Para o seu proxecto sobre Xeometría na arte.
Todo comezou o pasado 11 de xaneiro, cando os nenos e nenas de Educación Infantil chegaron á biblioteca, onde atoparon un maletín. Non parecía de médico, porque non estaba decorado cunha cruz vermella; non parecía de obreiro, porque non tiña as letras de "ferramentas"... Así que, como non conseguimos adiviñar de quen era, abrímolo con moita ilusión e axiña nos decatamos de que tiña que ser dun pintor, porque había lápis de distintos tamaños e grosores, témperas, tesoiras, gomas, pinceis, pinturas... Non foi difícil averigualo. Pero... non sabiamos quen era ese pintor ou pintora. Menos mal que había unha cartiña. Límola moi rápido, emocionados por descubrir que nova aventura nos esperaba:
Decidimos que queriamos xogar con Arte e coas súas amigas, as liñas rectas, as liñas curvas, as formas xeométricas (triángulos, rectángulos, cadrados, círculos), cos puntos, cos cilindros, coas pirámides... Buf...! Cantas amigas ten a nosa nova amiga Arte!
Arte tamén nos deixou un conto do seu avó, o pintor Matisse. Titúlase As tesoiras de Matisse. É unha historia preciosa da súa afección a soñar a través das formas e da cor. Non fixo falta dicir nada. Ó rematar o conto xa estabamos todos dicindo que queriamos recortar formas e facer os cadros de Matisse!
Grazas, Arte, por compartir connosco ás túas amigas e a historia do teu avó. Os nenos e nenas de Infantil xa estamos metidos na aventura de descubrir a xeometría a través da arte!.



No hay comentarios:
Publicar un comentario