GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 31 de enero de 2016

FRIANCIÑO, NO LOMBO DUNHA BALEA



Na outra banda do mar. 

Esta fin de semana, Frianciño voltou cruzar a ponte de Rande, e, da man de Lucas e mais da súa familia, achegouse a Moaña. Alí, no Paseo do Con, fotografouse xunto á balea decorada con mosaicos xeométricos. Fermosísimas imaxes matemáticas!





Grazas, familia!

sábado, 30 de enero de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA...




...solidarizándonos cos refuxiados sirios.

E resultou toda unha festa da tolerancia e a convivencia, froito dun proceso de traballo no que todo o centro se sentíu implicado.

Efectivamente. Dende comezos de trimestre, todas as aulas de Primaria estiveron a reflexionar, a partir de distintos gráficos, sobre os refuxiados sirios. Como resultado desa reflexión, cada grupo chegou a unhas conclusións que publicou como comentario ó post correspondente.



Con todas estas achegas, Sheila e Vega, alumnas bibliotecarias (supervisadas polos mestres bibliotecarios) elaboraron este fermoso Manifesto.




A nosa celebración comezou, pois, coa lectura deste manifesto, a cargo de Sheila e Roque (6º curso de Primaria). E, a continuación, todo o cole cantou e bailou a canción que aprendimos durante estas semanas na clase de Música: Hoy tengo ganas de sonreir, de Zarcort e Town. Coa colaboración (na animación) das aulas de 6º curso de Primaria e Alex e Pablo (4 anos B) e Marco, Adrian T., Aitana e Noa (3ºA).


Rematado o acto, ninguén quixo abandonar o patio e, de xeito espontáneo, xurdíu un alegre baile. Xa din que a música "amansa ás feras"!

Neste vídeo atoparedes resumido todo o que vos temos contado.


O dito. Toda unha festa da convivencia!


Imaxe: Mural colaborativo elaborado polo alumnado do centro. 


INTEGRANDO AS TAREFAS BIBLIOTECARIAS NA PROPIA AULA



No grupo de 2º A.

Durante este mes de xaneiro que xa está a piques de rematar, dende o Equipo de Biblioteca propuxemos traballar a lectura de textos discontínuos e as matemáticas a partir de diversos documentos relacionados cos refuxiados sirios.

Lourdes, a profe de 2º A, abordou con grande entusiasmo este tema, elaborando o seu propio material, que integraba diversas estruturas de traballo cooperativo. Aquí volo presentamos.




E como proba patente do ben que teñen traballado os rapaces desta aula, deixámosvos o caderno elaborado por un dos membros do grupo dos Superbailarines.



Parabéns, chicos e profe! Magnífico traballo!


OS NENOS E NENAS DE INFANTIL COMEZAN A INVESTIGAR




Para o seu proxecto sobre Xeometría na arte. 

Todo comezou o pasado 11 de xaneiro, cando os nenos e nenas de Educación Infantil chegaron á biblioteca, onde atoparon un maletín. Non parecía de médico, porque non estaba decorado cunha cruz vermella; non parecía de obreiro, porque non tiña as letras de "ferramentas"... Así que, como non conseguimos adiviñar de quen era, abrímolo con moita ilusión e axiña nos decatamos de que tiña que ser dun pintor, porque había lápis de distintos tamaños e grosores, témperas, tesoiras, gomas, pinceis, pinturas... Non foi difícil averigualo. Pero... non sabiamos quen era ese pintor ou pintora. Menos mal que había unha cartiña. Límola moi rápido, emocionados por descubrir que nova aventura nos esperaba:



Decidimos que queriamos xogar con Arte e coas súas amigas, as liñas rectas, as liñas curvas, as formas xeométricas (triángulos, rectángulos, cadrados, círculos), cos puntos, cos cilindros, coas pirámides... Buf...! Cantas amigas ten a nosa nova amiga Arte!



Arte tamén nos deixou un conto do seu avó, o pintor Matisse. Titúlase As tesoiras de Matisse. É unha historia preciosa da súa afección a soñar a través das formas e da cor. Non fixo falta dicir nada. Ó rematar o conto xa estabamos todos dicindo que queriamos recortar formas e facer os cadros de Matisse!



Grazas, Arte, por compartir connosco ás túas amigas e a historia do teu avó. Os nenos e nenas de Infantil xa estamos metidos na aventura de descubrir a xeometría a través da arte!. 

                                                           

jueves, 28 de enero de 2016

miércoles, 27 de enero de 2016

XOGAR NAS ONDAS



Cando os nenos xogaban con caixas de mistos. 

O vindeiro día 13 de febreiro celebraremos o Día Mundial na Radio. Como nos últimos anos, estamos a impulsar a difusión das lembranzas dos nosos maiores, dándoas a coñecer a través das ondas. Tendo en conta o noso PDI deste curso (Entre liñas anda o xogo) a temática non podía ser outra que coñecer os xogos ós que os nosos avós xogaban de cativos.

Comezamos a serie co avó de Roque, que, aínda que xa ten 80 anos, ten unha voz e unhas lembranzas do máis xuvenís. Neste audio cóntanos como, cando non había os medios que hoxe temos, a imaxinación era moi importante, e como a partir dunha simple caixa de cerillas se podía facer un divertido xogo.

ENTRE LIÑAS...



... no parque de Cangas. 

A semana pasada, Frianciño voltou á casa dos Sío, esta vez da man da primoxénita, María. E foron xogar o parque de Cangas, onde atoparon unha maraña de cordas formando unha rede. Este é o comentario que nos achega a súa familia:


Nunca mellor dito!  Entre liñas anda o xogo no parque de Cangas. 



Grazas, familia! Vaia sitios máis chulos ós que levades a Frianciño!

martes, 26 de enero de 2016

MATEMÁTICAS NA LAVANDERÍA



Descubrímolas con Xoan e a súa familia.

Grazas a actividade Vivimos nun mundo matemático estamos a descubrir que as matemáticas están moi presentes na vida cotiá. Esta fin de semana, Xoan e a súa familia descubríronas, tamén, na lavandería. Así nos describen os seus papás a imaxe:


O noso fillo Xoán diante das figuras xeométricas que forma unha lavadora dunha lavandería de Travesía de Vigo.




Grazas, familia!


lunes, 25 de enero de 2016

MATEMÁTICAS NA ROTONDA...


... que da acceso ó colexio!

Esta fin de semana, Frianciño marchou a casa de Sabela (5º A), e fotografouse moi pertiño do colexio, na rotonda de acceso ó Carrefour. Unha escultura que combiña as formas curvas e rectas sitúase no medio. 


Está claro que, ás veces, as cousas máis cotiás pasan desapercibidas! Grazas por nolo lembrar, familia!

UN VENRES DE VIVA VOZ DE XOGO



Co alumnado de 3º B.

Os rapaces e rapazas de 3º B aproveitaron o seu Venres de Viva Voz para aprendernos a xogar ó lorcho. Aquí os tendes en plena acción.



domingo, 24 de enero de 2016

FRIANCIÑO CON XORXE...


... na Praza de Martínez Garrido. 

Esta fin de semana, Frianciño marchou con Xorxe e a súa familia. E... así de rápido, teñen enviado as súas fotos!

Este é o seu comentario:

Obra feita por Nelson Villalobos situada na rúa Martinez Garrido. Con este xogo de formas e cores, simulando multitude, homenaxea ó alcalde que dá nome a esta rúa e a outros fuxilados da Guerra Civil.



Fermosas fotos. 

Grazas, familia!

sábado, 23 de enero de 2016

AS NOVAS DA SEMANA



Seleccionadas polo alumnado de 4 anos B.

Os nenos e nenas de 4 anos B foron os encargados, esta semana, de facer a revisión da prensa. Estas foron as novas que elixiron.




miércoles, 20 de enero de 2016

O DODECAEDRO, PUNTO DE ENCONTRO



Unha casualidade coma outra calqueira.

A pasada fin de semana, Frianciño e os seus primos foron ás casas de Mario (5º B) e de Martín (5 anos B). E os anfitrións tiveron a mesma idea: levar á Frianciño á rotonda do Dodecaedro, en Pereiró.

A foto de Martín ilustra a cabeceira deste post. Isto é o que escribíu a súa familia:

Ola! Somos os papás de Martín e fixemos esta foto na glorieta que hai na Avenida de Castrelos. Sempre que pasamos por aí Martín di: "mira, un polígono..." Por iso nos pareceu a mellor representación matemática da nosa cidade. É un dodecaedro, e aínda que o frianciño non se ve moito, alí estaba. nas mans de Martín. Esperamos que vos guste.

Un saudiño.

E Mario cóntanos: 

Ola, Frianciño. Son Mario, de 5ºB. Déixoche dúas fotos: unha está feita na Avenida de Castrelos (rotonda de Pereiró) e a outra nun escaparate de Martínez Garrido. Espero que che gusten.



Pois claro que nos encantan! Moitas grazas, chicos! 

(Isto das casualidades tamén debe de ter unha explicación matemática: que probabilidade haberá de que dous frianciños que saen de paseo a fin de semana se atopen nun punto concreto da cidade?).

martes, 19 de enero de 2016

A NOVA DA SEMANA



Co alumnado de 4 anos A.

Os nenos e nenas de 4 anos A foron os encargados, a pasada semana, de revisar a prensa. Aquí temos os titulares que seleccionaron.


Parabéns, chicos!

PRIMEIRO CONTACONTOS DO ANO



Nas Tardes de conto.

O pasado martes día 12 recomezou a actividade das Tardes de Conto, cun gran número de participantes. A encargada da contada foi Rebeca, a nai de Luamy, e o conto elixido, Hadas e criaturas máxicas.

Aquí vos deixamos coas imaxes do día:




Grazas, Rebeca!

lunes, 18 de enero de 2016

O PRIMEIRO VENRES DE VIVA VOZ DO ANO



Co alumnado de 3º A.

Os nenos e nenas de 3º A foron os encargados de inaugurar os Venres de Viva Voz deste ano 2016. E, como veredes, traballaron moito e fixérono moi ben, cantando tres cancións e recitando un poema.




Parabéns, chicos!

domingo, 17 de enero de 2016

MOSTRA DO PATRIMONIO INMATERIAL...



... contado a través da radio.

Os galegos (e os portugueses) temos un rico patrimonio inmaterial: todas esas palabras, tradicións, saberes... que teñen perdurado durante séculos e teñen chegado ata nós a través da oralidade. Como receptores desa riqueza é a nosa obriga preservala e transmitila ás xeracións futuras.

Esta inxente e fermosa labor é animada, dende hai anos, pola Asociación Pedagóxica Ponte nas Ondas. Esta asociación convídanos a participar, o vindeiro día 13 de febreiro no Día Mundial da Radio, na actividade Mostras do patrimonio inmaterial galego - portugués. 

Unha vez más recabamos a contribución das nosas familias para axudarnos a desenvolver esta proposta. Cal será o voso cometido...? Entrevistar ós vosos avós ou familiares maiores e gravar co móbil as súas respostas sobre: 
  • xogos tradicionais (distintos do fútbol ou dos xogos ós que xogan os nenos na actualidade);
  • lugar onde os xogaban;
  • persoas coas que os xogaban; 
  • materiais que precisaban para xogar;
  • época do ano (se é que o xogo estaba ligado a unha estación concreta)
  • breve explicación.
En canto o teñades gravado, achegade os arquivos a

friancinhojones@gmail.com

Pero non vos demoredes. O prazo remata o domingo 7 de febreiro

Mans á obra!


Imaxe: Deutsche Fotothek‎ [CC BY-SA 3.0 de ()], via Wikimedia Commons

FRIANCIÑO E ÁLEX...


... no parque de Seragua. 

A pasada semana, a mascota da nosa Biblioteca, Frianciño, marchou a fin de semana a casa de Álex, da aula de 4 anos A. E xuntos foron xogar ó parque de Seragua. Alí atoparon algúns elementos matemáticos. Así nolo explica a súa mamá:

Na primeira foto pódense observar distintos ángulos.  E na seguinte foto, unha circunferencia na que aparece Álex. 



Pois entre ángulos e cabezas inscritas en circunferencias pasou xogando Frianciño a fin de semana.

Grazas, familia!

viernes, 15 de enero de 2016

FRIANCIÑO NO CIRCO



Con Eva. 

Rematando o Nadal, Frianciño pasou a fin de semana con Eva. Tal vez foron ver como actuaba Roque no Circo de Nadal?

Ola son Eva Rodríguez de 6ºB. Fíxenme unha foto co mouchiño viaxeiro no Circo de Nadal de Coia.

Un saúdo.



Pois alí deberon atopar esta carpa cilíndrica rematada nun tellado cónico que vedes na imaxe. 

Grazas, Eva!

                 

jueves, 14 de enero de 2016

NA HORA DE LER...



... silencio e concentración.

O pasado luns tivemos unha sorpresa ó pasar polo Espazo Lector á Hora de Ler. Alí estaban os rapaces e rapazas de 2º B con Feli, a súa mestra, lendo. Pero o sorprendente foi o silencio tan profundo e a concentración dos cativos. Daba xenio velos. A estampa resultaba realmente emocionante.

Dicen que unha imaxe vale máis que mil palabras. Creo que, neste caso, o refrán non se cumple, porque estas fotos, aínda que demostran a concentración dos cativos, son incapaces de transmitir a atmósfera sonora. Mais... sirven como aproximación!




Parabéns, rapaces!


miércoles, 13 de enero de 2016

FRIANCIÑO COMEZA O ANO EN VIGO...



... de Mariz! (Chantada)

Despois da paréntese do Nadal, Frianciño voltou durante a pasada fin de semana a rotar polas casas do noso alumnado, en busca das matemáticas que nos rodean. Nesta ocasión marchou con Icía Otero (2º B) a Chantada.



Aquí temos a explicación que nos envía a súa familia:

Prezadas/os frianciñas/os:

As fotos foron feitas “inside” hórreo, dentro do hórreo de cinco claros dos avós de Icía, na casa de Penouzos, no lugar de Vigo de Mariz, concello de Chantada (Lugo). Un mundo matemáticamente rectangular, cheo de espigas cilíndricas de millo, e cun teito triangular a dúas augas.


 Saúde e lingua. 



Pois moitas grazas, familia! As vosas fotos servíronnos para lembrar esas construcións tradicionais que foron tan importantes no agro galego. 

lunes, 11 de enero de 2016

REFUXIADOS



Os números da traxedia.

Dende hai meses, as novas sobre a guerra en Siria e os refuxiados acompáñannos diariamente na prensa. Pero esta traxedia xa dura máis de catro anos, e se está a converter na maior crise humanitaria da historia. ACNUR, que está realizando unha labor encomiable nos campos de refuxiados, difunde vídeos coma este coa intención de sensibilizar á poboación e facernos conscientes da inhumana situación que vive o pobo sirio.



Pero... que é un refuxiado?

A Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos Refuxiados indica que un refuxiado é unha persoa que por temor a ser perseguida por causa da súa raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un grupo social ou polas súas opinións políticas, está fóra do seu país e non quere (ou non pode) acollerse á protección deste.

Que diferenza hai entre un refuxiado e un migrante económico?

A diferenza dos migrantes económicos, os refuxiados non abandonan o seu país de forma voluntaria. E seu obxectivo non é mellorar a súa situación económica no país que lles proporciona cobixo, senón acadar unha meirande seguridade.

Que dereitos ten un refuxiado?

Un refuxiado ten dereito a asilo en condicións de seguridade. A seguridade inclúe:
      • seguridade física;
      • liberdade de pensamento;
      • liberdade de movemento;
      • dereito a que se lle respecte como persoa;
      • dereito á asistencia médica;
      • dereito ó traballo;
      • dereito á escolarización.
Sen embargo, cando existe unha grande afluencia de refuxiados, os países de asilo poden restrinxir algúns dereitos, como o de movemento, o de traballo e o de escolarización. 

Preme na seguinte imaxe e escoitarás as palabras deste neno sirio refuxiado en Europa. Como fala en inglés, poderás entender moito mellor o que expresa se les a tradución debaixo. 



Reflexionemos para celebrar o Día da Paz

O vindeiro 30 de xaneiro celebraremos o Día Escolar pola Paz e a non violencia. A través da lectura de gráficos intentaremos achegarnos ó drama que vive a poboación siria, e á resposta que a Unión Europea está dando ás súas necesidades. Estas son as nosas suxestións por niveis:
Imaxe: IRISH DEFENCE FORCES. Le Eithne Operation Triton. Licenciado sob CC BY 2.0, via Wikimedia Commons.




viernes, 8 de enero de 2016

MIMETISMO LECTOR


Durante a Hora de Ler. 

O noso compañeiro Jose, que é o autor das fotos, titulou así a súa reportaxe.

A min lémbrame moitísimo aquel anuncio tan bonito do Ministerio que se titulaba Se ti les, eles len.


Todos sabemos que os nenos aprenden por imitación. E tamén se fan lectores cando imitan ós adultos que len con entusiasmo.

Pois aí está a nosa responsabilidade: dos pais, das nais, dos profes e das profes.


Se nós lemos, eles len.

PEDINDO ASILO...



...nos países da Unión Europea.

1. SABÍAS QUE...?

Durante o pasado ano 2015 vivíuse no mundo a meirande crise de refuxiados dende a Segunda Guerra Mundial. Miles de sirios, fuxindo da guerra, deberon abandoar os seus fogares. Un número moi considerable deles chegou ata Europa a través de Grecia, Italia e Hungría. Dende estes países de chegada, os refuxiados sirios teñen pedido asilo en diferentes países da Unión Europea.

2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post foi publicado polo diario El País o día 24 de setembro de 2015. Representa as solicitudes de asilo recibidas polos diversos países da Unión Europea ata o mes de xuño de 2015. Fíxate ben e contesta:

      • A columna da esquerda presenta a lista de países ordeados dende o que máis solicitudes de asilo ten ata o que menos. Pero... que ocurre na columna da dereita? A que cres que se debe este feito?
      • Cos datos proporcionados por estas gráficas, calcula o número de habitantes de cada un dos países. 
3. USA A CABEZA E PENSA

      • Investiga na internet a extensión (kilómetros cadrados) de cada un destes países da Unión Europea.
      • Calcula a densidade de poboación de cada un deles. 
      • Extrae as túas propias deducións. 
4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS


A Unión Europea é unha entidade xeopolítica cun gran potencial económico e humano, que outorga unha gran relevancia á solidariedade e á democracia. Tendo en conta isto e o que tes descuberto, comparte connosco os teus pensamentos. Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz. 

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 

jueves, 7 de enero de 2016

REFUXIADOS + DESPRAZADOS



Dentro e fora.

1. SABÍAS QUE...?

Durante o pasado ano 2015 vivíuse no mundo a meirande crise de refuxiados dende a Segunda Guerra Mundial. Miles de sirios, fuxindo da guerra, deberon abandoar os seus fogares. Un número moi considerable deles chegou ata Europa a través de Grecia, Italia e Hungría. Sen embargo, un número maior está ubicado na actualidade en campos de refuxiados doutros países asiáticos e africáns. E unha cifra todavía máis elevada permanece no seu país, aínda que se teñan visto obrigados a desprazar.

2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post foi publicado polo diario El País o día 24 de setembro de 2015. Fíxate ben e contesta:

      • Cal foi o número total de sirios desprazados (reubicados no seu propio país) ata o 17 de setembro de 2015?
      • Cantos países acolleron refuxiados sirios? Que número acolleu cada un deles? 
      • Ordea os países de acollida de refuxiados dende o que acolleu ó maior ata ó que acolleu ó menor número. 
      • Cal foi o número total de sirios refuxiados en diversos países do mundo?
      • Cal foi o número total de sirios refuxiados ou desprazados?
      • A Unión Europea decidíu acoller durante o ano 2015 a 160.000 refuxiados sirios. O resto de países acolledores, cantas veces incrementou esta cantidade?
3. USA A CABEZA E PENSA

Como tes observado, a Unión Europea e cinco países máis teñen acollido a un grande número de refuxiados sirios durante o pasado ano. Sen embargo, queremos darche algúns argumentos máis para pensar. Así que:
      • Investiga na internet a extensión (kilómetros cadrados) e o número de habitantes da Unión Europea e destes países.
      • Logo, inclúe estes datos (e máis os do número de refuxiados) nun cadro de dobre entrada coma este
      • Extrae as túas propias deducións. 
4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS


A Unión Europea é unha entidade xeopolítica cun gran potencial económico e humano, que otorga unha gran relevancia á solidariedade e á democracia. Tendo en conta isto e o que tes descuberto, comparte connosco os teus pensamentos. Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz. 

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 

ENORME INCREMENTO...


... de fuxidas e peticións de asilo.

1. SABÍAS QUE...?

Durante o pasado ano 2015 vivíuse no mundo a meirande crise de refuxiados dende a Segunda Guerra Mundial. Moitos sirios, fuxindo da guerra, chegaron ata Europa e pediron asilo. Se o número de refuxiados é enorme, moito máis elevado resulta o número de sirios fuxidos do seu país.


2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post (e o que traballaremos a continuación) foi publicado polo diario El País o día 24 de setembro de 2015. Fíxate ben e contesta:
      • Dende que estalou a guerra en Siria no ano 2011, que cantidade de sirios teñen fuxido do seu país?
      • Bota contas: cantos deles son homes e cantos mulleres?
      • Durante o transcurso da guerra houbo dous anos de grande incremento de fuxidos. Saberías indicar cales?
      • Ordea eses anos dende o menor número ata o maior número de fuxidos. Fundamenta as túas respostas.


      • A gráfica anterior presenta as peticións de asilo solicitadas na Unión Europea dende xaneiro ata agosto de 2015. Cal foi o número total de solicitudes durante este período?
      • Cal sería a media mensual de solicitudes?

3. USA A CABEZA E PENSA

A Unión Europea é unha entidade xeopolítica cun gran potencial económico e humano, que outorga unha gran relevancia á solidariedade e á democracia. Tendo en conta isto, pensa sobre as seguintes cuestións 
      • Se te fixas no gráfico 1, durante o primeiro trimestre de 2015 case un millón de sirios fuxiron do seu país. Que número de refuxiados solicitaron asilo durante este período en Europa?
      • Que porcentaxe dos sirios fuxidos no primeiro trimestre pediron asilo na Unión Europea?

4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS

Cal é a túa opinión agora que tes descuberto tantas cousas? Comparte connosco os teus pensamentos. Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz.

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 



REFUXIADOS + MIGRANTES



Todos sirios?

1. SABÍAS QUE...?

Durante o pasado ano 2015 vivíuse no mundo a meirande crise de refuxiados dende a Segunda Guerra Mundial. Moitos deles, fuxindo da guerra, chegaron ata Europa. O colectivo máis grande foi o de persoas procedentes de Siria. Pero... sabías que existen persoas refuxiadas de moitas outras nacionalidades?

2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post foi publicado polo diario El País o día 24 de setembro de 2015. Fíxate ben e contesta:
      • entre que meses do ano 2015 están recollidos estes datos?;
      • a través de que mar chegaron a Europa estes migrantes?
      • a meirande parte dos refuxiados son de seis nacionalidades distintas. Ordea os países dende o que aporta máis refuxiados ata o que aporta menos;
      • como puideches contestar á pregunta anterior? que pistas atopaches no gráfico?
      • todos estes refuxiados queren chegar a Europa, pero non son europeos; de que continentes proceden?
      • de cada 100 persoas que chegan a Europa, 83 son dalgún destes países; cantas son doutros países distintos?
3. USA A CABEZA E PENSA

Por que cres que os habitantes intentan fuxir destes países?
Investiga na internet. Para iso, pregunta a Siri, o asistente do teu ipad, e poderás elixir entre as respostas que che ofreza.

4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS

Que tal se nos contas todo o que tes descuberto? Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 



miércoles, 6 de enero de 2016

REPARTINDO REFUXIADOS...



... dende os países de procedencia de solicitudes. 

1. SABÍAS QUE...?

Durante o ano 2015, a Comunidade Económica Europea aceptou dar asilo a 160.000 persoas refuxiadas. A meirande parte proceden de Siria, Iraq e Eritrea. Chegaron a Europa a través de tres vías principais. Por iso, o reparto de solicitudes aprobadas fíxose en función do país de entrada na Unión Europea.

2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post foi creado por Raúl Sánchez e publicado en eldiario.es o día 9 de setembro de 2015. Fíxate ben e contesta:
      • cales son os principais países de entrada de refuxiados na Unión Europea; 
      • que cantidade de solicitudes foi aceptada en cada país de entrada;
      • cantas solicitudes foron aceptadas en total.
3. USA A CABEZA E PENSA
      • Busca no mapa de Europa estes tres países de procedencia das solicitudes (Grecia, Hungría e Italia). 
      • Aínda que pertencen a Asia, neste mesmo mapa poderás atopar dous dos países de orixe dos refuxiados: Siria e Iraq. Localízaos. 
Agora que xa sabes de onde veñen e a onde chegan os refuxiados... que medios de transporte pensas que terán empregado para chegar ata Europa?

4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS

Que tal se nos contas todo o que tes descuberto? Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz. 

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 





+ REFUXIADOS - PRESIÓN



Solidarios entre os membros da Comunidade Europea?

1. SABÍAS QUE...?

Durante o ano 2015 vivíuse en Europa a maior crise humanitaria dende a fin da Segunda Guerra Mundial. Unha enorme masa de refuxiados, particularmente sirios, comezou a chegar a Europa a través de Grecia, Italia e Hungría. Ante a incapacidade destes estados de xestionar este problema migratorio, a Unión Europea decidíu facer un reparto de 120.000 refuxiados entre os países membros para aliviar a situación nos países de chegada.

2. OBSERVA E BOTA CONTAS

O gráfico que ves na cabeceira deste post foi creado por Carlos Gámez e publicado no diario 20 minutos o día 9 de setembro de 2015. Se premes nel obterás unha información interactiva moito mais detallada. Fíxate ben e contesta:
      • Cantos países da Unión Europea entrarán no reparto de refuxiados?
      • Que cantidade de refuxiados recibirá cada un deles?
      • Ordea estes países segundo reciban un maior ou menor número de refuxiados. 
      • Que número total de refuxiados entrou en Europa a través de Italia? 
      • E de Grecia?
      • E de Hungría?
3. USA A CABEZA E PENSA

Investiga na internet cantos e cales son os países que, na actualidade, configuran a Unión Europea. 
      • Cales destes países non están incluídos no reparto de refuxiados?
      • Por que cres que non están incluídos?
4. COMPARTE CONNOSCO OS TEUS PENSAMENTOS


A Unión Europea é unha entidade xeopolítica cun gran potencial económico e humano, que outorga unha gran relevancia á solidariedade e á democracia. Tendo en conta isto e o que tes descuberto, comparte connosco os teus pensamentos. Precisamos a túa axuda para elaborar o Manifesto para o Día da Paz. 

Preme nos comentarios deste post e escribe o que a túa aula ten descuberto e pensado acerca desta catástrofe humanitaria. 



viernes, 1 de enero de 2016

FELIZ ANINOVO!



E felices ansias por incrementar a nosa sabedoría. 

O meu compañeiro e amigo Jose venme de facer este precioso agasallo para comezar este ano 2016 que quero compartir convosco: a chave para aventurarvos nas aventuras máis incribles.

Feliz 2016!