Despois dun intento fallido por mór do tempo, hoxe, por fin, celebramos a nosa II Quedada Literaria. Acudimos alí os CEIP O Pombal, Ría de Vigo, Carrasqueira, Emilia Pardo Bazán e Frian - Teis. E un grupo de alumnos do IES O Castro, que contaron contos para os máis cativos. E tamén estiveron connosco Ánxel (da Biblioteca Municipal Neira Vilas), Martan Souto (de Normalización Lingüística) e Antonio Fernández, o "alma mater" desta movida.
O CEIP Frian acudíu con dous grupos de alumnos: os nenos e nenas de 4 anos B e os alumnos bibliotecarios de 5º e 6º cursos de Primaria.
Os peques estivemos de escoitadores: os mozos e mozas do IES O Castro contáronnos tres historias: A pitiña roxa, A cebra Camila e A que sabe a lúa? Resultou entrañable a boa amistade que estableceron cos maiores. Para lembrar este intre tan emotivo fixemos intercambio de marcapáxinas. E, ademais, agasalláronnos cun exemplar de A que sabe a lúa? e coas caretas dos personaxes.
Os maiores compartiron lecturas cos rapaces do CEIP Ría de Vigo. Tras un momento de lectura individual recomendáronse lecturas en galego.
A merenda (como en toda excursión que se precie) foi un momento esperado. Tamén servíu para reforzar as novas amistades.
Ás 12 da mañán estabamos xa no interior do pazo, máis aló da pista de tenis. Acudíu a darnos a benvida o alcalde. E logo, cada centro fixo un pequeno recitado. Os nosos representantes foron os alumnos bibliotecarios, que bailaron O Pirata Metepata.
E para rematar, Baobab Teatro, con Andrea (ea, ea, ea) e Roque, fixeron as delicias de todos, grandes de pequenos.
Neste enlace podedes ver máis imaxes.

No hay comentarios:
Publicar un comentario