De pouco serve intentar favorecer a lectura entre os cativos se os adultos que somos o seu referente non lemos. Por iso, incrementar os índices lectores entre profesorado e familias nunca está de máis.
No centro xa existían algunhas experiencias ó respecto (Mochilas Viaxeiras, Tardes de Conto, Libro-fórums...). Esta semana inauguramos nos locais da ANPA o Leixaprén, un empréstito de libros para pais e nais que ten unha única regra: levo o libro que me interesa (non teño por que devolvelo) pero, a cambio, teño que entregar outro.
Xa algúns pais nos pediran actividades deste tipo. Para a nosa satisfacción, esta mañán chegou ó cole Isa, a nai de Anxo e Noel con dous libros da súa casa para facer o intercambio. Esperamos que atopara lecturas apetecibles na nosa particular biblioteca ambulante.
Tamén vos informamos de que, dende xaneiro, existe na Sala de Mestres un armario con libros que os profesores temos traído das nosas casas para intercambiar entre nós. A cousa funciona, e xa levamos lido sobre unha ducia.
Todos a ler, que... cun bo libro, faise mellor o camiño!





No hay comentarios:
Publicar un comentario