Cunha semana de retraso, relatámosvos a última saída da A.N.P.A., que, sen telo pretendido, enlaza de xeito perfecto co P.D.I. que desenvolveremos o curso que ven: A lingua sabe a mar.
O domingo 2 de xuño xuntámonos 100 persoas (e máis que quedaron á cola) para visitar as illas de San Simón e San Antón. Antes de chegar, dimos un fenomenal paseo en barco entre mares de bateas e historias de galeóns afundidos.
A visita a San Simón transportounos a un mundo fantástico. No aer perduraba o arrecendo das historias dos trobadores, de antigos mosteiros, de sanguinarios piratas, de capitáns nemos viaxando en naves submariñas... Pero tamén a dor dos enfermos que pasaban a súa corentena no lazareto, dos moribundos que remataban aquí os seus días, ou dos presos políticos amoreados nesta illa que, pese á súa fermosura, chegou a constituír un auténtico campo de concentración. A cara e a cruz destas illas que, antes de ser abandonadas nos anos 60 do século XX tiveron un último uso: orfanato.
Ademais desta longa historia, a Illa de San Simón constitúe un emprazamento natural único, con especies chegadas de ultramar, bosques de boj de máis de 250 anos e eucaliptos dun grosor incrible.
Un día fantástico que rematou cunha comida familiar (aínda que multitudinaria) na praia de Cesantes.
Parabéns ós organizadores por esta viaxe tan fantástica que nos transporta a mundos de lenda!

No hay comentarios:
Publicar un comentario