GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

martes, 14 de mayo de 2013

UN CONTO CHINÉS



Con Daniel, o tío de Irene e Rocío.

Daniel leva dous anos estudiando chinés na Escola Oficial de Idiomas. Así que se animou a contarnos varias cousas moi interesantes.

Comezou a Tarde de Contos saudando en chinés (oralmente e por escrito, con auténticos caracteres chineses na pizarra).

A continuación, Daniel contounos unha lenda chinesa: a Historia do cazador Hailibu, que obtivo o poder de entender a lingua de todos os animais a cambio de non contar a ninguén o que escoitase.

O público tamén puido facer os seus "piniños", imitando a fonética dun poema chinés sobre a natureza. A experiencia non resultou moi exitosa. Pero colleitamos máis éxitos cos números (a pronuncia e a grafía chinesa).

Por último, investigamos sobre o horóscopo chinés, no que, en lugar dos doce signos zodiacais, aparecen doce animais ó longo do ano. Así, entre os participantes no contacontos (pais incluídos) apareceron varias ratas, bois, tigres, cabalos, porquiños e, incluso, cans.
A tarde rematou pintando fichas cos animais do horóscopo.





Grazas, familia!

lunes, 13 de mayo de 2013

...E CHEGA O CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL...!


Puntual á súa cita, como cada mes de maio. 

Como xa sabedes, os obxectivos deste Concurso son:
      • facer partícipe a toda a Comunidade Educativa das actividades propostas polo Centro; 
      • fomentar entre as familias o uso das Novas Tecnoloxías.

As  BASES do concurso deste ano son: 
      • O tema proposto é A lingua sabe a pan.
      • O prazo para entregar as vosas fotografías remata o domingo 26 de maio de 2013.
      • Cada participante acompañará a súa fotografía dun lema.
      • Forma de entrega: A través do correo electrónico, á dirección:
friancinhojones@gmail.com

      • No correo electrónico incluirase: nome do autor ou familia - curso - lema. 
      • As fotografías enviadas formarán parte dunha presentación no blog da Biblioteca, onde poderán ser votadas polos internautas. 
      • A fotografía gañadora servirá para deseñar un cartel publicitario que se exhibirá durante a Festa - Exposición que organizaremos o día 4 de xuño. 

domingo, 12 de mayo de 2013

OS CEREAIS E AS SÚAS LABOURAS



Un traballo de 3º A para o noso PDI.

Despois de investigar sobre os cereais, os alumnos e alumnas de 3º A preséntannos, de xeito oral, o resultado do seu traballo.


jueves, 9 de mayo de 2013

AS NOSAS PALABRAS FAVORITAS



Unha homenaxe á nosa lingua nai: o galego.

Proximamente celebraremos o Día das Letras Galegas. Unha boa data para reflexionar sobre a nosa lingua e para resaltar o máis fermoso que atopamos nela: as palabras, que nos permiten comunicarnos e expresar bos sentimentos.

Propómosvos, pois, contarnos cal é a vosa palabra galega favorita. Convidámosvos a escribila neste formulario, para, entre todos, compartilas. Entre todos: familias, profesorado e alumnado estades invitados a participar.

Grazas por facelo!



martes, 7 de mayo de 2013

FALANDO SOBRE OS FORNOS



En 2º B.

Os nenos e nenas de 2ºB, despois de elaborar o seu traballo sobre os Fornos Galegos (publicado noutro post), cóntannos o produto da súa investigación ante as cámaras.



Parabéns!

lunes, 6 de mayo de 2013

VISITOUNOS VIOLETA MONREAL



O pasado venres estivo connosco esta fantástica ilustradora e mellor persoa que é Violeta Monreal. 

Por cortesía da Editorial Everest, estivo cos alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria para compartir as impresións que nos suscitou a lectura de Blanca, la nueva del equipo.

Os que tivemos a sorte de asistir á súa charla só podemos dicir que saímos entusiasmados. O seu dominio no rasgado do papel e na elaboración de ilustracións enfeitizounos. Pero, ademais, entre rasgado e rasgado, entre pegado e pegado, foi sementando unhas reflexións moi útiles para o noso traballo e a nosa vida.

O seu discurso desenvolveuse en torno a tres ideas:

      • escoitar a obra de arte: deixarnos interpelar por ela, descubrir que é o que nos pide; 
      • traballar máis: ser autoesixentes, non nos conformar con calqueira cousa, intentar sempre mellorar;
      • coñecernos: autoexplorarnos, descubrir o que nos fai únicos e o que temos que mellorar. 
Un discurso que, como o libro de Blanca, nace da vida e revirte na vida. 





Ademais de deixarnos un agasallo precioso, Violeta tamén nos deixou unha grande ensinanza. Esperemos darlle bo uso!

domingo, 5 de mayo de 2013

OS LECTORES DE FRIAN, XUNTOS OUTRA VEZ



Para comentar Os megatoxos e o aprendiz de druída. 

Os rapaces e rapazas do clube de lectura Os lectores de Frian reuníronse de novo para comentar este libro de Anxo Fariña. Un texto que lles encheu de entusiasmo e que, como eles manifestaron, lles encantou. E debe ser certo, porque as seguintes aventuras de estes superheroes xa hai tempo que están emprestados na biblioteca...