A A.N.P.A. do noso Cole está sempre disposta a participar nos proxectos da nosa Biblioteca. Como este ano a nosa proposta vai sobre os bosques (Un bosque para ler e navegar), xa levan organizado dúas andainas familiares.
Nesta ocasión, percorrimos unha parte do Sendeiro dos Muíños do Río da Fraga, en Meira (Moaña).
Xa o nome do sendeiro prometía moito. Pero iniciar a ruta siñificou introducirnos nun bosque máxico no que, xunto ó murmurio persistente da auga, se intuía a presenza de seres fantásticos. Resultaba inevitable imaxinar algún druída ó carón dun carballo, ou fermosas xacias que, sentadas nunha rocha, peiteaban os seus loiros cabelos nun remanso. Quizáis o grupo tan numeroso espantara a algún trasgo que correra a esconderse baixo un fento. Os vellos muíños destellados eran a testemuña calada dun tempo no que a roda de facer a fariña rompía o silencio da fraga, e os animais cargados de sacos transportaban o millo moído para facer un pan que enchía de arrecendo o forno e servía para saciar a fame durante toda a semana.
Algúns entusiastas das Ciencias Naturais acudiron pertrechados de papel, lápis, botes para gardar tesouros e prismáticos. Outros atoparon rás e babosas polo camiño. Os amantes da fotografía e da arte non sabían que atender, tal era a cantidade de marabillas que nos rodeaba.
Xulgade por vós mesmos (non estades a escoitar o tintineo persistente da auga?):
Como vedes, un día perfecto que continuou coa comida e coas rutas durante a tarde no Lago Castiñeiras.
Noraboa a Coni e ó resto dos membros da A.N.P.A. por tan boa organización.
Xa estamos a desexar outra saída así...!

No hay comentarios:
Publicar un comentario