E este ano 2013 conmemoramos, ademais, o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
Efectivamente, o 17 de maio de 1863 publicábase en Vigo, a nosa cidade, Cantares Gallegos. Iso quere dicir que, cando este ano celebremos o Día das Letras Galegas cumpriranse 150 anos dende que esta obra vira a luz nunha imprenta ubicada na Rúa Real. Se paseades por esta rúa, poderedes ver na fachada do edificio unha praca que lembra este feito.
Cantares Gallegos é unha obra de referencia para a nosa ligua, o galego. Despois da época medieval, na que era unha lingua culta falada e escrita por reis, o galego entrou nun período de decadencia, de xeito que o seu uso quedou relegado á fala das clases máis populares, mentras que as clases elevadas pasaron a empregar o castelán.
Polo tanto, Cantares Gallegos convírtese na primeira obra escrita que recupera o galego para un uso culto.
Con esta obra, Rosalía de Castro pasa a ser (xunto con Curros Enríquez e Eduardo Pondal) a grande poetisa do Rexurdimento: a precursora dunha nova era para a nosa lingua.
Pero... que sabes de Rosalía...?
Rosalía de Castro naceu tal día coma hoxe (24 de febreiro de 1837) en Santiago de Compostela, e morreu en Padrón en 1885. Coa súa obra poética, Rosalía de Castro converteuse no símbolo do Rexurdimento da lírica galega, ademais da mellor representante en lingua castelá da poesía romántica tardía, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer.
A obra de Rosalía está tinguida de tristura e morriña, debido a varias causas:
- Por diversos feitos, Rosalía non conviviu cos seus pais de cativa. Foi criada por unhas tías paternas nas proximidades de Santiago. Desta época datan as súas vivencias sobre a vida nas aldeas galegas, e o seu coñecemento da lingua.
- Rosalía é a poetisa da emigración. Por motivos familiares, tívose que trasladar a Madrid, onde casou co seu home, o xornalista Manuel Murguía. A morriña da paisaxe e da fala aproxímana a todos os galegos que emigraban para traballar nos campos de Castela, ou para buscar unha vida mellor en América.
- A morte do seu fillo fende o seu corazón, que estará acompañado, ata o seu pasamento, por unha "negra sombra".
A mellor homenaxe que podemos facer a Rosalía é a lectura e recreación da súa propia obra. Deixámosvos aquí cun dos seus poemas máis coñecidos: Negra Sombra. Das moitísimas versións que existen, cabe salientar a de Carlos Núñez coa magnífica e particularísima voz de Luz Casal.
Como exemplo de como queremos traballar a obra poética de Rosalía, deixámosvos este vídeo. O punto de partida é un poema titulado Aires (Do A ó Z con Rosalía). A autora, Ana Mª Fernández, trata de recrear o mundo poético de Rosalía a partir das temáticas, os sentimentos e as palabras máis empregadas por Rosalía.
Nesta tarefa creativa participaron os alumnos de 6º A (na búsqueda de imaxes e efectos sonoros), de 5º (na selección dunha banda sonora que reflectira o sentir do poema) e de 4º B (na lectura expresiva do mesmo). A mistura é obra de todos, unha obra na que recreamos os versos agudizando a sensibilidade, a escoita e a dicción e empregamos as novas tecnoloxías dende unha perspectiva ética.
Para rematar, deixámosvos este xogo que nos ofreceu a través do correo do PLAMBE Encarna Fernádez, a coordinadora do biblioteca escolar do CEIP de Andrade (Pontedeume). Moi útil para actualizar os teus coñecementos sobre Rosalía, e, se cadra, para aprender máis sobre ela.
Grazas tamén a Rosana Rodiles, pola magnífica imaxe que ilustra esta nova.
Feliz Día de Rosalía!

No hay comentarios:
Publicar un comentario