GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 24 de abril de 2014

LENDO CIENCIA (A CONCIENCIA) NA BIBLIOTECA



Con Luisa Martínez, investigadora do CSIC.

Os nenos e nenas de Educación Infantil e 1º curso de Primaria tiveron unha sorte fantástica: celebrar o Día do Libro con Luisa.

Luisa é unha entusiasta investigadora do CSIC que se achegou onda nós durante dous días para nos falar sobre o seu traballo. E fíxoo acompañada do que máis lle gusta: unha bolsa chea de libros, un microscopio e animais mariños.

Para comezar, contounos dous contos: A ola e Non quero ser un polbo!

E logo explicounos cousas do seu traballo. Para iso púxose luvas e mostrounos un polbo e unha lura.

A través do microscopio descubrimos como son os pequenos polbiños cando aínda son un ovo. Tamén vimos cabaliños de mar disecados. E o pico de ouro dun calamar xigante... iso si que é perigoso!

Rematou a sesión coa proxección de dous pequenos vídeos: o primeiro, sobre as estratexias que segue o polbo para protexer os seus ovos; e outro sobre os calamares xigantes. Uhm...! Mellor non se pór perto deles...! Cando se enfadan son temibles!




Estas marabillosas xornadas estiveron plagadas de curiosos "incidentes". Candela, Breogán e algún máis da súa clase falaron para a cámara de VTelevisión. Sen saber de que se trataba, os de 4 anos B chegaron dicindo que aquí cheira a "fish". Uns cantos decidiron que querían ser científicos. E Simón comentou ó seu pai: "Veu ó cole unha científica que se chama Luisa e metín o dedo na boca dun calamar xigante".

Resultou que o pai de Simón e Luisa eran vellos amigos. Aquí os tendes ós tres.


Por outra banda, non hai como ser alumnos bibliotecarios. Os rapaces de 6º que se achegaron hoxe á Biblioteca disfrutaron da boa disposición de Luisa, que aproveita calquera intre para divulgar esa ciencia que tanto ama. Así que eles (como xa son maiores) poideron investigar no microscopio ás súas anchas, sacar fotos... e falar con Luisa distendidamente! Lucas ten máis claro, cada día, que quere ser biólogo. 






Como recordo da súa visita ó noso cole, Simón agasallou a Luisa cun Frianciño (a nosa mascota). Non é un peixe, nin un polbo... pero, este ano, anda a trafegar no mar.




Grazas, Luisa, pola túa cercanía, pola túa amabilidade e boa disposición, e, sobre todo, por aprendernos a ler no Gran Libro da Ciencia. 

No hay comentarios: