Nesta data celebramos o aniversario do nacemento da nosa máis grande escritora.
Tal día coma este naceu Rosalía de Castro, a máis grande poetisa do noso país. Por tal motivo, queremos presentarvos uns documentos e actividades para coñecer mellor a esta muller e a súa obra.
Comezamos con este pequeno documental do programa La aventura del saber (RTVE). Con el afondaremos máis nas circunstancias e no espazo no que se desenvolveu a vida e a obra de Rosalía.
Se estiveches moi atento, daríaste conta de que os lugares de Rosalía foron Iria Flavia e Santiago. Pensas que, polo tanto, non tivo nada que ver coa nosa cidade...?
O 25 de agosto de 2014 se publicaba no Faro de Vigo este artigo de opinión titulado El secreto del vapor "Rita". Le atentamente, e deduce que dúas vinculacións tivo Rosalía coa nosa cidade.
E agora, tras ler o artigo... eres quen de contestar a estas preguntas...?
- Que era...?
- "El Miño"?
- "Cantares Gallegos"?
- La imprenta Compañel?
- El vapor "Rita"?
- Quen era...?
- Avelino Rodríguez Elías?
- Joaquín Pérez Boullosa?
- Manuel Murguía?
- Pascual Ruíz y Enríquez?
- Juan Compañel?
- Fermín Bouza Brey?
- Ceferino de Blas?
- Ceferino de Blas sitúa a suposta estancia de Rosalía en Vigo en 1859. Que catro feitos baralla para chegar a esta conclusión?
Rosalía soubo reflectir coma ninguén a alma de Galicia. E por iso non podía permanecer allea ó drama da emigración. O seu poema Pra Habana, que podemos atopar na obra Follas Novas, relata con toda a crudeza a despedida da terra e dos seres queridos, e a aposta por un futuro incerto nun lugar lonxano.
Pero non só as palabras. Tamén unha imaxe, ou unha mirada, poden nos falar dos sentimentos máis profundos que esconden os corazóns das persoas. E Manuel Ferrol, considerado o fotógrafo da emigración, soubo plasmar coma ninguén, cos seus limitados medios, o drama dos migrantes. Hai unhas semanas, os alumnos de 6º visitaron o Acuario da Coruña, onde se exhíbe unha exposición da súa obra. A profe Ana P. achegounos este enlace.
- Que sentimentos experimentamos ó ver estas imaxes?
Nos vindeiros días, entre todo o alumnado do colexio, iremos desgranando Pra Habana, o intenso poema que Rosalía escribíu sobre a emigración. Mentras, quedámonos con este fragmento, convertido en éxito por un dos máis famosos grupos folk de Galicia: Fuxan os Ventos.
- Que sentimentos che provoca?
Seguro que, con toda esta información, xa estades un pouco máis namorados de Rosalía. Iso é o que lle debeu pasar ó poeta Xosé Luna Sanmartín, que, de cativo, só pensaba en xogar ó fútbol. Pero que, grazas á influencia de Rosalía, rematou escribindo poesía.
Cinco alumnos bibliotecarios nos recitan o poema Un beixo d'amor, un rap homenaxe a Rosalía.
Feliz Día de Rosalía!
Imaxe: Iago Pillado. Relief of Rosalía de Castro. En Wikimedia Commons. CC BY SA.



No hay comentarios:
Publicar un comentario