GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

miércoles, 28 de abril de 2010

OBRADOIROS CONTARTE

            

O martes 27 de abril estiveron no noso cole dúas animadoras da Editorial OQO, para facernos disfrutar cos Obradoiros CONTARTE.

Foron dúas sesións simultáneas.

A primeira, na que participaron os alumnos e alumnas de 1º e 2º A de Primaria, titulouse Qon ollo, e centrouse no conto titulado A pulga e o xigante. Despois de disfrutar do bo facer de Raquel, que é unha estupenda contacontos, a rapazada tivo que reflectir nunha lámina A3 o percorrido que, cada un deles, imaxinaba que fixera a pulga ó longo do conto.

A segunda, na que participaron as aulas de 6º e 4º B, titulouse Qnipintado. Baseouse no libro Caderno de Animalista, de Antón Fortes. Nesta ocasión, a monitora mostrounos cadros de autores famosos. A continuación,  amosábanos unha nova versión da obra, na que se substituían as personaxes orixinais por animais.


Así, en O Grito, de Munch, aparecía un simio; as Bailarinas de Degas  convertíronse en estilizados flamengos; un cartel de Tolousse –Lautrec  no vó de cinco papagaios … O obradoiro resultou ser un paseo pola pintura dende unha perspectiva singular:  o reino animal.

Despois, o noso traballo consistiu en versionar (en grupos) unha obra de arte sobre fondos dados, Así, uns  pintamos obxectos reais e creamos cadros surrealistas;  outros, coloreamos unha mesma imaxe de  seis xeitos diferentes, obtendo un auténtico cadro pop-art ó estilo de Andy Warhol.

Unha bonita maneira de aprender a mirar un cadro doutro xeito, e a disfrutar da pintura. 


CLUBE DE LECTURA INTER-CENTROS




O martes 27 de abril, un grupo de dez alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria acudiu ó I.E.S. República Oriental do Uruguai para participar na súa primeira experiencia dun Clube de Lectura.

A invitación partiu de Concha Mosquera, coordinadora da Biblioteca do noso IES. Acompañáronnos Adela, encargada do Clube de Lectura do Instituto e María, Javier, Piero e Silvia, alumnos do Primeiro Curso da E.S.O.

Como seguimos co noso Proxecto Documental Integrado, o libro proposto foi Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz. 

Estivo connosco, para nos contar cousas do seu país, Abdid, alumno de 4º curso da E.S.O., que chegou a mediados do curso pasado e que xa fala con corrección o español e entende perfectamente o galego.

Antes de entrar en materia, disfrutamos dunha magnífica presentación sobre un poema de Léopold Senghor, escritor e presidente do Senegal, titulado África.

Como resultou a nosa primeira experiencia, semellaba que estabamos un pouco cohibidos. Pero, o que chegou a continuación, deixounos cun grato sabor de boca, e con ganas de máis actividades deste tipo.

Primeiro, probamos o biscoito que levamos, e bebimos os refrescos cos que nos obsequiaron os nosos anfitrións.

E logo, Concha e os seus alumnos guiáronos polo Instituto adiante. Disfrutamos de espléndidos murais, e mesmo quedamos abraiados con algún experimento rápido que fixo para nós a profe de Química.

Ah! Tamén estivemos con algunha antigua alumna do noso cole, que nos saudou con entusiasmo cando  se deu conta de quen eramos.

Para rematar, fixemos unha foto todos xuntos. E invitamos a María e os seus amigos a vir un día ó colexio a contar contos ós máis cativos.



POESÍA EN FAMILIA: A VOTAR!!!


Despois dun tempo algo máis longo do que quixeramos, xa podedes votar para elixir os mellores traballos da actividade titulada Poesía en Familia. 

Como indicáramos nas bases, outorgaranse tres mencións especiais por ciclo. Pero, nalgúns casos, o xurado telo realmente difícil. Axúdanos, co teu voto, a solucionar este problema.

Antes de nada, refresca a túa memoria. Se estás lonxe e non podes visitar en directo a exposición dos traballos, aquí tes unha visita virtual: 






Para ler con máis tranquilidade os traballos, podes consultar este enlace que te levará á páxina web do Colexio.

Agora xa tes todos os datos para votar con criterio (puntúa cada fotografía de 0 a 5 estrelas)

  • Para votar as propostas relativas ó poema: Gaivotas, de Antón García Teijeiro, preme aquí.
  • Para votar as propostas relativas ó poema: En cuclillas, ordeño, de Miguel Hernández, preme aquí.
  • Para votar as propostas relativas ó poema: As catro estacións, de Antón García Teijeiro, preme aquí
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Canción das tres culleres, de Luis Pimentel, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Galicia, de Manuel María, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Mapas, de Concha Méndez, preme aquí. 
  • Para votar as propostas relativas ó poema: Aceituneros, de Miguel Hernández, preme aquí.
  • Para votar as propostas entregadas polo alumnado do Terceiro Ciclo, preme aquí.  

martes, 27 de abril de 2010

NO DÍA DO LIBRO ESCRIBIMOS UNHA CARTA PARA ELSIE



Este curso, o noso Día do Libro estivo moi vencellado ó noso Proxecto Documental Integrado.

Como sabedes, o noso PDI deste curso titúlase Un cole, un libro: o mundo! e ten como tema central a Interculturalidade.

A idea que propuxemos para celebrar esta data está relacionada co libro de Jordi Sierra i Fabra Kafka y la muñeca viajera.



Xa que, a través das actividades de Formación Documental, cada grupo coñeceu un país ou continente diferentes, propuxemos que, de xeito colaborativo, escribiran unha carta para Elsie, a nena que perdeu a súa boneca. Por suposto, a remitente sería esta última.

A verdade é que estamos moi orgullosos do que o noso alumnado está a aprender con este xeito de traballar. Seguro que vós opinades o mesmo cando as leades.





Unha vez escrita a carta, e decorado o sobre, botámola ó buzón para facerlla chegar á súa destinataria:



domingo, 25 de abril de 2010

FINALISTAS NO CONCURSO EDUBLOG 2010


Falláronse os Premios Espiral Edublog 2010, e a páxina web do noso Colexio resultou finalista.

O lar de Frianciño non conqueriu ningún recoñecemento. Pero, como a páxina web é o noso lugar habitual de traballo, sentímonos igualmente galardonados. Podedes ver a lista de premiados no seguinte enlace:



Aproveitamos para felicitar ós blogs das Bibliotecas Escolares Galegas seleccionados: A Biblioteca de Colmeiro, Ars Legendi e As Mariñas. 

VISÍTANOS O EQUIPO DE BIBLIOTECA DO C.E.I.P. A LAMA



O pasado xoves 22 de abril recibimos a visita do Equipo de Biblioteca do C.E.I.P.  de A Lama.

Viñeron acompañados por Consuelo Rivera, Asesora de Bibliotecas Escolares do CEFORE de Pontevedra. 

Foi unha boa ocasión para compartir puntos de vista e ideas, e sobor de todo, para coñecernos. A verdade é que estamos desexando devolvervos a visita e disfrutar en directo da vosa marabillosa biblioteca!

AS FAMILIAS DO NOSO ALUMNADO ILUSTRAN POESIAS



Non, non... Non nos ten dado o sol. Xa sabemos que o Día Mundial da Poesía foi o 21 de marzo, e non o 12 de abril.

Pero, como lembraredes, polo Día da Poesía propuxemos ás familias que ilustraran un poema. (Podedes lembrar a proposta premendo neste enlace).

O 12 de abril celebramos (atrasado) o Día do Internacional do Libro Infantil, coas actividades que xa vos contamos noutra nova. Para facer esa data máis senlleira, organizamos esta exposición con todos os traballos entregados. 

Aquí tendes as fotos da exposición:





E neste enlace podedes disfrutar dos traballos das nosas familias. Todo un exemplo de creatividade, colaboración, e, mesmo... achegamento ás Novas Tecnoloxías!

Grazas e noraboa polos vosos magníficos traballos!