GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

viernes, 28 de febrero de 2014

HISTORIA DUN PEIXE TROPICAL



Cos nenos e nenas de 4 anos A. 

Para o seu Venres de Viva Voz, os nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos A recitaron esta Historia dun peixe tropical. Como vedes, foron moi profesionais.



Parabéns, chicos!

jueves, 27 de febrero de 2014

DOUS POEMAS SOBRE O MAR



A cargo dos alumnos e alumnas de 5º A. 

Este é o recitado que os nenos e nenas de 5º A fixeron para o seu Venres de Viva Voz.



miércoles, 26 de febrero de 2014

EXCURSIÓN AO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO P.N. DAS ILLAS ATLÁNTICAS




Xabier, de 5º B, fai a reseña da saída. 


Martes 18 de febreiro de 2014

Hoxe os alumnos de 5º tivemos unha excursión ao Centro de Interpretación do Parque Natural das Illas Atlánticas. 

Pola mañá, antes de coller o autobús, estivemos recortando uns tentáculos para o noso disfraz. 

Cando xa estabamos no autobús fomos todos falando ata chegar ó Principe; dende alí camiñamos á Praza da Constitución, que tiña moitos camiños que levaban ata a Cerería, ós Cesteiros, a Librería Kalandraka e ata a Colexiata. Nós fomos polo camiño da Colexiata, e cando xa estabamos máis cerca démonos conta de que tiña un reloxo de sol. 

En canto chegamos ao Centro de Interpretación das Illas Atlánticas, os monitores, Suso e Mónica, dixéronnos que deixaramos as chaquetas e as libretas apartadas, xa que non precisabamos anotar nada. 

O primeiro que fixeron os monitores foi falarnos das Illas Atlánticas. Dixéronnos que estaban divididas en catro arquipélagos, que eran: Ons (á que tamén chaman Illa das Cores, na Ría de Pontevedra), Sálvora (a Illa das Esculturas) xunto con Cortegada (A Illa dos Trasnos) na Ría de Arousa e Cíes (a Illa das Praias) na Ría de Vigo. 

Logo dividímonos en dous grupos: 5º A e 5º B. Eu estaba no grupo de 5º B. 

O primeiro xogo que fixemos consistía en que eramos de distintas profesións, e coa axuda duns libros xigantes tivemos que completar un folio. Logo baixamos a ver un vídeo sobre os corvos mariños e as súas crías. 

Cando o outro gupo rematou fomos nós á actividade na que estaban eles. Cun imán tiñas que pescar un animal pegado a unha chapa, e logo tiñas que atopalo nos paneis e colocalo no seu ecosistema. 

Cando rematamos todos e estabamos a puntiño de marchar déronnos uns marcapáxinas para repartilos cando chegaramos a clase, 

Xa afora aproveitamos para ir pola Rúa dos Cesteiros. 

O autobús, en vez de deixarnos no colexio, deixounos no Carrefour, e de alí fomos andando ata o colexio. 

Xabier Ferreiro - 5º B de Primaria

martes, 25 de febrero de 2014

O DÍA DE SAN VALENTÍN




A nova dos nenos e nenas de 1º B.

Este curso, o 14 de febreiro coincidiu en venres. Por iso os rapaces de 1º B non tiveron dúbidas sobre o contido da súa Nova da Semana: trataría sobre o Día dos Namorados.

Cun pouco de retraso, achegámosvos o podcast. Pasou o día, pero a historia de San Valentín é ben interesante, e escoitalos a todos paga a pena.



Parabéns, chicos!

lunes, 24 de febrero de 2014

UN PESADELO NO MEU ARMARIO



Na Tarde de Contos da semana pasada.

Este foi o título dun dos dous contos que nos contou Mª Jesús, a nai de Claudia (2º A). Como podedes ver, o público foi numeroso, e estivo totalmente entregado no obradoiro, que consistiu, precisamente, na confección dun pequeno monstro con material de refugallo.





Grazas a Mª Jesús, a Claudia, a Olivia, e a todas as familias que, semana a semana, levan adiante esta actividade. 

sábado, 22 de febrero de 2014

PREPARADE AS VOSAS VOCES!



Estades xa afinados...?

Xa casi todo está preparado para o Entroido: traxes, complementos, xuízo do Meco... e tamén as nosas coplas.

Durante as últimas semanas, os nenos e nenas de Primaria estiveron creando as súas propias coplas. Despois da selección levada a cabo por un experto xurado, estas son as elixidas para formar a nosa Canción do Entroido 2014.





E aquí tendes a música. 


Agora, quédavos unha semana para a aprender. O venres comprobaremos o que sabedes. 

A ESCALA DOUGLAS E AS NORMAS DE ABORDAXE



Queres falar como un auténtico "lobo de mar"?

Estate atento ó que contan os rapaces e rapazas de 5º B no seu Venres de Viva Voz.



Parabéns, chicos!

viernes, 21 de febrero de 2014

A ACUICULTURA



A Nova da Semana da aula de 3º A.

Os rapaces e rapazas de 3º A analizan na súa Nova da Semana o tema da Acuicultura.



Imaxe: Salmon newborn. En Wikipedia. CC BY SA.

RADIO PESQUERA



Non temos invadido a frecuencia dunha emisora, non...

Radio Pesquera é o novo proxecto no que están embarcados o vigués Pablo Novoa e o músico Nono García, oriundo de Barbate. Unha mistura de estilos e instrumentos sempre co mar como referencia.

Aquí tendes o vídeo promocional desta iniciativa que busca a colaboración do público para lograr financión.



Se queredes máis información, neste enlace poderedes obtela. 

jueves, 20 de febrero de 2014

A ROSALÍA




O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía. 

Porque nesta data naceu (en 1837) a nosa meirande poetisa: Rosalía de Castro. Chamada por Manuel Curros Enríquez (outro grande poeta do Rexurdimento) a musa dos pobos.

Xa que este curso o noso PDI xira en torno ó mar, temos seleccionado dous poemas: A Rosalía (de Curros Enríquez) móstranos a Rosalía paseando pola beira do mar; en Del mar azul é a propia Rosalía a que se sitúa xunto ó mar. Un mesmo cadro dende perspectivas diferentes.


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar, 
na frente unha estela, 
no bico un cantar.

E vina tan sola
na noite sin fin
¡que inda recei pola pobre da tola
eu, que non teño quen rece por min!/

A musa dos pobos
que vin pasar eu
comesta dos lobos
comesta se veu.

Os ósos son dela
que vades gardar
¡Ai dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez



Del mar azul las transparentes olas
mientras blandas murmuran
sobre la arena, hasta mis pies rodando,
tentadoras me besan y me buscan.

Inquietas lamen de mi planta el borde,
lánzanme airosas su nevada espuma
y pienso que me llaman, que me atraen
hacia sus salas húmedas.

Mas cuando ansiosa quiero
seguirlas por la líquida llanura,
se hunde mi pie en la linfa transparente
y ellas de mí se burlan.

Y huyen abandonándome en la playa
a la terrena, inacabable lucha,
como en las tristes playas de la vida
me abandonó inconstante la fortuna.


Rosalía de Castro
En las orillas del Sar


Rematemos esta pequena homenaxe a Rosalía lembrando os traballos que, no noso cole, preparamos o curso pasado. Tratábase de sonorizar diversos poemas de Cantares Gallegos. Podedes disfrutalos neste enlace

miércoles, 19 de febrero de 2014

APRENDENDO A FACER ENTREVISTAS



Durante o mes de marzo celebraremos a Semana da Prensa.

Dado que coñecemos a moitas persoas vencelladas (dun ou doutro xeito) co mar, propómosvos facerlles entrevistas para saber máis deste sector tan importante na economía da nosa cidade.

Pero, antes de coller lápis e papel cómpre ter en conta algunhas cousas. Fixarvos ben neste titorial para convertirvos en auténticos expertos.



LIM SOBRE OS PEIXES



martes, 18 de febrero de 2014

19 de FEBREIRO. CENTENARIO DO POETA XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO




A quen se adica este ano o Día das Letras Galegas.

Xosá María Díaz Castro foi docente no Instituto de Guitiriz que leva o seu nome. Grazas ó empeño dos seus compañeiros docentes, o Día das Letras Galegas 2014 adícase a el.

Para celebrar o centenario do seu nacemento, todo o centro ten participado na elaboración duns magníficos materiais que nos presentan deste xeito:

Este mércores 19 de febreiro celébrase o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

Con este motivo, a biblioteca e o conxunto do equipo docente e alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz anima a toda a comunidade educativa galega a celebrar con nós esa data tan especial proxectando nos vosos centros o documental que o curso pasado realizaron os nosos alumnos en colaboración con Pasen y Vean comunicación: "A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro" (pincha aquí para ver o documental)


Tedes a vosa disposición unha proposta de actividade de 50 minutos, con xogos sobre a poesía de Diaz Castro, realizados pola profesora María Miragaya, a partir do obradoiro da especialista Chus Otero. Como veredes os xogos son sinxelos, para facer de xeito individual cun ordenador ou na clase cun proxector. Podedes baixalos pinchando no título. Despois de facelo non gardedes os cambios, para podelos usar de novo.



                                 1-. Que lle pasa ao texto...
                                 2-. Buscamos a vocal para o poema
                                 3-.Palabras cambiadas
                                 4-.Completamos o poema con palabras
                                 5-.Emparellamos as dúas partes dos versos
                                 6-.Encaixamos os veros de Penélope
                                 7-.Ordenamos as estrofas
                                 8-Descubrimos as partes de Nimbos
                                 9- Verso desordenado

Tamén dispoñedes de música para cantar, composta pola nosa compañeira Sandra Tenreiro e dun Karaoke.

Unha fermosa lembranza, e máis, cando procede dos propios compañeiros e alumnos. 

lunes, 17 de febrero de 2014

OS EFECTOS DO MAL TEMPO



Un magnífico traballo dos alumnos e alumnas de 1º A. 

Para a súa Nova da Semana correspondente á semana do 3 ó 7 de febreiro, os nenos e nenos de 1º A (coa súa profe Nieves) desenvolveron un magnífico traballo en torno á prensa.

Fixeron acopio dos xornais do centro e empezaron a desmontalos. E, así, entre titular e titular, decidiron que a nova máis salientable era a sucesión de temporais que vimos padecendo.

Logo fixeron un seguemento deste tema ó longo da semana, recortando os titulares e explicando o contido coas súas palabras (boa tarefa de comprensión lectora e expresión escrita). Todo quedou reflectido nun mural que reproducimos a continuación.


Por último, gravaron o seu programa de radio. Aquí está o resultado.


Como vedes, un magnífico traballo que demostra que, cando temos as ideas claras, un simple periódico pode ser o mellor libro de texto. 

Parabéns, chicos... (e profe)!

domingo, 16 de febrero de 2014

UCI GALEGA PARA LOBOS MARIÑOS



A Nova da Semana dos alumnos e alumnas de 4 anos B.

Cun pouco de retraso achegámosvos a nova dos nenos e nenas de 4 anos B, correspondente á semana do 27 ó 31 de xaneiro de 2014.

Aquí os tendes, moi profesionais:



Parabéns, chicos!

NUNCA MÁIS!




Dez anos despois...

... os rapaces e rapazas de 5º B recrean este fermoso libro de Kalandraka neste vídeo.




sábado, 15 de febrero de 2014

UN CONTO URUGUAIO




Viaxamos a Sudamérica con Luamy e a súa nai. 

O pasado martes día 11 Luamy e Rebeca, a súa nai, foron as protagonistas da nosa Tarde de Contos.

Achegáronse onda nós cunha lenda quechua na que se narra a razón pola que a lúa e o sol se turnan no firmamento. Titúlase A lúa e o sol casan.

Como vedes, ambas as dúas chegaron ben equipadas: ademais dos libros, trouxeron murais con información sobre Uruguai e diversos obxectos e produtos típicos deste país.

O numeroso público participou logo nun obradoiro.





Grazas por nos facer pasar unha tarde tan divertida!

jueves, 13 de febrero de 2014

CATÁSTROFES ECOLÓXICAS EN GALICIA




Polos alumnos e alumnas de 3º B.

No seu Venres de Viva Voz, os nenos e nenas de 3º B falaron sobre as catástrofes ecolóxicas que, de xeito continuado dende a década dos 70 veñen asolando as nosas costas.

Remataron cun poema sobre o Prestige.






Parabéns, chicos!

LITERATURA E AMOR



San Valentín, Día dos Namorados.

Dende sempre, o amor ten sido un tema recurrente na literatura de todas as idades. Por tal motivo non queremos deixar pasar desapercibido un día que ten xerado tantas e tan fermosas páxinas.

Dende o CPI de Mondariz, os nenos e nenas de Educación Infantil 3 anos comparten connosco esta historia de Daniela Kulot tituladada Crocodilo namorado.




Por outra banda, no noso cole estamos a desenvolver este curso o PDI titulado A lingua sabe a mar

É ben coñecida a relación entre mar, poesía e amor. Por tal motivo, temos feito unha selección de Poemas de mar e amor



Por último, o mar e o amor teñen inspirado preciosas e apasionadas historias que se teñen convertido en famosas melodías. Remitímosvos ó blog da Aula de Música para coñecelas. (Preme neste enlace).

Feliz (e poético) Día dos Namorados!


CELEBRAMOS O DÍA MUNDIAL DA RADIO



O 13 de febreiro.

No día de hoxe todas as emisoras adicaban un tempo dos seus programas a falar sobre o Día Mundial da Radio. Os centros educativos con radio escolar tamén adoptaban a decisión de celebralo elaborando un Manifesto para ser lido neste día.

No noso cole sumámosnos a esta proposta. Por iso, durante a Hora de Ler, xuntámonos para escoitar o podcast gravado o día anterior polos nosos compañeiros bibliotecarios. (Podedes ver o post do Manifesto neste enlace).

E a continuación presentámosvos a reportaxe fotográfica deste día.



Longa vida ás radios escolares!

miércoles, 12 de febrero de 2014

DÍA MUNDIAL DA RADIO



Co gallo desta celebración, as radios escolares publican un Manifesto.

A UNESCO proclamou o día 13 de febreiro Día Mundial da Radio. Isto ocurría no ano 2011.

Por que esta data...? Porque o 13 de febreiro de 1946 creouse a Radio das Nacións Unidas.

Aínda que no noso cole non temos radio escolar propiamente dita, si que esta é unha actividade que ten cabida na nosa programación, coa particular revisión da prensa que facemos en A Nova da Semana: así, o estudio de gravación e as ondas hertzianas cambiámolas polo ordenador e a canle de podcast.

Por tal motivo, témonos sumado a esta iniciativa da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! e a Asociación Internacional de Radios Educativas (AIRE).

Os encargados de ler o Manifesto foron os alumnos bibliotecarios, que, con grande profesionalidade, ocuparon o seu tempo de recreo para facer a gravación (tivemos que "peregrinar" polas aulas ata atopar unha silenciosa).

Tamén foron eles os encargados de realizar a reportaxe fotográfica que acompaña esta nova, e na que podedes comprobar o atentos e disciplinados que estaban.




E aquí podedes escoitar o noso Manifesto.




Feliz Día da Radio!


martes, 11 de febrero de 2014

UN GRAN DE AREA PARA PRESERVAR A VIDA NO MAR



Carteis ecolóxicos do alumnado do Terceiro Ciclo de Primaria.

O noso Día da Paz estivo moi vencellado á preservación da vida no mar. Ademais de sensibilizar ó noso alumnado, propuxémoslles a elaboración de carteis que incidiran neste aspecto. Estes foron os traballos presentados polos alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria:




E estes, os de 5º:

lunes, 10 de febrero de 2014

CANTOS BARCOS GARDA O VELLO MARIÑEIRO NA SÚA HABITACIÓN?



Este é un dos máis famosos cadros de Urbano Lugrís: Habitación de vello mariñeiro.

A primeira vista, resulta claro que nesta habitación vivía un grande amante do mar. Pero... es quen de descubrir todos os segredos que encerra...?

Preme no seguinte enlace para ver o cadro a maior tamaño, ou, en todo caso, para descargar a imaxe.


E agora... eres quen de contestar estas preguntas...?




Contesta antes do día 17 de febreiro. 

TEMOS QUE IR MÁIS Ó MERCADO...!



Hai uns días propuxémosvos un novo reto: comprobar a vosa pericia para mercar peixe. 

Para iso creamos un formulario que insertamos neste post. Transcurrido o tempo establecido, presentamos os resultados.

En primeiro lugar, temos que vos felicitar: os máis participativos teñen sido os rapaces de 6º curso de Primaria, e en concreto, os de 6º A. Pero vánselles sumando outros, coma os de 5º B e a nosa compañeira Claudia de 2º B.

Cómpre agora coñecer as respostas correctas:
      • Segundo o seu contido en graxa, o peixe que mercamos pode ser BRANCO ou AZUL.
      • O pescado azul ten máis contido en graxa. 
      • Son pescados brancos: MERLUZA - RAPE - RAPANTE - OLLOMOL - LINGUADO - RODABALLO.
      • Un "pezqueñín" é un peixe que aínda non cubríu o seu ciclo biolóxico e non se ten reproducido, polo que non acada a talla mínima regulamentaria. 
      • A frescura do peixe revísase con TRES SENTIDOS: o olfacto, a vista e o tacto. 
Ningún participante acadou as cinco respostas correctas. 

Estes dous compañeiros acadaron catro acertos, polo que poden vir á Biblioteca a selar o seu carnet: 
      • Ariadna González Ballesteros (6º A)
      • Álvaro Barreiro Menduíña (6º B)
Moitas grazas a todos e a todas por participar. E... prepararvos, que a seguinte proposta xa está cociñada!

miércoles, 5 de febrero de 2014

CONTOS DO PERÍODO DE ADAPTACIÓN



En Educación Infantil 3 anos.

Durante o Primeiro Trimestre, ademais de se adaptar ós horarios e ás rutinas escolares, os nenos e nenas de 3 anos tamén se iniciaron na lectura diaria.

Aquí tendes o traballo que, como resumo, levaron a casa polo Nadal.

UN CONTO RUSO



Unha Tarde de conto para un martes de diluvio.

O martes día 4 de febreiro estivo acompañado por "Petra", esa cicloxénese que nos deixou a todos mollados e sen paraugas.

Pero, aínda así, o contacontos estivo a rebosar. E con razón: porque estiveron connosco Silvia, Elisa e a súa nai  (Anna) a nos contar contos rusos.

Dous preciosos contos: unha fábula sobre a zorra e o kalabok (un pan redondo) e un conto encadeado en torno a un nabo.

A sesión estivo acompañada por unha colección de matrioschkas, e aderezada coa degustación dun postre típico parecido ás filloas.

Rematou a sesións de contos cun obradoiro no que pintamos as nosas propias bonecas rusas.


martes, 4 de febrero de 2014

ALUMNOS BIBLIOTECARIOS REUNIDOS



Despois do Primeiro Trimestre, retomamos a nosa actividade. 

Iso ocurre dende o primeiro día de clase deste mes de xaneiro. Mais hoxe (23 de xaneiro de 2014) xuntámonos todos os alumnos bibliotecarios para introducir algunhas melloras: cambios de turnos para adaptarnos á carga de traballo de cada xornada, novas actividades, novas responsabilidades...

A nosa tarefa comezará o luns. Os motores están preparados. Tras esta pequena "avaliación" seguro que os resultados van ser moito mellores.





lunes, 3 de febrero de 2014

PETISCOS PACIFISTAS E ECOLÓXICOS




Durante a Hora de Ler. 

Do 27 ó 30 de xaneiro, durante a Hora de Ler, nas aulas de Educación Primaria reflexionamos sobre mar, ecoloxía e pacifismo.

Para iso axudámonos de dous dos documentos da nosa Biblioteca: Nunca máis. A ollada da infancia e A historia do Rainbow Warrior.

Ademais de se sensibilizar sobre os desastres ecolóxicos e os animais mariños ameazados, a rapazada mostrou moito entusiasmo por ambas as dúas obras. Pronosticamos que, esta semana, estarán moi solicitadas.




domingo, 2 de febrero de 2014

BIBLIOTECARIO VOLUNTARIO EN ACCIÓN




Xa vedes canto traballan!

Como vedes, o noso Voluntariado bibliotecario é variado en idade e en sexo. Tamén son moi variadas as tarefas que desenvolven: revisión de mochilas viaxeiras, xestión informatizada dos empréstitos e devolucións, forrado, selado e etiquetado de fondos, ordenación...

Nada mellor que a proba fotográfica para comprobalo!




Cuns axudantes tan eficientes da gusto!

O CONSELLEIRO, NA NOSA BIBLIOTECA



O mes de xaneiro rematou coa visita do Conselleiro de Educación e Cultura. 

D. Jesús Vázquez estivo acompañado por D. Manuel Corredoira (Director Xeral de Educación), D. José Manuel Pinal (Director Xeral de Centros e Recursos Humanos), D. César Pérez Ares (Xefe Territorial de Educación) e do noso inspector, D. Carlos Antuña.

Cumprindo a súa promesa, o Conselleiro achegouse ó noso centro para nos facer entrega do lote de libros prometido co gallo do Premio Nacional acadado co PDI A lingua sabe a pan.

A comitiva foi recibida pola nosa Directora, Olga Alonso Suárez, e agasallada polo alumnado de Educación Infantil, que cantou a nosa canción do Día da Paz (Pintando acuarelas).

A continuación, unha comisión da A.N.P.A expuxo algunhas deficiencias das instalacións.

Un paseo polo centro levounos a admirar os murais que adornan os corredores, a visitar un par de aulas Abalar, a compartir cos alumnos a entrada ó Comedor, e, finalmente, a pasar uns intres na nosa Biblioteca. 

Aquí tendes a reportaxe gráfica elaborada pola nosa compañeira Ana P.




Un mes de xaneiro que rematou en festa. 


COMPROBA A TÚA PERICIA PARA MERCAR PEIXE



Hoxe tócache cociñar.

E, como bo cociñeiro, tes que ir ó mercado a comprar peixe.

Comproba os teus coñecementos contestando este formulario. Tes para contestar ata o día 10 de febreiro.




ADIVIÑACHES...?




Hai un par de semanas propuxémosvos unhas adiviñas. 

Lembrades...? Aquí están novamente as rimas coas respostas correctas. 

1

Ameixiñas si, 
ameixiñas non, 
o que as queira 
que baixe o RIÑÓN.

                    2

Non me mates con tomate, 
mátame con BACALLAO;
non o botes a remollo 
que a min gústame salgado. 
                

O cura de Teis 
foi ós MEXILLÓNS
bateu cunha pedra
rachou os calzóns. 
4

Polo mar vai un peixiño, 
polo mar vai un pescado, 
que lle chaman RODABALLO.
                   5
             
Que farán os cataláns, 
que este ano non ten SARDIÑA?
Andarán polos camiños,
tirando pedras ós cans. 
6                      

Unhas van para Cambados
outras para Samieira; 
unhas van con empanadas, 
outras con cunchas VIEIRAS.
7

Os suspiros dunha mincha, 
as bágoas dun mexillón, 
os cantares dun percebe
fan chorar un CAMARÓN.


Ningún dos participantes respostou correctamente as sete palabras. O máximo número de respostas correctas foi de catro. 

Agora explicámosvos as que ninguén acertou: 

1. RIÑÓN: para mariscar hai que dobrar o lombo (ou, coloquialmente, baixar o riñón). 
5. SARDIÑA: os cataláns (tamén chamados fomentadores) foron os grandes impulsores da construción naval, da salgadura e da industria conserveira. A sardiña era a materia prima desta industria.


Moitos parabéns para os alumnos e alumnas de 6º pola súa enorme partipación, que constitúe o 100 %. 

Esta é a lista dos acertantes

6º A: Ismael, Gael, Ariadna, Rebeca, Lucía, Nieves, Anxo, Marta, Lucas, Diego, Izzan, Aldara, Sara.

6º B: Silvia, Ángel, Helena, Leopoldo, Lhorrana, Xandre, Álvaro, Inés, Ainhoa R., Ainhoa S., Andrés, Bogdan, Laura, Ares, Ainea, Yeray, Ivan, Gonzalo. 

Podedes pasar pola Biblioteca cos vosos carnets para pórvos o selo. 


sábado, 1 de febrero de 2014

A VISITA DUNS CURIOSOS SERES MARIÑOS



A Nova da Semana en Educación Infantil 4 anos A.

Os nenos e nenas de 4 anos seleccionaron unha curiosa nova: a chegada ás nosas costas, por mor das correntes, de seres mariños de procedencia diversa e lonxana.

Aquí os tendes, contándonolo.



Estupenda elección!