GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 31 de marzo de 2013

OS MUÍÑOS



Polos alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria. 

En relación co noso PDI A lingua sabe a pan, o alumnado deste curso ten traballado sobre os muíños. Aquí está o resultado da súa investigación.





Parabéns!

sábado, 30 de marzo de 2013

CHEGOU O DOMINGO DE PASCUA


Este ano, o Domingo de Pascua coincide o 31 de marzo. 

Pero... sabedes que, na Tradición Oral, os domingos de Coresma teñen nome propio...?

Aquí os temos "fresquiños", grazas  á profe Elisa, tal e como coincidiron este ano:

      • 17 de febreiro: Ana
      • 24 de febreiro: Badana
      • 3 de marzo: Rebeca
      • 10 de marzo: Susana
      • 17 de marzo: Lázaro
      • 24 de marzo: Ramos
      • 31 de marzo: Pascua

Son sete domingos, que comezan a contar no domingo seguinte ó Martes de Entroido e ó Mércores de Cinza.  

E aquí tendes o dito tal e como nolo contou a profe Elisa:

Ana, Badana, Rebeca, 
Susana, Lázaro, Ramos, 
en Pascuas estamos.

LIM SOBRE OS MUÍÑOS


Elaborado pola nosa coordinadora TIC, Ana Piñeiro.

Aprende e comproba os teus coñecementos.





viernes, 29 de marzo de 2013

UNHA TARDE DE CONTOS MOI POLÍGLOTA



Políglota... e coa familia ó completo!

O último martes do trimestre (o día 19) estiveron connosco Noa (1º de Primaria), Aroa (Educación Infantil 4 anos) e os seus pais. Toda a familia falando inglés!

Comezou a mamá, contándonos a historia de Ollie, un parrulo que non acababa de saír do seu ovo. Logo aprendimos vocabulario con Big and Small e Colours

A continuación tocoulle o turno a papá, con Zoo Mum, un pingüino en busca da súa nai.

Noa (que xa sabe ler) non quixo ser menos, e contounos Berta, la ballena

A familia ó completo rematou a súa intervención cantando tres cancións en inglés.

Como recordo desta tarde tan fantástica, todos os participantes na actividade elaboramos unha medusa que, logo, levamos para casa. 

Moitas grazas, familia! Precioso vervos a todos implicados e en acción!





viernes, 22 de marzo de 2013

DE POEMAS E ANIMAIS



Diso tratou o Venres de Viva Voz dos rapaces de 3º B.

Ocurriu hai dúas semanas. Pero as "meigas" da Biblioteca (ou talvez Frianciño, nunha desas noites en que hai movida entre os andeis), traspapelaron os arquivos.

Unha vez recuperados, aquí os tendes. Mirade que ben locen...!




Moitos parabéns, rapaces!

FALANDO SOBRE O PAN



No Venres de Viva Voz da semana pasada.

Os rapaces e rapazas de 5º B contáronnos moitas cousas sobre o pan e as crenzas que existen arredor del.

Aquí vos deixamos con eles.




Parabéns!

UNHA NOVA DENDE ROMA



Esta semana, a encargada de analizar a Nova da Semana foi a aula de 5º A.

E os alumnos e alumnas, como todo o mundo, dirixiron a mirada hacia Roma.

Por que...? Esta semana, a nova máis salientable foi a fumata branca con que, dende o Vaticano, se anunciaba a elección dun novo Papa, despois da demisión do anterior. Eran as 19:05 horas do mércores 13 de marzo. O mundo coñecía que o novo papa chamábase Francisco I, e que falaba español. O primeiro papa latinoamericano e xesuíta da Historia.

Así foi como os nenos viron a Nova:




Parabéns!

lunes, 18 de marzo de 2013

O NOSO LEIXAPRÉN, NO BLOGUE "HORA DE LER"



Está vencellado á Asesoría de Bibliotecas Escolares

E parece que o nome que temos utilizado ten inspirado a proposta da Asesoría para bautizar a actividade de bookcrossing que se está a desenvolver en moitos centros: Deixaprén.

O tempo daranos novas do seu éxito. Mentras tanto, convidámosvos a ler a nova en Hora de ler.

UN CONTACONTOS MOI RIMADO


Así foi a Tarde de Contos do pasado martes día 12 de marzo.

Estiveron de "mestras de ceremonias" Marisol, Irene e Rocío. Marisol contounos un conto con rimas. Irene aproveitou para recitar Adiós ríos, adiós fontes, o poema de Rosalía que están aprendendo os nenos da súa clase. E Rocío tamén fixo os seus piniños.

Logo, todos os asistentes xogamos a construír rimas, pareados e ás adiviñas. Pasámolo moi ben.

Grazas ás profes Elisa e Luz pola  reportaxe.

CÉ, O HOME ORQUESTRA


Hai un par de semanas estiveron connoscoe a súa orquestra fantasma. 

Tratouse dunha actividade organizada pola Concellalía de Normalización Lingüística, e nela participaron os nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos.

E...? Por que falamos dunha orquestra fantasma...? Pois nin máis nin menos que porque non había orquestra. Cé era un auténtico home orquestra, que tocaba ó tempo o bombo, o acordión ou a armónica.

E...? Quen é Cé? Pois un rapaz que se chama César e vive na aldea de Freixo. Así que, de nome artístico usa o alcume de Cé, e canta sobre as persoas de Freixo.

O público pasouno bomba, cantando e bailando ás ordes deste particular home - orquestra.

Damos as grazas á profe Elisa, que, nesta ocasión, foi a nosa particular reporteira.

domingo, 17 de marzo de 2013

DÍA DA MULLER TRABALLADORA



Este 8 de marzo foi un día moi emotivo no noso colexio.

Celebramos o Día da Muller Traballadora. E este curso quixemos lembrar a todas as mulleres anónimas que non saen nas revistas do corazón, nin teñen feito grandes descubrementos nin grandes proezas na vida. Sen embargo, son as nosas heroínas, porque nos acompañan, dánnos exemplo e fannos todo máis doado.

Así que, como xa indicamos noutro post, aproveitamos a ocasión para aprender a escribir cartas de agradecemento.

Neste álbum podedes ver o entusiasmados que estabamos o venres coas nosas cartas, que, como ten que ser, levaban enderezo, selo, remitente... e foron botadas nun buzón!



E aquí deixámosvos unha escolma do que temos escrito. Historias realmente fantásticas e escritas co corazón. Historias que reflicten que os nosos rapaces son persoas agradecidas, que son quen de recoñecer as pequenas heroicidades de cada día, e que tamén, por que non, son conscientes das difíciles situacións que a omnipresente crise trae consigo.




Que todos os días do ano sexan Días das Mulleres Traballadoras!


domingo, 10 de marzo de 2013

ROSALÍA NA PORTA DE 1º A


Co gallo do Día de Rosalía, os nenos e nenas de 1º A decoraron a súa porta. 

Ata agora non houbera tempo de vos mostrar o seu traballo. Pero aquí está. Aínda que cativos, son quen de entusiasmarse e de facer traballos estupendos.



VENEZUELA NA NOVA DA SEMANA



O pasamento de Hugo Chávez foi salientado polos alumnos e alumnas de 3º A.

E foi a ocasión de coñecer a situación de Venezuela, a súa bandeira e algúns datos de interese sobre o país.

Aquí está o seu traballo.



sábado, 9 de marzo de 2013

VIAXANDO NO TEMPO COS MEGATOXOS



No tempo, na literatura, no cómic, no cine...

Porque de todo iso falamos na primeira xuntanza do noso segundo clube de lectura: Os libros molan.

Reunímonos ó redor das mesas da biblioteca para falar de Os Megatoxos e o aprendiz de druída, de Anxo Fariña. Unha lectura que nos entusiasmou, porque non podiamos imaxinar tanta riqueza agachada. E temos que manifestar o asombro das tres profes que estabamos mediando (Luz, Montse e Mónica) ante o moito que os nosos alumnos saben de superheroes, de cine e de cómic.

Mágoa que o tempo pasara tan rápido, porque quedaba moito por falar. Pero o que quedou no peto podemos comentalo por escrito, aquí mesmo. Así que... rapaces e rapazas... vosa é a palabra!



jueves, 7 de marzo de 2013

UNHA CANCIÓN POLA IGUALDADE DE XÉNERO




O Día da Muller Traballadora é unha boa ocasión para presentala. 

Está gravada por célebres cantantes (tanto homes coma mulleres) de todo o mundo, que se teñen reunido para divulgar unha mensaxe de unidade e solidaridade: todos somos "unha muller", unha soa muller (one woman).

Escribiuse para ONU Mulleres, a organización internacional que defende ás mulleres e nenas de todo o mundo, e presentarase mañán, 8 de marzo de 2013, para conmemorar o Día da Muller Traballadora. O obxectivo deste ano é pór fin á violación dos dereitos humáns, que afecta a sete de cada dez mulleres no mundo.

Cal é a mensaxe da canción...? Pois que todos unidos podemos superar a violencia. E iso fará que brilemos ("we will shine"). Non vos parece un futuro apasionante...?




Feliz (e brillante) Día da Muller Traballadora. 

O BOSQUE ENCANTADO



Este título tan engaiolante foi o do contacontos do pasado martes.

E nel participaron Anxo (4º de Primaria) e o seu pai, Juan Carlos.

Moito traballo previo, preparando títeres, movendo mesas, ideando actividades...

O público foi numeroso. Todos o pasaron moi ben. Ó remate, de recordo, levaron un comemocos de forma variada (peixes, serpes e tigres).

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí tendes unhas cantas.







Moitas grazas a Anxo e a Juan Carlos por unha tarde tan divertida. 


miércoles, 6 de marzo de 2013

LEIXAPRÉN



Pais e mestres, todos a ler.

De pouco serve intentar favorecer a lectura entre os cativos se os adultos que somos o seu referente non lemos. Por iso, incrementar os índices lectores entre profesorado e familias nunca está de máis.

No centro xa existían algunhas experiencias ó respecto (Mochilas Viaxeiras, Tardes de Conto, Libro-fórums...). Esta semana inauguramos nos locais da ANPA o Leixaprén, un empréstito de libros para pais e nais que ten unha única regra: levo o libro que me interesa (non teño por que devolvelo) pero, a cambio, teño que entregar outro.

Xa algúns pais nos pediran actividades deste tipo. Para a nosa satisfacción, esta mañán chegou ó cole Isa, a nai de Anxo e Noel con dous libros da súa casa para facer o intercambio. Esperamos que atopara lecturas apetecibles na nosa particular biblioteca ambulante.



  

Tamén vos informamos de que, dende xaneiro, existe na Sala de Mestres un armario con libros que os profesores temos traído das nosas casas para intercambiar entre nós. A cousa funciona, e xa levamos lido sobre unha ducia.




Todos a ler, que... cun bo libro, faise mellor o camiño!


martes, 5 de marzo de 2013

A CASA DE PEDRO


Os nenos e nenas de 1º B presentaron o seu Venres de Viva Voz.

Un conto tradicional (La casa de Pedro) e unha escolma de refráns sobre os meses do ano.

Mirade que ben o fan!

sábado, 2 de marzo de 2013

UN RECREO NA BIBLIOTECA


Ás veces, durante o recreo, prodúcense intres máxicos.

Adoita haber moito movemento de empréstitos (e máis se se trata dun venres). Pero... de súpeto, todo queda nun remanso de paz. E, entón, podemos disfrutar de imaxes espontáneas coma estas.



Non vos parece pura maxia...?

DE QUE SE ALIMENTAN AS QUENLLAS?



Esta é o que salientaron os nenos e nenas de 1º A na súa Nova da Semana.

A partir dunha información aparecida na prensa, coñeceron algunhas características sobre as quenllas e o seu alimento favorito (os cefalópodos). Tamén profundizaron sobre os traballos da Asociación Chelonia.

Aquí tendes o seu bonito (e siñificativo) traballo.




Parabéns, rapaces!

UN CLUBE DE LECTURA CON TANIS I COMO PROTAGONISTA


Os Lectores do Frian reuníronse o último día do mes de febreiro para falar sobre este libro de Manuel Lourenzo

Coma sempre co acompañamento duns petiscos, falamos dos segredos e das impresións que nos produciu a lectura de Tanis I o Mocos. Un libro que, a pesar de ter sido escrito en 1998 está de plena actualidade. Será que o autor ten un pouco de meigo e un moito de adiviño...?

Despois de moito falar, rematamos con este vídeo sobre a estética punkie, o estilismo favorito de Tanis.



Aquí tendes algunhas fotos da xuntanza.




E non vos contamos máis. 

Esperamos que os protagonistas, cos comentarios a esta nova, sexan quen de vos transmitir con máis exactitude e entusiasmo as súas impresións e comentarios. 

UNHA VIAXE DA TERRA Á LÚA


Un poema dos nenos e nenas de Educación Infantil 4 B no seu Venres de Viva Voz

E... cun proxecto sobre o espazo, que mellor que unha viaxe da Terra á Lúa? Aquí os tendes recitando o seu poema.



Parabéns, chicos!

UNHA NOVA CHEGADA DO ESPAZO



O pasado venres día 22 de febreiro, os cativo de 4 anos A presentaron a súa Nova da Semana.

Como están a traballar un proxecto sobre o espazo, a nova do asteroide que pasou rozando a Terra véulles como "anel ó dedo".

Mirade como presentaron a súa achega ó resto de compañeiros de Educación Infantil:



Aquí tendes as imaxes do seu traballo.




Parabéns!