Son parte da nosa Historia! Coñezámolas e compartámolas!
Estes días estamos a traballar sobre a emigración, de cara á celebración do
Día da Paz. Reflexionando en torno á nosa canción (
El Inmigrante, de
Cotí), moitos nenos contaron ó seu grupo historias ben interesantes: aventuras, persecucións, falta de traballo, éxito, amor, solidariedade, defensa do ensino...
Querémosvos propór que investiguedes entre os vosos familiares e amigos, e que
compartades connosco esas historias que xa non son historias individuais, senon historias dun pobo: o galego.
Comezaremos nós contándovos a historia de dous dos nosos máis importantes conciudadanos. Dous vigueses de adopción que viviron no século XIX e que, tras acadar o éxito, fixeron grandes donacións á cidade de Vigo.
POLICARPO SANZ
Seguramente este nome o relacionas cunha das rúas máis importantes de Vigo: a que une a Porta do Sol con García Barbón e Colón. A rúa onde todos os grandes bancos teñen as súas sedes e onde está o teatro que (aínda que agora deron en chamar Afundación) todos coñecemos como García Barbón.
José Policarpo Sanz naceu en Marín en 1841. Era fillo dunha familia humilde, e, dende moi cativo, trasladouse a vivir a Vigo. Mais pola falta de traballo emigra ás Américas. En Estados Unidos, grazas ó seu matrimonio con
Irene de Ceballos (adiñeirada herdeira de orixe cubano), crea un importante grupo industrial.
Ó morrer sen fillos, dona todos os seus bens á nosa cidade. Entre o seu importante legado figuran:
- unha escola para a instrución dos mozos (o Instituto Santa Irene, chamado así en honra á súa esposa);
- unha importante colección de arte (que incluía pintura flamenca e obras de Goya e Rubens), instalada, en principio, no Museo de Castrelos, pero hoxe reubicada nas instalacións do Concello.
Neste
enlace podes ver un vídeo sobre este ilustre personaxe.
GARCÍA BARBÓN
Continuación de Policarpo Sanz, García Barbón é outra das rúas máis importantes da nosa cidade, que enlaza coa estación do ferrocarril, o barrio de Teis e a estrada antiga de Pontevedra.
José García Barbón foi tamén vigués de adopción. Naceu en Verín en 1831, e finou en Vigo en 1909.
De familia adiñeirada, García Barbón emigrou a Cuba, onde obtivo tanto éxito nos negocios que chegou a fundar un banco. Alí estableceu unha sólida amistade con Policarpo Sanz. Con el fundou o Centro Galego da Habana.
Por motivos de saúde volta a España. Ó principio instálase en Verín, onde funda o Balneario de Augas de Cabreiroá. Pero, finalmente, ven vivir a Vigo. Solteiro, adica a súa fortuna ás obras de caridade, á cultura e á educación. Entre o seu enorme legado figuran:
- o Teatro García Barbón;
- a Escola de Artes e Oficios.
CONSTRUAMOS ENTRE TODOS O PUZZLE DA EMIGRACIÓN
Cando teñas a túa historia, escríbea nun documento e achégaa por e-mail a:
friancinhojones@gmail. com
Se podes, inclúe algunha fotografía. A historia quedará moito mellor ilustrada.
Tes de prazo ata o 31 de xaneiro.
E... lembra que a túa participación ten premio...!
Imaxe: DOMINIO PÚBLICO. Retrato de Policarpo Sanz. Retrato de José García Barbón.
Imaxe: INDIACATALINA. Monumento a la madre del emigrante. Gijón. CC BY SA