GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 21 de abril de 2013

SÓ UN LIBRO


Un agasallo de Paula Carballeira

O seguinte texto foi escrito por esta polifacética muller para agasallar ás Bibliotecas Escolares de Galicia co gallo do Día Internacional do Libro. Ó lelo, inevitablemente, véñennos á cabeza a voz e as expresións de Paula. Porque este é un texto para ser falado: un auténtico monólogo.


SÓ UN LIBRO

Non sei que facer. 
Miña irmá regaloume un libro. 
Un libro. 
Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este. 
Un libro. 
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo. 
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos. 
Nada. 
É só un libro. 
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse. 
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona. 
Non. 
Que vai reaccionar!
Espera. 
O libro espera. 
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio. 
Se cadra estase rindo de min. 
Crerase moi importante por ser un libro. 
Vouno abrir. 
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña estes aires de superioridade. 
Vaia!
Non está nada mal. 
Empézame a caer simpático. 
Tan caladiño, gardando a súa histora coma quen garda un segredo. 
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento. 
Era xusto o que eu quería. 
Un libro.
Este libro. 

                                                                                                           Paula Carballeira           

Está claro, non...? Pois esta é a razón pola que quixemos pórlle voz. E por iso eliximos a un pequeno grande artista de 6º B: Adrián Vázquez. Cunha mestría portentosa, preparou esta lectura na media hora do recreo do venres. Daba gusto velo mentras lía: como xesticulaba, como movía as mans... como daba golpeciños ó libro...! Se é quen de memorizalo, xa o gravaremos o luns. Mentras tanto, aquí tendes a súa voz.




Canto talento, Adrián! Certamente, naciches para o teatro!

No hay comentarios: