Hoxe, 6 de decembro, amanecimos cunha triste nova: o pasamento de Nelson Mandela.
Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos...
...sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemiento ou calquera outra condición.
Artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Achegándose o Día Internacional dos Dereitos do Home, non podemos senon reflexionar sobre esta figura senlleira que foi quen de reconducir a historia de Sudáfrica, conquerindo a reconciliación de dúas partes radicalmente enfrontadas: a minoría branca que ostentaba o poder económico e político, e a maioría negra carente de dereitos. Unha figura que, polo ben do seu país, foi quen de perdoar os máis de trinta inxustos anos pasados na cadea.
Na data en que os españois celebramos o Día da Constitución, o discurso de Mandela durante o xuízo que o condenou á cadea resulta providencial:
Teño loitado contra a dominación branca e teño loitado contra a dominación negra. Soñei cun ideal de sociedade democrática na cal todas as persoas vivan xuntas en harmonía e con igualdade de oportunidades. É un ideal que me fai querer vivir para conquerilo, pero, se é necesario, é un ideal polo que estou disposto a morrer.
Neste documental podemos coñecer a vida deste grande home:
Hai xa algún tempo, neste mesmo blog, conmovíanos Invictus, a película baseada en El factor humano, de John Carlin. Convidámosvos a ler o libro ou a visualizar a cinta, para coñecer mellor a este home bo por quen todo o Planeta chora hoxe.
Grazas ós compañeiros da Biblioteca Escolar Salgado Torres por nos ter achegado a imaxe que encabeza este post, un grafitti tomado nas rúas de París.
Tamén a Rosana Rodiles, da Biblioteca Escolar Xoan Farias (C.E.I.P. de Pazos) que nos ten ofrecido (coma sempre, xenerosamente) a imaxe coa que concluímos.
Nos tempos que corren... cantos Mandela precisamos!


No hay comentarios:
Publicar un comentario