GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

viernes, 28 de octubre de 2011

OS DIFUNTOS FALABAN CASTELAO


Chega o Samaín, tempo de defuntos, de medo, de cemiterios e de morte.

E a literatura bota man destes temas a cotío.

Baseándose no relato de Ánxel Fole titulado A lus do candil, ofrecémosvos hoxe esta curtametraxe: Os difuntos falaban castelao, realizada por Algarabía Animación e Lúa Films, co patrocinio da Xunta de Galicia. Recibiu o Premio Galiza no Certame Audiovisual do Casino de Vilagarcía, no ano 2001, e a Mención de Honra no Festival Internacional de Cine Inédito de Islandilla, no mesmo ano.

Grazas a Gloria, do IES Castelao (Vigo) por nos lembrar este marabilloso recurso que xa tiñamos esquecido.





E se queres ver mais videos, nesta ocasion, que relacionen musica e medo, visita As cousas de Avelino


miércoles, 26 de octubre de 2011

OS BOLECHAS VISITAN A BIBLIOTECA


Para festexar o Día da Biblioteca, as propostas multiplícanse nos centros do PLAMBE.

Así, Luis Real, coordinador do Equipo de Biblioteca do CEIP Curros Enríquez, de Celanova, ofrécenos este fantástico vídeo baseado no conto Os Bolechas queren saber como é unha biblioteca. 

Un material estupendo para iniciar ós máis cativiños na Formación de Usuarios. Seguro que lle tiramos proveito!





Grazas, Luis!


lunes, 24 de octubre de 2011

NO DÍA DAS BIBLIOTECAS, CELEBRAMOS...




...O cumpreanos de Frianciño!!!

Como a nosa mascota cumpre anos o Día das Bibliotecas, durante esta semana imos festexar por todo o alto este acontecemento. 

Que cantos anos cumpre...? Chsst...! Ese é un segredo moi ben gardado. Porque, como a algunhas mulleres, a Frianciño non lle gusta que ninguén lle pregunte pola idade.

Como en todo cumpreanos que se precie, fixemos unha tarta de moitas cores. Hum...! Todo o mundo quería saboreala. Logo, os profes repartiron caramelos. E agora, como estamos en débeda, esta semana teremos que preparar un agasallo para lle ofrecer a Frianciño. 

Mirade aquí o ben que o temos pasado. 



Feliz cumpreanos, Frianciño!


domingo, 23 de octubre de 2011

24 de OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

 

O 24 de outubro celebramos o Día Internacional das Bibliotecas Escolares. Pero... sabedes por que...?

Pois ata hai unhas horas, eu tampouco o sabía. Pero sempre hai algún bo amigo ou amiga que sabe respostar ás nosas preguntas, aínda sen telas feito. 

O Día Internacional das Bibliotecas Escolares instituíuse no ano 1997, a instancias da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil. Con esta acción pretendíase lembrar a destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992, durante a Guerra de Bosnia



Xa vedes... a guerra e a cultura lévanse moi mal!

Canto mellor nos levaríamos no mundo se, en lugar de empuñar armas, léramos libros!


  

jueves, 20 de octubre de 2011

CHEGANDO O SAMAÍN, E O HALLOWEEN TAMÉN!!!





Estamos ás portas dun novo Samaín, época do ano na que se xuntan o mundo dos vivos e dos mortos, e que, coas diferenzas propias dos tempos, ten unha influencia que chega ata os nosos días.

Conta o dicir popular…”Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a calor e vén o frío; acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros a carón do lume: son os tempos de Samhaín."

E, para coñecer algo máis as semellanzas e diferenzas entre estas dúas festas, propoñémosvos o seguinte traballo nesta webquest:


miércoles, 19 de octubre de 2011

BAILANDO EN ROSA



Porque tamén temos que aprender a ler iconos, hoxe imos explicar o siñificado deste lazo rosa.

O 19 de outubro celebramos o Día Internacional contra o Cancro de Mama. Moitas persoas de todo o mundo levan hoxe no seu peito un lazo rosa coma este. Deste xeito queren indicar que están sensibilizadas contra esta enfermidade que, como me lembra hoxe a miña amiga Mayra, han padecer 1 de cada 8 mulleres.

Coma homenaxe a todas esas mulleres que coñecemos (e teñen nome e apelidos), esas heroinas que cada día nos demostran que a vida é bela e que medran ante a adversidade, este vídeo que protagonizan os traballadores e traballadoras da Unidade de Mama de Cádiz. 


Adicado a todas as miñas amigas e compañeiras que son expertas en nos dar exemplo de entereza (A., B., E., L., M., M.C., M.D., M.T....)



martes, 18 de octubre de 2011

PRIMEIRA REUNIÓN CLUBES DE LECTURA



Locos por los libros e Libros & Co reunímonos hoxe, martes 18 de outubro, na biblioteca do noso centro, para inaugurar o clube de lectura deste curso 2011-2012. E, para cargar pilas, tomamos unha merenda que preparou para nós a profe Luz mentras falabamos dos libros lidos nas vacacións de verán, tratando de "enganchar" aos que non leron.

Logo fixemos algunha foto todos xuntos, para lembrar este intre.


Finalmente, a profe, repartíu o primeiro libro deste ano: RELATOS PARA UN TEMPO NOVO.

Xa vos contaremos algún relato e de seguro que tamén crearemos outros.


Aquí tendes o resumo en fotos da nosa primeira reunión.




jueves, 13 de octubre de 2011

APRENDENDO SOBRE OS COMICS

Este curso, dentro da nosa Formación de Usuarios, queremos chegar ao traballo co cómic ou banda deseñada partindo dunha breve explicación sobre a historia deste, unha definición, as súas características ... ata chegar a un traballo práctico co alumnado.

Tentamos chegar así a descubrir o recurso do cómic como unha combinación de imaxes con outros recursos escritos que son de gran importancia dende o punto de vista perceptivo, valorativo e cognitivo no mundo infantil e xuvenil.

Aproveitamos o magnífico traballo do CEIP A Ramallosa sobre a importancia da lectura do cómic para arrancar así o noso traballo, que esperamos teña un final espléndido do que podamos disfrutar todos e todas.





miércoles, 12 de octubre de 2011

PRIMEIRA CONVOCATORIA CLUBES DE LECTURA CURSO 2011-12



Convócase a todos os membros dos "Clubes de Lectura" do noso Centro, a unha reunión que terá lugar o día 18 de Outubro durante o recreo, ás 11:30, na nosa Biblioteca para tomar o primeiro contacto e recoller os libros.

Neste curto acercamento aproveitaremos o tempo e faremos unha pequena merenda que nos servirá para centrarnos mellor na lectura posterior, que a ben seguro, será positiva. Máis adiante poremos unha data para expór as nosas vivenzas sobre o libro lido.

Esperamos que veñades con moitas ganas de ler e tamén, como non, de contar as vosas viaxes a través dos libros que liches durante este verán.

Por último, diciros que, se tedes algunha idea para mellorar o clube de lectura, o que podedes facer é compartila.

Moitas grazas e non vos esquezades da data da xuntanza.

ROMPENDO PARADIGMAS NA ESCOLA


Un orixinal vídeo creado sobre as marabillosas reflexións de Sir Ken Robinson. 

Ken Robinson é un educador e conferenciante británico, especialista en creatividade,  calidade do ensino e innovación educativa que, na década dos 80, se embarcou nun proxecto para mellorar o ensino e a aprendizaxe das artes nas escolas británicas. 

No ensino, como en outros moitos aspectos da vida, parecen existir moitas verdades inamovibles. Pero... e se non fora así...? O autor propónnos superar algúns mitos: 
  • a dicotomía entre o "académico" e o "non académico";
  • a "certeza" de que unha boa aprendizaxe só pode levarse a cabo individualmente; 
  • os "habitos" e "habitats" que ocupan institucions coma a escola. 





Espero que disfrutedes deste magnífico vídeo, e que, sobre todo, vos fagades moitas preguntas. 

Grazas, Ángel, por nos ofrecer este agasallo. 


viernes, 7 de octubre de 2011

STEVE JOBS, OU COMO LER DO QUE A VIDA NOS APRENDE


Onte espertamos coa nova do pasamento de Steve Jobs, o fundador de Apple. 

Hoxe non traemos aquí a este home novo pola inmensa fortuna que amasou partindo da nada, nin polo imperio informático creado por el en menos de vintecinco anos. Traémolo aquí por ser un home que soubo ler os acontecementos que se sucederon na súa vida e tomar as decisións axeitadas para encarar os obstáculos que foi atopando nela.

O seu discurso na Universidade de Stanford do ano 2005 non ten desperdicio. Só quero suliñar cinco ideas fundamentais do mesmo:

  • Todo ocurre por algo: aprender a ler do pasado abriranos horizones no futuro (ou, traducido á filosofía popular, non hai mal que por ben non veña). 
  • Sobrepoñerse ós fracasos é a clave dun novo éxito (pode ser que fracasemos no noso intento de coroar unha grande cima subindo pola cara máis escarpada; pero quizáis conquiramos o éxito abordando a subida por un camiño máis longo e menos empinado). 
  • O único xeito de sentirse realmente satisfeito é facer aquilo que cremos que é un gran traballo. E o único xeito de facer un grande traballo é amar o que se fai. (Hai algún tempo, un veciño tivo a ousadía de me preguntar se traballaba por diñeiro ou porque me gustaba. Penso que, na nosa profesión, sobran as explicacións). 
  • Lembrar que algún día imos morrer é a mellor maneira de evitar a trampa de pensar que tendes algo que perder. 
  • Non permitamos que o ruído das opinións alleas silencie a nosa voz interior. Teñamos o valor de seguir o noso corazón e a nosa intuición. 
Se eu tivera sido a mestra de Steve Jobs estaría orgullosísima de ter contribuído a formar unha persoa altamente competente non só no uso das ferramentas dixitais e no tratamento da información, senon na adaptación ás circunstancias, na aprendizaxe ó longo da vida, no uso da creatividade ante os problemas, no espírito de iniciativa, na súa capacidade para traballar en equipo...

Déixovos coas súas palabras. Xulgade por vós mesmos: 


Seguide famentos! Seguide "toliños"!

jueves, 6 de octubre de 2011

AS NOSAS MOCHILAS COMENZAN AS SUAS VIAXES


Queridas familias:

De novo voltan as nosas mochilas a viaxar polos vosos fogares, cunha selección de libros, películas e música para toda a familia que esperamos se aproxime ós vosos intereses.
Podedes telas na casa durante 10 días. Iniciarán a súa viaxe un venres, e o segundo luns deberán volver ao cole, para que outras familias disfruten do préstamo.
Hai dúas mochilas por nivel, con dúas cores diferentes e distintos lotes. Temos a intención de que todos disfrutedes delas.
Pedimos a vosa importantísima colaboración nesta actividade: contándolles os contos ós máis pequenos, axudándolles no seu correcto coidado e manipulación (de igual xeito que o fan no cole), escoitando as músicas con eles e devolvéndoas na data indicada na propia mochila.
Facédenos saber calquera dificultade ou defecto dos materiais entregados.
Puxemos as nosas mellores intencións na selección, e por iso gustaríanos moito que anotarades as vosas impresións e suxestións, si vos gustaron os libros, si botastes algún en falta….

A DISFRUTAR!

SAÚDOS E LIBROS.


Agora podedes ver nestas imaxes o contentos que estaban os primeiros posuidores das mochilas

miércoles, 5 de octubre de 2011

5 de OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DA DOCENCIA


Este ano, co lema Docentes pola igualdade de xénero. 

En 1993, a Internacional da Educación e a Unesco declararon o 5 de outubro Día Mundial da Docencia. Esta homenaxe ten por finalidade destacar o papel central do profesorado na educación das novas xeracións e no desenvolvemento dos países. 

O lema deste ano (Docentes pola igualdade de xénero) ten por obxectivo reivindicar a igualdade entre homes e mulleres docentes, esixir o acceso das nenas a unha educación de calidade sensible ós temas de xénero e contribuír, dende o noso colectivo, á superación dos estereotipos de xénero. 

Sirva este día coma homenaxe a todos os mestres e mestras que, xornada tras xornada, loitan por sacar o mellor foito dos seus alumnos e alumnas, a pesares dos recortes, das pedras no camiño, da incomprensión e da ignorancia da sociedade. 

Sirva tamén de homenaxe a todos eses pais e nais que día tras día apoian con entusiasmo todas e cada unha das nosas iniciativas e que, cando chega o Día dos Docentes, agasállannos cun e-mail e cun rotundo Felicidades... a pesares de todo! Grazas, Ana, por ser como es. 

lunes, 3 de octubre de 2011

ESCOLA PÚBLICA PARA TODOS. BIBLIOTECA DA ESCOLA PÚBLICA PARA TODOS.


Este fantástico vídeo chegoume a través da miña compañeira e amiga Cristina. 

Un vídeo orixinal, de grande sinxeleza, pero, non por iso, exento de profundidade. E, a medida que se suceden as frases e as imaxes, resulta inevitable preguntarnos tamén: e si, en lugar de escola pública, dixeramos biblioteca da escola pública...?

Como dicía aquela canción que cantaba Golpes Bajos na época da "movida", corren malos tempos para a lírica. Botémoslle imaxinación.