o conto Si mamá dice blanco, papá dice negro, unha historia sobre a separación dos pais.

Coma sempre, ó rematar, houbo obradoiros.

Aquí vos deixamos as imaxes do día, tomadas algunhas delas por un fotógrafo de excepción: Bernal.



Grazas, Cris!

jueves, 14 de abril de 2016

O PAPAGAIO



Unha nova revista informativa para o público infantil. 

Acaba de chegarnos o número 0 da revista O Papagaio, que comezará a editarse a partir de outubro. Chega da man de Kiko Dasilva, e pretende informar e sensibilizar ó público infantil sobre as novas actuais, a ecoloxía e a nosa propia historia, ademais de nos introducir na lectura de cómics.

Déixovos aquí o enlace onde poderedes ler a versión dixital deste número 0. Facédeo con ganas, e contádenos o que vos parece.


Que tal se nos subscribimos?