GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 28 de febrero de 2013

APRENDENDO A ESCRIBIR CARTAS POLO DÍA DA MULLER TRABALLADORA


Achégase o Día da Muller Traballadora, e na Biblioteca queremos vos propór un Concurso de Cartas.

Unha carta... a quen...? Pois a unha muller anónima (á túa nai, á túa avoa, á veciña do 5º, á panadeira...). Unha muller que non sae na prensa nin nas revistas do corazón, pero que, coa súa tarefa diaria, fai cousas grandes, xenerosas e gratuítas que facilitan e aledan a vida das persoas que as rodean.

Frianciño xa se ten posto mans á obra. Xa sabedes que o seu mundo é limitado: vive entre libros; durme cando os demais traballan e está esperto cando todos durmen. Por iso, entre todas as historias de mulleres que pululan entre os andeis da Biblioteca, Frianciño ten elixido dúas: a de Rosalía e a Alia Muhammad Baker. Aquí tendes a súa carta.





E agora, tócavos a vós. Escribide a vosa carta. Esmerádevos moito. É un concurso: así que o Equipo de Biblioteca escollerá as mellores.

Seguide estes pasos:

  1. Aprendede como escribir unha carta informal. Para iso, podedes visualizar o seguinte material que está aloxado no repositorio Agrega

      
      2. Pedídelle ós vosos profes a plantilla para redactar a vosa carta. 
      3. Facede boa letra e deixade marxes axeitados. 
      4. Cando a rematedes, botade a vosa carta no buzón que está na entrada do primeiro andar. 


Pois... mans á obra! A ver que cartas tan fermosas escribides!

martes, 26 de febrero de 2013

DE BECHOS E MASCOTAS



Diso tratou a Tarde de Contos deste luns.

O luns pola tarde achegáronse á nosa Biblioteca Elva e as súas fillas, Adela (Educación Infantil 3 anos) e Claudia (1º B). E contáronnos dous magníficos contos: Un becho estraño e Amelia quere un can.

Despois dos contos, obradoiro: todos levaron a casa un magnífico becho raro, verde coma un marciano, con bigotes a rabo.

Como vedes, unha tarde fatástica e moi ben aproveitada.



Grazas a Elva, Adela e Claudia por esta divertida tarde. 

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA


Na Hora de Ler de onte, todos xuntos, celebramos o Día de Rosalía

Por tal motivo, reunímonos en diferentes aulas para poder ler o post recollido no blog para esta data.

Estivemos moi atentos, e incluso os máis cativos decatáronse de que Negra Sombra e Aires eran poemas moi tristes.

Agora estamos moi ilusionados preparándonos para sonorizar o noso poema de Rosalía. Alá polo Día da Poesía mostrarémosvos os resultados. Mentras tanto, deixámosvos coas fotos deste día tan entrañable.




domingo, 24 de febrero de 2013

NO DÍA DE ROSALÍA




O 24 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. 

E este ano 2013 conmemoramos, ademais, o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos

Efectivamente, o 17 de maio de 1863 publicábase en Vigo, a nosa cidade, Cantares Gallegos. Iso  quere dicir que, cando este ano celebremos o Día das Letras Galegas cumpriranse 150 anos dende que esta obra vira a luz nunha imprenta ubicada na Rúa Real. Se paseades por esta rúa, poderedes ver na fachada do edificio unha praca que lembra este feito.

Cantares Gallegos é unha obra de referencia para a nosa ligua, o galego. Despois da época medieval, na que era unha lingua culta falada e escrita por reis, o galego entrou nun período de decadencia, de xeito que o seu uso quedou relegado á fala das clases máis populares, mentras que as clases elevadas pasaron a empregar o castelán.

Polo tanto, Cantares Gallegos convírtese na primeira obra escrita que recupera o galego para un uso culto.

Con esta obra, Rosalía de Castro pasa a ser (xunto con Curros Enríquez e Eduardo Pondal) a grande poetisa do Rexurdimento: a precursora dunha nova era para a nosa lingua.

Pero... que sabes de Rosalía...?

Rosalía de Castro naceu tal día coma hoxe (24 de febreiro de 1837) en Santiago de Compostela, e morreu en Padrón en 1885. Coa súa obra poética, Rosalía de Castro converteuse no símbolo do Rexurdimento da lírica galega, ademais da mellor representante en lingua castelá da poesía romántica tardía, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer.

A obra de Rosalía está tinguida de tristura e morriña, debido a varias causas:
  • Por diversos feitos, Rosalía non conviviu cos seus pais de cativa. Foi criada por unhas tías paternas nas proximidades de Santiago. Desta época datan as súas vivencias sobre a vida nas aldeas galegas, e o seu coñecemento da lingua. 
  • Rosalía é a poetisa da emigración. Por motivos familiares, tívose que trasladar a Madrid, onde casou co seu home, o xornalista Manuel Murguía. A morriña da paisaxe e da fala aproxímana a todos os galegos que emigraban para traballar nos campos de Castela, ou para buscar unha vida mellor en América. 
  • A morte do seu fillo fende o seu corazón, que estará acompañado, ata o seu pasamento, por unha "negra sombra". 
A mellor homenaxe que podemos facer a Rosalía é a lectura e recreación da súa propia obra. Deixámosvos aquí cun dos seus poemas máis coñecidos: Negra Sombra. Das moitísimas versións que existen, cabe salientar a de Carlos Núñez coa magnífica e particularísima voz de Luz Casal.



Como exemplo de como queremos traballar a obra poética de Rosalía, deixámosvos este vídeo. O punto de partida é un poema titulado Aires (Do A ó Z con Rosalía). A autora, Ana Mª Fernández, trata de recrear o mundo poético de Rosalía a partir das temáticas, os sentimentos e as palabras máis empregadas por Rosalía. 

Nesta tarefa creativa participaron os alumnos de 6º A (na búsqueda de imaxes e efectos sonoros), de(na selección dunha banda sonora que reflectira o sentir do poema) e de 4º B (na lectura expresiva do mesmo). A mistura é obra de todos, unha obra na que recreamos os versos agudizando a sensibilidade, a escoita e a dicción e empregamos as novas tecnoloxías dende unha perspectiva ética. 





Para rematar, deixámosvos este xogo que nos ofreceu a través do correo do PLAMBE Encarna Fernádez, a coordinadora do biblioteca escolar do CEIP de Andrade (Pontedeume). Moi útil para actualizar os teus coñecementos sobre Rosalía, e, se cadra, para aprender máis sobre ela.

Grazas tamén a Rosana Rodiles, pola magnífica imaxe que ilustra esta nova.




Feliz Día de Rosalía!

jueves, 21 de febrero de 2013

21 de FEBREIRO: DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA NAI



Proclamado pola UNESCO en 1999. 

A data foi elixida para conmemorar o asasinato de estudiantes pakistaníes que se manifestaban reclamando que a súa lingua (o Bangla) fora recoñecida como segunda lingua oficial no seu país. Isto ocurría en 1952, e os autores dos disparos foron policías.

Por que celebrar o Día Internacional da Lingua Materna..? 

Para preservar e protexer todas as linguas que empregan todos os pobos do mundo. Porque as linguas son a manifestación máis fermosa do noso patrimonio material e inmaterial, porque nos falan de comprensión e tolerancia e porque nos fan conscientes da nosa tradición cultural e lingüística.

Toda unha declaración de intencións que moi ben podería valer para o noso PDI deste curso: A lingua sabe a pan. E mais, cando o lema para este ano é: O libro, eixo da educación en lingua materna. 

A profe Montse, dende o seu blogue de clase de Inglés, recolle e comparte connosco a nova desta celebración.

Como diría Cunqueiro: mil primaveras para a nosa lingua!

MEL DE GALICIA



Unha charla doce e nutritiva.

O mércores 20 de febreiro os rapaces e rapazas do Terceiro Ciclo xuntámonos na aula de 6º A para participar nunha chara sobre o mel en Galicia. Coñecimos o importante papel que as produtoras, as abellas, xogan na natureza, así como as árbores e as prantas das que estas se alimentan.

Non podía ser doutro xeito, e a charla rematou dun xeito ben doce: cun pequeno tarro de mel e unha chapa de agasallo.

Deixámovos coas imaxes da xornada:




Saber do mel de Galicia é coma saber de nós e das nosas tradicións.

lunes, 18 de febrero de 2013

APRENDENDO A BUSCAR NA REDE

Un traballo colaborativo para o uso de todos.

As nosas compañeiras do PLAMBE, Mª Olga Rodríguez (CEIP Milladoiro - Malpica) e Charo Sánchez - Sangabriel (IES Sánchez Cantón - Pontevedra) agasállannos con este magnífico traballo que nos permitirá investigar na Internet dun xeito máis seguro, fiable e rápido. Un documento imprescindible para afinar as nosas búsquedas.

Moitas grazas a ambas as dúas polo voso esforzo!



domingo, 17 de febrero de 2013

CANDO O PAN SE FACÍA NA CASA


A meirande parte de nós temos unicamente a experiencia de mercar o pan na panadería e comelo.

Pero na época dos nosos avós e avoas, o pan facíase na casa, e constituía todo un ritual, cun vocabulario e unhas ferramentas que, hoxe, para quen máis e quen menos, resultan descoñecidos.

A Señora Olga volta nos ofrecer as súas lembranzas sobre o pan. E con ela aprendemos sobre o fermento, as fresqueiras, as misturas, o pan da ola...

Un bonito xeito para que o noso alumnado de Segundo Curso de Primaria comece a investigar sobre o Forno e as Fornadas.





A información da Señora Olga podémola complementar con esta presentación que, sobre O Pan, ten elaborado a profe Elisa








miércoles, 13 de febrero de 2013

UNHA VERDADEIRA HISTORIA DE AMOR


Unha preciosa historia para celebrar o Día de San Valentín.

Porque... Que é o amor...? Conquerir do ser amado o que sempre quere un...? Renunciar por sistema ós nosos soños...?

Esta curtametraxe é unha pequena lección ó respecto.

Grazas á profe Luz por nola ter achegado. 





martes, 12 de febrero de 2013

APRENDENDO A UTILIZAR AS FERRAMENTAS INFORMATIVAS



Comezan as actividades de Educación Documental. 

Como sabedes, o noso PDI deste curso titúlase A lingua sabe a pan. E, á volta do Entroido, comezamos a investigar seriamente, cada nivel no tema que lle ten correspondido.

Empregaremos recursos en formatos diversos. Para utilizar os fondos impresos, aquí temos algúns consellos que convén ter en conta para facer unha boa búsqueda.





viernes, 8 de febrero de 2013

ENFARIÑANDO O BARRIO POLO ENTROIDO


Co gallo do noso PDI A lingua sabe a pan.

A partir das 11:30 da mañán, as rúas próximas ó noso cole enchéronse de panadeiros, cociñeiros, labregos, muiñeiros, bolsas de pan... Un espectáculo de cor e ledicia no que estivemos acompañados por numerosos pais, avós, e irmáns cativos.

Unha celebración moi familiar que estivo aderezada coas coplas e os berros que, durante estas semanas, fomos inventando e aprendendo.

Para rematar, o pregón e a queima do Meco no patio do colexio. Creado polos profes Victorio e Manolo, aquí o tendes:





E aquí están as fotos do día:






Grazas a todos os que, co voso traballo e acompañamento, lograstes facer desta unha grande festa. 

O CICLO DO ENTROIDO


Este curso quixemos vivilo con máis intensidade. 

Coincidindo co noso PDI sobre a Tradición Oral (A lingua sabe a pan) quixemos dar un meirande pulo á celebración do Entroido. Por iso propuxemos un "paseo" polo Ciclo do Entroido.

Cada nivel tivo, pois, que investigar sobre unha das datas siñificativas do Entroido. Finalmente, coa aportación de todos, elaboramos este vídeo que, aínda que non ten a cor nin a beleza dos do círculo máxico (Verín, Laza e Xinzo) ten o interese de ter sido elaborado por nós.

Este curso, pódese dicir que, no noso cole, vivimos o Ciclo do Entroido. 



miércoles, 6 de febrero de 2013

A PUNTO PARA O ENTROIDO



A falta dun día para saír polas rúas, xa todo está preparado. 

Os carteis, os avisos, os disfraces, as coplas...

O alumnado do Centro leva xa ensaiando máis de quince días. Sobre unha adaptación da Muiñeira de Oliveira, cada nivel ten inventado a súa copla. Así foi como quedou. 

Agora, a afinar as gorxas e a cantar, o venres, con ganas. 



martes, 5 de febrero de 2013

CEN ANOS DE ROSA PARKS


A semana pasada celebramos o Día da Paz.

E onte conmemoramos o primeiro centenario do nacemento de Rosa Parks, unha muller sinxela que, como Gandhi, Martin Luther King ou Nelson Mandela podería ser exemplo do movemento de  resistencia non violenta.

A emocionante historia de Rosa Parks é lembrada (con abundante documentación) por Agustín Fernández Paz no seu blog. Un post cargado de emoción, recomendacións e boas lecturas.

Damos grazas á Asesoría de Bbliotecas Escolares por dárnolo a coñecer, e emplazámosvos a saber máis sobre esta figura en:


domingo, 3 de febrero de 2013

OS ENTROIDOS DE COBRES E VIGO



Un LIM para traballar os entroidos menos coñecidos.

Chega o Entroido e multiplícanse os materiais.
No noso cole estamos a traballar sobre o Ciclo do Entroido, englobando todo no noso PDI A lingua sabe a pan. Xa vos mostraremos o resultado do noso traballo!

Mentras tanto, aquí temos un LIM sobre os Entroidos de Cobres (Vilaboa) e Vigo, menos coñecidos que os ourensáns, pero igualmente curiosos. Está elaborado polo Equipo TIC.








CUNQUIÑA ESCRIBE SOBRE O DOMINGO DE PIÑATA


O correo trae unha nova carta para os nenos e nenas de Infantil.

Nesta ocasión, Cunquiña fálanos de dúas tradicións do Entroido: o Domingo de Piñata e o Enterro da Sardiña.




Que emocionante é isto de ter quen nos escriba...!

PASENIÑO COA LINGUA



Unha sesión de contacontos para a rapazada de Educación Infantil 5 anos. 

Esta é a crónica desta magnífica sesión, tal e como nola contou a profe Charo.

O venres 25 de xaneiro, os nenos e nenas de 5 anos tivemos un obradoiro moi divertido: Paseniño coa lingua. Tratábase dun xogo no que tiñamos que superar unha serie de probas para conseguir as pezas do puzzle xigante que tiñamos que completar. O puzzle era sobre a cidade de Vigo, e nel reflectíase todo o vocabulario traballado.

Unha das probas consistía nunha viaxe polo Zoo da Madroa, nomeando todos os seus animais. Así que... aprendimos os seus nomes en galego. Proba conquerida, polo que gañamos dúas pezas do puzzle.

A seguinte proba consistiu en ir colocando un gomet nas distintas partes do corpo dos compañeiros. Tamén superamos esta proba, porque, ó lembrar o nome das partes do corpo en galego conquerimos... outras dúas pezas do puzzle!

A última proba foi moi divertida: tivemos que bailar por parellas xuntando as partes do corpo como nos indicaban as monitoras. Pasámolo xenial!

Finalmente, con todas as pezas, completamos o puzzle, e lembramos como é a nosa cidade de Vigo, pero... falando na nosa lingua. Querémoste, galego!






sábado, 2 de febrero de 2013

FINA CASALDERREY EN "A VOZ DE FRIAN"



A Nova da Semana do alumnado de 6º B.

Estes últimos días, nas bibliotecas escolares temos moi presente a Fina Casalderrey, por ser unha grandísima escritora de literatura infantil e xuvenil, e por ter sido nomeada catedrática da RAG recentemente.

O alumnado de 6º B quixo tamén dar relevancia a este acontecemento. Por iso, a súa Nova da Semana ten a Fina como protagonista.

Aquí tendes o seu traballo:




Parabéns!


CONTACONTOS NO SEGUNDO CURSO DE PRIMARIA




Desde O lar de Frianciño queremos agradecer a visita de Mau e Pin.

Que, dentro da campaña promovida pola Concellalía de Normalización Lingüística, viñéronnos contar o conto titulado Mario pensaba que o galego non servía para nada.

O día da Paz ás nove e media os nenos e nenas de 2º tivemos unha grata sorpresa: viñeron os autores da colección de contos Polo correo do vento!

O escritor chámase Enrique Mauricio, e o ilustrador Carlos Taboada, pero eles firman como Mau e Pin.

Contáronnos un conto moi bonito sobre un neno que vivía en Galicia e falaba moitos idiomas. Pero non falaba o galego, porque pensaba que non lle servia para nada. Ata que un día atopou o mapa dun tesouro. Para descifralo, tivo que ir a Porto (Portugal) e alí, na biblioteca, quixo falar cunha rapaza que non o entendeu cando lle falaba en inglés ou en francés, pero si cando o fixo en galego. Así descubriu Mario a importancia do seu idioma.

Pin deixounos o debuxo do conto, e entre todos, coa súa axuda, debuxamos cada un o noso pirata. Quedaron todos moi ben feitos!


Neste enlace podes ver unha presentación con todas as fotos da sesión.

Grazas á profe Elisa por nos dar conta do acaecido nesta sesión. 


A NOVA DA SEMANA DE 4º B


Un diario coas novas máis relevantes da semana.

Este foi o traballo presentado polo alumnado de 4º B o pasado venres día 25 de xaneiro. Novas importantes para eles: o tempo, os animais, o fútbol... Un gran traballo.





DÁNDOLLE Á LINGUA EN 4º A



No Venres de Viva Voz. 

O pasado venres 25 de xaneiro foi o turno dos rapaces e rapazas de 4º A, que nesta ocasión, presentáronnos diversos Trabalinguas. Aquí os tendes, en plena acción, diante dos seus compañeiros de nivel.



viernes, 1 de febrero de 2013

O QUE A PAZ É PARA MIN...


Unha das propostas para festexar o Día da Paz foi facernos reflexionar sobre o que esta siñifica para nós. 
Esta era a proposta que vos faciamos hai uns días. 

E aquí temos unha selección das respostas, moitas das cales emocionan:

      • A PAZ é como un raio de esperanza no medio da escuridade. (Andrés López Bastos - 5º A)
      • Para min a paz é unha estrela que alumea no medio do firmamento. (Gael Alonso Moreno - 5º A)
      • Para min a paz é a amistade e o compartir. (Nieves Rodriguez Salvador - 5º A)
      • A Paz é un raio de sol entre as cinzas da guerra. (Ariadna González Ballesteros - 5º A)
      • A Paz é como Deus nunha época de temor. (Sara López del Castillo Rodríguez - 5º A)
      • A paz é coma o arco de vella no ceo escuro. (Lucía Gonzalez Graña - 5º A)
      • Para min, a paz é unha maqueta da esperanza, respecto, amizade... (Lucas Amoedo Rodríguez - 5º A)
      • Para a min, a paz é coma un raio de sol nunha tarde chuviosa. (Diego Lama Veiga - 5º A)
      • É un gran arcoiris cheo de purpurina e estatuas de oro e prata. (Ismael Lorenzo Lorenzo - 5º A)
      • Para min a paz é coma un conto cheo de historias xeniais. (Álvaro Barreiro Menduiña - 5º B)
      • É unha sensación de calidez, solidariedade, amor... que esperamos tod@s. (Helena Josefina Martínez Hölker - 5º B)
      • É unha vida chea de alegría, de tranquilidade e de amor. (Maria Tellado Muiños - 5º A)
      • Para min a paz é o respecto entre a xente. (Ares Rodríguez Rodríguez - 5º B)
      • Cando pola mañán esperto e escoito ós paxaros e entra un raio de sol pola ventá moi agradable, esa combinación é, para min, a paz. (Ángela Alonso González - 6º B)
      • Para min a paz siñifica liberdade, amor, non violencia, axudar aos enfermos e aos compañeiros. (Marina Pérez Ponce - 6º B)
      • Para min a paz é non violencia, amizade e cariño. (Gabriel Fontenla Alonso - 6º B)
      • Para min a paz é un sono no que non hai guerras nin pelexas. Compartir cos teus amigos os xogos. (Diego Martínez González - 6º B)
      • Para min a Paz é, unha especie de fala univeral, que todos queremos que se fale porque é especial. (Estevo Rodríguez Gallego - 6º B)

      • É un mundo cheo de ALEGRIA, moitisima ALEGRIA. (Ainhoa Serrano González - 6º B)


A MÍN SÓAME A...



... Mar, amencer, postas de sol...

Hai xa algunhas semanas, plantexamos unha cuestión. E a ti, a que che soa a lingua...?

Despois dun mes tan cargado de actividade, aquí tendes algunhas das respostas dos nosos alumnos e alumnas participantes:

A un pequeno grupo sóalle a música e a poesía:

      • A min soame como a voz dunha serea tan hermosa e tan bella coma ela. (Rebeca Alperi Alonso - 5º A)
      • Sóame a un poema; un poema interminable de mil versos e un millon de verbas. E cando o oigo estou tan leda que voto bágoas de alegría. (Marta González Rodríguez - 5º A)
      • A todos os instrumentos musicais, ata o menos coñecido, soando todos xuntos. (Sara Gutiérrez García - 6º B)
      • A min a lingua sóame ás máxicas postas de sol, e coa fantástica música galega. Porque a lingua é moi bonita e importante. (Julio Crespo Fernández - 6º B)

Un gran número relaciónao co canto dos paxaros ó mencer

      • A min sóame ao canto do galo. Cada mañá, un novo galego, cada mañá, un novo agasallo. (Lucas Amoedo Rodríguez - 5º A)
      • A min a lingua galega sóame coma o canto dos paxaros ao amencer, co seu precioso trinar. (Ariadna González Ballesteros - 5º A)
      • A mín sóame a un montón de paxariños cantando nun fermoso dia de primavera. (Nieves Rodriguez Salvador - 5º A)
      • Para mín é un son doce e soave, como o cantar dos paxaros. (Alba Pérez Álvarez - 6º B)
      • Eu comparariía o galego co canto do reiseñor axudándolles ós paxareiros que pían o seu cantar. (Gonzalo Agrafojo Delgado - 5º A)
      • Aos cantos dos paxaros... porque a lingua é algo que todos temos, e con ela podemos falar a nosa linguaxe ( O Galego). Pois o canto dos paxaros é algo que todos ou case todos os paxaros teñen. E cando cantan co seu pequeno pico a mín gústame moito, igual que cando falamos nós o Galego... gústame moito. (Estevo Rodríguez Gallego - 6º B)
      • A mín sóame cando os paxaros cantan, porque é fermoso. (Diego Martínez González - 6º B)
      • A mín sóame ós cantos dos paxaros. (Ainhoa Serrano Gonzalez - 6º B)
      • Co son dos paxaros pola maña, nun día soleado, cando me ven un raio de sol á cara. E soe tan agradable coma a lingua. (Ángela Alonso González - 6º B)
      • Sóame a un campo, co cantar dos paxaros; porque, aínda que estean unha hora asubiando, gústache igual que no primeiro momento. (Brais Martínez Prado - 6º B)

Por último, a lingua soa ó rumor de ondas, mar e auga: 


      • O galego soáme coma o son do mar nunha noite de frío e chuvia. (Sara López del Castillo Rodríguez - 5º A)
      • Sóame a unha fervenza de auga, moi melosa. (Marina Pérez Ponce - 6º B)
      • Sóame ó son do mar tranquilo ó amencer. (Alex Rodríguez Fernández - 6º B)
      • A mín a lingua sóame coma se fora unha cascada alegre e feliz. Como se estuvera falando coa natureza. (Jean carlo Aldao Cuervo - 6º B)




AINARA CONTOUNOS UN CONTO


Un precioso xeito de rematar o Día da Paz.

E así foi, porque, despois dunha mañán de actividade conxunta, Ainara, a nosa alumna de 3º B, veunos contar un conto: Un poquito más. Un conto que fala de cooperación, de que é máis doado facer as cousas cando todos aportan o seu granciño de area. E cando, máis que aplicar a forza, somos quen de aplicar a intelixencia.

O elefante protagonista do conto precisou a axuda de todos os animais da selva para levantalo cando rompeu a pata. Tamén Aninara estivo axudada durante a sesión por Marisol, unha das supermamás que, semana a semana, se encarga de coordinar as nosas Tardes de Conto.

Como veredes nas fotos, a actividade estivo moi concurrida, e rematou cun fantástico obradoiro. Todos saíron del cuns fantásticos fuciños.



Moitas grazas a todos e a todas!