GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 31 de marzo de 2014

APRENDENDO SOBRE AS PRAIAS DE TEIS




Cos chicos e chicas do Plan Comunitario. 

Os pasados mércores e xoves (26 e 27 de marzo), en Infantil, tivemos unha actividade con sabor moi, pero que moi salado. Estiveron connosco os do Plan Comunitario de Teis, explicándonos como son as praias do noso barrio. Quedamos asustados cando soubemos que Teis... ten dez praias!

Na pantalla dixital mostráronnos fotos de cada unha destas praias. Despois cantamos e bailamos a canción:

Quen che ensinou a nadar..?
Foi un peixiño do mar...
Foi, foi, foi, moreniña, 
foi un peixiño do mar. 

Logo déronnos unha gran sorpresa, porque David fixo maxia e apareceu unha grande caixa con area das praias de Teis. Xogamos a buscar tesouros agachados. Atopamos cunchas, pedras, algas secas... e clasificamos todo isto en varias caixiñas. 

Despois deste xogo tan divertido estivemos pintando peixiños e estreliñas de mar. 

E, para rematar, voltáronnos sorprender: agasalláronnos cun polbo xigante para cada aula. Nel colgamos todos os peixiños e estreliñas. E agora témolo de recordo para lembrarnos das praias de Teis e das persoas do Plan Comunitario que nos achegaron esta actividade tan motivadora e divertida. 




Grazas a todos os que nos permitistes pasar unha xornada tan estupenda.  E grazas á profe Charo, por nos facer esta crónica tan detallada!

domingo, 30 de marzo de 2014

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DA POESÍA



Coa chegada da primavera agromaron versos mariños no noso cole.

Para preparalo, fixemos unha escolma realizada coa colaboración do Voluntariado Bibliotecario. Unha vez completado compartiuse cos titores de Primaria.



Entre a escolma, cada aula debía elixir un poema para ilustrar. Coa suma de todos eles, elaboramos a nosa Selección poética sobre o mar, que terá un lugar privilexiado na nosa Biblioteca.



Por último, propuxemos un Concurso de Recitado. A participación era voluntaria, e o obxectivo, favorecer a expresividade do alumnado á hora de recitar. Aquí temos ós participantes individuais:




E aquí tendes a interpretación dos grupos



E agora... a esperar o veredicto dos profes que compoñen o Equipo de Biblioteca! 

DESCUBRIMOS O MISTERIO...



... das fotos antigas.

Hai un par de semanas realizamos (coas familias que quixeron nos acompañar) unha andaina para descubrir os lugares mariñeiros que perduran na arquitectura e na toponimia da nosa cidade. Froito daquela saída naceu unha proposta: descubrir os lugares que representaban unha selección de fotos antigas que vos entregamos. (Podedes refrescala neste enlace).

Pois... aquí tendes a solución:





E as gañadoras son...
      • Laura Martín (6º B)
      • Claudia Pérez de Lis (2º B)
... e as súas respectivas familias. 

Pois chicas... pasade pola Biblioteca para sumar un novo punto ó voso carnet!

sábado, 29 de marzo de 2014

PIRRACAS E AS PATACAS



Nas Tardes de Conto.

O pasado xoves día 20 de marzo tivemos unha nova sesión de Contacontos. O conto que desta vez puidemos desfrutar foi Pirracas e as patacas, narrado por Pili, a nai de Lucía (4º B).

A continuación, e coas patacas i envases de iogur que se solicitaron para o obradoiro, cada un/unha fixo a súa propia pataca, pintando, recortando, pegando... e acadando divertidos e sorprendentes resultados...  



Grazas Pili e Lucía, por unha tarde tan divertida. E grazas tamén ó profe Abel pola súa crónica. 

MARC TAEGER E OLAIA GONZÁLEZ NO NOSO COLE



Contando e ilustrando contos cos nenos e nenas de 5 anos.

O pasado martes 18 de marzo estiveron no noso cole Olaia González e Marc Taeger, por xentileza da Editorial Kalandraka. Os afortunados que disfrutaron dos seus contos e ilustracións foron os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos.

Foi unha sesión máxica, onde a palabra trasformábase en liñas de cor, e as liñas de cor en coñecidos personaxes infantiles. Así desfilaron polas nosas aulas Artur, Garavanciño e Os chivos chivóns, que quedaron inmortalizados para sempre nuns lenzos que atoparán un lugar privilexiado no noso Centro.



Grazas por facernos disfrutar dun día tan agradable!

viernes, 21 de marzo de 2014

O AFUNDIMENTO DO ARRASTREIRO SANTA ANA



A Nova da Semana de 5º A.

Os rapaces e rapazas de 5º A quedaron impresionados polo afundimento deste arrastreiro con tripulación de Muros acaecido no Cabo de Peñas. Neste programa dannos cumprida conta dos datos coñecidos ata o intre.



Imaxe: La Voz de Galicia

miércoles, 19 de marzo de 2014

ACHEGÁNDONOS Ó ACUARIO




No Venres de Viva Voz cos nenos e nenas de 4 anos B.

Como sabedes, os venres é día de oralidade no noso cole. O pasado venres 14 de marzo tocou o turno ós rapaces e rapazas de Educación Infantil 4 anos B.

Nesta ocasión, decidiron recitarnos algúns dos versos contidos no libro de María Canosa titulado Acuario.

Aquí volos deixamos.

martes, 18 de marzo de 2014

XUNTOS Ó REDOR DE "MATILDA"



Compartindo a nosa lectura cos membros do club.

A semana pasada (o mércores e o xoves) reunímonos na Biblioteca cos membros dos dous clubes de lectura de 6º curso:  Os lectores de Frian e Os libros molan. Nesta ocasión, arredor dunha boa lectura: Matilda, de Roald Dahl.

Coma sempre, foi unha xuntanza moi enriquecedora. Gustaríanos que os pais e as nais poidérades compartir connosco estas conversas tan maduras dos vosos fillos e fillas. Nós estamos realmente impresionadas.

Aquí vos deixamos algunhas das imaxes:




E dúas anécdotas: 
  • Ambos os dous grupos preguntáronse: e que sería de...? Así que nos propuxemos un traballo extra: escribir. Uns, sobre o que pasou coa señorita Trunchbull; outros sobre que pasou coa familia de Matilda
  • Andrés descubríu que, no noso colexio, existe unha Matilda. É máis ben cativiña. Cursa 2º de Primaria e, sempre que pode, está a ler. Que vos parece...?


Estamos desexando ler as vosas historias. Ánimo!

lunes, 17 de marzo de 2014

NOVA SESIÓN DE CONTACONTOS




Con Tere e a súa familia. 

O pasado xoves día 13 desenvolveuse no noso cole unha nova sesión de contacontos. Nesta ocasión, con Tere, a nai de Carmen e Mario

O conto elixido, Siempre te querré. E logo, coma sempre, obradoiro. 




Grazas, familia!

domingo, 16 de marzo de 2014

DO AREAL Á PORTA DO SOL



Para saber máis sobre o mar de Vigo. 

Esta mañán reunímonos un elevado número de familias para facer unha andaina polas rúas máis tradicionais da nosa cidade. 

O día acompañou, aínda que o tempo fíxose escaso e tivemos que acortar o programado. Outro día continuaremos!

Durante o percorrido reparamos en varias esculturas de temática mariña nas que nunca nos fixaramos; atopámonos con algúns escritores; pisamos sobre terreo gañado ó mar... 

Para mostra, esta colección de imaxes do día: 





E como o asunto era descubrir... sabedes xa que representan estas fotos...?



Contádenolo cubrindo este formulario.



sábado, 15 de marzo de 2014

SAÍDA CULTURAL E MARIÑEIRA



Polas rúas de Vigo. 

Seguro que xa todos o sabedes, pero... por si acaso... lembrámosvos que, mañán domingo día 16... vémonos nos Xardíns da Comandancia. Ás 10:45.

Vinde dispostos a aprender e a camiñar. 

CAL É O VOSO MENÚ PARA HOXE...?




Que tal unha comida familiar en Pontevedra..?

Aínda que sexa de contos, que tamén alimentan. 

Onte inaugurouse o XV Salón do Libro de Pontevedra. Cun menú cheo de bos platos. Poderá visitarse ata o vindeiro día 5 de abril

Animámosvos a que pasedes unha divertida tarde familiar no Pazo de Congresos de Pontevedra. Para ir abrindo boca aquí vos deixamos o programa. 




Animádesvos...? Hai tantos pratos saborosos que eu non sei cal elixir!

miércoles, 12 de marzo de 2014

ESTA MAÑÁN ESTIVO CONNOSCO O AVÓ DE IRENE E ROCÍO



Contándonos cousas sobre o seu oficio de mariñeiro.

Pero a visita de Abel (que así se chama, aínda que lle chaman Cholo) comezámola a preparar hai un par de semanas.

Despois de investigar sobre as embarcacións (de baixura, de altura e de gran altura) e sobre a lonxa, os nenos e nenas de 1º curso de Primaria estiveron pensando nas preguntas que lle facer ó avó de Irene cando viñera onda nós. Aquí as tendes.





E por fin, chegou o día. Cholo chegou ó cole coa súa filla Marisol (a nai de Rocío e Irene). Primeiro estivo na clase de 5 anos B, con Rocío e os seus compañeiros de nivel. E despois do recreo, na de 1º A, con Irene e o resto de rapaces e rapazas.

O primeiro foi proxectar unha presentación, na que se poden ver os barcos nos que traballa Cholo. Aquí a podedes ver. Pois si que está chula!


Logo, foinos mostrando, un a un, os aparellos que emprega para coller polbos, nécoras, ameixas, chocos... (temos a promesa de que, cando chegue o Día da Feira, váinolos traer de novo para a nosa exposición).

E logo chegou a hora da entrevista. Os rapaces foron facendo as preguntas preparadas, e Cholo, amablemente, foinos contestando a elas.

Por certo: Cholo tamén é pescador de tesouros. Unha vez, debaixo da Ponte de Rande, pescou unha bolsa chea de colares. Sería o botín dalgún pirata...?




Grazas, Cholo, por nos contar cousas tan interesantes. E grazas tamén a Marisol, por acompañalo.


domingo, 9 de marzo de 2014

AVISO A NAVEGANTES...



Unha nova proposta para xogar e aprender.

Esta vez, recollémola de O Portal das Palabras, unha iniciativa fantástica da Fundación Barrié e a Real Academia Galega.

O primeiro que vos propomos é que participedes neste xogo titulado Navegando. Aprenderedes o nome dalgunhas embarcacións propias (ou non) das nosas terras.




Gustouche o xogo...?

Pois agora... demostra o que sabes! Contesta ás preguntas do formulario e consigue novos puntos. (Non esquezas empregar o Dicionario da RAG se o precisas). 




UNHA EXPOSICIÓN MOI MARIÑEIRA



No vestíbulo de Primaria.

Se vindes visitar o noso centro chamaravos a atención a exposición de aparellos do vestíbulo de Primaria.

Leva xa unhas cantas semanas, pero, co volume de traballo diario non tiveramos tempo de volo contar. Por iso o facemos agora.

Todo partíu da iniciativa dun dos alumnos de 3º B.

En efecto. Os alumnos e alumnas de 3º curso de Primaria están a traballar sobre as artes de pesca e marisqueo. Por iso, Juan Carlos, con familia en Bueu, decidiu traer varios deses aparellos. Iso si, perfectamente etiquetados.

Para dar fe, aquí tendes as fotos.



Con tan boas iniciativas estamos desexando ver o resultado dos vosos traballos. Moitos parabéns. 


sábado, 8 de marzo de 2014

DOCUMENTÁNDONOS SOBRE AS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS



Cos alumnos e alumnas de 4º A.

A finais do mes de marzo remata o prazo marcado para presentar os traballos escritos sobre o noso PDI. En 4º A de Primaria están encarando este tema con moito entusiasmo e responsabilidade. Xa levan semanas aproveitando a súa hora de Informática e a de Biblioteca para abordar este asunto.

Así que hoxe "pillámolos en plena faena": traballando en grupo, pasando os seus traballos a formato dixital e complementando a información con búsquedas nos ordenadores e nos documentos da Biblioteca.

Cando constatamos este entusiasmo e esta implicación só podemos pensar... realmente, pagou a pena!



Parabéns para a toda a aula, e tamén para a profe, Natalia!

viernes, 7 de marzo de 2014

LENDO Ó SOL



Tonificando o noso corpo e as nosas mentes.

Despois de tantos meses de choiva e temporais persistentes, por fin... chegou o sol! E iso había que celebralo.

O noso corpo (e a nosa mente) precisaban vitaminas. E que mellor que prolongar o tempo de lecer continuando coa Hora de Ler no patio...?

Aquí tendes ó noso alumnado de Primaria, adoptando as posturas máis inusitadas. A pleno sol, ou aproveitando as sombras. Pero, todos, respirando a pleno pulmón este aire primaveral.



jueves, 6 de marzo de 2014

SEMANA DA PRENSA




Do 10 ó 14 de marzo celebramos a Semana da Prensa. 

Por tal motivo, propósmovos unha actividade para o alumnado do Segundo e Terceiro Ciclo de Primaria. Un xogo titulado A la caza del gazapo.

Non sabes o que é un gazapo (cazapo en galego)? Segundo nos conta o Dicionario da Real Academia Galega, o cazapo é un pequeno erro que por descoido se comete ao falar ou ao escribir. 

Non resulta infrecuente atopar cazapos na prensa. Convidámosvos a aguzar o inxeño, a ser críticos e a descubrir os erros que as présas, ou a falta de repaso, nos fan cometer. 






E, ademais... aproveita estas datas para preparar a túa entrevista. Lembra que neste post tes unha boa axuda. 

Estamos desexando comprobar os resultados!


A PROPÓSITO DE "HABITACIÓN DUN VELLO MARIÑEIRO"



O cadro do noso concurso A voltas coa lingua.

En primeiro lugar, temos que felicitar ó alumnado do Terceiro Ciclo por participar de xeito tan masivo, e, en especial, ó de 6º B.

Nesta ocasión, as preguntas tiñan truco: ademais de ser uns bos observadores, había que buscar información, comprender o que se nos preguntaba e contestar só ó que se nos pedía.

Con todas estas esixencias tivemos, non obstante, cinco gañadores. Pero antes de dicirvos quen foron, analicemos o cadro.


E agora que xa sabemos máis sobre Urbano Lugrís, falamos de gañadores. Nesta ocasión poden pasar pola Biblioteca, para selar o seu carnet: 
      • 6º B: Ivan, Ares e Inés.
      • 6º A: Lucía.
      • 2º B: Claudia. 
Grazas a todos e a todas por participar!

miércoles, 5 de marzo de 2014

O MAR DAS MULLERES



Unha homenaxe á muller mariñeira polo Día da Muller Traballadora.

A semana pasada sorprendíanos a incorporación de dúas mulleres á Academia Galega das Ciencias. Dende a súa fundación (no ano 1977) tan só unha muller formara parte dela, sendo a presenza feminina inexistente dende hai vintecatro anos. Sen embargo, o número de mulleres investigadoras é crecente, e o obxecto das investigacións que desenvolven moi relevante.

Tal é o caso dunha das novas académicas, Alicia Estévez, experta en acuicultura.

O caso de Alicia Estévez, cuios estudios están tan vencellados ó tema do noso PDI (A lingua sabe a mar), dános pé á seguinte reflexión: que presenza ten a muller nun mundo (aparentemente) tan masculino coma o do mar?

Tradicionalmente, o traballo do home que viña do mar remataba cando chegaba a porto e descargaba o barco. Nese intre comezaba a tarefa da muller, encargada da venda do produto, xa fora na lonxa, xa fora vendéndoo de aldea en aldea ou intercambiándoo por produtos agrícolas. Iso facía da muller a dona dos cartos e da despensa.

Coa progresiva industrialización do sector, a muller vaise incorporando a outras tarefas, neste caso, como empregada. Coa chegada dos fomentadores cataláns a mediados do século XVIII as mulleres comezaron a ser contratadas de forma masiva como man de obra barata e pouco calificada, para traballar nos almacéns de salga e na incipiente industria conserveira:




Dende entón, certos traballos do mar aparecen vencellados ó mundo feminino:
      • estibadoras ou espichadoras: encargadas de cargar e descargar as mercancías dos barcos na lonxa, ou de colocalas ordeadamente en caixas. Fíxate que importancia tiña este oficio que unha folga de estibadoras paraliza o Berbés en 1909. 
      • empregadas da industria conserveira;
      • atadeiras ou redeiras: 




        • mariscadoras:
 


Hoxe en día, a muller segue a vencellarse laboralmente co mar, en moitas ocasións, con iniciativas emprendedoras. Neste vídeo achegamos algúns exemplos. Sirvan coma homenaxe a todas esas grandes mulleres do mar que, durante séculos, estiveron sempre detrás dos esforzados mariñeiros. 




Feliz Día da Muller Traballadora!


GAEL E MAILA SÚA NAI CONTÁRONNOS UN CONTO




¡Atrapemos al monstruo!

Este foi o título do conto co que nos deleitaron Gael (1º A) e mais Yolanda, a súa nai. A cita foi o día 27 de febreiro.

Como era a véspera do Entroido, no obradoiro posterior ó conto confeccionamos máscaras. E, logo, xa que neste inverno tan chuvioso houbo poucos días para disfrutar do sol, aproveitamos a tregua momentánea para xogar no patio.





Unha tarde moi saudable e completa. Grazas a todos e a todas os que a fixeron posible. 

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA



Á beira do mar.

Cun pouco de retraso, damos conta da celebración do Día de Rosalía, o pasado 24 de febreiro.

Ó longo da mañán, nas aulas fomos lendo o post que, previamente, publicaramos. Nel recolliamos A Rosalía (poema de Curros Enríquez adicado á poetisa) e Del mar azul, da propia Rosalía. En ambos os dous atopabamos a Rosalía na beira do mar.

Aquí tendes algunhas imaxes do día.


Os rapaces de Primeiro Ciclo entenderon perfectamente como describía Curros a Rosalía. E así o plasmaron nesta colección de debuxos.

sábado, 1 de marzo de 2014

... E CHEGOU O ENTROIDO!



E a pesar de que o tempo non acompañou, nós disfrazámonos igual. 

Este ano tocou quedar no cole. O tempo inestable que se anunciaba aconsellou suprimir o paseo polo barrio. Pero iso non impediu que o patio se cubrira cunha brillante marea de peixes e seres mariños. 

Para levar mellor o noso disgusto, a ANPA preparou para todos nós un delicioso chocolate con bica, que paladeamos antes de nos disfrazar. 

Xa no patio, coa presencia das nosas familias, cantamos as nosas coplas e bailamos. E, xusto antes de que se botara a chover de novo, queimamos o Meco. 

Aquí tendes a reportaxe fotográfica realizada pola profe Luz







Podedes ver máis fotos na páxina web do colexio.

Tratando sobre o mar, o noso Entroido resultou máis ben húmido... pero moi divertido!

MAÑÁN DE CONTOS COS ALUMNOS E PROFESORES DO ROU



Por segundo ano consecutivo, os alumnos e alumnas do IES República Oriental do Uruguai estiveron connosco nunha actividade entrañable. 

Os protagonistas foron os membros do Clube de Lectura de 4º da E.S.O.: Rubén, Ana, María, Dani, Sara M., Sara S., Vicente, Alicia e Alba, acompañados por Henar (coordinadora do Clube e do Equipo de Biblioteca) e Maite. Sen embargo, moitos outros compañeiros e compañeiras aportaron o seu granciño de area a esta actividade: mozos e mozas de Bacharelato, 2º e 3º da ESO colaboraron cos murais; e Carmen (profesora de Debuxo) e Concha (Vicedirectora) acudiron ás nosas instalacións para supervisar, respectiamente, a montaxe e o desenvolvemento da actividade.

O IES República Oriental do Uruguai é o noso instituto de referencia. Por iso están moi pendentes de se coordinar connosco, para traer sempre unhas temáticas relacionadas co noso PDI. Neste caso, acudiron con dous fantásticos contos: O pirata Pata de lata e Nadarín, contados para os máis cativos do cole: os nenos e nenas de Educación Infantil.

Pero non só contaron o conto: planificaron como facelo. A aula de Música convertiuse nun improvisado escenario, con barco pirata, corsarios, pantasmas, chineses, espadas... e ata loro!

Despois dos contos, actividade. Sobre un fondo mariño, entre todos os nenos da aula elaboraron un mural colaborativo sobre de Nadarín.

Todos (grandes e pequenos) pasamos unha mañá estupenda. E máis cando o Pirata Pata de Lata chegou cun arcón repleto de doblóns de ouro... de chocolate!

Rematou a xornada cunha merenda para os artistas (ben o merecían despois de tantos nervios) e uns pequenos detalles entregados por Olga, a nosa Directora.


Moitas grazas, chicos e profes, por este marabilloso agasallo!

E... convidámosvos xa para outro ano!