GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

miércoles, 17 de julio de 2013

CRITERIOS PARA A SELECCIÓN DE LECTURAS



Gemma Lluch nas VI Xornadas dos Clubes de Lectura. 

O pasado mes de xuño celebráronse en Santiago os xornadas anuais de Clubes de Lectura. Inaugurou os ditos encontros Gemma Lluch, quen falou sobre a importancia de establecer criterios para seleccionar as lecturas dos nenos e xóvenes.

Esta charla pódenos dar pistas non só para elixir os libros dos clubes de lectura, senon tamén para seleccionar as lecturas obrigatorias do noso alumnado. Dado o seu interese, ademais de adxuntar o vídeo da magnífica ponencia, permítome resumir algúns puntos que considero fundamentais.

1. Que criterios empregamos á hora de seleccionar as lecturas: 

A partir de estudios realizados, se detecta a existencia de dous tipos de criterios:

  • criterios compartidos: por exemplo, os cánones literarios, que poderiamos considerar obxectivos e recoñecidos universalmente; 
  • criterios ocultos: elixir o que "lles gusta", ou os libros que regala a editorial. Estes criterios non resultan obxectivos, e obedecen a outro tipo de motivacións. 
2. Que criterios poderiamos manexar para elixir as nosas lecturas?
  • elixir libros que aparecen en seleccións resulta un criterio válido. Pero habería que cuestionarse: por que se fai esta selección? quen a fai? para que se fai...?
  • elixir libros segundo criterios persoais: "líao eu de pequeno"; "gústalle ó meu fillo"; "gústame a min", non resultan criterios válidos;
  • para elixir, deberiamos pórnos sempre no lugar do outro
  • e deberiamos ter en conta: diversos tipos de lecturas; os obxectivos que perseguimos coa lectura; o contexto lector; o tipo de lector

3. Que entendemos por criterios?

Son unha guía que nos orienta na selección de lecturas. Neste sentido: 
  • constitúen un punto de partida sempre discutible; 
  • non son pechados;
  • deben permitir unha lectura entendida en sentido amplio: en pantalla, en papel, en periódico, de todo tipo de documentos...
Son un marco para compartir, debatir, falar e intercambiar ideas. Oriéntannos coma mediadores e como lectores críticos. 

4. Por que empregar criterios?
  • Para rentabilizar os presupostos.
  • Para obxectivar as nosas decisións. 
  • Para compartir (ou debatir) as nosas valoracións. 
  • Para ampliar o noso abano de lecturas. 
  • Para elixir (ou non) libros de calidade.
  • Para elixir libros que nos enseñen.
  • Para elixir lecturas que nos axuden a dialogar con autores e tempos; 
  • Para aprender a recoñecer o plaxio. 
  • Para aprender a ler en distintos formatos. 
  • Para nos levar a ler outros libros. 

5. Que entendemos por ler?

Tradicionalmente, líase por pracer ou para aprender. Hoxe, lemos: 
  • para conversar; 
  • para cohesionar un grupo ou un centro; 
  • para intercambiar experiencias; 
  • para dar a palabra, para dar visibilidade ás opinións dos outros (blogs, redes sociais...);
  • para transformar os datos en coñecementos; 
  • para axudar ós lectores a se transformar en xestores dos clubes de lectura.
En definitiva: ler é medrar como persoa e como cidadán


Déixovos con este fantástico vídeo (outro formato para "ler"). Todos podemos aprender moito del.





No hay comentarios: