GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 30 de septiembre de 2010

EN PELES GUEDELLAS REGALAN CONTOS CONTADOS DE SÁBADO


Que non sabes que é Peles Guedellas...? A nova librería de Vigo adicada, exclusivamente, ó álbum ilustrado.

Podes atopala na rúa López de Neira, esquina Doutor Cadaval. Se vos acercades por alí coñeceredes a Alexia Dotras e á súa nai, as persoas que se teñen embarcado nesta aventura para facer realidade o seu sono. 

Os sábados do mes de outubro, ás 11:30 da mañán, é a ocasión de levar ós vosos fillos e fillas a unha sesión de contacontos. A vindeira cita será o sábado 2 de outubro. 

A disfrutar!



martes, 28 de septiembre de 2010

COMENZO DAS ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA


Esta semana do 27 de setembro teñen comenzado, novamente, as actividades no Lar de Frianciño.

Despois da Hora de Ler e da Hora do Préstamo, esta semana tocoulle o turno á Hora da Biblioteca.

Durante este mes, todo o alumnado do Centro traballará sobre o Xornal e a Nova. Sen dúbida, será unha circunstancia moi apropiada para afeccionarnos todos a ler a prensa dun xeito máis crítico.



BIBLIOTECARIOS E BIBLIOTECARIAS REUNIDOS

O pasado mércores 22 de setembro, varios mestres e mestras bibliotecarios da zona de Vigo, Tui e o Miñor xuntámonos no C.E.I.P. Número 1 de Tui.

Nesta ocasión, foi Nerea a que nos acolleu na súa fantástica biblioteca. Pero temos que citar, coma sempre, o bo facer de Ángeles, a "alma mater" destas xuntanzas bibliotecarias. Grazas ó seu tesón e á súa organización, cada vez somos máis neste grupiño. E nunca está de máis coñecer xente nova!

Como vedes, falar de libros e de bibliotecas é importante. Pero se o acompañamos dunhas boas viandas, resulta moito máis agradable.

Que se repita!



miércoles, 22 de septiembre de 2010

CURSO VIRTUAL PARA PAIS E NAIS


Tes fillos ou fillas en idade escolar? 
Aínda que lles quede moito para a adolescencia, xa dende cativos hai que ir preparando este intre dicindo moitas veces NON

Recibín a información deste Curso Virtual para Pais "En familia" a través da miña amiga Ana González, sempre tan pendente dos temas educativos e familiares. Transcribo as súas palabras: "No es un curso sólo para padres y madres de adolescentes. Tampoco es un curso donde te den una titulación y tengas que entregar trabajos y hacer exámenes. Habla de educar desde pequeños, de decir "no" y de normas, de la autoestima y la comunicación, del tiempo libre, de las emociones y también de cómo afrontar el problema de las drogas. Hay actividades para reflexionar y un foro para comentar".

O curso está organizado pola Fundación de Ayuda contra la Drogadicción e o BBVA, e pretende previr a drogadicción na adolescencia. Un camiño que ten que comenzar no berce. 

Se estades interesados en saber máis, podedes premer no seguinte enlace: 




lunes, 20 de septiembre de 2010

EDUCAR SEN LIBROS E CON ORDENADORES


Este curso 2010-2011 que ven de comenzar será especial para o noso Centro: estrearemos dúas "aulas Abalar".

Cando "os chineses acaben de montar os equipos", os nosos alumnos e alumnas de 5º de Primaria terán nas súas mans unha nova ferramenta de aprendizaxe: ordenadores portátiles. Será unha experiencia nova para eles, pero tamén para nós, os mestres e mestras, e para as familias. 

Resulta inevitable que, ante as novidades, nos fagamos moitas preguntas, e que, mesmo, dubidemos dos resultados que poidamos obter. Ante este medo "ó descoñecido" imponse coñecer a experiencia de persoas e colectivos que xa teñen experimentado con estas ferramentas. 

Grazas a Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares, coñecimos este artigo que vos invito a ler con tranquilidade e con entusiasmo:



As novas tecnoloxías, en contra do que se poida opinar, estimulan a ler máis (quizais noutros soportes, pero, ó fin e ó cabo, a ler). Todo depende do profesorado.

LABORDETA, O CANTOR DA LIBERDADE

O día de onte deixounos coa triste nova da morte de Labordeta, o cantor da Liberdade. 

Profesor, cantautor, político, pero, sobor de todo, poeta, José Antonio Labordeta adicou a súa vida a loitar pola súa terra, pola xustiza e pola liberdade. Poeta comprometido, para facer chegar os seus escritos ó grande público, converteuse en cantautor comprometido. E o seu compromiso levouno, mesmo, ó Senado, onde, alleo á "política de partido", se caracterizou por ser un representante do pobo, do seu pobo: Aragón.

Xa vai facendo algúns anos (medio século) tiven un profesor de Literatura do que non lembro ter aprendido nada especial. Tan só unha pequena - grande frase: "Lede, porque a lectura vos fará libres".

Hoxe, lembrando a José Antonio Labordeta, estas palabras recobran protagonismo. Porque poesía, liberdade e Labordeta convírtense en sinónimos.





José Antonio Labordeta marchou coa súa mochila ó lombo. Pero a súa música e os seus poemas perduran.

sábado, 11 de septiembre de 2010

VIGOENTREFAMILIAS, A AXENDA DO OCIO FAMILIAR


Cada vez sodes máis os pais e nais que queredes dar un enfoque educativo ás vosas actividades de ocio familiar. Vigo entre familias, a axenda do ocio familiar é, sen dúbida, o recurso que estades a buscar. 

Un blog elaborado pola miña amiga Ana González Somoza, unha nai de familia coma vós, coas vosas mesmas inquedanzas, que, con moito traballo e entrega, adícase a informarnos, día a día, sobre as ofertas lúdicas para nenos e familias en Vigo e no noso entorno máis próximo. 

Imprescindible. Como dicían naqueles anuncios do deterxente: "heillo de contar á miña veciña do 4º"

domingo, 5 de septiembre de 2010

COMENZAR O CURSO LENDO E ESCRIBINDO



Grazas a Óscar, o meu afillado, coñecín este Concurso de Redacción organizado por La Voz de Galicia.

O abano de idades dos participantes é bastante amplo (existen, de feito dúas categorías), polo que é difícil establecer comparacións. De todos os xeitos, ler estes contos escritos libremente pola rapazada pode resultar interesante e gratificante. Neste enlace podedes ler todos:


Disculparedes que, co meu orgullo de madriña, vos presente especialmente o conto de Óscar. Cando o lin quedei sen palabras: non me chegaban as do meu vocabulario para expresar a miña emoción. Así que quero compartilo convosco, que, quizais, podades xuzgalo cunha mirada máis obxectiva que a miña. Titúlase Limpieza de verano.

Ademais de Óscar, tamén teñen presentado relatos outros amiguiños meus: Dani (o seu irmán de 9 anos) e Sabela.

Se sodes lectores de La Voz de Galicia en versión papel, atoparedes en diferentes números uns cupóns para participar como xurado neste concurso.

jueves, 2 de septiembre de 2010

PREPARADOS PARA DEGUSTAR NOVAS LECTURAS!



Comenza o curso. Novos mestres, novos compañeiros, novas lecturas ...

Para ir abrindo boca e empezar a disfrutar xa das lecturas que este novo curso nos depara, presentámosvos o seguinte menú:

1. De entrante, esta Dieta para pacientes ávidos de lecturas, elaborada por María Bermúdez e o seu Equipo de Biblioteca de Caracolatola (Biblioteca do C.E.I.P. Alexandre Bóveda de Chapela).




2. Como prato forte, deixovos este vídeo que coñecimos a través de Gracia Santorum, de Trafegando Ronseis.




3. Pero... os que sodes galdrumeiros coma min, sentiredes que esta suculenta comida está incompleta sen un delicioso postre. Aí vai a miña recomendación: O incrible neno devorador de libros, un magnífico álbum ilustrado escrito por Oliver Jeffers, traducido ó galego por Laura Sáez e adaptado polo ilustrador Óscar Villán. É a obra coa que se estrenou no ano 2009 a editora Patasdepeixe. Un libro co que todos, grandes e pequenos, poderemos disfrutar. A ver se seguides o ronsel de Henri e acabades por vos convertir nos nenos máis listos do mundo...!



Que teñades unha boa dixestión despois desta suculenta comida!