Os números da traxedia.
Dende hai meses, as novas sobre a guerra en Siria e os refuxiados acompáñannos diariamente na prensa. Pero esta traxedia xa dura máis de catro anos, e se está a converter na maior crise humanitaria da historia. ACNUR, que está realizando unha labor encomiable nos campos de refuxiados, difunde vídeos coma este coa intención de sensibilizar á poboación e facernos conscientes da inhumana situación que vive o pobo sirio.
Pero... que é un refuxiado?
A Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos Refuxiados indica que un refuxiado é unha persoa que por temor a ser perseguida por causa da súa raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un grupo social ou polas súas opinións políticas, está fóra do seu país e non quere (ou non pode) acollerse á protección deste.
Que diferenza hai entre un refuxiado e un migrante económico?
A diferenza dos migrantes económicos, os refuxiados non abandonan o seu país de forma voluntaria. E seu obxectivo non é mellorar a súa situación económica no país que lles proporciona cobixo, senón acadar unha meirande seguridade.
Que dereitos ten un refuxiado?
Un refuxiado ten dereito a asilo en condicións de seguridade. A seguridade inclúe:
- seguridade física;
- liberdade de pensamento;
- liberdade de movemento;
- dereito a que se lle respecte como persoa;
- dereito á asistencia médica;
- dereito ó traballo;
- dereito á escolarización.
Sen embargo, cando existe unha grande afluencia de refuxiados, os países de asilo poden restrinxir algúns dereitos, como o de movemento, o de traballo e o de escolarización.
Preme na seguinte imaxe e escoitarás as palabras deste neno sirio refuxiado en Europa. Como fala en inglés, poderás entender moito mellor o que expresa se les a tradución debaixo.
Reflexionemos para celebrar o Día da Paz
O vindeiro 30 de xaneiro celebraremos o Día Escolar pola Paz e a non violencia. A través da lectura de gráficos intentaremos achegarnos ó drama que vive a poboación siria, e á resposta que a Unión Europea está dando ás súas necesidades. Estas son as nosas suxestións por niveis:
- 1º curso de Primaria: Repartindo refuxiados
- 2º curso de Primaria: Refuxiados + migrantes
- 3º curso de Primaria: + Refuxiados - Presión
- 4º curso de Primaria: Refuxiados + desprazados
- 5º curso de Primaria: Enorme incremento... de fuxidas e peticións de asilo
- 6º curso de Primaria: Pedindo asilo... nos países da Unión Europea
Imaxe: IRISH DEFENCE FORCES. Le Eithne Operation Triton. Licenciado sob CC BY 2.0, via Wikimedia Commons.


1 comentario:
<OS NENOS E NENAS DE 1ºA QUEREMOS DECIRVOS QUE AS GUERRAS SON MOI MALAS POIS NOS PAISES QUE HAI GUERRA PASAN MOITA FAME E NON VAN A ESCOLA.
PENSAMOS QUE PODÍAN ACABAR COA GUERRA DE SIRIA SE O PRESIDENTE DE ESTADOS UNIDOS FALASE CO SEU PRESIDENTE.
QUE NOS PODERIAMOS MANDAR UN AVIÓN CON COMIDA, MEDECIÑAS E ROUPA.
TAMÉN PODERIAMOS CONSTRUIR UN BARCO PARA RECOLLER AOS REFUXIADOS XA QUE EN VIGO FANSE BARCOS.
E POR ÚLTIMO PEDIMOS QUE HAXA PAZ NO MUNDO.
Publicar un comentario