As nais e os pais da nosa A.N.P.A., sempre sensibilizados coa temática do noso Proxecto, levaron ós nenos á Granxa Kiriko, para pasar unha fin de semana en plena natureza.
A saída tivo lugar os días 11 e 12 de xuño, e nela participaron 31 nenos e nenas de 5 a 12 anos. Estiveron acompañados por dúas nais (Sonia e Ana) e, xa no campamento, por tres monitoras (Marta, Fanny e Kary).
Durante estas xornadas, os rapaces participaron en diferentes actividades: alimentar ós animais da granxa, seguir pegadas no bosque, coidar da horta, elaborar rosquillas (que, logo, comeron na viaxe de regreso), recoñecer especies vexetais e animais, e, por suposto, xogar moito.
A noite do sábado, despois dunha busca intensiva de “gamusinos” que ocasionou algún que outro susto, rematou cunha espectacular festa, na que grandes e pequenos bailaron ata ben tarde, con moito arte e animación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario