GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

miércoles, 28 de abril de 2010

OBRADOIROS CONTARTE

            

O martes 27 de abril estiveron no noso cole dúas animadoras da Editorial OQO, para facernos disfrutar cos Obradoiros CONTARTE.

Foron dúas sesións simultáneas.

A primeira, na que participaron os alumnos e alumnas de 1º e 2º A de Primaria, titulouse Qon ollo, e centrouse no conto titulado A pulga e o xigante. Despois de disfrutar do bo facer de Raquel, que é unha estupenda contacontos, a rapazada tivo que reflectir nunha lámina A3 o percorrido que, cada un deles, imaxinaba que fixera a pulga ó longo do conto.

A segunda, na que participaron as aulas de 6º e 4º B, titulouse Qnipintado. Baseouse no libro Caderno de Animalista, de Antón Fortes. Nesta ocasión, a monitora mostrounos cadros de autores famosos. A continuación,  amosábanos unha nova versión da obra, na que se substituían as personaxes orixinais por animais.


Así, en O Grito, de Munch, aparecía un simio; as Bailarinas de Degas  convertíronse en estilizados flamengos; un cartel de Tolousse –Lautrec  no vó de cinco papagaios … O obradoiro resultou ser un paseo pola pintura dende unha perspectiva singular:  o reino animal.

Despois, o noso traballo consistiu en versionar (en grupos) unha obra de arte sobre fondos dados, Así, uns  pintamos obxectos reais e creamos cadros surrealistas;  outros, coloreamos unha mesma imaxe de  seis xeitos diferentes, obtendo un auténtico cadro pop-art ó estilo de Andy Warhol.

Unha bonita maneira de aprender a mirar un cadro doutro xeito, e a disfrutar da pintura. 


CLUBE DE LECTURA INTER-CENTROS




O martes 27 de abril, un grupo de dez alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria acudiu ó I.E.S. República Oriental do Uruguai para participar na súa primeira experiencia dun Clube de Lectura.

A invitación partiu de Concha Mosquera, coordinadora da Biblioteca do noso IES. Acompañáronnos Adela, encargada do Clube de Lectura do Instituto e María, Javier, Piero e Silvia, alumnos do Primeiro Curso da E.S.O.

Como seguimos co noso Proxecto Documental Integrado, o libro proposto foi Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz. 

Estivo connosco, para nos contar cousas do seu país, Abdid, alumno de 4º curso da E.S.O., que chegou a mediados do curso pasado e que xa fala con corrección o español e entende perfectamente o galego.

Antes de entrar en materia, disfrutamos dunha magnífica presentación sobre un poema de Léopold Senghor, escritor e presidente do Senegal, titulado África.

Como resultou a nosa primeira experiencia, semellaba que estabamos un pouco cohibidos. Pero, o que chegou a continuación, deixounos cun grato sabor de boca, e con ganas de máis actividades deste tipo.

Primeiro, probamos o biscoito que levamos, e bebimos os refrescos cos que nos obsequiaron os nosos anfitrións.

E logo, Concha e os seus alumnos guiáronos polo Instituto adiante. Disfrutamos de espléndidos murais, e mesmo quedamos abraiados con algún experimento rápido que fixo para nós a profe de Química.

Ah! Tamén estivemos con algunha antigua alumna do noso cole, que nos saudou con entusiasmo cando  se deu conta de quen eramos.

Para rematar, fixemos unha foto todos xuntos. E invitamos a María e os seus amigos a vir un día ó colexio a contar contos ós máis cativos.



POESÍA EN FAMILIA: A VOTAR!!!


Despois dun tempo algo máis longo do que quixeramos, xa podedes votar para elixir os mellores traballos da actividade titulada Poesía en Familia. 

Como indicáramos nas bases, outorgaranse tres mencións especiais por ciclo. Pero, nalgúns casos, o xurado telo realmente difícil. Axúdanos, co teu voto, a solucionar este problema.

Antes de nada, refresca a túa memoria. Se estás lonxe e non podes visitar en directo a exposición dos traballos, aquí tes unha visita virtual: 






Para ler con máis tranquilidade os traballos, podes consultar este enlace que te levará á páxina web do Colexio.

Agora xa tes todos os datos para votar con criterio (puntúa cada fotografía de 0 a 5 estrelas)

  • Para votar as propostas relativas ó poema: Gaivotas, de Antón García Teijeiro, preme aquí.
  • Para votar as propostas relativas ó poema: En cuclillas, ordeño, de Miguel Hernández, preme aquí.
  • Para votar as propostas relativas ó poema: As catro estacións, de Antón García Teijeiro, preme aquí
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Canción das tres culleres, de Luis Pimentel, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Galicia, de Manuel María, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Mapas, de Concha Méndez, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Aceituneros, de Miguel Hernández, preme aquí.
  • Para votar as propostas entregadas polo alumnado do Terceiro Ciclo, preme aquí.  

martes, 27 de abril de 2010

NO DÍA DO LIBRO ESCRIBIMOS UNHA CARTA PARA ELSIE



Este curso, o noso Día do Libro estivo moi vencellado ó noso Proxecto Documental Integrado.

Como sabedes, o noso PDI deste curso titúlase Un cole, un libro: o mundo! e ten como tema central a Interculturalidade.

A idea que propuxemos para celebrar esta data está relacionada co libro de Jordi Sierra i Fabra Kafka y la muñeca viajera.



Xa que, a través das actividades de Formación Documental, cada grupo coñeceu un país ou continente diferentes, propuxemos que, de xeito colaborativo, escribiran unha carta para Elsie, a nena que perdeu a súa boneca. Por suposto, a remitente sería esta última.

A verdade é que estamos moi orgullosos do que o noso alumnado está a aprender con este xeito de traballar. Seguro que vós opinades o mesmo cando as leades.





Unha vez escrita a carta, e decorado o sobre, botámola ó buzón para facerlla chegar á súa destinataria:



domingo, 25 de abril de 2010

FINALISTAS NO CONCURSO EDUBLOG 2010


Falláronse os Premios Espiral Edublog 2010, e a páxina web do noso Colexio resultou finalista.

O lar de Frianciño non conqueriu ningún recoñecemento. Pero, como a páxina web é o noso lugar habitual de traballo, sentímonos igualmente galardonados. Podedes ver a lista de premiados no seguinte enlace:



Aproveitamos para felicitar ós blogs das Bibliotecas Escolares Galegas seleccionados: A Biblioteca de Colmeiro, Ars Legendi e As Mariñas. 

VISÍTANOS O EQUIPO DE BIBLIOTECA DO C.E.I.P. A LAMA



O pasado xoves 22 de abril recibimos a visita do Equipo de Biblioteca do C.E.I.P.  de A Lama.

Viñeron acompañados por Consuelo Rivera, Asesora de Bibliotecas Escolares do CEFORE de Pontevedra. 

Foi unha boa ocasión para compartir puntos de vista e ideas, e sobor de todo, para coñecernos. A verdade é que estamos desexando devolvervos a visita e disfrutar en directo da vosa marabillosa biblioteca!

AS FAMILIAS DO NOSO ALUMNADO ILUSTRAN POESIAS



Non, non... Non nos ten dado o sol. Xa sabemos que o Día Mundial da Poesía foi o 21 de marzo, e non o 12 de abril.

Pero, como lembraredes, polo Día da Poesía propuxemos ás familias que ilustraran un poema. (Podedes lembrar a proposta premendo neste enlace).

O 12 de abril celebramos (atrasado) o Día do Internacional do Libro Infantil, coas actividades que xa vos contamos noutra nova. Para facer esa data máis senlleira, organizamos esta exposición con todos os traballos entregados. 

Aquí tendes as fotos da exposición:





E neste enlace podedes disfrutar dos traballos das nosas familias. Todo un exemplo de creatividade, colaboración, e, mesmo... achegamento ás Novas Tecnoloxías!

Grazas e noraboa polos vosos magníficos traballos!

viernes, 23 de abril de 2010

23 de Abril: DÍA DO LIBRO



Hoxe, ademais de moitas outras cousas, celebramos o Día Mundial do Libro.

Un día de festa que comezou escoitando como Eva, alumna de 5 anos, felicitaba á súa mestra Charo cunha aperta e un Feliz Día do Libro. 

A nosa celebración, como vos contaremos noutro artigo, foi sinxela, e a culminación dun traballo coidadoso e longo. 

Mentras tanto, permitide que vos agasallemos con estes documentos que nos teñen chegado grazas á xenerosidade dalgúns compañeiros. 

Nunha época na que parece que a lectura está a vivir unha loita entre os formatos tradicionais e os dixitais, presentámosvos estes dous simpáticos vídeos. O primeiro chegou ás nosas mans por dúas vías: a través de Julia, do C.E.I.P. Mestres Goldar, e da miña amiga Ana. Esta última foi a que me enviou o segundo. 

Espero que os disfrutedes coma min e que, se cadra, vos sirvan de reflexión. 

En calqueira caso, como dicía esta mañán a miña alumna Eva: Feliz Día do Libro!






jueves, 22 de abril de 2010

ENCONTROS DO PLAMBE


O pasado venres 16 de abril tiven outra vez o pracer de compartir o estupendo traballo que se fai nas Bibliotecas Escolares Galegas, e disfrutar coas magníficas conferencias programadas por Cristina Novoa e Pilar Sampedro, as nosas Asesoras de Bibliotecas Escolares. 

Como o tema resultou tan interesante, quero compartir convosco algunhas das miñas notas. Nesta ocasión, as charlas estaban enfocadas hacia as bibliotecas escolares. Pero, en realidade, son aptas, aconsellables e, diría, incluso, moi recomendables para todo o profesorado.

Manuel Area, catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Laguna, falou sobre Bibliotecas escolares e alfabetización na escola no século XIX.

O punto de partida foi clarificar o que entendemos na actualidade por persoa alfabetizada: aquel individuo que ten capacidades para acceder á cultura en calquera soporte en que esta se presente. 

Que unha persoa estea alfabetizada no noso tempo esixe, polo tanto, acadar catro niveis: 

  • dominar a lecto-escritura (entendida en sentido tradicional);
  • alfabetizarse na comunicación audiovisual (incluíndo a lectura e a produción de imaxes); 
  • o dominio da cultura dixital; 
  • a alfabetización informacional. 


Unha persoa alfabetizada, na actualidad, deberá ser un individuo MULTIALFABETIZADO (é dicir, debe dominar estes catro niveis de alfabetización). 

Polo tanto, como mestres, resulta imprescindible renovar o noso xeito de facer: é importante introducir tecnoloxía nas aultas, pero o realmente trascendente é cambiar o modelo educativo, e desarrollar habilidades intelectuais para dominar esa tecnoloxía e así transformar a información en coñecemento. 

Catro son os principios educativos que deben guiarnos nesta tarefa: 

  • aprendizaxe a través da acción;
  • traballo colaborativo; 
  • empregar múltiples fontes de información; 
  • construtivismo. 
Estes principios deberán concretarse en actividades do tipo: 

  • búsqueda e análise da información;
  • escritura e comunicación colaborativa; 
  • reelaboración da información en distintos tipos de documentos. 
Estas son as ideas máis salientables. Á espera de que vos poda mostrar o vídeo da conferencia, remítovos ó blog persoal de Manuel Area, Ordenadores en el aula, para que saibades máis e podades aprender con el.



martes, 20 de abril de 2010

PALADEAMOS O SABOR DE SENEGAL CON CRISTINE




O pasado mércores 14 de abril, os alumnos e alumnas do Terceiro Ciclo recibiron a visita de Cristine, a nai de Oumar.

Foi unha aprendizaxe mutua. Por unha banda, Cristine, que fala francés, está a aprender español. Pola outra, aprendeunos moitas cousas do seu país: as linguas que alí se falan, a roupa que visten, a comida que comen, as bebidas que beben, os peiteados que levan...

Cristine, en todo intre, estivo pendente de nos agasallar: primeiro, preparando na súa casa unha suculenta comida ó estilo senegalés; logo, vestindo as súas mellores galas; por último, peiteándonos e mostrándonos os seus colares.

Para saber máis de Senegal, neste enlace podes ler o que Cristine, cunhas perfectas ortografía e caligrafía, preparou para nós nun correcto español.

Para coñecer máis polo miúdo esta actividade, podes disfrutar das seguintes fotos:





Grazas, Cristine, pola túa cercanía e disponibilidade, e por achegarnos a Senegal, o teu país!

lunes, 19 de abril de 2010

15 ANOS DE "PONTE NAS ONDAS"


O pasado venres 17 de abril celebrouse a XVI edición de Ponte nas Ondas.

Unha iniciativa pedagóxica que, hai quince anos, comezou cun sinxelo programa de radio e que, hoxe, tense convertido en "abandeirada" na defensa da nosa lingua, da nosa cultura e das nosas tradicións.

Neste decimoquinto aniversario queremos expresar o noso recoñecemento a este movemento co que, con ocasión da gravación de Meniños Cantores, tivemos a oportunidade de colaborar. Unha oportunidade inesquecible de traballo en equipo e de responsabilidade compartida, tanto para o alumnado como para os mestres que alí estivemos.


Moitos éxitos e moitas máis pontes para preservar o noso Patrimonio!






Escoita Ondas alén mar, o tema composto este ano por Pancho Álvarez para Ponte nas ondas, neste enlace

sábado, 17 de abril de 2010

PAPI E MAMI LEN "LÚA DE SENEGAL"


Abril, o mes dos libros, comezou forte no noso Cole. 

O martes 13, pola tarde, algúns pais e nais reuníronse para coñecer máis cousas sobre Senegal, despois de ter lido Lúa de Senegal, de Agustín Fernández Paz.

Foron moitos máis os que leron o libro e que, por cuestións de traballo, non tiveron a oportunidade de participar na posta en común.

Esta actividade realizouse en colaboración co Departamento de Orientación e o Equipo de Normalización Lingüística, e coa inestimable axuda de Concha Costas, coordinadora do Equipo de Biblioteca do I.E.S. Auga da Laxe de Gondomar, quen tivo a xentiliza de nos prestar varios exemplares para levala a cabo. 

Contamos tamén coa intervención de Baba, un senegalés afincado en Vigo, que xa se considera un vigués máis. A través da súa intervención e da presentación preparada por Begoña, a nosa orientadora, aprendimos máis sobre a situación xeográfica, económica e política de Senegal. Tamén falamos sobre racismo, e sobre as impresións que reciben os africáns cando chegan a España. 

Neste senso, Baba salientou que, contrariamente á súa experiencia noutros países europeos, en España síntese acollido porque, no seu traballo (como moitos galegos, está embarcado) é un máis, que come a mesma comida, no mesmo comedor, e comparte as mesmas estreiteces e celebracións que o resto da tripulación.

Salientaría unha anécdota contada por Baba: cando decidiu vir a Europa, o seu avó preguntoulle:
           - E ti, para que queres ir a Europa?
Baba contestou: 
           - Para gañar diñeiro!
O avó, sabiamente, contestou: 
           - Ti tes que ir a coñecer xente, a facer amigos. Isto abrirache moitas portas, conseguirás traballo e diñeiro!

Grazas, Baba, pola túa compañía, e por achegarnos á túa cultura!

Grazas tamén a todos os pais que vos achegastes o martes ó colexio, e ós que seguistes a nosa actividade nas vosas casas. É un bonito xeito de seguir Facendo familia en Frian!






miércoles, 14 de abril de 2010

JAVIER URRA NO CLUB FARO



O pasado venres día 9 de abril, tivemos o gozo de contar na nosa cidade coa presenza de Javier Urra, ex-Defensor do Menor na Comunidade Autónoma de Madrid. 

As nosas múltiples ocupacións non nos permitiron estar alí. Pero "os nosos espías" achegáronnos unhas valiosas informacións que, sen dúbida, serán de sumo interese para todos os pais e nais preocupados pola educacion dos seus fillos e fillas.



A nosa confidente deixounos escritas estas perlas, pronunciadas por Javier Urra durante a conferencia: 

  • "Al niño hay que educarle para que sea mejor, no el mejor". Hay que educar para que los niños sean respetuosos, cariñosos,  solidarios, autónomos, compasivos, para que tengan un pensamiento alternativo y aprendan a manejarse en el conflicto, para que sientan  respeto intergeneracional, para que sean asertivos, para que toleren  la frustración". 

  • "Tenemos que poner límites, no ocultar el dolor y la muerte, no  sobreprotegerlos, relativizar por medio del sentido del humor,  enseñarles a tener pensamientos positivos, a perdonar y dejarse  perdonar, a diferenciar lo que está bien de lo que está mal, a estar  solos, a sentirse bien en contacto con la naturaleza, darles un  sentimiento de trascendencia (no necesariamente religioso), a pasar  del egoísmo al altruismo."

  • "Los niños aprecian la ternura, el calor, el orden, el criterio, la  estructura. Importante: pocas normas, pero claras y eficaces, que  puedan interiorizarlas". 

  • "Sabemos cuáles son los verdaderos valores. Lo que no hay es valor para defender los valores".

  • "Los hijos no salen ... se forman, se conforman con la educación".

  • "Se educa primordialmente con el ejemplo".

  • "Eduquen a sus hijos y educarán a sus nietos".

  • "Cuando a la gente le das la opción de ser buena, es buena. ¡Hay buena gente!"

Interesante, non si...? Pois neste enlace podedes ler a totalidade da entrevista que Javier Urra mantivo co periodista de Faro de Vigo Rafa López

Como di a nosa confidente, poñamos todos estes bos consellos en práctica!

lunes, 12 de abril de 2010

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL


Respostando á invitación realizada pola OEPLI e GÁLIX, este curso decidimos conmemorar o nacemento de Hans Christian Andersen dun xeito moi especial.

Aínda que o Día do Libro Infantil se conmemora o 2 de abril, a proposta foi trasladalo ó día de hoxe (12 de abril), por coincidir a data oficial coas vacacións de Semana Santa.

Ás 12:00 da mañán, todo o Centro se reunió no Salón de Actos. O primeiro que fixemos foi explicar a razón de estar todos reunidos. A continuación, pasamos ó Manifesto redactado por Eliacer Cansino para a ocasión. Sen embargo, dado que o noso alumnado é de Educación Infantil e Primaria, en lugar de lelo, decidimos elaborar unha presentación, para que, deste xeito, resultara moito máis visual e atraínte para os cativos. Podedes vela a continuación:



Rematado o Manifesto, un representante de cada aula leu as cartas que, co gallo do noso Proxecto Documental Integrado (Un conto, un libro: o mundo!) estamos a preparar para festexar o Día do Libro.

Resultou un acto realmente emocionante. Un deses días en que non podemos dicir máis que "estamos moi orgullosos do noso alumnado". E por varios motivos: polo ben que se portaron (a pesar de que o acto durou máis dunha hora); porque nos teñen demostrado que están aprendendo moitísimo coas actividades relacionadas co Proxecto; e, por último, porque quedamos todos abraiados pola beleza e gracia das cartas coas que nos teñen agasallado. Aquí podedes contemplar algunhas fotografías da rapazada en plena acción.






Para rematar un día tan estupendo, temos "colleitado o froito da nosa semente". Hoxe remataba o prazo para presentar os traballos de poesía realizados en familia (podedes ver a actividade neste enlace). O xurado aínda ten que valoralos, pero o Equipo de Biblioteca está tan satisfeito coa participación, que non somos quen de despedirnos sen vos mostrar o recuncho que temos instalado. Seguro que a laboura dos membros do xurado non será nada doada, porque hai propostas realmente espectaculares. Xa volas iremos presentando pouco a pouco!





Grazas a todos e a todas (pais, nais, mestres, mestras, alumnos e alumnas) pola vosa participación, e parabéns polos magníficos resultados!

jueves, 8 de abril de 2010

FUNCIÓN DE TEATRO


Esta mañán, os nenos e nenas do Colexio (dende Educación Infantil ata 4º curso de Primaria incluídos) temos participado nunha fantástica sesión de teatro coa que temos sido agasallados pola Editorial Anaya.



A obra, interpretada por  Chus Álvarez e Antonio López-Rico, de Casa Hamlet, titulábase As formigas, e contaba as aventuras de dúas formigas que atopan unha suculenta merenda pousada na herba por uns excursionistas. Nalgunhas ocasións, estes insectiños esquecen compartir co seu compañeiro o botín; pero, no fondo, acaban demostrándonos que se queren.

Ademais de facernos rir a cachón, os actores souberon involucrar ó público, e mesmo a algún profe. Así, resulta que na obra apareceron uns personaxes coñecidos por nós: a carteira Nieves, o acordeonista Juan (José) Formiga e a bailarina Lía Formiga, que, no concurso Formigalia, conseguiron vencer á cantante Formiga Dorotea.

Segundo a opinión dos nosos mellores críticos, a función foi un éxito. Recollemos a opinión de Roque, de 5 anos: "de todas as cancións e obras que temos visto, esta é a mellor".

Así que... parabéns ós actores, e grazas por este agasallo.

Agora podedes comprobar que o que contamos non é mentira. E... é que... unha imaxe vale máis que mil  palabras!