O punto de encontro foi o colexio. Dende aí, en coches particulares, trasladámonos a Vilaboa, dende onde iniciamos unha andaina pola Ruta da Croa e as Salinas de Ulló.
Este magnífico paseo levounos a descubrir fantásticos lugares no máis profundo da nosa Ría.
Se cabe, o comezo resultou estupendo: a marea baixa sacou a flote para nós fantásticos esqueletes de barcas incrustadas no lodo. Bordeando sempre a Ría pola beira de Vilaboa chegamos á Granxa das Salinas, unhas ruinas fermosísimas que nos lembran un esplendor pasado e que, na actualidade, constitúen un lugar cheo de maxia e misterio.
Chegando ó fondo da Ría, coñecimos as Salinas de Ulló, unha paisaxe cunha vexetación e unha fauna espectaculares. E logo, subindo cara a Arcade, disfrutamos de fantásticas vistas da Ría: as dúas pequenas illas xemelgas fronte a Arcade, San Simón, a Ponte de Rande, o Monte do Viso...
Deixamos a todos preparando o xantar na Canteira do Alto das Lapas, que, como o seu nome indica, é unha antiga canteira reconvertida en área recreativa. Nós regresamos ó punto de saída cruzando o dique das salinas, no que existe un dos poucos exemplares de muíños de marea de Galicia.
Para que comprobedes que non vos mentimos, aquí tendes estas fotos:
Unha vez máis, grazas á ANPA por nos propór esta magnífica saída, e, sobre todo, ás familias de Manuel e Noli, por organizala con tanta meticulosidade e entusiasmo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario