GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 20 de septiembre de 2015

VIVIMOS NUN MUNDO MATEMÁTICO



Unha actividade familiar para ver con ollos matemáticos a realidade que nos circunda. 

Comeza outra andaina, e, como a cabeza non para, propómosvos unha nova actividade familiar. 

Sabedes que vivimos nun mundo matemático...? Tendes reparado que, vaiamos por onde vaiamos, estamos rodeados de números, liñas, curvas, espirais, figuras xeométricas...? 

Con esta actividade pretendemos que miredes o mundo con outros ollos, e que nos fagades partícipes dos vosos descubrimentos. 

En que vai consistir a actividade...?
  1. Nas reunións de inicio de curso entregarásevos unha circular na que podedes solicitar a participación da vosa familia. Devolvédea debidamente cuberta ó titor/a do voso fillo/a. 
  2. Cando a actividade estea organizada, recibiredes durante unha fin de semana a visita da nosa mascota, Frianciño. 
  3. Deberedes enviarnos a través do correo electrónico dúas imaxes: 
      • un primeiro plano dun elemento matemático que teñades atopado; 
      • unha imaxe panorámica na que se vexa o contexto que rodea o elemento anteriormente fotografado, e na que figuren Frianciño e o voso fillo/a. 
      4. Ambas as dúas imaxes irán acompañadas dun texto explicativo, indicando :

      • en que consiste o elemento matemático fotografado;
      • a data, o nome dos protagonistas e o lugar onde se atopan. 
      5. As imaxes e os comentarios serán enviados á dirección: 

biblioteca@ceipfrianteis.com

      6. As vosas aportacións publicaranse semanalmente no blog da Biblioteca. 

A modo de exemplo, deixámosvos estas dúas imaxes, cos seus comentarios: 


Unha circunferencia dividida por unha liña en dúas semicircunferencias.


Esta imaxe podería ter sido tomada en calquera cancha de baloncesto. Pero Frianciño non tivo que marchar moi lonxe da súa casa, a Biblioteca do cole. Cun par de batir de ás, e acompañado de Roi, atopou este elemento matemático no patio superior do colexio, o venres pasado, día 18 de setembro. Despois da cicloxénese, o sol comezaba a lucir, e anunciaba unha fantástica fin de semana. 

Non é tan difícil, non si...? Pois... agardamos a vosa colaboración entusiasta, familias...!



No hay comentarios: