GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 30 de mayo de 2013

A VOTAR...!




... No Concurso de Fotografía Dixital.

Por fin temos xa a participación que esperabamos. Así que... xa podemos votar! E cómpre facelo axiña, xa que o martes desvelaremos o nome do vencedor.

Neste enlace podedes refrescar as bases do Concurso.

E aquí podedes revisar todas as fotos e coñecer o seu lema.

Non o deixedes para mañán. Tendes de prazo ata o luns día 3 ás 17:00 horas.




A RATIÑA PRESUMIDA



Con sombras chinescas.

Para a actividade titulada Contos teatralizados, os rapaces e rapazas de 5º B prepararon unha curiosa versión da Ratiña Presumida, esta vez con final feliz. Ademais, empregaron unha técnica poco habitual: as sombras chinescas.




Parabéns!


A CASIÑA DE CHOCOLATE




Cos alumnos de 2º A.

Os nenos e nenas de 2º A, na actividade que titulamos Contos teatralizados, relataron A casiña de chocolate. E fixérono coa axuda das TIC.



Parabéns!

A LAVANDEIRA E A RAPOSA



Un Conto Teatralizado de 1º B.

Seguindo coa nosa actividade de Contos Teatralizados, os nenos e nenas de 1º A presentan este conto, realizado coa técnica do Kamishibai. A través das imaxes e das palabras ofreceron ós nenos e nenas de 2º A o conto titulado A lavandeira e a raposa, recollido da tradición oral e que chegou a nós grazas á profe Elisa.

Aquí tendes o fermoso resultado.



Parabéns!

CARRAPUCHIÑA VERMELLA



O conto dos nenos e nenas de 1º A.

Adaptando a versión tradicional ó noso PDI (A lingua sabe a pan) os nenos e nenas de 1º A contáronnos este conto empregando o kamishibai.

Todo resultou máis doce. Pero o máis doce foi a grata sorpresa que poidemos experimentar todos.





Parabéns a todos os protagonistas!


OS CEREAIS



Un traballo de 3º A .

Despois de ter investigado sobre os cereais, os rapaces e rapazas de 3º A elaboraron varios murais que, agora, decoran a súa aula.

Aquí tendes unha recopilación deles.

A GALIÑA ROXA



En versión alumnos de 5 anos de Educación Infantil.

Coa intención de fomentar aínda máis a lingua oral e dárlle un pulo ós contos de tradición oral, propuxemos esta actividade de Contos Teatralizados. Cada nivel elixiu un formato para representalo.

Así, tras traballar todo o curso sobre o conto titulado A galiña roxa, os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos preséntannos esta versión para monicreques.





Parabéns!


miércoles, 29 de mayo de 2013

TODO SOBRE OS HÓRREOS



Cos rapaces e rapazas de 5º B.

Despois de investigar sobre os hórreos, na aula de 5º B fixeron esta exposición oral:



Acompañárona desta presentación:



MÁIS CONTOS DE MARISOL




A abella na orella da ovella.

Na Tarde de Contos da semana pasada Marisol contounos a historia de Fedella, unha pequena abella que nunca paraba de enredar e que, como era corta de vista, acabou na branca orella dunha ovella (ó confundila cunha azucena).

Tras esta aventura tan divertida, tocou o turno das manualidades: unhas preciosas abellas de goma eva.




Que historias e que actividades tan divertidas nos traes sempre, Marisol! 

martes, 28 de mayo de 2013

OS EXOPLANETAS



A nova dos nenos e nenas de 3 anos A.

Os rapaces e rapazas de 3 anos A presentan a súa Nova da Semana. Seguindo co proxecto que están a traballar, fálannos sobre a aparición de dous novos exoplanetas (planetas exteriores ó Sistema Solar). Aquí tendes o resultado do seu traballo.



E aquí, o vídeo no que nos contan todo:




Moi ben, chicos!



domingo, 26 de mayo de 2013

QUE ACABA O PRAZO...!


... Do Concurso de Fotografía Dixital...!

Frianciño estivo de viaxe esta fin de semana, e atopou un precioso (e curioso) hórreo (ou piorno, como lle chaman na Illa de Arousa), camiño de Lugo.

Como o tema do Concurso está un pouco "parado", Frianciño achéganos as súas fotos, e propón ampliar o prazo de presentación de imaxes ata o vindeiro venres día 31 de maio.

Lembrade as bases do Concurso neste enlace.

Aquí vos deixamos as fotos de Frianciño.




Esperamos as vosas...!

sábado, 25 de mayo de 2013

O PIRATA METEPATA



Unha invasión pirata no Venres de Viva Voz. 

Os protagonistas: os nenos e nenas de Educación Infantil 3 anos B. Aquí os vedes, perfectamente pertrechados, cantando O pirata Metepata, con Alba, a profe de prácticas. 




FACENDO PAN NO FRIAN



O turno da rapazada de Educación Infantil.

Despois de traballar durante estes meses sobre a historia dunha semente, os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos fan a súa presentación oral.

Atoparedes algún personaxe coñecido (como Cunqueiro e Cunquiña) e outros que vos resultarán descoñecidos, como Pat. Quen é Pat? Pois o extraterrestre que os ten acompañado ó longo deste curso. Precisamente a el se dirixen, para lle aprender como se fai o pan e de onde procede o trigo.

Un precioso traballo, feito coa gracia e naturalidade dos máis cativos.





Parabéns!


viernes, 24 de mayo de 2013

FACEMOS PAN NO FRIAN


A tarefa de Educación Documental dos nenos e nenas de Educación Infantil.

Os máis cativos do cole coñeceron este curso todo o proceso do pan, dende a sementeira ata a fornada. Nesta pequena historia recopilan todo o que teñen aprendido, que non é pouco...




Parabéns!


jueves, 23 de mayo de 2013

O QUE SABEMOS SOBRE OS RÍOS



O tema traballado por 4º no noso PDI.

Co PDI deste curso (A lingua sabe a pan) estudiamos todo o proceso do pan, dende a semente ata a fornada. Unha tarefa importante é a muiñada, que se desenvolve no interior dos muíños, situados (se son de auga) ó carón das correntes de auga.

Por iso, o tema de estudio dos alumnos de 4º de Primaria foi o río.

A continuación ofrecémosvos a presentación realizada por un dos alumnos deste nivel.





miércoles, 22 de mayo de 2013

CONTOS MOI DOCES



Con Carmen, Mario e a súa nai: Teresa.

A Tarde de Contos do pasado día 15 de maio estivo protagonizada por esta familia. Comezou Mario (2º de Primaria) contando Siempre te querré. Logo, Carmen (Educación Infantil 4 anos), coa axuda de Teresa, contou Y se lleva a los niños que comen poco. Unha historia que seguro que lles resulta coñecida a moitos cativos que, como o protagonista, só queren comer un tipo de comida (xa sexan sandwiches de queixo, ou ovos fritidos).

Este conto deu pé a unha interesante conversa, na que todos os participantes acabaron falando sobre a cantidade de alimentos interesantes que podemos comer.

E xa que se achegaba a hora de merendar... que mellor actividade que "dárlle á mandíbula", iso si, en forma de xogo. As nais encargadas da actividade prepararon unha cunca con seis clases diferentes de froita. Os nenos, cos ollos tapados, debían probar unha e recoñecela. Así paladeamos mazá, plátano, mango, framboesa, amora e melón. Non todos recoñeceron a súa froita, nin a todo o mundo lle entusiasmou. Pero iso si... ó final, non quedou nin a proba...!





Esta si que foi unha saudable (e doce) sesión. Moitas grazas!

martes, 21 de mayo de 2013

CREANDO VÍDEOS SOBRE OS MUÍÑOS



En 6º B.

Despois de visitar o Muíño da Regueira, os rapaces e rapazas de 6º B crearon este vídeo empregando para iso as fotografías tomadas durante a saída.




Estoutro está elaborado coa técnica de Stop Motion, e sirve moi ben para coñecer as diferentes partes do muíño. 


Parabéns polo voso traballo!

lunes, 20 de mayo de 2013

FALANDO SOBRE OS HÓRREOS



En 5º A.

Despois de investigar sobre os hórreos, os rapaces e rapazas de 5º A fixeron esta presentación onde nos explican todo o que aprenderon.

Moi ben, rapaces!



E aquí tendes a presentación coa que se axudaron: 

FALANDO SOBRE OS MUÍÑOS



No 6º curso de Primaria.

Os rapaces e rapazas de 6º curso de Primaria, despois de investigar sobre os muíños, explícannos o que teñen aprendido.





Unha grande exposición!

domingo, 19 de mayo de 2013

FALANDO SOBRE OS TIPOS DE PAN



No Primeiro Ciclo.

Despois de investigar sobre os tipos de pan, os nenos e nenas de 1º curso de Primaria prepararon a súa exposición oral. Convidaron ós rapaces de 2º e remataron ofrecéndolles unha degustación.

Un saboroso xeito de rematar as súas tarefas para o PDI A lingua sabe a pan.



sábado, 18 de mayo de 2013

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS




Lembrando a Roberto Vidal Bolaño e relacionándolo co noso PDI: A lingua sabe a pan.

O xoves 16 de maio, ás 13:00 horas, reunímonos todos o alumnado e profesorado do Centro para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Acudimos á xuntanza coa nosa palabra galega favorita. Unha vez reunidos, catro alumnos e alumnas de 6º B leron unha pequena semblanza sobre Roberto Vidal Bolaño, o autor homenaxeado este ano.

A continuación, con moito entusiasmo, cantamos todos Cantarei, cantarás, a nosa pequena homenaxe á nosa lingua nai.

Por último, de volta ás nosas aulas, enchemos o pan da lingua coas palabras máis fermosas que coñecemos.





E estas son as nosas palabras galegas favoritas: témolas extraído das vosas respostas, recollidas nun post anterior: 




Unha xornada entrañable!



VIVINDO ROSALÍA




A tres días de celebrar o 150 aniversario de Cantares Galegos.

Os nenos e nenas de 3º e 5º de Primaria acudimos camiñando ata o Centro Cívico de Teis para asistir a unha actividade sobre Rosalía de Castro organizada polo Concello de Vigo. Alí, cantamos, recitamos, xesticulamos, bailamos, debuxamos... pasámolo xenial!

Este ano, as nosas vivencias de Rosalía serán inesquecibles!




viernes, 17 de mayo de 2013

OS ALUMNOS DE 5º, NA LIGAMATS


Na Fundación Barrié. 

O día 15 de maio, os rapaces e rapazas de acudiron á Fundación Pedro Barrié de la Maza, para participar nun circuíto matemático. Foi unha mañán realmente chea de bos intres para desenvolver a mente dun xeito divertido.

Unha oportunidade para traballar a competencia matemáticas e "ler o mundo".




O FALAR DAS FADAS



O galego: a nosa lingua agarimosa, feiticeira e máxica.

Neste Día das Letras Galegas no que celebramos os 150 anos da publicación dos Cantares Galegos de Rosalía, propómosvos a lectura deste poema de Valentín Lamas Carvajal, O falar das fadas, recollido no seu poemario Saudades Galegas, escrito tal e como se recolle no orixinal.



 Fálame n-esa fala melosiña
que celestiales armunias ten;
fálame n-o lengoaxe d' a terriña
        s' é que me queres ben.

   Se desexas provar d' o teu cariño
as tenruras, o fogo y-a pasion
probas con me chamares «amantiño» 
       que me tes moito amor.

   Se ch' eu digo que fôra meu encanto,
vivir sempre ond' a ti, xuntos morrer,
terás dito que sintes outro tanto
        con escramar «¡canté!»

   Chámame «mintireiro» 
s' enganadad' o que che diga chegas á dudar;
«toliño» si ô falar, pol-a calada
        che roubo un bico ou mais.

Fálame n-esa fala qu' espresando
tristuras, fai sentir ô curazon
non sei que morno acabamento brando,  
      nin que vaga emocion.

   Fálame n-esa fala pracenteira
que cando goces espresarnos quer,
é mais leda qu' os tonos d' a muiñeira, 
       é mais dolce que a mel.

   N-unha sola palabra dinos tanto
este noso falar feitizador,
q' unha pulla, un poema, a risa o pranto, 
       condensa n-unha voz.

   Arrólame c' os ecos d' esa fala
que tan ben fai sourrir como chorar;
múseca que os oubidos non regala
        d' as xentes d' outro chan.

   Fálame n-o lenguaxe d' os gallegos
se me queres facer moito sentir;
n-a fala que hastra en lábeos de labregos
        non sei que ten pra min.

   Arrólame c' o ritmo regalado,
co-a sonora infinita vibracion
d' o falar poI-as fadas inventado 
       pra meigar curazós.

  Xa de neno, esa fala melosiña,
o meu feitizo, a miña groria foi;
fálame n-o lenguaxe d' a terriña       
 s' é que me tes amor.



jueves, 16 de mayo de 2013

UNHA VISITA MOI TEATRAL



O pasado luns día 13 de maio estivo connosco un grupo de alumnos do CEIP de Cedeira (Redondela).

A obra que nos presentaron titulábase O testamento do Tío Nacho, escrita no século XIV por un monxe franciscano chamado Francesc Eiximenis e adaptada por Ángeles Garriga. A profe Mª José (que ensaiou a este grupiño de rapaces e rapazas) traduciuna ó galego.

Os actores e actrices foron alumnos de 5º e 6º do C.E.I.P. de Cedeira que participan no Obradoiro de Teatro: Ismael, Marta, Hugo, María, Nicolás, Fátima, Carla, Laura, Aroa, Manuela, Andrea, Antía, Tomás, Marcos e Antía.

Todos eles viñeron acompañados por un grupo de pais e polo profe de Música.

Aquí tendes algunhas imaxes sobre a representación.





Moitísimas grazas a todos (actores e acompañantes) por esta mañán tan divertida. 


miércoles, 15 de mayo de 2013

AS TAREFAS AGRÍCOLAS PASO A PASO


Cos alumnos e alumnas de 3º B.

Despois de investigar sobre as tarefas agrícolas, os nenos e nenas de 3º B presentáronnos oralmente o seu traballo. Aquí os tendes.




Parabéns polo voso traballo!

martes, 14 de mayo de 2013

UN CONTO CHINÉS



Con Daniel, o tío de Irene e Rocío.

Daniel leva dous anos estudiando chinés na Escola Oficial de Idiomas. Así que se animou a contarnos varias cousas moi interesantes.

Comezou a Tarde de Contos saudando en chinés (oralmente e por escrito, con auténticos caracteres chineses na pizarra).

A continuación, Daniel contounos unha lenda chinesa: a Historia do cazador Hailibu, que obtivo o poder de entender a lingua de todos os animais a cambio de non contar a ninguén o que escoitase.

O público tamén puido facer os seus "piniños", imitando a fonética dun poema chinés sobre a natureza. A experiencia non resultou moi exitosa. Pero colleitamos máis éxitos cos números (a pronuncia e a grafía chinesa).

Por último, investigamos sobre o horóscopo chinés, no que, en lugar dos doce signos zodiacais, aparecen doce animais ó longo do ano. Así, entre os participantes no contacontos (pais incluídos) apareceron varias ratas, bois, tigres, cabalos, porquiños e, incluso, cans.
A tarde rematou pintando fichas cos animais do horóscopo.





Grazas, familia!

lunes, 13 de mayo de 2013

...E CHEGA O CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL...!


Puntual á súa cita, como cada mes de maio. 

Como xa sabedes, os obxectivos deste Concurso son:
      • facer partícipe a toda a Comunidade Educativa das actividades propostas polo Centro; 
      • fomentar entre as familias o uso das Novas Tecnoloxías.

As  BASES do concurso deste ano son: 
      • O tema proposto é A lingua sabe a pan.
      • prazo para entregar as vosas fotografías remata o domingo 26 de maio de 2013.
      • Cada participante acompañará a súa fotografía dun lema.
      • Forma de entrega: A través do correo electrónico, á dirección:
friancinhojones@gmail.com

      • No correo electrónico incluirase: nome do autor ou familia - curso - lema
      • As fotografías enviadas formarán parte dunha presentación no blog da Biblioteca, onde poderán ser votadas polos internautas. 
      • A fotografía gañadora servirá para deseñar un cartel publicitario que se exhibirá durante a Festa - Exposición que organizaremos o día 4 de xuño. 

domingo, 12 de mayo de 2013

OS CEREAIS E AS SÚAS LABOURAS



Un traballo de 3º A para o noso PDI.

Despois de investigar sobre os cereais, os alumnos e alumnas de 3º A preséntannos, de xeito oral, o resultado do seu traballo.


jueves, 9 de mayo de 2013

AS NOSAS PALABRAS FAVORITAS



Unha homenaxe á nosa lingua nai: o galego.

Proximamente celebraremos o Día das Letras Galegas. Unha boa data para reflexionar sobre a nosa lingua e para resaltar o máis fermoso que atopamos nela: as palabras, que nos permiten comunicarnos e expresar bos sentimentos.

Propómosvos, pois, contarnos cal é a vosa palabra galega favorita. Convidámosvos a escribila neste formulario, para, entre todos, compartilas. Entre todos: familias, profesorado e alumnado estades invitados a participar.

Grazas por facelo!



martes, 7 de mayo de 2013

FALANDO SOBRE OS FORNOS



En 2º B.

Os nenos e nenas de 2ºB, despois de elaborar o seu traballo sobre os Fornos Galegos (publicado noutro post), cóntannos o produto da súa investigación ante as cámaras.



Parabéns!

lunes, 6 de mayo de 2013

VISITOUNOS VIOLETA MONREAL



O pasado venres estivo connosco esta fantástica ilustradora e mellor persoa que é Violeta Monreal

Por cortesía da Editorial Everest, estivo cos alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria para compartir as impresións que nos suscitou a lectura de Blanca, la nueva del equipo.

Os que tivemos a sorte de asistir á súa charla só podemos dicir que saímos entusiasmados. O seu dominio no rasgado do papel e na elaboración de ilustracións enfeitizounos. Pero, ademais, entre rasgado e rasgado, entre pegado e pegado, foi sementando unhas reflexións moi útiles para o noso traballo e a nosa vida.

O seu discurso desenvolveuse en torno a tres ideas:

      • escoitar a obra de arte: deixarnos interpelar por ela, descubrir que é o que nos pide; 
      • traballar máis: ser autoesixentes, non nos conformar con calqueira cousa, intentar sempre mellorar;
      • coñecernos: autoexplorarnos, descubrir o que nos fai únicos e o que temos que mellorar. 
Un discurso que, como o libro de Blanca, nace da vida e revirte na vida. 





Ademais de deixarnos un agasallo precioso, Violeta tamén nos deixou unha grande ensinanza. Esperemos darlle bo uso!

domingo, 5 de mayo de 2013

OS LECTORES DE FRIAN, XUNTOS OUTRA VEZ



Para comentar Os megatoxos e o aprendiz de druída

Os rapaces e rapazas do clube de lectura Os lectores de Frian reuníronse de novo para comentar este libro de Anxo Fariña. Un texto que lles encheu de entusiasmo e que, como eles manifestaron, lles encantou. E debe ser certo, porque as seguintes aventuras de estes superheroes xa hai tempo que están emprestados na biblioteca...