GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 4 de junio de 2012

ANTÍA MARTÍNEZ E AS SÚAS IMPRESIÓNS


Este sábado 2 de xuño Antía e algúns dos seus compañeiros e compañeiras asistiron  a festa de Voz Natura para recoller o seu premio como mellor Xornalista Infantil e Xuvenil.

Entón, xa de volta co seu agasallo,  pedínlle que  fixera unha pequena reflexión sobre os seus sentimentos e pensamentos ao enterarse de que lle concederan o premio e aquí vos deixo cunha chea de  fermosas palabras:


UN PREMIO CHEO DE SENSACIÓNS

Non imaxinades a cara que me quedou...
-ANTÍA!!! ANTÍA!!! GAÑACHES O PREMIO DE PRENSA ESCOLA!!! IMOS TODOS Á WARNER!!! ANTÍA!!!


Case desmaio. Miña nai dicíndome que conseguín quedar primeira nun concurso a nivel de Galicia. Púxoseme o sorriso ese típico na cara, non o de escoitar un chiste, non. Outro. Un de satisfacción, de emoción... e de moitas outras cousas para as que non hai verbas. Pegando chimpos coma unha tola “conseguín” subir os chanzos ata clase. Que emoción! A visitar Madrid! Tocaba esperar un chisquiño...

Despois duns días, en clase, nos comentaron que iamos ir ata A Coruña para recoller o premio. E o día chegou. 

Sentada nunha cadeira esperando a que dixeran o meu nome para subir ata un escenario onde me verían moitísimas persoas. Que nervios!
Pero non foi así. Cando subín sentín unha sensación moi agradable, como de apoio dos demáis cara min. Toda a miña familia e os meus amigos coreando o meu nome. Unha morea de persoas aplaudindo e unha cámara de vídeo filmándonos. Foi, simplemente, xenial.

E non era para menos ver a túa nova, o teu traballo, nun periódico tan importante como é A Voz de Galicia. E tamén o teu nome, e o da túa mestra, e fotos... Non cambiaría todo isto por nada do mundo.

Conseguir este premio tan importante foi para min unha experiencia excepcional pero, dende aquí, quero dar as grazas aos que están detrás, nun segundo plano, ninguén os mira mais están contigo cando máis os necesitas: os profes, dende Nieves ata Conchi (Pepa, de ti non me esquezo), os compañeiros e a familia. Penso que, sen poder compartilo, un premio non vale nada.


GRAZAS A TOD@S!

                                                                     Antía M.


Se queredes ler a crónica feita por ela e un álbume cheo de fotos deses momentos,  non tedes máis que ir páxina web do nos colexio:

1 comentario:

Frianciño dijo...

Moitísimos parabéns, Antía! E tamén a Conchi. Vaia orgullo...!