GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

martes, 30 de abril de 2013

TIPOS DE PAN



Un traballo da aula de 1º A.

En relación co noso PDI A lingua sabe a pan, os nenos e nenas de 1º A estiveron a investigar sobre o pan. Nesta presentación falan sobre as distintas tipoloxías.





Parabéns, chicos!


lunes, 29 de abril de 2013

A GUERRA DOS NÚMEROS


Un conto que fala do importante que é aceptar a todos coas súas diferencias individuais.

O pasado mércores día 24, Ana, a nai de Aldara (3º A) estivo na biblioteca para nos contar este conto. Que importa que o 1 sexa o máis pequeno...? El mesmo ten que aceptar que todos somos diferentes, e iso é unha riqueza. O intentar chegar á uniformidade só produce soidade, enfrentamentos e enemistade.

Despois de contar, aproveitamos o bo tempo para, no patio, xogar a eses xogos tradicionais que coñecían os nosos pais e que nós temos un pouco esquecidos.



Grazas, Ana e Aldara, por esta fantástica tarde. (E tamén á profe Elena, que foi "os nosos ollos").


domingo, 28 de abril de 2013

A NOVA DE 3º B



Sobre a presencia de medusas velenosas na Ría de Vigo.

A semana pasada, tocou o turno ós alumnos e alumnas de 3º B para preparar a súa Nova da Semana. Esta nova local foi a seleccionada por eles.


Moito ollo...!

sábado, 27 de abril de 2013

UN PRECIOSO AGASALLO

Para Frianciño e para todos nós.

A nosa alumna Alexandra, de 1º A, fíxonos un precioso agasallo con motivo do Día do Libro: un libro escrito por ela no que relata a súa primeira experiencia bibliotecaria no noso Centro. Unha experiencia que, sen dúbida, resultou impactante para ela, xa que lembra con todo detalle o que alí sucedeu.

Por outra banda, poderedes comprobar que é unha grande lectora, e que está moi ben formada como usuaria.




Moitas grazas, Alexandra...! E a continuar escribindo historias!



viernes, 26 de abril de 2013

O CASAMENTO DO PIOLLO E A PULGA



No Venres de Viva Voz da semana pasada. 

Este foi o recitado tradicional preparado polo alumnado de 3º A de Primaria.


martes, 23 de abril de 2013

ASÍ FOI O NOSO DÍA DO LIBRO



Apadriñamentos lectores baixo o sol de abril.

O Día do Libro resultou unha xornada cálida, chea de fermosas palabras, de agasallos sinxelos e emotivos, de sorrisos e aloumiños.

Á hora sinalada, cada padriño foi buscar ó seu afillado, co seu libro e un marcapáxinas de agasallo. O seu esforzo foi recompensado cun mouchiño elaborado polo máis cativo.





Grazas a todos os que fixestes deste un día tan especial. 



domingo, 21 de abril de 2013

SÓ UN LIBRO


Un agasallo de Paula Carballeira

O seguinte texto foi escrito por esta polifacética muller para agasallar ás Bibliotecas Escolares de Galicia co gallo do Día Internacional do Libro. Ó lelo, inevitablemente, véñennos á cabeza a voz e as expresións de Paula. Porque este é un texto para ser falado: un auténtico monólogo.


SÓ UN LIBRO

Non sei que facer. 
Miña irmá regaloume un libro. 
Un libro. 
Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este. 
Un libro. 
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo. 
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos. 
Nada. 
É só un libro. 
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse. 
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona. 
Non. 
Que vai reaccionar!
Espera. 
O libro espera. 
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio. 
Se cadra estase rindo de min. 
Crerase moi importante por ser un libro. 
Vouno abrir. 
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña estes aires de superioridade. 
Vaia!
Non está nada mal. 
Empézame a caer simpático. 
Tan caladiño, gardando a súa histora coma quen garda un segredo. 
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento. 
Era xusto o que eu quería. 
Un libro.
Este libro. 

                                                                                                           Paula Carballeira           

Está claro, non...? Pois esta é a razón pola que quixemos pórlle voz. E por iso eliximos a un pequeno grande artista de 6º B: Adrián Vázquez. Cunha mestría portentosa, preparou esta lectura na media hora do recreo do venres. Daba gusto velo mentras lía: como xesticulaba, como movía as mans... como daba golpeciños ó libro...! Se é quen de memorizalo, xa o gravaremos o luns. Mentras tanto, aquí tendes a súa voz.




Canto talento, Adrián! Certamente, naciches para o teatro!

PREPARANDO O DÍA DO LIBRO



Que celebraremos o vindeiro martes, 23 de abril.

Como en anos anteriores, adicaremos a xornada ós Apadriñamentos lectores. Xa cada padriño coñece ó seu afillado, e está a preparar con esmero o seu conto. Pero, ademais, como queremos que o arrecendo desta actividade perdure no tempo, estamos a crear uns orixinais marcapáxinas.

Aquí vedes á rapazada dos diferentes cursos en plena acción.




Este Día do Libro promete...!

"OS LIBROS MOLAN" XÚNTASE DE NOVO


Para falar sobre Tanis I o Mocos.

Os rapaces e rapazas de 5º curso de Primaria que forman parte deste clube de lectura reuníronse de novo o pasado xoves día 18 de abril para falar sobre este libro de Manuel Lourenzo, que versa sobre adolescencia, rebeldía e inconformismo, pero tamén sobre sentido común, amor e xustiza. Un libro de moita actualidade.

Deixámosvos aquí con algunhas das imaxes da xornada.



sábado, 20 de abril de 2013

¿SEGURO QUE CRECERÁ?



Medrou, como podedes ver.

¿Seguro que crecerá? foi o título do conto que, na nosa Tarde de Conto desta semana, nos presentou Ana, a nai de Alejandro (3º B).

Como vedes nas fotos, o público foi abundante, e as sorpresas, numerosas: prantas que medran, e, para rematar, unha manualidade con flores de fieltro.

Así da gusto...!




Moitas grazas, Ana!

TRABALLOS TRADICIONAIS NO AGRO GALEGO



O traballo de investigación do alumnado de 3º B de Primaria.

Este é o resultado da súa investigación para o noso PDI A lingua sabe a pan. Unhas tarefas que hoxe nos parecen lonxanas pero que constituían, non hai moito, a rutina das xentes do agro.





viernes, 19 de abril de 2013

RECITAMOS OS NOSOS POEMAS DA PRIMAVERA



O Venres de Viva Voz de 1º A resultou unha tarefa altamente educativa. 

Primeiro, pensaron sobre que podían falar. Tras decidir que o farían sobre a primavera, seleccionaron os aspectos poderían traballar, e aprenderon a facer rimas. 

Logo, cada neno, coa axuda da súa familia, inventou o seu poema e o decorou. 

Por último, memorizárono e recitárono. E para iso, como podedes ver, maquilláronse e adornáronse axeitadamente. 

Pero a cousa non remata aí. Cos seus marabillosos poemas pensan facer un mural. Estamos desexando velo. Xa vos daremos cumprida conta!



Moitos parabéns, rapaces! (E profe...!)

jueves, 18 de abril de 2013

POR FIN CHEGOU A PRIMAVERA



Isto si que é unha nova!

A que teñen preparado os rapaces e rapazas de 1º B.




Que dure...!






miércoles, 17 de abril de 2013

VISITANDO O VERBUM




Para coñecer máis cousas sobre a Reconquista
O venres día 12 de Abril os cursos de 5º e 6º fixemos unha excursión ata o Verbum, fronte á Praia de Samil. O obxectivo era coñecer a historia da Reconquista de Vigo

Puxéronnos un vídeo informativo e explicáronnos os momentos máis importantes do sucedido en Vigo o día 28 de Marzo de 1809. 

Logo, o Alcalde e máis a Concelleira de Educación (a nosa Directora Olga), agasallaron a todos os nenos e nenas cun diploma.

martes, 16 de abril de 2013

APRENDENDO SOBRE OS TIPOS DE PAN



Os nenos e nenas de 1º B están a traballar sobre os tipos de pan. 

É o tema que lles corresponde no que respecta ó noso PDI deste curso (A lingua sabe a pan). Mentras chega o intre de facer a súa exposición, aquí vos deixamos co seu traballo escrito.





Moitos parabéns!

lunes, 15 de abril de 2013

TARDE DE MAXIA



O pasado mércores 10 de abril.

Nesta ocasión acudiu ó colexio O Calvorota, que fixo as delicias de grandes e pequenos. Os asistentes falan entusiasmados, dende entón, dun número espectacular grazas ó cal, de súpeto, apareceron gominolas entre un montón de ingredientes.

Como poderedes ver polas fotos, dado o numeroso público asistente, cambiamos de ubicación: estivemos na Aula de Música.




Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta tarde tan divertida!

domingo, 14 de abril de 2013

CANTIGAS SOBRE O RÍO



Contáronnolas os rapaces e rapazas de 4º A.

Para o seu Venres de Viva Voz aproveitaron a temática que están a traballar para o PDI deste curso: A lingua sabe a pan. 

Este é o resultado:



viernes, 12 de abril de 2013

IMOS FACER UNHA VIAXE ESPACIAL



Cos nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos A.

Xa que están co seu proxecto sobre o espazo, teñen feito este pequeno recitado no seu Venres de Viva Voz.



Parabéns!

FORTES CHOIVAS



Así se titula a Nova da Semana dos nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos B.


Como veredes, ben documentada (ó nivel da súa capacidade e da súa idade). En primeiro lugar, presentámosvos o vídeo tal e como lla presentaron ós seus compañeiros e compañeiras de Educación Infantil.



E aquí tendes a nova escrita por eles en varios paneis de mural.




Parabéns, rapaces!


miércoles, 10 de abril de 2013

CONFERENCIA DE FABIO TROPEA



Foi o encargado de impartir a Conferencia Inaugural nas IV Xornadas de Bibliotecas Escolares

Cun pouco de retraso, por fin accedemos ós vídeos. E queremos darvos a coñecer, en primeiro lugar, a Conferencia Inaugural deste profesor de Semiótica na UAB e na Universitat Pompeu Fabra.

Por que vos aconsellamos o seu visionado?

      • Porque Fabio Tropea é un grande comunicador.
      • Porque demostra unha enorme cultura e unha constante inquietude por cuestionarse o por que das cousas.
      • Porque manifesta un grande sentido do humor. 
O título da ponencia era: Ler entre liñas e pantallas. Estratexias de lectura crítica na era de Internet

As ideas principais do seu discurso foron: 
      • Existe unha inspiración mutua entre libros e media. Internet, pois, non é o ocaso da escritura. 
      • Na visión da colectividade, libro é sinónimo de cultura, e unha ferramenta para escalar posicións e ascender socialmente. 
      • É necesario revisar o concepto imperante de Comunicación (Emisor - Mensaxe - Receptor). O que importa na comunicación é o sentido. 
A súa conclusión, fermosa: 

Evitemos que o silencio sexa o que máis se vexa nunha biblioteca. Potenciemos a Blablateca: o lugar onde o contido non é o rei, senon a comunicación.



Convídovos, pois, a que disfrutedes desta conferencia (podedes saltar o vídeo ata o minuto 11:30).


lunes, 8 de abril de 2013

UNHA SEMANA ENTRE LIBROS


Os nenos e nenas de 1º A aproveitaron os acontecementos desta semana para rodearse de libros.

Así é: comezamos a semana o martes, co Día do Libro Infantil. Despois de consultar a correspondente entrada publicada neste blog, decidiron traer da casa libros escritos por Hans Christian Andersen (a quen se adica este día). Como mostra, organizaron unha pequena exposición na súa aula.

Para rematar, o venres achegabámonos á grande celebración festiva da nosa cidade: A Reconquista. Aproveitando que Alejandra participaba na representación, leron o conto dos Bolechas (de Pepe Carreiro) e pintaron as súas ilustracións.



Unha semana... de libro!

domingo, 7 de abril de 2013

OS RAPACES DE 2ºB INVESTIGARON SOBRE OS FORNOS



Como parte do PDI deste curso: A lingua sabe a pan. 

Aprenderon un montón de cousas sobre os fornos, tal como existían nas nosas aldeas hai anos. Aquí as temos recollidas.





Parabéns!


LER CON MOITA ARTE


Como todos sabedes, o pasado día 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil. 

Para celebralo, no PLdN (esa fantástica revista dixital para nenos e nenas que podedes consultar na barra lateral do noso blog) teñen elaborado un Editorial moi suxerente: unha preciosa colección de cativos e cativas lendo. Unhas fotos realmente artísticas.

Convidámosvos a lles botar unha ollada e a disfrutar delas (e, de paso, a aprender un montón de vocabulario relacionado coa lectura, os libros e as bibliotecas).

sábado, 6 de abril de 2013

ROI CONTOUNOS UN CONTO




Á volta das vacacións, reanudamos as tardes de conto. 

Hoxe o contacontos foi un ex-alumno do noso cole, Roi. Cuentos de Sal y Pimienta, a súa elección, é unha mistura de contos curtos con rima, dos cales Roi elexíu cinco. Algúns dos seus títulos foron: La señora Pase-usted, Era una vaca lechera, A saltar a saltar... 

Os rapaces e rapazas que participaron como público fixeron logo unha actividade plástica titulada: Debuxa o teu conto...

Podedes ver nas fotos o resumo da sesión, e a algúns dos nenos e nenas que quixeron mostrar o seu traballo.


miércoles, 3 de abril de 2013

O QUE TEMOS INVESTIGADO SOBRE OS HÓRREOS


Os hórreos son un dos elementos máis tradicionais da paisaxe galega. A súa función, cando a xente vivía do que sementaba, era fundamental.

Por iso, enmarcado no noso Proxecto Documental Integrado deste curso (A lingua sabe a pan) os alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria teñen investigado sobre os hórreos.

Ademais do aprendido sobre estas construcións, temos que salientar o ben que teñen realizado o seu traballo, segundo as pautas que indicaramos noutro post.

Aquí vos deixamos co traballo de 5º A:





E este é o de 5º B:




Parabéns!

DEBUXANDO HORREOS


Os rapaces e rapazas de 5º curso de Primaria están a traballar sobre os hórreos.

É o tema que lles corresponde no PDI deste curso: A lingua sabe a pan.

Mentras non nos presentan os resultados da súa investigación, aquí tendes as súas visións artísticas sobre este elemento tan importante e característico da etnografía e da paisaxe agrícola galega.




martes, 2 de abril de 2013

ONTE TAMÉN FOI O DÍA PARA A CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO



Alí estarei. Unha canción para Manuel. 

Grazas ós compañeiros do Equipo de Biblioteca do C.E.I.P. Isaac Peral de Ferrol coñecimos este vídeo.  Entrañable.

Moitos globos azuis para todos os Manueles do mundo!






lunes, 1 de abril de 2013

2 de ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL



Celébrase dende 1967. 

O promotor deste día internacional é o IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), coincidindo coa data de nacemento dese mago dos contos que foi Hans Christian Andersen. (Preme neste enlace para saber máis sobre este autor, para ler algúns dos seus contos e para facer estupendas actividades).

Cada ano, este organismo encarga a unha das Seccións Nacionais que o integran a selección dun escritor e dun ilustrador para elaborar a mensaxe e o cartel dirixido a todos os nenos e nenas do mundo.

Este ano, a sección encargada foi a norteamericana, que elixiu á escritora Pat Mora e ó ilustrador Ashely Brian para esta tarefa.

Aquí tendes este sinxelo e precioso poema de Pat Mora, catorce versos cheos de música e evocadoras imaxes.



Lemos xuntos, ti e eu. 
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oímos murmurios 
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos 
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan 
e nenos que atrapan as estrelas.

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas, 
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.


                                                                             Poema de Pat Mora 

                                                                                      Tradución: Concha Blanco


Consulta el folleto en pdf aquí

Un precioso xeito de comezar o Terceiro Trimestre. 

Feliz Día do Libro Infantil. 



21 de marzo: DÍA DA POESÍA




Con Rosalía e Cantares Gallegos como protagonistas. 

Como xa vos contaramos noutro post, no noso colexio levamos un mes respirando poesía e recitando Rosalía. 

Efectivamente. Este curso quixemos homenaxear á nosa poetisa máis famosa, xa que este 2013 se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Por tal motivo, cada nivel elixiu un poema desta obra. Ademais de recitalo, quixemos pórlle imaxe e son. Un xeito de traballar as competencias dixital, lingüística, e cultural.

Aquí está o resultado. Esperamos que vos guste. Nós, polo pronto, temos aprendido a gozar moito máis con Rosalía.


Educación Infantil: Adiós ríos, adiós fontes.






1º curso de Primaria: Vente, rapasa.




2º curso de Primaria: Campanas de Bastabales.





3º curso de Primaria: Miña santiña, miña santasa.





4º curso de Primaria: Pasa río, pasa río. 





5º A de Primaria: Has de cantar. 




5º B de Primaria: Nosa Señora da Barca.




6º curso de Primaria: Fun un domingo, fun pola tarde.




Os alumnos e alumnas de 6º de Primaria traduciron o seu poema ó inglés: I went on a Sunday. Realizado baixo a supervisión da teacher Montse e coa colaboración de Ella, a nosa lectora. 



Por último, presentámosvos o poema que os alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria traballaron na clase de Inglés: Goodbye rivers, goodbye fountains.




Como vedes, a celebración deu para moito.