GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 26 de julio de 2015

NO MUSEO DO MAR DE GALICIA


O lugar onde verificar que estamos á beira dun Mar de linguas. 

Este domingo a poalla estivo a nos acompañar todo o día. Houbo que cambiar os plans que tiñamos, e... por que non ir visitar o Museo do Mar...?

Sabiamos dos tesouros que encerraba: o Acuario, as exposicións permanentes sobre a pesca, a extracción, a conservación e a comercialización... Pero atopamos dúas novas exposicións que... mágoa que non foran inauguradas uns meses antes! Pensadas para o PDI que temos traballado este pasado curso: Un mar de linguas!

A primeira é unha exposición temporal que eu teño pensado voltar a visitar. Titúlase Pacífico. España y la aventura del Mar del Sur. Partindo do descubrimento de América axiña atopamos a figura de Vasco Núñez de Balboa, un extremeño que foi o primeiro europeo en chegar ata o Pacífico. A partir del, moitos outros aventureiros chegaron ata as Filipinas, e, incluso, como Juan Sebastián Elcano, deron a volta ó mundo. Todo iso acompañado de mapas, documentos, vídeos, e ferramentas que, daquela, se empregaban na navegación.

A segunda é unha exposición permanente que se ven de inaugurar hai unha semana. Titúlase Galicia Mare Nostrum, e é, nin máis nin menos, que un percorrido pola Historia (dende a Prehistoria ata os nosos días) partindo dos achádegos realizados nas nosas costas polos arqueólogos submariños. Restos que nos falan en moitas linguas diferentes: fenicio, romano, vikingo, bizantino, inglés, holandés... Un verdadeiro mar de linguas.

Anímosvos a disfrutar un día no Museo do Mar de Galicia. Pagará a pena. E lembrade que a primeira exposición é temporal. Remata o 30 de agosto. Non vos despistedes!

Imaxe: By Dylanmonch vigo (Own work). CC BY-SA 3.0, via Wikimedia Commons

No hay comentarios: