GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 30 de enero de 2012

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

Este é o mural (dirixido pola nosa orientadora Pili) que, entre todos os alumnos e alumnas do colexio decoramos para inaugurar así a semana da Paz e o noso proxecto documental (O planeta bosque) que comezará este venres 3 de febreiro coa colaboración da ANPA.

Agora ímosvos contar como se desenvolveu a mañá de hoxe:



Empezamos cubrindo a nosa árbore tan especial, a árbore dos desexos, con todas as follas cargadas dos nosos bos desexos para un ano sen violencia, sen odio, sen rencor... e cheo de amizade, colaboración e participación...



A continuación os alumnos e alumnas de Infantil cantáronnos unha fermosa canción titulada PAZ, PAZ, PAZ. Que ledicia de voces !!!



Despois a clase de 5ºB representou unha historia sobre como poden ser as mans das persoas, inspirada no álbume ilustrado Mans que traballaran dende a nosa biblioteca.




A continuación os alumnos de 5º e 6º cantaron unha canción en inglés Waiting on the world to change e unha representante da ANPA fixo de portavoz na lectura da canción Tu bosque animado, de Luz Casal mentres algúns representantes da comunidade escolar seguían decorando a árbore cos seus mellores desexos.



Xa por último todo o colexio cantamos a canción que estivemos preparando ó longo da semana titulada Os nenos queremos a Paz.

Grazas a todos e a todas pola vosa participación nesta xornada tan especial. Esperamos que todos os días sexan días de paz.

domingo, 29 de enero de 2012

MAGNÍFICO COMPENDIO DE MATERIAIS PARA TRABALLAR A PAZ


Xa sei que, a estas alturas, todo o mundo ten diseñado o seu Día da Paz, pero... non volo podedes perder!

De casualidade, atopei esta páxina web da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. Titúlase Datos e datas para lembrar... en pé de igualdade... e non esquecer o resto do ano.

Trátase dun compendio de doce datas que, por lei, debemos ter presentes nas nosas programacións didácticas ó longo do curso. 

En que se diferencian estes recursos doutros existentes na Rede...? 

En primeiro lugar, pola súa exquisitez á hora de presentar os contidos, cun diseño elegante e áxil. Pero, sobor de todo, pola actualidade dos recursos empregados e a aposta rotunda a favor das novas tecnoloxías. 

Non se trata dunha proposta sistemática para levar á aula. Temos un montón de materiais para preparar máis de 30 días da paz diferentes. E a fonte principal: as novas que día a día se xeneran (non podía ser doutro modo). Así, os puntos de partida poden ser un artigo aparecido na prensa, un vídeo, unha fotografía...

Como veredes, altamente recomendable. 

THE FANTASTIC FLYING BOOKS OF MR. MORRIS LESSMORE


Un fermosísimo vídeo que da para pensar moito. 

Coma sempre, a nosa compañeira de Trafegando Ronseis, Gracia Santorum, achéganos unha marabillosa suxestión. 

Non se trata só dunha preciosísima curta de animación: é unha certeira reflexión (sen palabras) sobre a lectura. Seguro que mesmo da para un vídeo - forum. 




Fermosa, verdade...?

Pero todo isto non nace da nada. Todo ten un porqué. Todo parte dunha idea, dunha inspiración, pero aliméntase doutras lecturas e dunha incesante tarefa de documentación. A idea é suliñar o amor polos libros: homenaxar dalgún xeito a todas esas persoas que teñen dado a vida por eles e que, ó fin e á postre, teñen recibido unha grande satisfacción grazas a eles. A inspiración, o Furacán Katrina, O Mago de Oz, as historias de Buster Keaton...

Todo isto e máis podédelo atopar na páxina web da curta. Está en inglés, pero seguro que non por iso deixades de entender o que conta: 




viernes, 27 de enero de 2012

S.O.S.!!! MUSEO LISTE EN PERIGO...!


A crise tamén afecta á cultura, e, neste caso, comeza, igualmente, polos máis débiles.

Esta semana a prensa sorprendíanos coa triste nova do inminente peche do Museo Liste

O Museo Liste naceu a partir da afección de D. Olimpo Liste pola etnografía, e o seu altruísmo levouno a compartir a súa colección con todos os habitantes da nosa cidade. 

Dende entón, a Fundación Liste ven realizando un montón de sinxelas e efectivas propostas destinadas a grupos, escolas e familias, creando un ambiente distendido e agradable, no que a colección non é menos importante que o acompañamento e o diálogo sobre os obxectos expostos. 

Visitar o Museo Liste é iniciar unha viaxe ó noso pasado, ó mundo dos nosos bisavós. Un mundo que nos queda afastado, si, pero que nos da entidade como pobo e que, se queremos ser nós, non podemos de ningún modo esquecer. 

Talvez as decisións estean xa tomadas e sexan inamovibles. Ou, talvez, todavía haxa algo que podamos facer. Propóñovos dúas iniciativas: 

  • se non o tes feito, visita o Museo Liste antes do seu peche (o vindeiro martes). Os domingos e os luns está pechado. Xa non poderás disfrutar das visitas guiadas. Pero, a cambio, poderás coñecer (gratis) toda a riqueza que estamos a punto de perder; 
  • envía un escrito ó noso alcalde en defensa do Museo Liste. Pódese ser educadísimo sen, por iso, deixar de defender con entusiasmo aquilo no que cremos. Faino neste enlace:  http://hoxe.vigo.org/oconcello/alcaldia0.php?lang=ga
Grazas por quererte e por loitar polo que te identifica!

LECTURAS POLA PAZ

Mural entrada do colexio feito pola profe Luz.


Durante esta semana imos facer unha serie de lecturas pola paz que tendes á vosa disposición nos expositores da Biblioteca.



Esperamos que, tras a lectura, colaboren todos os alumnos e alumnas reflexando nunha folla en branco as súas impresións e os seus sentimentos para, así, poder crear entre todos o Noso Libro Pola Paz.

Para lembrarnos que a lectura é importante en calquera momento e lugar, aquí vos deixamos un vídeo moi explicativo.


VOLTAMOS Á NOVA DA TRIBO INDÍXENA



Despois de facer unha lectura minuciosa sobre unha nova atopada en varios xornais e de ver este vídeo, que trata sobre a tala de árbores e a desaparición desta tribo amazónica, achegámosvos os diferentes traballos realizados.

O grupo de Primaria de 6ºB decorou unha gran palmeira, árbore típica da selva amazónica, e dentro e fóra dela, escribiron todas aquelas palabras que xurdiron tras un intenso debate sobre a situación actual de certos bosques mundiais.







Tamén, cada alumno e alumna de 5ºB creou a súa palmeira e engadiulle palabras asociadas á necesidade de conservación dos bosques e, como consecuencia, da preservación da natureza e do home.



Tamén noutras aulas traballaron esta noticia e nesta presentación podedes ver todo o realizado por 4º A , 4ºB e o grupo de 5ºA:




AS "RR.." EN INFANTIL


Esta semana os alumnos de Infantil 5A estiveron traballando o coiado da Terra e prepararon a seguinte Nova Ecolóxica.


"Se o Planeta queremos coidar, os cinco R debemos respectar":


RECICLAR
REDUCIR
RECHAZAR
RECUPERAR
REUSAR






jueves, 26 de enero de 2012

ALGÚNS RESULTADOS DURANTE A SEMANA DA PAZ


Aquí tendes dous vídeos feitos polos alumnos e alumnas de 5º A a modo de Venres de Viva Voz.

Como estamos a fomentar nesta semana a convivencia en Paz, os rapaces crearon unha poesía coas letras da palabra PAZ. Logo, amenízaronnos co tema Whatever de Oasis.




miércoles, 25 de enero de 2012

UNHA TARDE DE CONTOS PARA A PAZ



Crocodilo Namorado  e A Ratiña Presumida foron os contos elexidos para colaborar nestas tardes de conto coa celebración do Día Escolar Pola Paz e a Non Violencia.

Despois de escoitar estas dúas historias apoiadas por uns fermosos monicreques, fixemos un colgante en forma de POMBA, que decoramos con moita purpurina !!!


 

Grazas a Raquel pola súa colaboración!



domingo, 22 de enero de 2012

ARMACUENTOS


Nunca inventar contos resultou tan doado e divertido.

No blogue da Biblioteca Escolar da Escola de Educación Infantil Barrionovo (Arteixo) atopamos o enlace a esta aplicación. Só cun clic podemos crear fantásticos contos, como se dun puzzle se tratara. Queres intentalo...? Pois preme neste enlace, e... XOGA!

sábado, 21 de enero de 2012

SAÍDA A CAMPOSANCOS


A ANPA retomou as fantásticas actividades na natureza iniciadas o curso pasado. 

Un nutrido grupo de pais, nais, rapaces e familiares achegouse esta mañá ata o observatorio de aves da Pasaxe para coñecer máis polo miúdo as aves migratorias que se instalan no Estuario do Miño durante a estación invernal. 

Contaron co asesoramento dun membro da Asociación ANABAM, quen lles mostrou a exposición instalada no centro de interpretación e acompañoulles ó observatorio. 

Como poderedes ver nas fotos, algúns dos rapaces (biólogos en cernes) foron moi dilixentes á hora de cubrir os folletos. 

Logo disfrutaron dun agradable paseo pola beira do Miño ata Camposancos

Despois do almorzo, a idea era visitar as cetáreas da Guarda. Pero... iso é outra historia que terá que ser abordada por outro reporteiro gráfico. 




Parabéns por esta saída tan ben organizada !

viernes, 20 de enero de 2012

DIA ESCOLAR POLA PAZ E A NON VIOLENCIA


Co gallo da celebración do Día Escolar pola Paz, e tendo en conta o noso Proxecto Documental Integrado para este curso, O Planeta Bosque, temos elaborado unha serie de materiais para investigar e coñecer durante esta semana algúns bosques do mundo.

Podemos comezar por coñecer este tema:  Un bosque animado, cantado por Luz Casal, e reflexionar sobre a procura da harmonía nas nosas vidas e nos nosos bosques. E crear entre todos unha árbore chea de desexos que se poidan ir cumprindo ao longo deste curso.


Dentro de ti hay un mundo animado,
dentro de ti hay mundos por descubrir.
En ti se adivina tu forma de vivir.
Respiraras la lluvia entre las hojas,
querrás sentir la fuerza que te manda el sol.
Serás, el viento que ha nacido en mi canción.
Di no al hacha que amenaza sin compasión.
Di no al fuego y las trampas del cazador.
En ti defiende un bosque de paz y calor.
Quiero tener el valor
de sentir armonía a mi alrededor.
Quiero algún día aprender
que tal vez la vida, será
lo que siempre soñé.
Dentro de ti hay un mundo animado.
Dentro de ti hay nubes por alcanzar,
En ti, la lluvia se convierte en vendaval.
Di no al hacha que amenaza sin compasión,
di no al fuego y las trampas del cazador.
En ti, defiende un bosque de paz y calor
Quiero tener el valor
de sentir armonía a mi alrededor.
Quiero algún día aprender
que tal vez la vida, será
lo que siempre soñé
Di no al hacha que amenaza sin compasión,
di no al fuego y las trampas del cazador.
Di no al hacha que amenaza sin compasión,
di no al fuego y las trampas del cazador
En ti, defiende un bosque de paz y calor.
Quiero tener el valoooor.

Para chegar a entender todo isto, en Educación Infantil e no 1º Ciclo de Primaria podemos ler o conto El hombre que plantó árboles y creció felicidad, adaptación dun fantástico libro de Jean Giono titulado O home que prantaba árbores.



As árbores altas son necesarias. Non chega con reforestar a Terra, pois as árbores novas non son quen de cumprir a nosa tarefa de transmutar enerxías. Para iso, precisamos as árbores vellas. Coa falla de grandes árbores verase afectada a paz e a estabilidade dos seres humanos, pois estamos interconectados. Necesítannos para o equilibrio da paz e a estabilidade. Non nos deforestemos.

Para comprobar todo isto, no 2º e 3º Ciclo podedes facer unha lectura da nova sobre unha tribu amazónica ameazada pola deforestación e publicada en varios xornais. Poderedes comprobar as consecuencias dunha tala masificada.


UNHA REPRESENTACIÓN MOI ESPECIAL

Os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos B estreáronse hoxe nos Venres de Viva Voz.
Para este día, representaron o conto de Dona Carme. Ela tiña un sono tan pesado que nin todos os animais da granxa conseguían que Dona Carme acordara. Un can, un gato, un galo, un rato, unha ovella, un boi, un porco, un burro... aparecen nesta historia.



Parabéns a todos e todas !!!

jueves, 19 de enero de 2012

CONGRESO FAMILIAS LECTORES EN REDE


Esta fin de semana celebrarase en Granada o Congreso Familias Lectoras en Red.

Como fomentar a lectura é cousa de dous (os mestres e mais as familias), e como vos estamos moi agradecidos por todo o que colaborades connosco, convidámosvos a participar (aínda que sexa de xeito virtual) neste congreso pensado especialmente para vós por Leer.es.

Podedes seguilo neste enlace

RECOMENDACIÓN DE LECTURAS NA SEMANA DA PAZ

Esta semana traballaremos conxuntamente dende o departamento de Orientación, TICs, Música, Convivencia, Biblioteca e resto do profesorado na realización de varias actividades que terán como punto final un acto o luns 30 de Xaneiro para conmemorar o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia.

Pero mentres non chega esta data, e para facer algún descanso nestas tarefas, presentámosvos unha proposta de lecturas que temos en exposición na biblioteca para que poidades disfrutar delas.







TARDE DE CONTOS CON OSIÑO


Como podedes ver na presentación, este mércores tivemos unha nova sesión con Mª José, nai de Paula (E. Infantil) e de Antón (2º).

Axudados por un alumno de 4º, Lucas, relataron o conto Osiño polar, lévame contigo.

Os nenos e as nenas pasárono moi ben e, como remate, fixeron un oso articulado coa axuda de moitas nais, que tamén estiveron moi atentas ó conto.

Grazas pola vosa colaboración !!!

viernes, 13 de enero de 2012

BUSQUEDA DUN LOGO PARA O AFORRO DE ENERXIA NO COLEXIO


Como sabedes, atopar un logotipo para unha empresa non é nada doado. Este ano temos que atopar un logo axeitado para amosar nos nosos interruptores o aforro enerxético que se produce cada vez que apagamos a luz.

Recordando que este ano 2012 é o Ano Internacional da Enerxia Sostible, o agrupamento ARCE, e por suposto o noso colexio non podemos deixar pasar a oportunidade de traballar polo noso planeta, e por iso queremos salientar esta conmemoración e lembrarnos todos os días de que con pequenos xestos podemos axudar a un mundo mellor.

Para todo isto temos que lembrar: que é un logo? Que elementos debe incluír? Así que, pica na palabra logo e refrescarás toda a información necesaria para a súa creación.

Agora seguide as indicacións relacionadas co tema e o deseño, segundo a proposta do Agrupamento ARCE, e poñervos a traballar para a súa creación.

Como vos estamos a contar, elixir un logo para o aforro de enerxia que está resultando laborioso. Con todas as propostas, organizamos un Concurso on line na páxina web do Colexio. Aquí podedes ver os candidatos e poñervos a VOTAR.


Boa Sorte a todos e todas!!!



UN NOTICIEIRO ECOLÓXICO DO MÁIS VARIADO


Os encargados de elaborar o Noticieiro Ecolóxico nesta semana foron os alumnos e alumnas de 3ºA.

Crearon un caderno-recompilación con todo tipo de información relacionada cos bosques e as árbores e que foron nova ó longo do ano 2011 e os primeiros días deste 2012:
  • 2011, Ano Internacional dos Bosques.
  • 21 de marzo, Día da Árbore.
  • Aparición dunha especie invasiva de algas mariñas.
  • O cambio climático e como consecuencia a doble perda de follas das árbores mediterráneas.
  • A función de limpeza do aire por parte das árbores das nosas cidades.
  • Perú loita contra a tala de árbores.
  • Aparición de bolsas de plástico 100% biodegradables e feitas con fécula de patata.
  • A enfermidade que padecen os piñeiros do Monte do Castro da nosa cidade.
Grazas a todos e todas polo voso traballo de investigación !!!

O NOSO ÁLBUM PREFERIDO DE XANEIRO



O noso alumnado leu, durante xaneiro, Máns e A princesa que non podía durmir, e outorgou a "victoria", cunha ampla maioría, ó segundo.

Ler ambos os dous álbumes resultou moi entusiasmante para todos e todas. Nalgunha ocasión, a pesar de non ser o máis votado falamos e traballamos coas nosas máns, as xuntamos para estar unidos, voamos con elas...

Aquí tendes os resultados das vosas votacións:



Xa empezan a sair os primeiros resultados das vosas lecturas e aínda que con menos votacións, o álbume titulado Mans provocou algún resultado plástico en 6ºB.




miércoles, 11 de enero de 2012

A MAXIA VOLTA A FRIAN

Unha vez máis, o Mago Brais e o seu Axudante Roi, están na nosa Biblioteca.


Comezamos o 2º trimestre de Mércores de conto con ámbolos dous antigos alumnos do noso colexio.


Hoxe a maxia estivo presente na nosa biblioteca, xa que, con trucos e pós máxicos, souberon entreter e divertir a grandes e pequenos.

Para rematar, o Mago asinou, en cartas máxicas, a todos os nenos e as nenas que quixeron.



Ata pronto !!!


domingo, 8 de enero de 2012

EN XANEIRO, VOLTAMOS CO ÁLBUM ILUSTRADO

Comezamos o ano con dous álbumes ilustrados moi distintos, para así poder expresar as vosas opinións sobre eles.


MANS, de Xavier P. Docampo. Ilustracións de DNL


As nosas mans din de nós e do mundo. Hai mans xenerosas e mans avarentas; mans que acarician e mans que aman... O noso destino está nas vosas mans. Un libro para que, ao pé de cada neno e de cada nena que o vaia ler, haxa un adulto que dialogue con el e que lle axude a inventar novos camiños narrativos para as súas mans.




A PRINCESA QUE NON PODÍA DURMIR, de An Leysen.

Un libro fermoso sobre os problemas das princesas, que resulta extraordinariamente familiar. Este libro no só está feito para nenos, nenas e maiores, senon tamén por nenos, nenas e maiores. An Leysen, a autora, engade os debuxos da súa filla Louise.



Esperamos as vosas opinións e votacións ó longo da semana.


sábado, 7 de enero de 2012

VINTETANTAS EXPERIENCIAS ALFIN E UNHA CANCIÓN ESPERANZADA



Este é o título do artigo publicado en ALFARED

Cristina Novoa, Asesora de Bibliotecas Escolares, ven de nos agasallar con este artigo, cun poético título de reminiscencias nerudianas que non é máis que o espello das nosas propias inquedanzas.

O artigo pon sobre a mesa moitas das nosas intuicións:

      • a necesidade de pequenos programas de formación de usuarios nas programacións anuais das bibliotecas escolares; 
      • a sistematización da educación para o uso da información e a utilización de fontes informativas variadas en formato e soporte;
      • a incorporación das TIC, de forma decidida, na concepción das novas bibliotecas escolares galegas; 
      • o uso das ferramentas dixitais ó servizo das bibliotecas escolares
Dende o comezo da nosa andaina na biblioteca escolar, estas foron as ideas que guiaron o noso traballo. No seu artigo, Cristina Novoa confesa que, na actualidade, ningún proxecto que se presente ó Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares pode carecer dos dous primeiros puntos para ser aprobado. 

O cambio producido nas Bibliotecas Escolares de Galicia dende o ano 2005 é inmenso. Sen embargo, non deixa de sobrevoar sobre elas unha especie de "negra sombra" (para continuar co tono poético). Como indica Cristina ó final do artigo, aínda que lideran a capacidade do alumnado para se mover polo mundo da información, as bibliotecas escolares non poden facer soas este traballo: precísanse, polo tanto, cambios estruturales e metodolóxicos que impliquen tanto ás administracións como ó conxunto do profesorado. 

E como por enriba dos nubeiros sempre brilla o sol, retomamos a parte máis leda do artigo: os exemplos. Os que coñecemos o inmenso traballo e a calidade das producións que, día a día, se desenvolven nas bibliotecas integradas no PLAMBE, sentímonos un pouco incómodos cando, por motivos de espazo, os exemplos se reducen a catro. Pero tamén experimentamos agradecemento e orgullo porque se recoñeza un traballo feito con sacrificio e coa participación de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias). No artigo, atoparedes citados estes catro centros: 
      • CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), polos seus magníficos materiais para a formación de usuarios e o uso dos recursos informativos; 
      • Ars Legendi, o blog do CPI San Vicente (A Baña), polas súas seccións de recursos para a formación de usuarios e de ALFIN, con xogos de búsqueda documental sobre a alimentación saudable
      • O Segrel do Penedo, do IES de Fene, centro pioneiro na organización da Olimpiada do Saber;
      • O lar de Frianciño, do CEIP Frian - Teis, polo seu proxecto documental integrado titulado Un bosque para ler e navegar. Destácanse do noso blog as seccións de Educación Documental e de Formación de Usuarios. 
Para que vexades que non "mentimos", deixámosvos xa ler o artigo. Podedes acceder a el premendo neste enlace.

Grazas, Cristina.



2012: ANO CELSO EMILIO



A Xunta de Galicia ten proclamado 2012 Ano Celso Emilio Ferreiro.

Deste xeito, conmemora o centenario do nacemento do insigne poeta, nado en Celanova o 4 de xaneiro de 1912.

Rematabamos 2011 lembrando a Álvaro Cunqueiro, escritor tan vencellado á nosa cidade. O relevo de Celso Emilio preséntase neste inicio de ano inesperadamente propicio:

      • coma no caso de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro estivo tamén moi ligado á nosa cidade, na que finou no ano 1979. Ás ordes de Cunqueiro, publicou algúns artigos no Faro de Vigo;
      • nestes tempos de crise e de indignación, a poesía social e comprometida de Celso Emilio cobra unha forza inusitada; 
      • lembrar a súa obra semella unha homenaxe merecida para outro grande intelectual que finou ó día seguinte de iniciar este centenario: Isaac Díaz Pardo

Ó longo do ano haberá moitas ocasións para lembrar algúns dos poemas da súa obra máis siñificativa: Longa noite de pedra. Hoxe queremos empezar con Credo, unha auténtica declaración de intencións sobre o compromiso (directo e exento de hipocresías) da súa pluma.



CREDO




Eu creo que iste mundo é moi fecundo
e que hai algunhos ríos hidroeléctricos,
pero que os ventres das doridas nais
sexan montós de trigo,
nunca podrei creelo.



Creo que a lúa é aquela cousa
que está no teito da noite,
pero que o avión que pasa rum, rum,
fungando por enriba, sexa insecto,
nunca podrei creelo.



Creo que os homes pecan sete veces
por sete veces sete cada día,
creo na xeometría,
creo no átomo tan pequeniño,
pero que haxa unhos seres
capaces de leer tranquilamente os xornales
sin sentir tremer de noxo as vísceras,
nunca podrei creelo.

Cambio de tema e por exempro digo:
Elisabeth un ciclón made in U.S.A.
sementou o Caribe de cadavres
Bombas en seta, pun e tiranías,
negro linchado en Little Rock, Arkansas,
os dereitos do home en guerra fría.

Cambio de tema e verbigratia digo:
qué desgracia tan grande ser poeta,
oficio de chorar sin cobrar nada,
oficio de cuspir na mar inmensa
e de chantar pancartas no deserto.

(Poetas conformistas desta terra
testicular emporio de esqueletes­
mentras o home loita, chora e sofre,
cantade a violeta, a margarida,
e desfollade a rosa reticente
dos vosos mínimos problemas...
decide si a todo e medraredes).

Cambio de tema pra decir etcétera,
etcétera, xa sabes, en voz baixa,
con puntos suspensivos
que ocultan as palabras prohibidas
que loitan por saírme,
que xa me están saíndo
con fórceps de xenreira e de cabreo:
hai algo que está podre en Dinamarca
e fede que alcatrea dende sempre.




Dempois entonarei un gran Tedeum
laudamus optimista pra dar gracias
ao ceo poderoso
que me labrou esí como me vedes,
pedra deixada, cousa estremecida,
canle de tempo e soño. Digo, un home.



ISAAC DÍAZ PARDO, IN MEMORIAM


Onte, Día de Reis, o corpo de Isaac Díaz Pardo voltaba á terra no Cemiterio de Boisaca, en Santiago. 

Envolto o seu féretro na bandeira de Galicia, arropado polo agarimo e o afecto de tantas persoas que o acompañaron e o recoñeceron como unha das figuras máis senlleiras do noso país. O "último intelectual". Un artista cuxa man descubrimos nos motivos da porcelana de Sargadelos. Pero, sobre todo, un home comprometido co seu país, coa liberdade, e coa lingua nai. Coñecer a biografía de Isaac Díaz Pardo é coñecer a historia do século XX da nosa Comunidade. E cómpre non esquecer nin a unha nin a outra. Para lembrar. Para valorar o sufrimento dos que nos precederon. Para non cometer, no futuro, os mesmos erros. Para non padecer as miserias dunha guerra fratricida e inhumana.

Ninguén mellor que o propio Isaac Díaz Pardo para nos lembrar esa historia. As súas palabras son breves. Pero o fondo, intenso.





Queremos despedir a Isaac Díaz Pardo como merecen os grandes homes: co Himno do Antigo Reino de Galicia, unha marcha procesional tradicional: 



Da nosa conta queda tomar o relevo de Isaac e facer que a nosa cultura non acabe morrendo.