Na Quedada Literaria deste curso.
A pesares da climatoloxía, hoxe poidemos nos reunir, por fin, no Parque de Castrelos para disfrutar da lectura en galego. Alí estivemos os CEIP Frian - Teis, O Pombal, Carrasqueira, Ría de Vigo, Emilia Pardo Bazán, e os centros incorporados este curso: CEIP Eduardo Pondal, CEIP A Doblada, CEP Fleming, e CPI da Ribeira (O Porriño). Foi unha ledicia atoparnos tamén cun grupo de ex-alumnas do IES República Oriental do Uruguai que participan no clube de lectura e que tiveron un papel importante nas contadas para os máis cativos.
Foron tres horas de compartir lecturas, merenda e cantos nun entorno único. No noso cole tivemos un achegamento especial co alumnado de 2º de Primaria do CEIP A Carrasqueira e cos nosos veciños do CEIP Eduardo Pondal. Un dos alumnos deste último centro agasallounos cun teatriño espectacular confeccionado por el e pola súa nai.
Para rematar a xornada, os marabillosos contos de Bea Campos e Davide González, as palabras da Concelleira de Cultura, Uxía Blanco, e a canción que xa se está a convertir no noso himno: O libro máxico, de Migallas.
Todo isto foi posible grazas á coordinación do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capitaneado por Marta Souto), da Biblioteca de Proximidade Xosé Neira Vilas (con Anxo Alberte, o seu director, á cabeza) e de Antonio Fernández (IES Carlos Casares) e á colaboración dos mestres e mestras dos centros participantes. Grazas, pois pola súa imprescindible laboura!
Mágoa que o tempo transcurra tan cedo e que teñamos que voltar á rutina diaria tan axiña. Haberá que empezar a preparar xa a IV Quedada!

No hay comentarios:
Publicar un comentario