GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 30 de abril de 2012

UNHA NOVA TAREFA PARA TRABALLAR EN INFANTIL


Volta de novo Frianciño ás aulas de Educación Infantil para darlles unha nova tarefa de investigación . 

Tedes que estar moi atentos á explicación e averiguar a resposta á súa pregunta .



domingo, 29 de abril de 2012

IMOS DE INTERCENTROS

Como outros anos estivemos a participar no teatro intercentros que  consiste en compartir con outros colexios  a actividade de teatro escolar.
Este ano compartimos actividade co CEIP de Belesar  e alí estivemos representando a nosa obra Títeres no bosque, merendando e coñecéndonos. Esta semana viñeron eles ao noso colexio e divertíronnos coa súa obra de teatro O super erros coa que  pasamos un bo rato.
 Podedes ler o programa das próximas obras na páxina web do noso centro:
 http://www.edu.xunta.es/centros/ceipfrian/category/13/221

sábado, 28 de abril de 2012

TAREFA FINAL SOBRE MARROCOS



Sí, xa estou de volta  para facervos dúas propostas novas de investigación e traballo sobre Marrocos e as súas tradicións populares. Creo que os alumnos e alumnas de 4º de Primaria   realizaredes  un bo traballo.

Ánimo e mans á obra !!!
 




UNHA NOVA TAREFA SOBRE XAPÓN



Como podedes ver, xa estou de novo aquí para facervos dúas propostas novas  de investigación e traballo sobre Xapón e as súas tradicións.  Eu penso que os alumnos e alumnas de 3º de Primaria seredes quen de facer un bo traballo.





FACEMOS UNHA REPRESENTACIÓN ???

 


Xa estou de volta, e fágovos unha proposta de tarefa final para lembrar este conto que tanto gustou a todos os alumnos e alumnas de 1º ciclo.

Seredes quen de realizar esta tarefa...? Seguro que si.

Boa sorte a todos e todas e a traballar!!!





UNHA NOVA REPORTAXE DE PRIMAVERA


En estes días, os alumnos e alumnas de 6ºA realizaron unha reportaxe sobre unha das celebracións máis importantes: a chegada da primavera na India.

Nesta reportaxe, os autores cóntannos onde, como, cando... se celebra esta festa e os motivos que existen para facer estes  festexos.






viernes, 27 de abril de 2012

MÁIS ENSALADAS DE CONTOS EN 5º


Como estades a comprobar ao longo desta semana, os nosos alumnos e alumnas están a traballar na creación de novos contos a partir da lectura e do traballo coas historias de H C Andersen. 

Aquí vos amosamos as ensaladas realizadas polo nenos e nenas de 5ºB.



E tamén vos mostramos algunhas fotos das ensaladas de contos realizadas polos nenos e nenas de 5ºA.




ENSALADAS DE CONTOS EN 6º



Os alumnos e alumnas de estiveron a traballar os contos de H C Andersen e crearon as súas ensaladas de contos.

Unha vez repartidos por grupos, púxeronse  a traballar na mestura dos seus tres contos adxudicados. E, utilizando a súa imaxinación e o traballo en grupo, crearon o seu conto.

Aquí vos amosamos unha  escolma de todos eles nestes dous glogsters. O primeiro realizado por 6ºA.




E este segundo creado por 6ºB.


jueves, 26 de abril de 2012

UNHA NOVA TARDE DE CONTOS E MANUALIDADES


Onte, día 25 de abril, tivemos nas nosas tardes de conto a  Lucas, alumno de 4ºA, que fixo unha lectura moi amena dun dos seus contos favoritos: O paxaro frautista.

Despois fixemos varios tipos de actividades, dende unha sopa de letras ata uns ourizos de pasta de sal. Aquí tedes unha mostra de todo.





martes, 24 de abril de 2012

ENSALADA DE CONTOS DE ANDERSEN EN 1º


Os nenos e as nenas de 1º, durante esta semana, fomos visitar a árbore papa e atrapa-contos. Collimos o papiro vermello que tiña no seu interior (a cor vermella é a da nosa CDU) e contamos entre todos nós os contos que alí estaban: A SEREÍÑA, O TRAXE NOVO DO EMPERADOR e O ABETO.

De seguido, entre todos e todas mesturámolos, para así conseguir a ensalada de contos. Desta maneira en 1ºB  fabricamos unha historia nova titulada: O CONTO INTERMINABLE.


Esperamos que sexa de voso agrado.




Aquí podedes ver as fotos dunha lectura e preparación conxunta do noso traballo.

 
Tamén vos amosamos o traballo realizado polos alumnos e alumnas de 1ºA




Grazas  a todos e todas por este fermosos traballos!!!

TRABALLANDO ANDERSEN EN 5º


Despois de traballar na webquest que nos propuxeron dende a biblioteca,  dúas alumnas de 5º B, Sara e Alba,  realizaron este traballo sobre a vida de Andersen como unha táboa presentación.

>

Se queredes investigar un pouco máis na vida e na obra deste autor e realizar algunha actividade, non tedes máis que porvos máns a obra con este LIM elaborado pola nosa coodinadora Tics, Ana Piñeiro.



Grazas por todo o traballado !!!

O NOSO DERRADEIRO VENRES DE VIVA VOZ


Venres a venres, a nosa proposta para traballar a oralidade estendeuse a todas as aulas, e esta é a última proposta deste curso. Os nenos e nenas de Infantil 4 anos A, ademais de recitar, tamén representan un poema.

Aquí vos deixamos co seu recitado.  E que dicir... que estes alumnos e alumnas prometen...!



lunes, 23 de abril de 2012

APADRIÑAMENTOS LECTORES NO DÍA DO LIBRO

Despois dunha semana buscando unha historia que contar para agradar aos nosos afillados e afilladas e, tras moitos nervios, chegou o momento tan esperado por todos: os apadriñamentos lectores

Aínda que o tempo non acompañou, decidimos realizar a actividade  no interior do colexio descubrindo que moitos lugares que adoitan estar baleiros se encheron de ledicia, expectación, agarimo... e moitas verbas para agasallar cada padriño e madriña ao seu afillado ou afillada.





domingo, 22 de abril de 2012

23 de abril: DÍA DO LIBRO



Hoxe celebramos o Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor

E para conmemoralo, este ano, as Bibliotecas Escolares de Galicia teñen recibido un agasallo de Agustín Fernández Paz: un texto titulado Os ríos da vida, escrito para conmemorar esta data tan sinalada.

Compartimos convosco o texto de Agustín:

OS RÍOS DA VIDA

Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.

Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos de xente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles...

Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes... Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir. 

Agustín Fernández Paz

Feliz Día do Libro!

ENCONTROS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2012

.
O 19 e 20 de abril tiveron lugar no Pazo de Congresos de Santiago os Encontros do Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 2011/2012. En total eramos 304 centros falando da marcha das nosas bibliotecas. 

O noso centro estivo representado por Montse, a coordinadora da Biblioteca, asistindo aos relatorios impartidos: Aprender a aprender, de Elena Martín e La lectura sin libros, de José Antonio Millán (interesantes, amenas...), así como ás experiencias presentadas por compañeiros/as de IES, CEIP e EEI de distintos centros de Galicia.  Agora, toca a reflexión: imos traballando  polo camiño de Aprender a Aprender (AaA), polo camiño do traballo en equipo, polo camiño de aprender para poder ensinar, polo camiño de traballar habilidades sociais contextualizadas. En resume, por un bo camiño, e debemos continuar así para alcanzar as nosas metas.

Parabéns á organización.

jueves, 19 de abril de 2012

A PRIMAVERA NA INDIA


No mes de marzo, na India celebran unha festa moi colorida. Chámase Holi. Os nenos e nenas de 6ºB investigamos moito, e axudándonos de presentacións, documentos, glogsters, vídeos, programas de animación e incluso en cartón... aprendimos o que fan na India en primavera.

Aquí tedes algúns dos traballos realizados.



















Grazas a todos e todas por estes traballos tan estupendos!!!

OVOS, CASULOS E VERMES NESTE MÉRCORES DE CONTO

Unha tarde máis de Mércores de conto, tivemos a sorte de contar coa nai da nosa compañeira Aldara, de 2ºA, que nos contou a historia da Pequena eiruga larpeira.

Pero ademáis de escoitar moi atentamente esta historia, tamén tivemos nas nosas máns os ovos, os vermes e os casulos reais e analizamos, moi atentamente, como se movían e comían na moreira.

Despois, para rematar unha tarde tan distinta, fixemos as nosas "eirugas larpeiras" con masa de sal.




Ademais, se queredes seguir traballando sobre este conto, aquí tedes dous traballos en formato LIM 
elborados polo CEIP Ría de Vigo e CEIP de Viñas en Poio:









Grazas a todos e todas pola vosa colaboración !!!

miércoles, 18 de abril de 2012

BOLETÍN TRABALLO ABRIL E MAIO NO CENTRO


Aproveitando esta ilustración de Rebecca Cobbs dunha primavera cargada de libros e o seu texto (aínda que en inglés, expresando unha gran verdade "Utiliza a biblioteca..., botarala de menos cando marches...") queremos, dende o Equipo da Biblioteca e en colaboración con toda a Comunidade Educativa, presentarvos o noso Boletín de Actividades destes meses.

Todos os Equipos do Centro ( Educación Física, Normalización Lingüística, Orientación, Tics...) colaboran en todas as actividades propostas, incluida a ANPA coas súas andainas levadas a cabo ao longo deste ano.




Grazas a toda a Comunidade Educativa !!!

UN POEMA DA LÚA NO VENRES DE VIVA VOZ



Para o seu Venres de Viva Voz, os nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos B prepararon un poema de Antonio García Teijeiro.

Cóntannos a relación que existe no ceo entre as estrelas e a lúa.




martes, 17 de abril de 2012

CARTA DOS BOLECHAS

A través da miña conta de correo electrónico, teño recibido esta invitación dos Bolechas que fago extensiva para todos vós: 


Ola, Frianciño!


Sabemos que estás interesado en todo o que acontece na literatura galega, así que enviamos alguna información sobre a nosa presencia nas redes sociais e o noso último concurso. Estaremos moi agradecidos se nos axudas a difundila a través do teu blog.



Pois... meu dito, meu feito! Aquí tendes o enlace ó blog dos Bolechas. Como podedes ver, están á última, polo que podedes pórvos en contacto con eles a través de Facebook, Twitter ou Tuenti



A disfrutar!

UNHA NOVA CONTADORA DE CONTOS


Este mércores 11 de abril, unha das vosas compañeiras, Ainara, deleitounos de novo cunha tarde de conto, rompendo así cos seus medos de falar en público.

Despois de escoitala moi atentamente fixemos dúas actividades moi interesantes: un mandala e unha sopa de letras.



Aquí vos deixamos as palabras que estaban nesta sopa e que tedes que rematar de buscar:

NOITE
DIA
LUA
SOL
LEOPARDO
MORCEGO
SERPE
CURUXA
MAPACHE
OLA (OLLA DE BARRO)
BAIO (DEUS QUE TIÑA OS ANIMAIS DA NOITE METIDOS NA OLA DE BARRO)
ABELLA

lunes, 16 de abril de 2012

INVESTIGANDO SOBRE A POBOACIÓN EN GUATEMALA



Os alumnos de 5ºA estivemos a investigar como é a poboación de Guatemala e a que tipo de actividades se adican.

Nesta presentación amosámosvos o noso traballo.






domingo, 15 de abril de 2012

ABRIL, CONTOS MIL...?





Hai un refrán que di “Abril augas mil”; por que non inventar outro…”Abril, CONTOS mil”?
É un bo mes para reflexionar sobre a lectura ao lembrar a Hans Christian Andersen, Miguel de Cervantes, Shakespeare… e a tantos outros que nos abriron as portas a mundos descoñecidos.

Para coñecer un pouco máis a vida e obra de HC Andersen, faremos un monográfico sobre os seus contos, algúns dos cales xa tedes moi coñecidos.



Apareceu na entrada á biblioteca do noso centro, onde tiñamos a Loreto cos seus petos, unha árbore, chamada a árbore papa e atrapa-contos que está a engullar os contos de tres en tres a modo de ensalada.


Os alumnos de alumnas de Infantil e 1º Ciclo, so tedes que coller o papiro da vosa cor na CDU e elaborarlle unha ensalada cos personaxes e escenarios dos tres títulos que tedes escritos.



Os rapaces e rapaces de Infantil tedes esta mensaxe de Frianciño.




Os nenos e nenas de 1º Ciclo estade ben atentos a esta presentación sobre HC Andersen e a traballar!!!






Para os alumnos e alumnas de 2º Ciclo facémosvos unha proposta de traballo a través desta miniquest.
Enlace
E xa por último para o 3º ciclo tamén vos propoñemos unha webquest para elaborar as vosa ensaladas.


LEMBRANDO A NOSA ARQUITECTURA PERDIDA

Un documento precioso cheo de nostalxia e reivindicación.

A miña amiga Ana ven de me achegar este fantástico vídeo no que se suceden imaxes actuais da nosa cidade con montaxes fotográficos dos edificios que existían hai unhas décadas en lugares emblemáticos.

A primeira lectura que fago é: para elaborar este vídeo tan traballoso (e tan longo) sen recibir remuneración algunha, hai que ter moito amor. Amor á túa cidade e amor á arquitectura.

Afortunadamente, na nosa cidade aínda quedan algúns exemplos de magníficas construcións de estilo modernista e racionalista. Pero... cantos se teñen perdido...? E... cantos están en perigo de desaparecer por mór da especulación máis salvaxe...?

Como nos indican os autores nos títulos de crédito, hai que coñecer o que se perdeu, para non volver cometer os mesmos erros.

Disfrutade. Descubride distintas localizacións. E, sobre todo, valorade e loitade polo que aínda temos. 




sábado, 14 de abril de 2012

A FESTA DA PRIMAVERA EN NIXERIA



Os nenos e nenas de estivemos a investigar sobre unha conmemoración moi interesante e tamén moi distinta, que se celebra en Nixeria coa chegada da Primavera.

En 2ºA elaboramos unha reportaxe sobre esta festa dos peixes, como nos solicitaba Frianciño.








E por suposto en 2ºB tamén investigamos e aquí tedes a nosa reportaxe:

A PRIMAVERA EN AMERICA CENTRAL


Os alumnos e alumnas de 5ºB estivemos a investigar sobre a proposta de Frianciño de averiguar como se celebra a chegada da Primavera en algúns lugares do mundo.

Amosámosvos a nosa reportaxe e o noso traballo sobre a chegada da primavera en América Central.







O NOSO PROXECTO NAS PORTAS DAS AULAS


Como todos e todas sabedes, o noso PDI deste ano está centrado no noso Planeta Bosque.  Todo o colexio comezou a traballar na entrada da súa aula para identificar o seu traballo.  E xa van aparecendo os resultados:



A CHEGADA DA PRIMAVERA EN MARROCOS


Os alumnos e alumnas de estivemos a investigar a proposta de Frianciño sobre a primavera en Marrocos e descubrimos que no Val de Kelaat M'Gouna celebran unha festa singular: A festa das rosas.

Nestas reportaxes explicámosvos como o celebran dun xeito festivo, con bailes, concertos...




jueves, 12 de abril de 2012

CELEBRANDO A PRIMAVERA EN NIXERIA


Os alumnos e alumnas de primeiro estivemos a investigar sobre unha conmemoración moi importante e tamén moi distinta, que se celebra en Nixeria coa chegada da Primavera.

Os nenos e nenas de 1ºB, fixemos esta repotaxe sobre a Festa do Peixe no que todos e todas participamos, ou ben escribindo ou ben debuxando. Aquí tedes a nosa presentación:




E esta é a reportaxe que realizaron os alumnos e alumnas de 1ºA



domingo, 8 de abril de 2012

UN VENRES DE VIVA VOZ E POESÍA


Seguindo cos ecos do Día da Poesía, neste Venres de Viva Voz os de 5º B estivemos a traballar a poesía.

Dúas foron as escollidas: Cando ti volvas polo mare de Valentín Paz Andrade (a quen este ano adicamos o Día das Letras Galegas) e o poema de Rosalía de Castro (de quen celebramos o 175 aniversario do nacemento) Adiós ríos, adiós fontes.


sábado, 7 de abril de 2012

I ENCONTRO LEMOS XUNTOS

Desenvolverase en Sanxenxo os vindeiros 12 e 13 de abril. 

Por varios motivos, este Encontro se perfila como un asunto de grande interese:

  • por tratarse do primeiro que, na nosa Comunidade Autónoma, aborda o tema da lectura en familia
  • por integrar o traballo e as vontades de numerosos colectivos: centros de Primaria, Secundaria, Asociacións de A.N.P.A.S., librerías, institucións...
  • por presentar un programa sumamente atractivo, tanto no que se refire ás actividades propostas como ós ponentes que van participar. 
Mágoa non poder asistir. Pero... se alguén de vós está interesado, aquí tendes o programa

E aquí poderedes acceder ó blog do Encontro, con toda a información precisa para participar. 

Animádevos a facelo!

TESTEANDO


Un interesante xogo do trivial en liña para comprobar os teus coñecementos. 

Coñecimos este xogo a través da Rede Social Profesional do CFR de Vigo, onde foi citado por Camilo González. 

O xogo presenta diversas preguntas sobre distintas temáticas, ordeadas por niveis educativos. 

Para probalo, premede neste enlace

viernes, 6 de abril de 2012

HOMENAXE Ó PROFESORADO


Porque a docencia, en moitas ocasións, non é, nin moito menos, un camiño de rosas...

... achegámosvos este vídeo que coñecimos grazas a Ángel Acción, coordinador do Equipo de Biblioteca Escolar do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo. Trátase dunha selección de fragmentos de películas de temática educativa, con todos os seus problemas, as súas angurias, e, tamén... as súas satisfaccións!




Grazas a todo o profesorado que, día a día, deixa o mellor de si mesmo nas aulas. 

jueves, 5 de abril de 2012

I ENCONTRO EUROPEO DE ORQUESTRAS FOLK


Estase a celebrar en Vigo, do 5 ó 8 de abril.

O encontro está organizado pola Rede Europea de Orquestras Folk, da que forman parte a Fundación Sondeseu, a Asociación Artemotiva de Turín, a Royal Conservatoire de Escocia e a Sibelius Academy de Helsinky.

Organizado, nesta ocasión, polos anfitrións (Sondeseu), inclúe música de rúa, obradoiros, clases maxistrais e concertos.

Aquí tendes algúns dos actos programados:

      • Xoves 5 de abril: 
          • 13:00: concerto na Porta do Sol (alumnos da E-Trad de Vigo)
          • 20:00: concerto no Auditorio do Concello (Agrumar e a Sibelius Academy Big Band)
      • Venres 6 de abril:
          • 13:00: concerto na Porta do Sol: Tradalp (Italia)
          • 20:00: concerto no Auditorio do Concello de Folkestra e Tradalp (Italia)
      • Sábado 7 de abril: 
          • 13:00: concerto da Sibelius Folk Big Band na Porta do Sol. 
          • 20:00: concerto no Auditorio Mar de Vigo de Tradalp (Italia), Sibelius (Finlandia) e Sondeseu (Galicia).

Unha ocasión de vivir estas datas dun xeito diferente e de disfrutar coa música tradicional. 

martes, 3 de abril de 2012

PAT O CARTEIRO


Grazas ó Pequeño Libro de Notas (PLdN) desta semana temos coñecido esta estupenda serie de animación.

O personaxe principal é Pat, que sempre vai acompañado do seu gato Jessi. Pat é carteiro, esa profesión tan entrañable e tan vencellada á escritura como as bibliotecas.

Neste vídeo introdutorio, unha animada canción é a que nos introduce a cada personaxe.



Gústavos...? Pois premede na pestaña titulada Videoteca e accederedes a outros episodios da serie Pat, el Cartero. 

domingo, 1 de abril de 2012

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO


O 2 de abril celebramos o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, data declarada así pola ONU no ano 2008. 

Como cada ano, o Secretario Xeral de Nacións Unidas publica unha mensaxe para dar a coñecer esta discapacidade. Con esta mesma finalidade, téñense editado varios selos conmemorativos que reproducen cadros pintados por persoas que padecen o trastorno de espectro autista. Para coñecer as súas historias, podedes premer neste enlace, ó que temos accedido grazas a Rosa Núñez, do CEIP Salgado Torres. 

Tamén, na nosa cidade, a Fundación Menela realiza día tras día un traballo incansable en favor destas persoas e das súas familias. E con motivo deste Día Mundial, ten levado a cabo dúas accións: 
  • o seu Director Xeral, Cipriano Jiménez Casas, ven de publicar no Faro de Vigo unha carta ó director chea de humanidade; 
  • organizar a presentación do primeiro libro en galego adicado a nenos e nenas autistas. 
O libro en cuestión, do que é autora Mariné Lorenzo, titúlase Un soño na bandexa, e está publicado por Galaxia. A presentación terá lugar mañán luns día 2 de abril ás 18:00 horas no salón de actos do MARCO, e consistirá nunha sesión de contacontos na que estarán presentes a autora e mais o ilustrador (Jorge Vázquez Jiménez).