Cristina Novoa, Asesora de Bibliotecas Escolares, ven de nos agasallar con este artigo, cun poético título de reminiscencias nerudianas que non é máis que o espello das nosas propias inquedanzas.
O artigo pon sobre a mesa moitas das nosas intuicións:
- a necesidade de pequenos programas de formación de usuarios nas programacións anuais das bibliotecas escolares;
- a sistematización da educación para o uso da información e a utilización de fontes informativas variadas en formato e soporte;
- a incorporación das TIC, de forma decidida, na concepción das novas bibliotecas escolares galegas;
- o uso das ferramentas dixitais ó servizo das bibliotecas escolares.
Dende o comezo da nosa andaina na biblioteca escolar, estas foron as ideas que guiaron o noso traballo. No seu artigo, Cristina Novoa confesa que, na actualidade, ningún proxecto que se presente ó Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares pode carecer dos dous primeiros puntos para ser aprobado.
O cambio producido nas Bibliotecas Escolares de Galicia dende o ano 2005 é inmenso. Sen embargo, non deixa de sobrevoar sobre elas unha especie de "negra sombra" (para continuar co tono poético). Como indica Cristina ó final do artigo, aínda que lideran a capacidade do alumnado para se mover polo mundo da información, as bibliotecas escolares non poden facer soas este traballo: precísanse, polo tanto, cambios estruturales e metodolóxicos que impliquen tanto ás administracións como ó conxunto do profesorado.
E como por enriba dos nubeiros sempre brilla o sol, retomamos a parte máis leda do artigo: os exemplos. Os que coñecemos o inmenso traballo e a calidade das producións que, día a día, se desenvolven nas bibliotecas integradas no PLAMBE, sentímonos un pouco incómodos cando, por motivos de espazo, os exemplos se reducen a catro. Pero tamén experimentamos agradecemento e orgullo porque se recoñeza un traballo feito con sacrificio e coa participación de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias). No artigo, atoparedes citados estes catro centros:
- CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), polos seus magníficos materiais para a formación de usuarios e o uso dos recursos informativos;
- Ars Legendi, o blog do CPI San Vicente (A Baña), polas súas seccións de recursos para a formación de usuarios e de ALFIN, con xogos de búsqueda documental sobre a alimentación saudable;
- O Segrel do Penedo, do IES de Fene, centro pioneiro na organización da Olimpiada do Saber;
- O lar de Frianciño, do CEIP Frian - Teis, polo seu proxecto documental integrado titulado Un bosque para ler e navegar. Destácanse do noso blog as seccións de Educación Documental e de Formación de Usuarios.
Grazas, Cristina.

No hay comentarios:
Publicar un comentario