GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 22 de abril de 2012

23 de abril: DÍA DO LIBRO



Hoxe celebramos o Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor

E para conmemoralo, este ano, as Bibliotecas Escolares de Galicia teñen recibido un agasallo de Agustín Fernández Paz: un texto titulado Os ríos da vida, escrito para conmemorar esta data tan sinalada.

Compartimos convosco o texto de Agustín:

OS RÍOS DA VIDA

Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.

Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos de xente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles...

Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes... Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir. 

Agustín Fernández Paz

Feliz Día do Libro!

No hay comentarios: