GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 8 de abril de 2010

FUNCIÓN DE TEATRO


Esta mañán, os nenos e nenas do Colexio (dende Educación Infantil ata 4º curso de Primaria incluídos) temos participado nunha fantástica sesión de teatro coa que temos sido agasallados pola Editorial Anaya.



A obra, interpretada por  Chus Álvarez e Antonio López-Rico, de Casa Hamlet, titulábase As formigas, e contaba as aventuras de dúas formigas que atopan unha suculenta merenda pousada na herba por uns excursionistas. Nalgunhas ocasións, estes insectiños esquecen compartir co seu compañeiro o botín; pero, no fondo, acaban demostrándonos que se queren.

Ademais de facernos rir a cachón, os actores souberon involucrar ó público, e mesmo a algún profe. Así, resulta que na obra apareceron uns personaxes coñecidos por nós: a carteira Nieves, o acordeonista Juan (José) Formiga e a bailarina Lía Formiga, que, no concurso Formigalia, conseguiron vencer á cantante Formiga Dorotea.

Segundo a opinión dos nosos mellores críticos, a función foi un éxito. Recollemos a opinión de Roque, de 5 anos: "de todas as cancións e obras que temos visto, esta é a mellor".

Así que... parabéns ós actores, e grazas por este agasallo.

Agora podedes comprobar que o que contamos non é mentira. E... é que... unha imaxe vale máis que mil  palabras!



2 comentarios:

Chus e Antonio (CasaHamlet) dijo...

Moreas de bicos doces para tódol@s nen@s e profes do cole Frián, de parte de Dorotea e Indalecio, as vosas formiguiñas amigas.
Vémonos noutras Formigalias teatreiras!! :)
Muak! ♥

Anónimo dijo...

Moitas grazas.Pasámolo moi,pero que moi ben. Ata pronto.