Interrumpo as miñas (e as vosas) vacacións para facervos partícipes da beleza do espectáculo que vimos disfrutar: o concerto de Nacha Guevara e Alberto Favero titulado Mucho más que dos.
E, realmente, foi así. Dúas persoas no escenario: a polifacética Nacha Guevara dominando maxistralmente todos os rexistros, e Alberto Favero ó piano, agarimando as teclas e creando un ambiente sobrecolledor. Ambos os dous enchendo o Teatro do Centro Cultural Caixanova como se foran a mellor e máis numerosa orquestra do mundo.
E, sen embargo, non estaban sós: foron realmente moito máis que dous. Durante todo o recital sentimos a presenza de grandes poetas: Neruda, Bécquer, e, como non... Mario Benedetti!, de quen, incluso, poidemos escoitar a súa voz gravada en varias ocasións.
Foron case dúas horas de bo gusto, de exquisitez, de sensibilidade elevada á máxima potencia (gustoume saber que non fora eu a única persoa que, nalgún intre, sentiu correr as bágoas polas meixelas), de poesía, de ARTE...
Nin o mellor vídeo pode compararse á emoción de vivir en primeira persoa un bo concerto. Sen embargo, permítome a licenza de vos deixar tres pezas, para mín, culminantes no concerto: Volverán las oscuras golondrinas, Yo te nombro, Libertad, e... Te quiero. Aínda que se trata de gravacións moi antigas, nas que Nacha estaba moi nova, espero que vos sirvan para "abrir boca" e non perder ocasión de disfrutar deste espectáculo se, algunha vez, retorna á nosa cidade.

No hay comentarios:
Publicar un comentario