GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 28 de noviembre de 2013

AS ILLAS CÍES, NA NOVA DA SEMANA




Os alumnos e alumnas de 4º A resaltaron a solicitude de Patrimonio da Humanidade para as Illas Cíes.

Esta foi a nova coa que nos sorprendeu a semana pasada o alcalde da nosa cidade, Abel Caballero. E, para iso, obtivo o apoio de toda a clase política, empresarial e cidadá. Como contan os nenos no seu programa, será un proceso longo, pero... non estaremos sós!


CÓNTAME ALGO ALEGRE...



... Antes de ir durmir.

Este é o título do conto da semana pasada. A historia dun cativo que ten medo á escuridade e sempre quere unha historia bonita para ir durmir. Ou acaso non durmimos todos mellor cando marchamos á cama con pensamentos fermosos...?

Contóunola Ana, a nai de Alejandro (4º A). Como vedes, estivo moi acompañada por algunhas axudantas.

Despois deste conto, obradoiro para lle dar forma ós nosos soños e adornalos con cores alegres e brillantes.

Agradecemos á profe Mónica V. o seu relato do evento, que podedes saborear nas seguintes fotos:



Grazas, Ana!

martes, 26 de noviembre de 2013

16 DÍAS PARA TRANSFORMAR O LILA EN LARANXA



Do 25 de novembro ó 10 de decembro.

Como xa vos informamos nun post anterior, este curso sumámonos á Campaña do Secretario Xeral das Nacións Unidas para pór fin á violencia contra ás mulleres (ÚNETE).

Para poder cambiar as cousas é preciso coñecelas. Grazas á tarefa investigadora da profe Luz presentámosvos este documento titulado Unha promesa é unha promesa. Se premedes na foto, accederedes ós números relacionados co maltrato. Pero tamén poderedes coñecer as 16 accións que Ban Ki-moon propón para erradicalo.



Cambiemos do lila ó laranxa!



DE MAGOSTOS...



... e mares.

O Venres de Viva Voz dos alumnos e alumnas de 6º B consistiu nunha mistura de refráns, adiviñas e recitados relativos ó Magosto e ó Mar.

Aquí os tendes, recitando no Salón de Actos.

Parabéns!





jueves, 21 de noviembre de 2013

DO LILA Ó LARANXA




O lila é a cor do lazo co que celebramos o 25 de novembro.

Nesta data se conmemora o brutal asasinato das irmás Mirabal. Nesta presentación podes coñecer máis polo miúdo as circunstancias que deron lugar a esta conmemoración.





Para este ano, a ONU fainos unha bonita proposta: pintar o mundo de laranxa en 16 días. É dicir, manter unha actitude activa contra o maltrato. Eses días abranguen dende o 25 de novembro (data do asasinato das irmás Mirabal) ata o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos.

No cole ímonos sumar a esta iniciativa, adornándonos durante estes dezaseis días cunha prenda ou unha cinta laranxa.

Convidámosvos a coñecer e a reflexionar sobre esta tremenda lacra cos datos e o vídeo que nos proporciona a ONU: 





Sabes que, nalgúns países, a muller é un ser desprovisto de dereitos...? En Paquistán, as mulleres están obrigadas a levar burka, unha prenda de roupa que tapa completamente o seu corpo e a súa cara. Neste país, ser muller e mestra é moi perigoso: Shahnaz Nazli foi asasinada este ano por dar clase a nenas. 



Por contar nun blog (baixo pseudónomo) os problemas que teñen as nenas paquistaníes para recibir unha educación, a nena Malala Yousafzai foi tiroteada. Afortunadamente, tras quedar nun estado moi grave, conseguíu recuperarse das feridas recibidas. 

Esta mesma semana, Malala recibiu o Premio Sajarov á liberdade de conciencia que outorga o Parlamento Europea por defender o Dereito á Educación das nenas paquistaníes. 

Podedes seguir a crónica deste acontecemento neste enlace: 


Nós quedámonos con dúas das súas frases: 
  • Algúns nenos non queren consolas, queren un libro e un bolígrafo para ir ó colexio.
  • Non quero ser coñecida como chica á que dispararon os talibáns, senon chica que loita pola educación, quero adicar a miña vida a esta causa.

Únete ó laranxa e, con Malala Yousafzai, loita contra o maltrato e a favor da Educación das Mulleres. 

O XUÍZO DO PRESTIGE




A Nova da segunda semana de novembro.

A pasada semana, os encargados da Nova da Semana foron os alumnos e alumnas de 2º A. E non houbo dúbida á hora de decidirse: o máis salientable foi o Xuízo polo afundimento do Prestige.

Aquí os tendes:


Parabéns, chicos!

miércoles, 20 de noviembre de 2013

APRENDENDO COS REFRÁNS





Os nenos e nenas de 1º A teñen aprendido sobre un refrán moi mariñeiro. 

Gaivotas en terra, mariñeiros á merda; gaivotas ó mar, mariñeiros a pescar. Despois de investigar e reflexionar sobre el teñen elaborado este fantástico mural.

Aquí os vedes, xunto ó barco do noso proxecto, pousando despois do traballo realizado.




Parabéns, chicos!

martes, 19 de noviembre de 2013

20 de NOVEMBRO




Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

Co gallo deste día, Ana, a nai de Roque, tennos achegado este cómic titulado Aventuras en el parque.



Para os profes, aquí tendes a Guía Didáctica para traballalo. 


Grazas, Ana!



A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER...



... quen lle fixera aquilo na cabeza.

Este foi o conto que, o mércores pasado, nos contou Rebeca, a nai de Luami. Ambas as dúas son novas no cole, e, como vedes, están moi decididas a participar.

Tras o conto, obradoiro de barro: todos os cativos fixeron preciosas toupiñas.

As fotos transmiten magnificamente o ben que o pasaron.



Quen máis se anima...?

domingo, 17 de noviembre de 2013

SEMANA DOS PRODUTOS PESQUEIROS



Hoy, pescado. 

Aínda que un pouco tarde, recibimos a nova de que esta semana que hoxe remata se celebrou a Semana dos Produtos Pesqueiros. Mais... non importa...! Podemos celebrala todas as semanas. 

Esta semana está organizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Nela convídasenos a comer peixe e a coñecer máis cousas sobre el. 

Nunha web especialmente pensada polo Ministerio para nenos (Club Pezqueñines) podedes atopar un feixe de información e de xogos. Animádesvos...?

Premede na foto e atoparedes a web. Disfrutade dela!





A VACA DA ACUICULTURA



Unha vaca nun acuario...?

Aínda que vos soe extraño, esta foi a proposta dos Museos Científicos de A Coruña para o seu concurso escolar, no que está a participar o alumnado de (Educación Plástica), 5º e 1º curso de Educación Primaria (Seccións Bilingües). Como vedes, vennos como anel ó dedo para o noso PDI deste curso: A lingua sabe a mar. 

Neste enlace podedes atopar máis información e máis obras de arte dos nosos alumnos.

Parabéns, chicos! (e mestras)

sábado, 16 de noviembre de 2013

O SAN MARTIÑO NA NOVA DA SEMANA



Cos alumnos de 2º B.

Os nenos e nenas de 2º B elaboraron o seu programa de radio falando sobre unha festa que, aínda que se centrou no noso patio, esta semana se celebrou en toda Galicia: o Magosto.


Parabéns!

viernes, 15 de noviembre de 2013

BÁGOAS NEGRAS



Tinguidas de chapapote e indignación. 

Pasaron xa 11 anos dende aquel funesto novembro que sumíu a Galicia na tristura máis fonda: o Prestige, un petroleiro cargado de fuel afundía diante das nosas costas, despois de se pasear durante días sen que ningunha autoridade competente soubera aportar unha solución axeitada. A mancha de fuel expandíuse ata límites insospeitados, e os seus efectos todavía perduran hoxe.

Once anos despois, celébrase o xuízo polo afundimento. E... quedamos como estabamos...! Non hai culpables...!

Como axudar ós nosos alumnos e alumnas a adquirir responsabilidade se, no mundo real, ninguén se fai responsable das súas accións...?

Afortunadamente, os nosos cativos non tiveron que vivir a desesperación do afundimento. Tampouco viviron a marea branca de solidariedade, o único positivo que trouxo consigo este desastre.

Para que a historia non se repita compre coñecela. Parece, pois, moi axeitado recuperar esta ampla información recollida no diario El Mundo sobre o afundimento do Prestige.




Once anos despois, seguimos a chorar bágoas negras. Nunca máis!





jueves, 14 de noviembre de 2013

POLO SAN MARTIÑO, CASTAÑAS E XOGUIÑOS



O martes tivemos a nosa tradicional xornada de convivencia.

Pola mañán, a partir do recreo, xogos cooperativos preparados polo profesorado de Educación Física. Pola tarde, castañas e máis xogos compartidos coas familias.

Unha xornada de diversión e convivencia.

Botade unha ollada e mirade que ben o pasamos...!


QUE FAS O SÁBADO...?



Este sábado, a nosa A.N.P.A. organiza unha magnífica saída ós Muíños do Folón (O Rosal).

Pero, ó mellor, non podes acudir. Se así fora... por que non encher a tarde cun contacontos moi mariño...?

No Instituto de Investigacións Mariñas podemos, na compaña do polbo Octavio, coñecer moitas cousas sobre o mundo mariño.

Quen se apunta...?


martes, 12 de noviembre de 2013

NADARÍN NO VENRES DE VIVA VOZ



Os alumnos e alumnas de 6º B prepararon unha curiosa narración de Nadarín.

Aquí os tendes, recitando e e interpretando este precioso conto de Leo Leoni.



Parabéns, chicos!

lunes, 11 de noviembre de 2013

SORPRESA DE FRIANCIÑO DURANTE A HORA DE LER



O luns, ó chegar do recreo, os alumnos e alumnas de 1º A, 3º A e 5º A recibiron unha sorpresa. 

Unha carta de Frianciño e unha mochila ateigada de libros. Un montón de novidades para ler e aprender que estará con eles durante toda a semana.

Como podedes ver, a sorpresa provocou grande expectación e entusiasmo.


Grazas, Frianciño!

O PRIMEIRO CONTO... EN INGLÉS!



Con Luis, o pai de Adela e Claudia.

Despois da magnífica sesión de maquillaxe comezou o mércores pasado a actividade de contacontos, coma outros anos, coordinada polos papás e mamás da A.N.P.A., con Marisol á fronte.

Nesta ocasión, o encargado foi Luis, o pai de Adela e Claudia, que nos contou un conto en Ingles: The fussy little mouse (ou o que é o mesmo, a Ratiña presumida).

Din os nosos reporteiros que foi un contou moi divertido, e que todos os participantes quedaron encantados.

Tralo conto, os asistentes elaboraron a súa propia ratiña, con lazo e todo.

Grazas á familia De Lis, a Jose e a Marisol. Esperámosvos este mércores....!


UNHA BRUXA CHAMADA MARÍA SOLIÑA


O proceso contra María Soliña.

En 5º curso de Primaria estamos a traballar sobre a Tradición Oral, e, en concreto, sobre as bruxas.

Unha das figuras inxustamente acusadas de bruxería pola Inquisición foi María Soliña, unha muller de Cangas que, grazas á poesía e á música, convertiuse nunha figura mítica. O programa Historias de Galicia danos a coñecer máis polo miúdo este proceso.




lunes, 4 de noviembre de 2013

COMEZARON AS TARDES DE CONTO



Cunha terrorífica sesión de maquillaxe. 

O pasado mércores 30 de outubro comezaron as Tardes de Conto. As mamás da A.N.P.A., cada curso, se superan. Como podedes ver, os rapaces quedaron transformados en seres "terroríficos".




Que bo comezo!


ATRÉVETE A CONTALO!




Afila o teu lápis e a túa imaxinación. 

Os alumnos de 5º curso de Primaria teñen traballado algunhas lendas e historias relacionadas con aquelarres e bruxerías.

O tema da bruxería foi un dos favoritos do gran pintor Francisco de Goya




Sitúate na acción: unha bruxa téñeche dado a beber unha apócema. Maréaste e, sen saber como, apareces no medio dun dos cadros que te propomos. Describe como chegas ata alí, o que ves e a sensación de medo que che provoca.

Documéntate coas fichas da Red Digital de Colecciones de Museos de España







Escribe a túa historia: párate a lela varias veces. Sé crítico con ela e mellóraa. 

Atrévete a compartila: cando a teñas revisada, compártea con todos nós. A túa historia ten premio!


domingo, 3 de noviembre de 2013

A DORNA VAI E VEN




Da man de Álvaro Cunqueiro chegamos ó Mar de Arousa.

Este fermoso cantar de amigo escrito por Álvaro Cunqueiro sírvenos para nos introducir na vida do mar, tan tradicional na costa galega.


Deixámosvos aquí coa interpretación que, deste poema, fixo Amancio Prada.




sábado, 2 de noviembre de 2013

CONVÍRTETE NUN SUPER REPORTEIRO


Aprendendo a facer unha boa reportaxe.

Polo mes de novembro, os rapaces de traballarán algunhas lendas tradicionais. Coa información suministrada deberán elaborar unha reportaxe periodística.

Para facelo con garantías de éxito, temos elaborado esta presentación.



Estamos desexando ver os resultados.

GOLFIÑOS QUE MOITO SALTAN...


...vento traen e calma espantan.

En novembro, mes da Tradición Oral, os nenos e nenas de 1º B traballarán sobre este refrán: Golfiños que moito saltan, vento traen e calma espantan. 

Así coñecerán máis polo miúdo estes cetáceos e aprenderán a se manexar co hipertexto.

CON CARNADA DE SARDIÑA COMERÁS...



... Comerás robaliza.

En novembro, mes da Tradición Oral, seguimos cos refráns sobre o mar.

A proposta de traballo para o alumnado de 2º B é:  Con carnada de sardiña comerás, comerás robaliza. Para aprender e manexarse polo hipertexto

GAIVOTAS EN TERRA...



... gaivotas no mar...

En novembro, mes da Tradición Oral, seguimos traballar sobre os refráns relacionados co mar.

A proposta de traballo para o alumnado de 1º A é: Gaivotas en terra, mariñeiros á merda; gaivotas no mar, mariñeiros a pescar. Ademais de aprender moitas cousas, os rapaces deberán se manexar co hipertexto.