O martes 13, pola tarde, algúns pais e nais reuníronse para coñecer máis cousas sobre Senegal, despois de ter lido Lúa de Senegal, de Agustín Fernández Paz.
Foron moitos máis os que leron o libro e que, por cuestións de traballo, non tiveron a oportunidade de participar na posta en común.
Esta actividade realizouse en colaboración co Departamento de Orientación e o Equipo de Normalización Lingüística, e coa inestimable axuda de Concha Costas, coordinadora do Equipo de Biblioteca do I.E.S. Auga da Laxe de Gondomar, quen tivo a xentiliza de nos prestar varios exemplares para levala a cabo.
Contamos tamén coa intervención de Baba, un senegalés afincado en Vigo, que xa se considera un vigués máis. A través da súa intervención e da presentación preparada por Begoña, a nosa orientadora, aprendimos máis sobre a situación xeográfica, económica e política de Senegal. Tamén falamos sobre racismo, e sobre as impresións que reciben os africáns cando chegan a España.
Neste senso, Baba salientou que, contrariamente á súa experiencia noutros países europeos, en España síntese acollido porque, no seu traballo (como moitos galegos, está embarcado) é un máis, que come a mesma comida, no mesmo comedor, e comparte as mesmas estreiteces e celebracións que o resto da tripulación.
Salientaría unha anécdota contada por Baba: cando decidiu vir a Europa, o seu avó preguntoulle:
- E ti, para que queres ir a Europa?
Baba contestou:
- Para gañar diñeiro!
O avó, sabiamente, contestou:
- Ti tes que ir a coñecer xente, a facer amigos. Isto abrirache moitas portas, conseguirás traballo e diñeiro!
Grazas, Baba, pola túa compañía, e por achegarnos á túa cultura!
Grazas tamén a todos os pais que vos achegastes o martes ó colexio, e ós que seguistes a nosa actividade nas vosas casas. É un bonito xeito de seguir Facendo familia en Frian!

No hay comentarios:
Publicar un comentario