GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 30 de abril de 2015

OS OVOS DA AVE ROC


Sombras chinesas cos nenos e nenas de 4º B.

Con moitas ganas traballou este grupo, e, como vedes, os resultados son magníficos. Como oíntes desta historia pertencente á Quinta viaxe de Simbad o Mariño, os cativiños de 3 anos B.


O VELLO QUE CABALGABA SOBRE SIMBAD


Teatro de sombras en 4º A.

Os chicos e chicas de 4º A tiveron como oíntes ós máis cativos (3 anos A) para representar o seu fragmento de Simbad o Mariño: O vello que cabalgaba sobre Simbad, incluído na súa Quinta viaxe


martes, 28 de abril de 2015

SIMBAD REGRESA A BAGDAD


Contado pola aula de 3º B.

Transformado en romance, os nenos e nenas de 3º B interpretaron, para o grupo de 6º B, este fragmento correspondente á Segunda Viaxe de Simbad.

Non sabedes o nerviosos que estaban...! Pero... ó final, non saíu tan mal!


Parabéns!

SIMBAD NO VAL DAS SERPES


Cos nenos e nenas de 3º A.

Na aula de 3º A os rapaces fixeron unha aproximación a esta historia de Simbad incluída na súa Segunda Viaxe adaptando o texto á forma romance. Un texto moi xeitoso que escoitaron con moito gusto os chicos da aula de 6º A.


lunes, 27 de abril de 2015

SIMBAD NO REINO DE MIRAJAN


A historia de 2º B.

Os nenos e nenas de 2º B recibiron na súa aula ós de 5º B, para contarlles esta historia de Simbad incluída na súa Primeira Viaxe.

O kamishibai voltou demostrar que é unha ferramenta idónea para provocar a participación e a lectura de todos os rapaces da aula, mesmo dos que teñen dificultades para falar ou para expresarse na nosa lingua.



Bo traballo, chicos...! E profe!

SIMBAD Ó SERVIZO DO CALIFA DE BAGDAD


Así o viron os nenos e nenas de 2º A. 

Os rapaces de 2º A recibiron ós de 5º A na súa aula, para contemplar a súa adaptación sobre a Sétima Viaxe de Simbad.

Estes rapaces desenvolveron un auténtito traballo cooperativo: primeiro esforzáronse na comprensión da historia en grupos de catro; logo resumiron o seu contido en catro frases (unha creada por cada un dos membros do grupo) e ilustraron a súa cartolina. Por último, na interpretación en directo, cada un leu un fragmento.

Todos para un, e un para todos! (Nunca mellor dito). 



domingo, 26 de abril de 2015

SIMBAD NA CIDADE DOS SIMIOS


A adaptación dos nenos e nenas de 1º B.

A rapazada de 1º B recibíu na súa aula ó grupo de 4º B, para lles contar esta historia incluída na Terceira Viaxe de Simbad o Mariño.

SIMBAD, VISTO POLOS NENOS E NENAS DE 1º A


A illa dos monos salvaxes.

Os nenos e nenas de 1º A adaptaron deste xeito esta historia incluída na Terceira Viaxe de Simbad o Mariño. Os seus oíntes foron os rapaces de 4º A.


sábado, 25 de abril de 2015

A GALIÑA AZUL



Carlos Casares, na nosa Tarde de Conto.

Hai dúas semanas, o martes 14 de abril, este conto cobrou vida da man de Ana, a nai de Aldara (5º A).

Tras o fantástico relato, o público asistente elaborou unhas preciosas galiñas (azuis, por suposto) empregando cartolinas.



Grazas, Ana!

SIMBAD, VISTO POLO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL


Para celebrar o Día do Libro.

Os nenos e nenas de Educación Infantil contaron dúas historias de Simbad, empregando para iso o ipad. A primeira (A illa que cobrou vida) está recollida na Primeira Viaxe.



A segunda (A Ave Roc) figura na Segunda Viaxe. Así a presentaron: 



viernes, 24 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO


Así o celebramos.

O Día do Libro, data na que lembramos ó noso máis insigne escritor, Miguel de Cervantes, constituíu unha ocasión esperada e preparada con moito entusiasmo polo noso alumnado.

Como xa ven sendo tradicional, decidimos compartir lecturas. Nesta ocasión, como veredes, a mesma historia coa nosa propia adaptación.

Efectivamente. Neste curso no que estamos a traballar no PDI Un mar de linguas non podiamos eludir unha das obras máis fantásticas e universais que, sobre a navegación, se ten escrito nunca: Simbad o mariño, relato incluído na non menos famosa recopilación titulada As mil e unha noites. Así pois, dividimos o relato entre os grupos, de xeito que, ó remate tiveramos unha visión completa da obra.

Cada aula recibíu o seu texto en castelán. A súa tarefa foi adaptar o texto segundo a técnica e o grupo de oíntes asignados, e logo, traducilo ó galego. Así:
      • en Educación Infantil crearon o seu conto empregando ipads; 
      • en 1º de Primaria cun power - point; 
      • en 2º, co kamishibai; 
      • en 3º crearon os seus romances de cego; 
      • en 4º fixeron teatro de sombras; 
      • en 5º, títeres; 
      • en 6º, stop motion. 
Tanto esforzo merecía un agasallo. Así que o público entregou, ó remate da representación, un marcapáxinas con forma de peixe decorado. 

Resultou unha xornada con moito movemento polos pasillos do colexio; pero moi entrañable. As incontables imaxes do día poderanvos dar unha idea: 



Nos vindeiros días irémosvos mostrando o bonita que quedou a nosa historia. Pero... primeiro hai que montar os vídeos! E xa sabedes que iso leva o seu tempo. 

Vémonos contando as Sete Viaxes de Simbad o Mariño!

jueves, 23 de abril de 2015

EN BUSCA DO TESOURO


En Educación Infantil.

Na semana do 13 ó 17 de abril iamos un pouco tristes á Biblioteca, porque, na última mensaxe, Barbatola nos dixera que estaba a piques de rematar a historia de Benito Soto. Nós aínda queriamos seguir investigando. E non sabiamos si Barbatola nos deixaría ou non mensaxe.

Cando abrimos a porta da Biblioteca... sorpresa! Seguía a botella das mensaxes, que tiña dentro unha carta. Menos mal que a investigación continuaba!

Ola, nenos e nenas de Frian!

Entereime de que Benito Soto foi encadeado en Cádiz. Está preso, por iso non o damos atopado. 

Aquí acaba a nosa investigación, porque a historia de Benito Soto remata en Cádiz. El foi o último pirata que existíu. 

Pero téñovos que pedir un último favor. Seica escondeu un cofre no voso cole. Déixovos un mapa que tiña Benito Soto escondido na súa casa. A ver si realmente o atopades, e, como me axudastes a buscar a Benito Soto, se dades con el, regávolo para todos os nenos e nenas de Frian, porque ese cofre era meu, e Benito Soto rouboumo nunha abordaxe. 

Grazas por axudarme, e ata outra. Xa me despido, porque marcho de vacacións. 


Un grito pirata de Barbatola


Xunto coa carta aparecía un mapa. Estabamos moi emocionados. No patio do cole había un tesouro, e si o atopabamos, era todo noso! Incrible!





Empezamos e descifrar o plano do cole, e pouco a pouco fómonos achegando ó lugar onde no mapa aparecía unha X. Demos cun cofre cheo de moedas de ouro. Decidimos repartir o botín.


Grazas, Barbatola, por este saboroso tesouro!

E o noso proxecto sobre Benito Soto, o último pirata, chega ó seu fin!

TRAS OS PASOS DE BENITO SOTO


En África.

Na semana do 23 ó 27 de marzo recibimos esta mensaxe na Biblioteca:

Ola, nenos e nenas de Frian: 

Seguimos sen atopar a Benito Soto. A ver se investigando que ruta fixo dende que saíu co Burla Negra do Golfo de Guinea (en África) podemos dar con el. 

Xa sabemos que o primeiro barco que abordou era o Morning Star, un galeón de bandeira inglesa. Agora, buscade con cantos barcos loitou Benito Soto e cal foi a súa ruta dende África ata Cádiz, onde din que rematou a súa historia. 

Ánimo, que penso que xa queda pouco para atopar a Benito Soto. 


O pirata Barbatola


Guiándonos polas pistas que nos deixou Barbatola poidemos saber a ruta de Benito Soto, os seis barcos que abordou e o final da súa historia en Cádiz. Completamos o seguinte mapa: 


A RUTA DE BENITO SOTO



Na semana do 23 ó 27 de marzo.


Esta semana, os nenos e nenas de Infantil voltamos recibir unha nova mensaxe: 

Ola, nenos e nenas de Frian: 

Seguimos sen atopar a Benito Soto. A ver se investigando que ruta fixo dende que saíu co Burla Negra do Golfo de Guinea (en África) podemos dar con el. 

Xa sabemos que o primeiro barco que abordou era o... Morning Star, un galegón de bandeira... inglesa!

Agora, buscade con cantos barcos loitou Benito Soto e cal foi a súa ruta dende África ata Cádiz, onde din que rematou a súa historia. 

Ánimo, que penso que xa queda pouco para atopar a Benito Soto. 

O pirata Barbatola

Pistas: Buscade en Internet, na páxina: 


Guiándonos polas pistas que nos deixou Barbatola poidemos coñecer a ruta de Benito Soto, os seis barcos que abordou e o final da súa historia en Cádiz.

Completamos o seguinte mapa:



E aquí vos deixamos as imaxes desta investigación:



miércoles, 22 de abril de 2015

A ABORDAXE!


En Educación Infantil. 

Na semana do 13 ó 19 de marzo, coma de costume, Barbatola comunicouse connosco a través da súa botella de mensaxes. Esta semana deixounos a seguinte carta:



Ola nenos e nenas de Frian!!!!

Qué tal vai a investigación sobre Benito Soto?
Xa me dixo Anne Bonny que tamén quere axudarnos a localizalo.
A semana pasada deixouvos pistas para adiviñar como se chamaba o barco pirata de Benito Soto.
Hoxe déixovos no cofre o conto onde podedes atopar cal foi o primeiro barco que atacou Benito Soto e a tripulación do Burla Negra. Investigade de que pais é, e cal é a súa bandeira.
Tamén vos deixo un regaliño para a vosa clase pirata.

O pirata barbatola


Unha vez lida a mensaxe, buscamos no conto de Benito Soto como se chamaba o primeiro barco que abordou como capitán pirata, e descubrimos que foi o Morning Star, con bandeira inglesa. Buscamos como é a bandeira inglesa para pintala. Reflexamos a nova información na ficha. 



Barbatola regalounos globos piratas para as nosas aulas. 
Grazas, Barbatola!

UNHA EXPOSICIÓN DE LIBROS FANTÁSTICOS


Para conmemorar o Día do Libro.

Semanas atrás pedimos ás nosas familias dúas tarefas que hoxe presentamos.

A primera, a confección dun libro fantástico. As nosas expectativas están cumplidas. Media ducia de preciosas e laboriosas creacións que, dende hoxe, están expostas no vestíbulo de Primaria, grazas á colaboración das profes Montse, Isabel e Lucía S.

Tan vistosa resultou a exposición que, á hora da saída, en lugar de marchar correndo pola fame, os nosos rapaces organizaron un embotellamento na entrada, soltando exclamacións que loubaban os traballos expostos.

Vós mesmos podedes opinar.



A segunda proposta foi participar no concurso Nós lemos, e ti?, organizado por Gálix. Estas son as imaxes (preciosas e entrañables) que nos tedes enviado e que, á nosa vez, temos compartido cos organizadores. 






Queridas familias...! Grazas por, tamén durante o voso tempo libro, pensar en nós...!

Feliz Día do Libro!



PREPARANDO UNHA NOVA QUEDADA


Entre bambalinas.

Dende hai xa algunhas semanas, un grupo de alumnos bibliotecarios, comandados pola profe Montse e coa axuda da profe Luz, están a preparar unha pequena obra de teatro para representar na II Quedada Literaria que terá lugar o vindeiro día 14 de maio. O texto, en consonancia co noso PDI deste curso, titúlase O baúl dos piratas.

Aquí tendes algunhas imaxes, en pleno ensaio.

martes, 21 de abril de 2015

UNHA DE MULLERES PIRATA


En Educación Infantil.

Na semana do 9 ó 13 de marzo, na biblioteca, apareceu unha mensaxe, como en semanas anteriores. Pero non parecía que fora de Barbatola.

Que sorpresa levamos!!!




Estabamos moi emocionados ó descubrir que tamén houbo mulleres piratas, e máis aún: ó saber que unha delas estaba decidida a axudarnos na nosa investigación.

Anne Bonny deixounos no cofre un libro en 3D, onde miramos fotos das mulleres piratas que existiron. Tamén nos regalou un audio coas expresións piratas que temos que aprender para pertencer a unha tripulación pirata.

A que máis nos gustou foi o grito pirata!!!!! 





E gravamos o noso.

Pouco a pouco ímonos convertindo en auténticos piratas, e ademais Anne Bony deixounos unas pistas para aprender a debuxar as súas bandeiras.



Buscando a información no conto de Benito Soto, lemos que, en África, Benito Soto participou nun motín, e convertíu o bergantín Defensor de Pedro nun barco con bandeira pirata chamado o Burla Negra





Xa temos unha nova amiga, a pirata Anne Bonny. Moitas grazas...!

lunes, 20 de abril de 2015

DE BERGANTÍNS E PATENTES DE CORSO


En Educación Infantil.


A semana do 2 ó 6 de marzo na biblioteca apareceu, na botella de Barbatola, a seguinte mensaxe:

Ola, nenos e nenas de Frian: 

Xa sabedes que Benito Soto naceu no barrio mariñeiro da Moureira, en Pontevedra. Entereime de que sempre quixo navegar e percorrer todos os mares. Embarcou como segundo contramaestre nun bergantín con patente de corso ó servizo do emperador do Brasil. 

Axudádeme a investigar como se chamaba o bergantín onde embarcou Benito Soto e que quere dicir isto de "patente de corso"- 

Seica saíu de Brasil e foi ata o Golfo de Guinea, en África. 

Moitas grazas por axudarme a atopar a ese tal Benito Soto. 



O pirata Barbatola. 



Déixovos unhas pistas: 

Internet:


Proyecto 4 años. Aventuras piratas. Capitana: Esther García Laso


Biblioteca: 

Conto: Benito Soto


Despois de continuar lendo o conto de Benito Soto e de investigar nas páxinas web que nos indicou Barbatola, xa nos enteramos que o bergantín onde embarcou como segundo contramestre chámase Defensor de Pedro. Tamen descubrimos que era iso de Patente de Corso. Con esta información realizamos a seguinte ficha:



A historia comenza a ser interesanteeeee!!!!!






Grazas, Barbatola, por guiar a nosa investigación.

domingo, 19 de abril de 2015

SEGUIMOS A INDAGAR SOBRE BENITO SOTO


Na semana do 23 ó 29 de febreiro.

Esta semana apareceu na biblioteca a botella que ten o pirata Barbatola para deixarnos mensaxes. Sacamos a mensaxe da botella con moita emoción e lémola moi despaciño:

Non pudimos esperar a rematar de ler a carta. Estabamos tan emocionados que tivemos que abrir o cofre; e alí estaba toda a roupa que levaba vestida Benito Soto cando Barbatola o vira por última vez.
Estaba o seu garfo, o seu sombreiro, a casaca, un medallón de ouro, a súa pistola, o parche, a espada, unha daga, e … como non podía faltar ... o seu loro!
Barbatola tamén nos deixou un mapa para aprender a debuxar auténticos piratas e unhas barbas como as súas para cada neno e nena.


Grazas Barbatola por todas estas sorpresas tan xeniais!!!
Ó chegar a clase fixemos a ficha de Benito Soto e o seu look pirata.




sábado, 18 de abril de 2015

TRAS A PISTA DE BENITO SOTO



En Educación Infantil.

Despois das sesións anteriores, e cun pouco de retraso, damos conta das actividades de Educación Documental nas aulas de Infantil. A nosa reporteira, a profe Charo, relátanos o que aconteceu na semana do 9 ó 13 de febreiro.

Esta semana o Pirata Barbatola volveunos deixar unha mensaxe na botella coa que se comunica connosco. Era unha carta na que nos pedía axuda para adiviñar onde nacera Benito Soto. Adxuntaba o seguinte mapa:

Comezamos a pensar onde poderiamos conseguir información e buscamos na internet. Atopamos unha páxina adicada a Benito Soto:
Desta páxina sacamos moita información. Descubrimos que naceu en Pontevedra, no barrio da Moureira e vimos imaxes de como era este nos tempos de Benito Soto.
Xa estamos tras a pista deste pirata!!!!!


Continuaremos coa nosa historia pirata!!!!!!

viernes, 17 de abril de 2015

CONTANDO CONTOS NO INFANTIL "MONTE DA GUÍA"


Como os grandes artistas, "saímos de xira".

Non foi moi lonxe, pero fíxonos moita ilusión. As nosas contadoras (Sheila, Aine, Silvia, Elisa e Lucía) estaban moi nerviosas, ante a perspectiva de contar diante dun público tan esixente. Pero a verdade é que a experiencia resultou magnífica.

Os profes do cole (Chus, as Martas, Rafa, Mónica e a Teacher) acolléronnos con moito agarimo. Tan bonita nos pareceu a escola, que Aine quería quedar para sempre.

Repartímonos polas aulas de dúas en dúas: Lucía e Elisa na aula de 5 anos; na de 3, que era moi numerosa (25 nenos e nenas), Aine e Sheila ; e Silvia na de 4 anos. Como nas outras aulas contamos dous contos, a profe Elisa (que é unha grande contadora) animouse tamén a intervir.

A reporteira gráfica estivo a facer fotos por todas as aulas. E pode atestiguar que o silencio era total e absoluto. Tan atentos estaban os rapaces! E as nosas nenas desenvolvéronse de marabilla. Xa dicía o profe Rafa que podían quedar elas a dar a clase!



Ademais da "contada", fíxonos moita ilusión o lápis co que nos agasallaron os nosos novos amigos.

Pois... moitas grazas, chicos, por nos deixar compartir convosco este ratiño. Vémonos na Biblioteca!

jueves, 16 de abril de 2015

EN GALICIA TAMÉN SE FALOU ALEMÁN


Durante a Segunda Guerra Mundial.

No marco do noso PDI deste curso (Un mar de linguas), os alumnos e alumnas de 6º B teñen investigado sobre a presenza dos alemáns en Galicia, durante a Segunda Guerra Mundial. Esta presenza está vencellada á explotación das minas de volframio (mineral moi apreciado na industria militar da época) e á guerra submarina que tiña por obxecto aillar á Gran Bretaña.

Aquí temos os traballos de cinco dos alumnos da aula:










IES Manuel García Barros - A Estrada. Minas de volframio de Brea, Fontao, Viladecruces. En WikipediaCC BY SA

lunes, 13 de abril de 2015

VISITOUNOS GONZALO MOURE


Vaia agasallo para rematar o Segundo Trimestre!

Cun pouco de retraso damos conta da visita con que nos agasallou Gonzalo Moure o pasado 19 de marzo.

Os nenos e nenas de 3º curso de Primaria están a ler este curso Palabras de Caramelo. Por tal motivo, e como preparación da visita, decoraron o encerado con fermosos murais sobre a súa lectura.

O día sinalado, Gonzalo achegouse onda nós para contarnos como xurdíu a súa novela. Tamén nos falou da fantástica labor que el e outros escritores están a desenvolver no Sáhara para desenvolver a lectura. E todo a partir da idea dun neno de Marín que suxeríu crear un bibliobús.

Porque Gonzalo, sobre todo, deixounos una fermosa mensaxe: a importancia de ser creativos, de ter ideas e de intentar mellorar o mundo.

Esta entrañable visita rematou cuns fantásticos esbozos que poderían dar lugar a fermosos traballos de redacción, e cunha sesión de fotos e firmas.



Aquí vos deixamos coa fermosísima adicatoria que deixou para a posteridade no noso Libro de Firmas: 


jueves, 9 de abril de 2015

DOCUMENTÁNDONOS PARA O NOSO TRABALLO


Aproveitando o Día da Muller Traballadora.

Os nenos e nenas de 6º B están a investigar un tema ben interesante: a presenza dos submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial e o comercio do volframio para alimentar a industria bélica.

As mulleres xogaron un papel moi importante na explotación das minas de volframio. Por iso, un vídeo foi o punto de partida para que os rapaces afondaran máis neste tema.







Imaxe: IES Manuel García Barros. Minas de volframio de Fontao. A Brea (Vila de Cruces). En FlickrCC BY SA

CHEGOU A COLLEITA...!


Primeiros traballos do noso PDI.

Despois de meses investigando e buscando información, por fin, estamos recibindo os primeiros traballos sobre o noso PDI Un mar de linguas.

Os máis madrugadores foron os nenos e nenas de 4ºA. Aquí vos deixamos algúns dos traballos presentados:












Imaxe: Fran V. Réplica da Pinta en Baiona. En Wikimedia Commons. CC BY

miércoles, 8 de abril de 2015

AGASALLO SORPRESA


Sobre un poema de Rosalía.

Cando a profe pide ilustrar un poema, os alumnos adoitan entregar un folio, cuns versos ó carón dun debuxo feito con máis ou menos mestría. Pero este curso, a sorpresa foi maiúscula en 4º B. Co gallo do Día de Rosalía, a profe Lucía pedíu ós seus alumnos e alumnas o traballo antes citado. Pero Juan Carlos chegou cun libro, creado a partir do poema Vamos bebendo. Unha auténtica obra de arte realizada en tres dimensións.

Tan espectacular era o traballo, que decidimos instalalo no corridor de entrada, nun lugar preferente, pasando unha folla cada día.

Xulgade por vós mesmos. Esperamos que vos dea unha nova idea para a nosa Actividade familiar convocada polo Día do Libro.


Imaxe: Iago. Floreano, de Gogue. En Flickr. CC BY

SHEILA CONTA EN SOLITARIO


Na aula de 5 anos B. 

Nesta ocasión, Sheila acudíu soa á aula de 5 anos B. Aínda que estaba nerviosa, fíxoo de marabilla. Os nenos estaban atentísimos. Tanto, que a contadora quedou abraiada ante as respostas que os escoitadores deron cando fixo algunhas preguntas sobre o conto.

martes, 7 de abril de 2015

lunes, 6 de abril de 2015

OS NENOS FALAN DOS CONTOS


Contados polas nosas alumnas bibliotecarias.

O mes pasado, Sheila e Aine comezaron a contar contos nas aulas de Infantil. Non hai testimonio gráfico do seu paso pola clase de 4 anos A. Pero si esta charla cos nenos e nenas do grupo, que, o día seguinte, fan un repaso da experiencia.

O DEBUT DE SHEILA E AINE


Na aula de 4 anos B.

Despois de pasarse semanas practicando e mellorando o seu xeito de contar, Sheila e Aine tiveron a súa grande estrena na aula de 4 anos B. Ademais dun público entregado, tiveron o asesoramento dos profes Charo e Abel, que lles proporcionaron bos consellos para as súas seguintes contadas.

Aquí as veces, en plena acción.

domingo, 5 de abril de 2015

A EXPEDICIÓN DO PACÍFICO


Caderno de traballo.

Os alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria están lendo, este curso, A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre. Ademais de presentar unha historia que engancha moi vencellada co noso PDI, esta obra ten conexión cunha multitude de temas (xeografía, socioloxía, historia, bioloxía...). Vendo as súas posibilidades, os profes Ana Piñeiro e Manu Casas teñen preparado este Caderno de traballo que compartimos con todos vós.




Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez. Marilar Aleixandre, Galicia. En Wikimedia Commons. CC BY SA

ANTANO, TAL DÍA COMA HOXE


Estes días, probablemente, disfrutamos do sol e da praia.

Pero, probablemente, temos descuberto algunha Festa Nacional de Interés Turístico (como a Semana Santa de Cangas) que tan só son a reminiscencia dunhas tradicións que, antano, se vivían en todos os pobos e aldeas de Galicia.

A señora Olga cóntanos como se vivían estas datas na súa parroquia. Son as súas lembranzas, pero, tamén, o xeito de coñecernos mellor a nós mesmos e de entender máis estas celebracións que transcurren polas nosas rúas estes días.




Imaxe: Luz Adriana Villa. Resurrection Day. En Flickr. CC BY

sábado, 4 de abril de 2015

CONTOS E POMPÓNS


Última Tarde de contos do trimestre. 

O xoves 26 de marzo desenvolveuse a última sesión de contacontos deste trimestre. Nesta ocasión, a contadora foi Rebeca (a nai de Luamy). E, para rematar, un obradoiro de pompóns que contou coa colaboración de varias mamás.

Aquí vos deixamos as imaxes.


O NOSO PAI TAMÉN CONTA CONTOS


Na Tarde de contos do 10 de marzo. 

Cun pouco de retraso, damos conta da sesión de contacontos que tivo como protagonistas a Miriam (5º A), Paula (Educación Infantil 4 anos A) e o seu pai, Javi.

A historia titulabase El tejón misterioso, e trataba sobre o valor da compaixón. Aquí deixamos a reportaxe gráfica do conto e do obradoiro que tivo lugar a continuación.



Grazas, familia!

jueves, 2 de abril de 2015

2 de ABRIL: DÍA DO LIBRO INFANTIL



Moitas culturas, unha historia. 

Este é o lema con que, este ano, a IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) celebra o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, o mago dos contos infantís. Un lema, e un tema, que casa como anel ó dedo co noso PDI deste curso. Porque todas eses seres que xa marcharon hai tempo, pero que, antano, poboaron estes recónditos lugares do noroeste peninsular, forman parte, coas súas voces, da nosa memoria colectiva e da nosa historia. Sen todos eles, nós, os galegos, seriamos outros ben distintos. 

Aquí temos, traducido ó galego, o Manifesto deste ano, obra da escritora Marwa Al Aqroubi, dos Emiratos Árabes Unidos. Tamén neste país vive a ilustradora do cartel, Nasim Abaeian.   



"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias"

Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia."

Marwa Al Aqroubi 

Tradución: Antía Marante e Sabela González



Aquí deixamos a lectura que do Manifesto (na súa versión castelá) fixeron Ana e Alicia. 



Feliz Día do Libro Infantil!