GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 24 de diciembre de 2012

DOCE NADAL



O Equipo de Biblioteca, e toda a Comunidade Educativa do CEIP Frian - Teis deséxavos un Doce Nadal .

E, para facelo, que mellor que compartir convosco o resultado do noso traballo.

Como ben sabedes, o noso PDI deste curso titúlase A lingua sabe a pan. Por iso, os nosos alumnos estiveron a investigar sobre os pans doces que son típicos no Nadal en moitos países.




Antes de nos despedir, tres consellos
      • Aproveitade as ocasións que se nos ofrecen para pasar unhas felices vacacións en familia. En Vigoentrefamilias póñennos ó día,
Para todos e todas, Feliz Nadal!

FESTA DO NADAL




O venres 21 foi un día especial no noso colexio. 

Para celebrar o fin de trimestre, no cole programamos un día distinto, no que a ANPA tivo un papel fundamental.

Antes de nos reunir no Salón de Actos, nas aulas houbo moita actividade, ultimando adornos de Nadal. Mentras, na ANPA, un feixe de pais e nais traballaban arreo preparando chocolate e bica para todos.



E despois desta fantástica merenda compartida, subimos ó Salón de Actos, onde disfrutamos dunha fantástica obra protagonizada polos nenos e nenas do Obradoiro de Teatro: O parrulo da Paz.

Como o tempo corría na nosa contra, dende o noso sitio cantamos as panxoliñas tradicionais galegas preparadas por cada nivel. Os de 5º de Primaria estiveron acompañados polos profes Manolo e Ana Fernández, tocando, respectivamente, o tamboril e a pandeireta.

E, para rematar, unha visita sorpresa: dende o Polo Norte, directamente en Frian, Papá Noel.



Grazas a todos e a todas os que, co seu traballo e agarimo, fixeron posible esta fantástica festa!

domingo, 23 de diciembre de 2012

CHEGOU O INVERNO


Último Venres de Viva Voz do 2012.

Ata o vindeiro ano 2013, remataron os Venres de Viva Voz por este curso. E os encargados de pórlle peche foron os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos A, que recitaron un poema sobre O inverno. Moi axeitado, xa que acabamos de estrealo.





Grazas, chicos e chicas!


A PELÍCULA DE ANA


Este é o título da nova que elixiron os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos B.

A última Nova da Semana do 2012 tivo como protagonista a Ana, unha nena de A Coruña que padece cinco enfermidades distintas. Recentemente, presentouse unha película que explica a súa historia.

Para explicala, os rapaces de 5 anos B fixeron este precioso mural, que vos presentamos fotograma a fotograma.





Para rematar, neste vídeo podedes ver como presentaron a súa nova ó resto dos compañeiros. Estaban tan nerviosos que precisaron a axuda da súa profe. Pero iso é natural, como a vida mesma!



Parabéns por un traballo tan estupendo. Tratouse dunha auténtica tarefa de investigación sobre a prensa. 


sábado, 22 de diciembre de 2012

ADOPTANDO LIBROS





Na nosa Biblioteca existe un feixe de libros para adultos que están orfos de lectores. 

Por iso, este ano (despois da idea tomada dalgún centro integrado no PLAMBE) temos promovido a iniciativa titulada Adoptando libros polo Nadal.

Os libros saíron dos andeis, e, grazas ós nenos e nenas, chegaron onda os seus pais. Pero, antes de facelo, sufriron un laborioso proceso. Queredes coñecelo...?

Primeiro, cada aula acudiu á Biblioteca e escolleu o libro máis axeitado ó seu pai ou á súa nai. 



Logo,  houbo que empaquetalo. Se premes aquí, descubrirás ós alumnos de 5º e 6º de Primaria en plena acción. Despois de aprender, algúns deles acudiron ás aulas de Infantil para, á súa vez, axudarlles. Comprobádeo aquí

Os paquetes quedaron preciosos. Esta é unha pequena mostra:



E, finalmente, seguiron o seu camiño. 

Agora xa están nos seus novos fogares, onde esperan ser lidos con agarimo. Co mesmo agarimo con que os rapaces teñen escollido un libro para os seus pais. 



miércoles, 19 de diciembre de 2012

GARBANCITO



Este foi o título do contacontos do pasado luns.

Estivo a cargo de Aroa (2º A) e de Úrsula, a súa nai. Todos os asistentes estiveron moi atentos, e aprenderon aquilo de:

Pachín, pachín, pachán.
Cuidadito con lo que haceis.
Pachín, pachín, pachán.
A Garbancito no piseis.

E logo, con cáscaras de noz, garabanzos, paciencia e imaxinación, cada rapaz marchou co seu propio Garbanciño.


Grazas pola última Tarde de Conto deste ano 2012.

domingo, 16 de diciembre de 2012

PARA LER NO NADAL


Chega o Nadal.

Un tempo propicio para a lectura e os agasallos.

Para orientarvos na elección de lecturas, no Equipo de Biblioteca temos seleccionado algunhas das moitas que nos ofertan as editoriais por estas datas.

Respecto a outros anos, a nosa selección presenta dúas novidades:
      • Se premedes en cada título, atoparedes un enlace no que se vos fala sobre o argumento ou o contido do libro. Así poderedes orientarvos mellor e facer a elección que máis vos interese. 
      • Tamén incluímos tres lecturas para pais e nais que poden contribuír a mellorar as relacións cos vosos fillos. 
Coma sempre, incluímos música e lecturas en Inglés. 

Esperamos que o que temos escollido resulte do voso agrado. 

Felices Lecturas polo Nadal!



A HISTORIA DO APALPADOR, EN PICTOS



Achégase o Nadal, e o personaxe do Apalpador reaparece con forza no noso panorama educativo.

Ano tras ano, os recursos multiplícanse. Pero hoxe queremos ter moi en conta a eses alumnos e alumnas que poden aprender e se comunicar grazas ós pictogramas. Para eles, esta adaptación do Apalpador en pictogramas elaborado por Cuca da Silva.


sábado, 15 de diciembre de 2012

CONTACONTOS CON "A TROPA DE TRAPO"



Unha fantástica sesión de contacontos que tivo lugar no noso Centro o pasado xoves día 13.

Estivo organizado polo Departamento de Orientación, e participou todo o alumnado de Educación Primaria.

A sesión, titulada Antía, Wamba e o regato pequeno, formaba parte da Campaña de sensibilización pomovida polo Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade do Concello de Vigo (Impórtanos!). Ó frente dela, Brais das Hortas e Marta Ortiz (ou sexa, A Tropa de Trapo).

Os personaxes que dan unidade ó contacontos son Antía (unha nena galega) e Wamba (un emigrante). Por circunstancias, entran en contacto, e deciden facer un curioso intercambio: por cada petisco do bocadillo de Antía, Wamba regalaralle un conto. Contos que promoven a paz e a solidariedade.

Que dicir deste rato que pasamos xuntos...? Simplemente: fantástico. Uns actores estupendos, uns contos axeitadísimos e un trato único co alumnado, involucrándoos no desenvolvemento do relato e introducindo intres de "desconexión" entre conto e conto para que a rapazada non se cansara.

Penso que as palabras sobran. Fixarvos nas caras e nas olladas dos cativos. Resultan moito máis expresivas que todo o que vos poda contar.





Grazas por esta fantástica mañán!


PANS DOCES DE NADAL



Chega o Nadal, e todos identificamos estas festas con turrón e cava. Pero... sabedes que, no mundo, existen infinidade de pans doces que se cociñan nestas datas de xeito tradicional...?

Como nos conta Pepe Iglesias na súa fantástica web Enciclopedia de Gastronomía.es, para coñecer a orixe destes pans doces temos que nos remontar "ós tempos cando os animais falaban". A produción a niveis industriais da cana de azucre non comezou en América ata despois da colonización (a pranta foi introducida por Colón na súa segunda viaxe); e a remolacha azucareira non se estendeu ata as guerras de Napoleón.

Así pois, ata a época dos árabes (século VIII en adiante) non se coñecían máis endulzantes que o mel e a froita sobremadura (froitas confitadas, escarchadas ou pasificadas).

As festas do Nadal teñen a súa orixe moito antes da era cristiá, cando a agricultura (e a supervivencia) mandaban no calendario. Daquela, o inverno era a época escura do ano, na que non se podía traballar no campo, e na que había moito tempo de ocio. Como non existía produción, pasábase fame. Por iso, a chegada do solsticio de inverno (21 de decembro) considerabase unha grande festa, xa que, a partir dese día, as horas de luz ían aumentando e a esperanza de ter unha boa colleita medraba.

E... cando renace a esperanza... hai que festexalo! Así que, nesas datas, botábase "a casa pola fiestra", e comíase o que non se comía en todo o ano. Ademais, con tanto tempo libre, había horas dabondo para elaborar receitas moi complexas, que mesturaban froitos secos, fariña e graxas procedentes da matanza e curadas ó frío.

Investigando, temos descuberto que, en toda Europa (e tamén en América, grazas á Conquista e á emigración) son tradicionais estes pans doces. Así que, nestes días, o alumnado de todas as aulas está traballando sobre o tema (xa vos mostraremos os seus resultados).

Mentras tanto, deixámosvos con varias cousas. En primeiro lugar, coa nosa decoración navideña, na que participaron todas as familias do noso Centro. Nesta ocasión, como vos contabamos noutro post, tratouse de decorar un panettone. E, como veredes, saíron traballos fantásticos e moi creativos.




Uns traballos estupendos, e só unha mostra do moito que se ten feito. 

En segundo lugar, deixámosvos este LIM sobre os Pans doces de Nadal que ten preparado o Equipo TIC do noso Centro. Para ir avanzando no tema.




E, por último, convidámosvos a nos visitar cando estean publicados os traballos que están preparando os nosos alumnos. 



viernes, 14 de diciembre de 2012

ÁNGELA E LUCÍA CONTÁRONNOS UN CONTO



Sucedeu nas Tardes de Conto

Foi o 10 de novembro, ás 4 da tarde. Ángela e Lucía elixiron para a súa sesión Tomás y la goma mágica, de Ricardo Alcántara. Tomás, o protagonista, era un boneco que, aínda que tiña dous amigos, sempre estaba de mal humor. A goma máxica que un día atopou ó espertar cambiaríalle a vida.

Durante a sesión, os oíntes tiveron que participar, imitando as reaccións de Tomás.

E, para rematar, e xa que se achega o Nadal, tocou escribir. Os alí presentes aproveitaron para redactar as súas cartas ós Reis Magos.

Mágoa que, nesta ocasión, Frianciño estivo despistado e non levou a cámara. Así que, por desgracia, non temos imaxes desta sesión. Pedimos desculpas, por iso, ás nosas protagonistas.

E para Ángela e Lucía...

Grazas polo voso entusiasmo e polo voso conto! E por ser, cada curso, unha das visitas ineludibles nas nosas Tardes de Conto!


LENDO ANUNCIOS



Hai un par de semanas, os alumnos e alumnas de 6º A foron os encargados de elixir a Nova da Semana

Pero decidiron que tamén hai que ler anuncios. Por iso fixeron esta recompilación. Ó carón deles podedes ler a interpretación que teñen feito, moitas veces, en pareados.





XOGOS TRADICIONAIS EN 6º B



Hai xa dúas semanas, os nenos e nenas de 6º B gravaron o seu Venres de Viva Voz.

Nesta ocasión, en relación co noso Proxecto Documental Integrado deste curso, trataron sobre os Xogos Tradicionais. E, para iso, contaron, tamén, coa voz dos pais e dos avós, que, a través de diversos vídeos, informáronlles sobre os xogos favoritos da nenez.

Aquí os tendes:



jueves, 13 de diciembre de 2012

LEONARDO, Ó NOSO ALCANCE



O 13 de decembro péchase o Tricentenario da fundación da Biblioteca Nacional.

E é un bo intre para festexar e darvos a coñecer (se é que aínda non a coñecedes) a última novidade que nos ofrece a Biblioteca Nacional: Leonardo Interactivo.

A imitación da versión dixital de El Quijote, Leonardo Interactivo é unha ferramenta interactiva que pon a disposición do público a versión dixital dos Códices de Madrid I e II, dúas das alfaias da Biblioteca Nacional. Pero, a diferencia da primeira obra, o Leonardo Interactivo ofrece animacións dos diferentes instrumentos debuxados por Leonardo nos códices, a cronoloxía da súa vida, un achegamento ás diferentes artes e oficios abordadas por el, enlaces a códices relacionados e custodiados noutras bibliotecas, unha aproximación á época do Renacemento dende todos os puntos de vista, xogos interactivos...

Todas as posibilidades están perfectamente recollidas neste vídeo de presentación:





Se o prefires, aquí tes o Manual de Navegación en formato pdf. 

Estás preparado para iniciar esta grande e suxerente aventura...?

Pois preme na imaxe e introdúcete no marabilloso mundo de Leonardo da Vinci



Que aprendades e disfrutedes moito!



miércoles, 12 de diciembre de 2012

12do12do12: RECITANDOCELSOEMILIO



Chegou o día sinalado.

E, tal como tiñamos programado, todo o alumnado e profesorado do Centro reuníuse no patio para lembrar e recitar a Celso Emilio.

A pesar da premura de tempo, todo o mundo acometeu con entusiasmo a súa tarefa: os rapaces e rapazas que nos dirixiron a todos na lectura; o profesorado que ensaiou Deitado frente ao mar co seu alumnado, os que buscaron distintos vídeos sobre Celso Emilio e a súa obra, ou os que propuxeron a elaboración de murais.

Foi un acto curto, sinxelo, pero realmente emotivo. E iso apreciábase no silencio e no respecto co que todo o mundo escoitaba a lectura dos compañeiros e compañeiras. E no marmurio que inundou o patio durante a lectura de Deitado frente ao mar.

Unha (ou varias) imaxes valen máis que mil palabras. Por iso, aquí tendes algúns flashes deste día:



En todo intre, este acto vencellámolo co Proxecto Documental Integrado deste curso. Porque un acto en defensa da nosa lingua non pode desvincularse dun proxecto que trata sobre a Tradición Oral. Neste vídeo podedes relembrar o que aconteceu:




Grazas á Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística por convocar esta fermosa acción que conqueriu que 200 centros educativos e 30.000 alumnos e alumnas vibrásemos, ás 12 do mediodía, coa mesma frecuencia. 


martes, 11 de diciembre de 2012

E TI, POR QUE NON FALAS?...


Presentámosvos o vídeo gañador no Concurso Ouff Escola. E enlazámolo coa proposta RecitandoCelsoemiliO

Titúlase Maxín, e está realizado e interpretado polo alumnado do C.E.I.P. Valverde Mayo (Mos). Ademais de estar feito con moito gusto, amosa un grande amor á nosa lingua. Un vídeo imprescindible para quen, coma nós, está a desenvolver un proxecto sobre a Tradición Oral.

Convídovos a visualizalo con moita atención e a contestar á pregunta do protagonista: e ti, por que non falas?




Como respostando a esta pregunta, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística lánzanos unha proposta moi concreta: 

RecitandoCelsoemiliO

En que consiste esta proposta?

É unha acción conxunta que pretende homenaxar a Celso Emilio Ferreiro no remate deste ano 2012 adicado á súa memoria. 

Para iso, proponse a lectura do seu famoso poema Deitado frente ao mar, no que afirma, contundente:

eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana

Aquí podedes consultar a proposta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. 

E aquí deixámosvos coa reinterpretación do devandito poema elaborada polo alumnado do IES As Barxas (Moaña) en colaboración cos seus profesores de Plástica (Luz Beloso) e de Música (Seso Durán). Un magnífico traballo que acredita que o Primeiro Premio do Concurso Nacional CreArte, gañado por eles o ano pasado, estaba ben merecido.




Practicade aquí a lectura de Deitado frente ao mar

E lembrade a data e a hora da convocatoria: 



domingo, 9 de diciembre de 2012

10 de DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMÁNS


Celébrase dende o 10 de decembro de 1948.

Case tres anos despois do remate da Segunda Guerra Mundial (esa contienda tan violenta, inhumana e sanguinaria) a Asamblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humáns. Era o día 10 de decembro, e, dende entón, nesa data celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humáns. Tamén, dende entón, todos os países membros recoñecen esta declaración como norma común de aplicación.

Que quere dicir isto...?

Pois que todas as autoridades deben respectar a dignidade das persoas, trátese de homes ou mulleres, adultos ou nenos, sen importar a raza, relixión, idioma, opinión política, situación económica ou lugar de nacemento.

Pero tamén quere dicir que todo home, muller, neno ou nena ten a obriga de respectar os dereitos dos outros.

Non podemos reivindicar nin respectar o que non coñecemos. Por iso cómpre coñecer en que consisten os Dereitos Humáns. Pero cómpre tamén ser críticos na súa análise, e comprobar que para que os dereitos humáns estean universalmente extendidos todavía queda moito por andar.

Así que... mans ó traballo!

Para coñecer máis polo miúdo a Declaración Universal dos Dereitos do Home, non perdas detalle deste vídeo:




Teste fixado na canción que soa de fondo...? É do grupo SKA-P, e titúlase Hijos bastardos de la globalización. Podes ler o seu texto mentras escoitas novamente a música neste vídeo: 




Non cres que ten "moito miolo..."? Neste caso, falaba dun neno do Terceiro Mundo explotado polos intereses das grandes empresas e dos países ricos. Desafortunadamente, esta situación estase a dar coas clases traballadoras de países desenvolvidos coma o noso. 

Como vedes, pois, a extensión da universalidade dos Dereitos Humáns non é un tema doado. 

A Humanidade leva intentando extendelos non 64, senon moito máis de 2000 anos. Fíxate neste vídeo titulado La historia de los Derechos Humanos. Estate atento, e, sobre todo, pensa.





Queda moita tarefa. Pero logralo está nas nosas mans. Podemos comezar cantando:




Concienciémonos: somos nós quen temos que facer realidade a Declaración Universal dos Dereitos Humáns

Comecemos a facelo dende hoxe. 


viernes, 7 de diciembre de 2012

A METAMORFOSE (DO LOBISHOME)



Unha creación dos alumnos e alumnas de 4º B para o Venres de Viva Voz.

Polo Samaín, o alumnado de 4º B tivo que investigar sobre un dos personaxes máis terroríficos da nosa Tradición Oral: o Lobishome. Para dárnolo a coñecer a todos crearon esta obra de teatro titulada A Metamorfose.


Grazas ós rapaces de 4º B e a Celsa, a súa profe. 


jueves, 6 de diciembre de 2012

UNHA FIN DE SEMANA MOI DOCE

Como cada ano, chegou a Ponte de decembro.

E, como cada ano, dende o Colexio propuxemos unha manualidade para fomentar a creatividade das nosas familias, de cara á chegada do Nadal.

Nesta ocasión, a proposta tivo moito que ver co noso Proxecto Documental Integrado A lingua sabe a pan. 

Sabedes que, en moitas partes do mundo, cando chega o Nadal, é tradicional paladear certos pans doces? Pois se non o sabedes, en vindeiras datas o coñeceredes, porque diso trata o último traballo bibliotecario do noso alumnado para este Trimestre.

E mentras tanto, unha fin de semana por diante para decorar este Panettone.

A ver que preciosidades chegan o luns ó Colexio!

martes, 4 de diciembre de 2012

UN LUNS DE CONTO



Onte, luns día 3, a Biblioteca estivo de bote en bote. 


Porque Noel, Anxo e Isa (a súa nai) viñeron nos contar un conto: Dos osos muy hambrientos. 

Como veredes nas fotos, toda a familia participou na actividade. E, para rematar, cadaquén levou un calcetín (deses que sempre temos desparellados na casa) para aprender a facer unha fantástica marioneta.



Grazas á familia Barbosa polo seu entusiasmo e a súa disponibilidade total!

E grazas a todos os pais e nais que, semana a semana, achéganse cos seus fillos e fillas para introducilos no marabilloso mundo dos contos!

lunes, 3 de diciembre de 2012

6 de NADAL: DÍA DA CONSTITUCIÓN

Un ano máis, chega esta data que debera ser tan senlleira para nós. 

Dende cativos, os rapaces deben aprender a valorar a nosa Constitución, a norma básica que establece os dereitos de todos os cidadáns do noso país. Coñecendo os seus dereitos, repararán tamén nos deberes que teñen coma cidadáns. E coñecendo como se xestou a Constitución cairán na conta de que esta norma é moi importante para todos nós, e que, xa que moita xente padeceu por conquerila, temos a obriga de salvagardala e respectala.

Todos sabemos que non podemos valorar nin respectar o que non coñecemos. Por iso parece moi oportuno achegarse á nosa Constitución dun xeito lúdico.

Estes materiais interactivos da Junta de Andalucía semellan moi axeitados para traballar nas nosas aulas pola súa sinxeleza, pola súa claridade e por achegarnos á Constitución coma se fora un xogo.




E A TI... A QUE CHE SOA...?


Unha nova pregunta do noso concurso A voltas coa lingua. 

Na última proposta do noso Concurso obtivemos esta resposta da nosa compañeira Helena Martínez (5º B):

A lingua é coma un arroio cheo de fadas. Para min os arroios murmuran e tamén falan.

Daquela pedíamosvos unha imaxe coa que comparar a lingua. Helena móstranos un arroio. Pero non se trata dun arroio petrificado, inmortalizado nunha fotografía dunha pequena corrente que xa non voltará levar a mesma auga. É unha imaxe sonora: un arroio murmurador e faladeiro

E a ti... a que che soa a lingua...? Que intres máxicos, que sonoridades che lembra...?

Cóntanolo completando o seguinte formulario. 



TRAÍANOS Á RETINA A IMAXE DE...


Hai unhas semanas plantexabamos unha nova pregunta: Con que imaxe compararíades a nosa lingua...?

As vosas respostas, todas elas fermosas, sábennos a tradición, a bosques profundos nos que danzan seres fantásticos, a postas de sol, a xigantescas lúas brillantes en ceos poboados de estrelas...

Ante a imposibilidade de publicar todas, deixámosvos unha escolma. Esperamos que vos inspiren imaxes doces e evocadoras.


      • Eu creo que é coma unha noite con sol e estrelas amarelas. (Laura Martín Fernández - 5º B)
      • Para min a lingua galega é como camiñar por un arco da vella e ver seres fantásticos. (Silvia Mete Vázquez - 5º B)
      • A min paréceme como un gnomo con unha cacerola de ouro máxico. (Iván Fernández Lago - 5º B)
      • É coma un arroio cheo de fadas. Para min os arroios murmuran e tamén falan. (Helena Martínez Hoelker - 5º B)
      • Para min a lingua galega é coma un riachuelo cheo de máxicas cores e máxicos seres. (Lhorrana Cordeiro Silva - 5º B)
      • Para min a lingua galega é un paraiso de doces. (Ares Rodríguez Rodríguez - 5º B)
      • Para min a lingua galega é marabillosa, coma o espazo coas estrelas. (Xandre Veloso - 5º B)
      • Eu compararía á lingua galega con Cunquiña, porque ela é a fonte do saber. (Lucas Amoedo Rodríguez - 5º A)
      • Eu creo que a lingua galega é coma un unicornio alado. (Andrés Lopez Bastos - 5º A)
      • Eu compararía a lingua galega cunha imaxe dun bosque de fadas pequenas e luminosas cun arroio de augas cristalinas e brillantes. (Ariadna Gónzalez Ballesteros - 5º A)
      • Eu a compararía cunha imaxe dun unicornio de mil cores sobrevoando o arco da vella. (Nieves Rodriguez Salvador - 5º A)
      • Eu o compararía cun pegaso, porque voa, e a lingua galega é boa. (Anxo Pérez Barbosa - 5º A)
      • Para min é coma unha princesiña esperando a chegada do seu príncipe azul. (Rebeca Alperi Alonso - 5º A)
      • Cunha posta de sol na estación de outono. (Sara Gutiérrez García. 6º B)
      • Compararía a lingua cun mar de cores e un atardecer de bicos. (Sara Cerqueira Almuiña - 6º B)
      • Coas cores do inmenso océano pola noite, co reflexo da lúa. (Alba Pérez Álvarez - 6º B)
      • Cun carballo, porque é grande e está chea de sabedoría. (Estevo Rodríguez Gallego - 6º B)
      • Para min a lingua é un Poni Voador. (Claudia Pérez de Lis Redondo - 1º B)

Grazas a todos polas vosas aportacións, e por xogar coa nosa lingua neste exercicio que,  aínda que en prosa, sabe a poesía. 


domingo, 2 de diciembre de 2012

UNHA CARTA DE CUNQUIÑA



Achegámonos o Nadal, e no colexio propómonos estudiar os pans doces. 

Por iso, Cunquiña ten escrito unha carta á rapazada de Educación Infantil. Aquí a tendes.




3 de decembro: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE


No ano 1992, a O.N.U. proclamou o día 3 de decembro Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Para este ano 2012, a O.N.U. ten proposto o lema: Eliminar as barreiras para crear unha sociedade incluínte e accesible a todos.  

Facemos nosas as palabras da O.N.U. para abordar o tratamento deste día:


En moitas partes do mundo, a incomprensión no tema da accesibilidade, como parte integrante do desenvolvemento, segue a ser un obstáculo para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, asi como outros resultados acordados a nivel internacional para todos. 

A conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade no ano 2012 ofrece unha oportunidade para abordar esta exclusión, centrándose na promoción da accesibilidade e a eliminación de todo tipo de barreiras na sociedade. 


Deixámosvos con este vídeo no que se mostran algunhas ideas que todos podemos aplicar para eliminar barreiras e facilitar a vida das persoas con discapacidade.